Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Luns, 7 de febreiro de 2022 Páx. 7935

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 17 de xaneiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para actuacións de mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento e de restauración da Comunidade Autónoma de Galicia, e se establece a súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento TU503A).

A Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, ten entre as súas finalidades potenciar a oferta turística galega, a través de medidas de fomento que permitan modernizar e profesionalizar o sector turístico e as súas infraestruturas, e mellorar a calidade e a competitividade da oferta turística.

A Axencia Turismo de Galicia créase en virtude da autorización contida na disposición adicional cuarta da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, polo Decreto 196/2012, do 27 de setembro, como unha axencia pública autonómica que terá como finalidade impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo e, en especial, a promoción e a ordenación do turismo dentro da comunidade.

No eido do turismo, os establecementos de aloxamento e os restaurantes inciden directamente na configuración das exixencias de calidade dos servizos turísticos. Na actualidade é patente a necesidade de adaptación das infraestruturas e instalacións destes establecementos, a través da incorporación de elementos de sustentabilidade e accesibilidade e a renovación das infraestruturas cara á modernización e á implementación dos estándares de calidade demandados polo mercado. Así, tamén é patente que o investimento en calidade e ambiente axuda a optimizar os custos empresariais.

Dentro deste marco é precisa a colaboración no ámbito público e privado para o impulso, xestión, ordenación e innovación deste sector, polo que procede a convocatoria de liñas de axuda para incentivar a mellora das instalacións e infraestruturas dos establecementos de aloxamento e de restauración co fin de consolidar unha oferta turística de calidade, como un referente da imaxe de Galicia a nivel global e cun gran valor estratéxico na economía galega.

En consecuencia, con cargo aos créditos da Axencia Turismo de Galicia asignados para esta finalidade, e consonte o establecido sobre medidas de fomento no artigo 94 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 95 da dita lei e tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da devandita lei, e de conformidade coa competencia conferida polo artigo 19 dos estatutos da Axencia Turismo de Galicia, aprobados polo Decreto 196/2012, do 27 de setembro,

RESOLVO:

1. Convocatoria e bases reguladoras.

1.1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases específicas, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para actuacións de mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento e de restauración da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento TU503A).

1.2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e quedará suxeito ao Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro).

2. Solicitudes.

2.1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 6 das bases reguladoras.

2.2. As solicitudes deberán presentarse na forma e no prazo establecidos no artigo 5 das bases reguladoras.

3. Prazo de duración do procedemento de concesión.

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

O procedemento de concesión non poderá ter unha duración superior aos cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

4. Información ás persoas interesadas.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia Turismo de Galicia: http://www.turismo.gal/canle-profesional/promocion-do-sector/axudas-e-subvencions

b) Páxina web https://sede.xunta.gal/portada, introducindo no buscador o código de procedemento TU503A.

c) Os teléfonos 981 54 63 64 e 981 54 74 04.

d) Enderezo electrónico: fomento.turismo@xunta.gal

5. Réxime de recursos.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Axencia Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

6. Base de datos nacional de subvencións.

En cumprimento do disposto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2022

A directora da Axencia Turismo de Galicia
P.S. (Artigo 19.6 dos estatutos da Axencia Turismo de Galicia,
aprobados polo Decreto 196/2012, do 27 de setembro)
Emilio José de la Iglesia Lema
Xerente de Turismo de Galicia

ANEXO I

Bases reguladoras específicas para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para actuacións de mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento e de restauración da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento TU503A)

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a mellora da infraestrutura turística da Comunidade Autónoma de Galicia mediante a incentivación para a mellora das infraestruturas dos establecementos de aloxamento turístico e de restauración da Comunidade Autónoma de Galicia (TU503A). En concreto, son actuacións subvencionables as que se realicen en calquera dos seguintes tipos de establecementos turísticos:

a) Os establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos e albergues turísticos, de acordo co artigo 55.1 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.

b) As empresas de restauración que se enmarquen dentro do grupo I do artigo 77 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.

2. Consideraranse actuacións subvencionables todas aquelas que se inicien a partir do 1 de xaneiro de 2022. En ningún caso se admitirán nin facturas nin xustificantes de pagamento anteriores á dita data.

3. En concreto, poderán ser obxecto de subvención, de conformidade co que se establece nesta resolución, os seguintes investimentos:

3.1. Actuacións destinadas a mellorar as condicións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.

3.2. Obras destinadas á mellora das instalacións coa finalidade de obter certificacións de calidade, en especial o Q de Calidade Turística.

3.3. Actuacións destinadas á adaptación ás modificacións normativas e á mellora da clasificación do establecemento que supoñan un incremento de categoría.

3.4. Actuacións de renovación e modernización das instalacións e embelecemento do contorno da instalación.

3.5. Equipamentos mobles necesarios para o funcionamento.

3.6. Actuacións de mellora da climatización que favorezan a sustentabilidade coa implementación de medidas de aforro enerxético, así como a instalación ou mellora de sistemas de extracción e renovación do aire.

4. Actuacións de dixitalización dos sistemas de xestión e comercialización do establecemento.

5. Adaptación dos sistemas de seguridade e saúde na prestación de servizos.

6. O investimento neto admitido será de ata 100.000 €. No caso de que o orzamento de execución do proxecto presentado coa solicitude de subvención sexa superior ao dito límite, requirirase o solicitante para que reaxuste o proxecto que se vai executar ao citado límite.

Enténdese por investimento neto o importe orzado unha vez deducido o imposto sobre o valor engadido.

5. Se a actuación o require, o titular deberá contar coa correspondente licenza de obras ou, se é o caso, certificado do concello de non precisar a dita licenza. A dita documentación deberá presentarse no momento da xustificación da subvención.

Artigo 2. Gastos subvencionables

1. Considéranse gastos subvencionables os investimentos netos en que incorrese a entidade solicitante como consecuencia da realización de proxectos acordes cos requisitos e criterios indicados.

2. Ademais dos gastos de obra vencellados coa execución do proxecto, serán gastos subvencionables os servizos profesionais vinculados ao proxecto, como honorarios técnicos de redacción do proxecto e de dirección de obra. Os honorarios técnicos non serán superiores ao 6 % do investimento neto admitido.

3. Non son gastos subvencionables aqueles conceptos que non estean directamente relacionados coa actuación subvencionable e, en ningún caso, os seguintes:

a) Adquisición de terreos, edificacións, locais e elementos de transporte.

b) Gastos correntes da empresa e a adquisición de material non inventariable, así como menaxe de cociña e comedor (vaixela, xogos de cubertos, cristalaría e pequenos utensilios), enxoval das habitacións e baños, e adquisición de bens de embelecemento e decoración de estancias.

c) Obras de mantemento do establecemento, entendendo por tales as que se realizan periodicamente para manter a edificación en perfecto uso (limpeza de canlóns, pintura, arranxos de carpintaría...).

d) Seguros, taxas por autorizacións administrativas, licenzas ou similares.

e) Gastos de conectividade.

f) Activos adquiridos mediante leasing ou renting nin os que fosen fabricados, realizados ou desenvolvidos pola entidade solicitante.

4. En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias, os derivados de recargas e sancións administrativas e penais. Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se subvencionarán os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

5. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na normativa de contratos do sector público para os contratos menores (40.000 € no caso de obras e 15.000 € no caso de subministracións, excluído en ambos os dous casos o IVE), o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación da obra, ou a adquisición do ben, agás que polas especiais características dos gastos non exista no mercado un número suficiente de entidades que as realicen ou subministren, ao abeiro do disposto no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Cando a oferta elixida non recaia na proposta económica máis vantaxosa presentarase tamén unha memoria xustificativa da elección realizada.

Artigo 3. Financiamento e concorrencia. Compatibilidade

1. As subvencións relativas á creación e mellora dos establecementos de aloxamento e de restauración obxecto desta resolución imputaranse á aplicación orzamentaria 05.A2.761A.770.0, proxecto 2015 00005, cun crédito de 2.000.000 euros, dos que 1.200.000 euros se destinará a establecementos de aloxamento, e os outros 800.000 euros, a establecementos de restauración, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de conformidade co disposto no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios do artigo 13.

No suposto de que as solicitudes presentadas para algunha das dúas categorías de establecementos non esgote o crédito destinado a ela, poderase destinar á outra categoría, de acordo coa puntuación acadada.

2. Esta convocatoria tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, e existe crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio 2022.

Así mesmo, estará sometida ao regulado na Orde do 11 de febreiro de 1998, da Consellería de Economía e Facenda, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.

Ao abeiro desta normativa, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

3. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao Regulamento (UE) 1407/2013 relativo ás axudas de minimis, deberase garantir que, no caso de recibiren as persoas beneficiarias outras axudas baixo este réxime de minimis, non se supera o límite de 200.000 € nun período de tres exercicios fiscais. Este límite aplicarase independentemente da forma da axuda de minimis ou do obxectivo perseguido. O período determinarase tomando como referencia os dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal en curso, de acordo co establecido no artigo 2 do citado regulamento.

4. Estas axudas son compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, pero o seu importe, en ningún caso, poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada, segundo se establece no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Porén, estas axudas son incompatibles, en calquera caso, coas axudas que se reciban da Axencia Turismo de Galicia a través da convocatoria para actuacións de mellora paisaxística e de embelecemento de bens e recursos que se atopen no Camiño de Santiago (código de procedemento TU501D).

No caso de que as persoas ou entidades solicitantes participasen nas dúas convocatorias mencionadas deberán optar por unha delas no prazo de 10 días desde a notificación da última resolución de concesión recibida. Se a persoa beneficiaria non se manifesta expresamente por ningunha delas no dito prazo entenderase que acepta a última subvención concedida e notificada.

5. De conformidade co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, unha vez esgotado o crédito dispoñible poderá ampliarse este cando o aumento veña derivado dalgunha das condicións previstas no dito artigo.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as persoas físicas e xurídicas titulares de establecementos turísticos de aloxamento e de restauración que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e que teñan autorizado ou clasificado, conforme estableza a normativa turística no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en adiante, REAT), o establecemento turístico para o que se solicita a axuda, con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.

No caso de empresas, deben estar comprendidas na definición de pequena e mediana empresa (peme). Defínese peme, segundo a Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DO L 124, do 20.5.2003), en función dos seus efectivos e do seu volume de negocio e do seu balance anual.

Así, pequena empresa é aquela empresa que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros; mediana empresa é unha empresa que ocupa menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance anual non excede os 43 millóns de euros.

Os datos que figuran no REAT relativos ao establecemento, á súa titularidade e á representación teñen que coincidir cos datos achegados polo solicitante da subvención. No caso de que o representante legal non sexa o mesmo que o que figura no REAT, deberá acreditarse esta condición coa presentación da solicitude.

2. Deberá acreditarse, por calquera título válido en dereito, a propiedade dos inmobles ou predios obxecto da actuación ou calquera outro dereito que autorice o beneficiario á realización do investimento subvencionado e que permita, igualmente, a explotación do establecemento durante todo o prazo de duración da obriga de manter a actividade prevista no artigo 20.b) destas bases.

3. Deberá acreditarse unha antigüidade da actividade turística de aloxamento e restauración no establecemento para o cal se solicita a subvención non inferior á 5 anos á data de solicitude da axuda (tanto da actividade como do establecemento). Para estes efectos, tomarase como data de referencia para o cálculo da antigüidade a data de inscrición no REAT.

4. Os requisitos para ser beneficiario deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

5. Unha vez ditada a resolución de concesión, os cambios na persoa beneficiaria da subvención, por cambio na titularidade do establecemento, terán que ser previamente autorizados pola Administración concedente, e darán lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, subrogándose o novo titular na posición xurídica de beneficiario da subvención e nas obrigas dimanantes desta.

Artigo 5. Forma e lugar de presentación das solicitudes e das declaracións responsables

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, e indicaralle que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

4. Só poderá presentarse unha única solicitude por establecemento.

5. As persoas ou entidades solicitantes deberán declarar responsablemente, tal e como consta no anexo II:

a) Se, en relación con outras subvencións, axudas, recursos ou ingresos concedidos ou solicitados, se solicitou ou non, ou se recibiu ou non, algunha outra subvención, axuda, recurso ou ingreso para o mesmo proxecto e conceptos para os que se solicita a subvención.

b) Se se solicitou ou non, ou se recibiu ou non, algunha axuda de minimis.

c) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

d) Que se compromete a cumprir a normativa estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións.

e) Que se compromete a cumprir as obrigas e requisitos que se sinalan no artigo 20 das bases reguladoras.

f) Que a empresa solicitante cumpre cos criterios de definición de peme, segundo a definición establecida pola Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DO L124, do 20.5.2003).

Artigo 6. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da propiedade do inmoble ou calquera outro título de disposición válido en dereito en que, ademais, se autorice a realización da actuación solicitada.

b) Memoria explicativa en que se definan de xeito pormenorizado o investimento e as actuacións que se van desenvolver e que, se é o caso, comprenderá:

– Planos de localización do investimento.

– Relación, indicando calidades, dos materiais e acabamentos propostos.

– Relación detallada dos bens mobles e equipamentos, con indicación das calidades, localización e número que se van instalar.

– Reportaxe fotográfica do inmoble, exteriores, interiores e da contorna.

c) Orzamento do investimento desagregado por partidas en que se especificará o importe da execución material, así como o custo da redacción do proxecto e da dirección de obra, e todo o equipamento proposto.

d) Memoria explicativa sobre o cumprimento dos criterios de valoración sinalados no artigo 13. Deberase xuntar a documentación acreditativa no caso dos aspectos valorables recollidos nas alíneas b), c), d), e), f) e g) do número 1 do citado artigo.

e) As tres ofertas de diferentes provedores consonte o artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se é o caso.

f) Documentación acreditativa da representación suficiente para actuar en nome da empresa, no caso de que non coincida cos datos que figuran no REAT.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Sen prexuízo do disposto no número 1, a Axencia Turismo de Galicia poderá requirir o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días e indicaralle que, se non o fai, se terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados por outras administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI/NIE da persoa solicitante.

– DNI/NIE da persoa representante.

– NIF da entidade solicitante.

– Certificado de estar ao día no pagamento das súas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria e coa Seguridade Social, así como de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

– Consulta de concesións de subvencións e axudas.

– Consulta de inhabilitacións de subvencións e axudas.

– Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 10. Órganos competentes

A Xerencia de Turismo de Galicia será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, e correspóndelle á directora da Axencia Turismo de Galicia ditar a resolución de concesión.

Artigo 11. Instrución do procedemento

1. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte. Para estes efectos, a Área de Fomento e Desenvolvemento Empresarial emitirá un informe por cada solicitude indicando que investimentos dos solicitados son subvencionables e a puntuación que lles corresponde en aplicación dos criterios de valoración indicados no artigo 13.

2. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.

3. No suposto de que algún beneficiario renuncie á subvención concedida, decaia no dereito á súa percepción ou proceda o reintegro de acordo co previsto nestas bases e na normativa que resulte de aplicación, os créditos liberados poderán asignarse por orde decrecente de puntuación aos proxectos admitidos que non obtivesen subvención por esgotamento do crédito previsto. Actuarase de igual xeito cando por razóns de dispoñibilidade orzamentaria se acorde incrementar o crédito máximo inicialmente previsto nesta convocatoria.

Artigo 12. Comisión de Valoración

1. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación das subvencións aos interesados.

2. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

a) A persoa titular da Xerencia de Turismo de Galicia, que a presidirá.

b) Os/as xefes/as das áreas provinciais de Turismo de Galicia.

d) O/a xefe/a da Área de Obras e Mantemento da Axencia Turismo de Galicia.

c) O/a xefe/a da Área de Fomento e Desenvolvemento Empresarial da Axencia Turismo de Galicia, que actuará como secretario/a.

3. Os/as suplentes, de ser o caso, serán designados/as pola Axencia Turismo de Galicia.

4. No informe que formule a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención, con especificación da avaliación que lles corresponde, segundo os criterios recollidos no artigo seguinte, e con indicación do importe da subvención que se propón para cada un deles. Así mesmo, figurará a relación de solicitudes admitidas que non obtiveron subvención por razón da puntuación, ordenadas por orde decrecente de puntuación.

5. Con base no informe da comisión, o órgano instrutor poderá emitir propostas sucesivas de concesión, ben por dispor de crédito por producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente propostos ou ben por incremento do orzamento inicialmente destinado a esta subvención.

Artigo 13. Criterios de valoración

1. Os proxectos ou actuacións que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables, e os criterios de avaliación que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión da subvención serán por orde decrecente os seguintes, tendo en conta a valoración específica que se lle atribúe a cada un deles:

a) Antigüidade, máximo 18 puntos:

• 5 a 8 anos: 10 puntos.

• 9 a 11 anos: 12 puntos.

• 12 anos e superior: 18 puntos.

De conformidade co previsto no artigo 4.3 destas bases, tomarase como data de referencia para o cálculo da antigüidade a data de inscrición no REAT.

b) Grao de investimento: valorarase o investimento que se realice polo dito concepto en relación coa superficie construída do establecemento. A puntuación máxima será de 15 puntos, que se concederá ao establecemento que realice un maior investimento en función da súa superficie construída, é dicir, que obteña o maior valor resultante do cociente «investimento neto subvencionable/superficie construída do establecemento». Ás demais solicitudes asignarase a puntuación por este concepto de xeito proporcional.

Para a valoración deste aspecto os interesados deberán achegar a certificación catastral do establecemento, en que figure a superficie construída en metros cadrados.

c) Impacto no emprego. Favorecerase o mantemento e a creación do emprego da empresa ou entidade solicitante durante o ano 2019. A puntuación máxima será de 10 puntos.

Consolidación do emprego: 5 puntos.

Aumento do emprego: 10 puntos.

O aumento do emprego acreditarase mediante informes do cadro medio de traballadores en situación de alta, no período do 1.1.2018 ao 31.12.2018 e no período do 1.1.2019 ao 31.12.2019, emitidos pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social. No caso de que o incremento producido no cadro de persoal medio no ano 2019 en relación co ano 2018 sexa inferior a unha unidade, asignaranse 5 puntos. No caso de que sexa igual ou superior a unha unidade, asignaranse 10 puntos.

A consolidación do emprego en 2019 acreditarase mediante copia dos contratos de traballo daqueles traballadores que pasaron de contrato temporal a fixo, ou dun contrato a tempo parcial a outro a xornada completa, e débese achegar a copia de ambos os dous contratos (o anterior e o novo contrato xustificativo do proceso de consolidación). Asignaranse os 5 puntos no caso de que o proceso de consolidación se produza como mínimo nun posto de traballo.

d) Tamaño da entidade ou empresa. Favoreceranse os proxectos presentados por empresas ou entidades de menor tamaño. Puntuación máxima de 15 puntos para as empresas de:

Cadro medio de entre 11 e 49 traballadores: 10 puntos.

Cadro medio de entre 1 e 10 traballadores: 15 puntos.

Acreditarase mediante informe de cadro medio de traballadores en situación de alta, no período do 1.1.2019 ao 31.12.2019, emitido pola Tesourería Xeral da Seguridade Social.

e) Que a empresa ou entidade estea en posesión dalgún certificado de calidade para o sector turístico referido ao establecemento para o cal se pide a axuda: 16 puntos.

Acreditarase mediante a achega da copia do certificado.

f) Que a empresa ou entidade estea en posesión dalgunha certificación ambiental internacionalmente recoñecida referida ao establecemento para o cal se pide a axuda: 16 puntos.

Acreditarase mediante a achega da copia do certificado.

g) Que a empresa ou entidade teña implantado plan de formación/plan de igualdade: 10 puntos.

Acreditarase mediante declaración responsable do representante da entidade de terse implantado o plan, xunto coa achega da copia deste.

2. Os proxectos que se recollen no número anterior como accións subvencionables poderán acadar unha subvención de ata o 50 % sobre o orzamento do investimento subvencionable. O importe máximo da axuda a cada entidade beneficiaria será de 50.000 €. A porcentaxe de axuda sobre o investimento subvencionable calcularase con base na puntuación que acaden os proxectos presentados, segundo se detalla a continuación:

Puntos

% axuda

86-100

50 %

71-85

45 %

56-70

40 %

36-55

35 %

20-35

30 %

As solicitudes cunha puntuación inferior a 20 puntos non poderán obter subvención.

Se, por aplicación dos criterios de valoración, dúas ou máis solicitudes acadan igual puntuación, e non existe crédito suficiente para atendelas a todas, priorizaranse aquelas solicitudes en que o establecemento para o cal se solicita a axuda sexa o de maior antigüidade.

Artigo 14. Audiencia

Efectuada a avaliación, a comisión fará un informe co seu resultado, á vista do cal o órgano instrutor elaborará unha proposta de resolución provisional debidamente motivada que deberá ser notificada aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións de acordo co establecido no artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Resolución

1. Examinadas as alegacións, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución definitiva e elevaraa á directora da Axencia Turismo de Galicia.

2. A directora da Axencia, á vista da proposta de resolución, ditará no prazo de 15 días desde a súa elevación a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e na cal, en todo caso, quedarán debidamente xustificados todos os aspectos contidos no artigo 34.4 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución aos interesados será de cinco meses, contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación.

Artigo 16. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas en momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 17. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente resolución de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Axencia Turismo de Galicia. O prazo para a interposición do recurso de reposición será dun mes, se o acto for expreso. Transcorrido o dito prazo, unicamente poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo, sen prexuízo, se é o caso, da procedencia do recurso extraordinario de revisión. Se o acto non for expreso, o solicitante e outros posibles interesados poderán interpoñer recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se producise o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 18. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, as persoas beneficiarias poderán solicitar a modificación do seu contido antes de que remate o prazo para a realización da actividade.

2. A modificación poderase autorizar sempre que non dane dereitos de terceiros. En todo caso a modificación da resolución de concesión deberá respectar o obxecto da subvención, as actuacións subvencionables e non dar lugar a actuacións deficientes e incompletas.

3. Xunto coa solicitude, as persoas beneficiarias deberán presentar: memoria xustificativa, orzamento modificado e relación e identificación concreta dos cambios introducidos.

4. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Axencia Turismo de Galicia, logo da instrución do correspondente expediente en que se lles dará audiencia aos interesados nos termos previstos no artigo 14.

5. Cando as persoas beneficiarias da subvención poñan de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución conforme o establecido no artigo 14.1.m) da Lei de subvencións de Galicia, téndose omitido o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar ningún dereito de terceiros.

Esta aceptación por parte do órgano concedente non exime o beneficiario das sancións que poidan corresponderlle conforme a referida Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo III, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, a persoa titular da Axencia ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da citada lei.

Artigo 20. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias das subvencións adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable:

a) Cumprir o obxectivo e realizar a actuación subvencionada, de conformidade co proxecto presentado ou, se é o caso, o modificado coa autorización da Axencia Turismo de Galicia.

b) Manter a actividade subvencionada e a súa actividade en Galicia durante un período mínimo de cinco (5) anos contados desde a data en que se produza a liquidación definitiva da subvención.

c) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión ou o desfrute da subvención.

d) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Axencia Turismo de Galicia, ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

e) Comunicarlle á Axencia Turismo de Galicia a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención. Estas comunicacións deberanse efectuar tan axiña como se coñezan e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) As persoas beneficiarias deberán dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos na lexislación mercantil e sectorial aplicable coa finalidade de garantir o exercicio adecuado das facultades de comprobación e control. Así mesmo, deberán conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos.

g) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. A tales efectos, o solicitante deberá achegar certificación de estar ao día nas citadas obrigas no caso de que se opoña á consulta ou denegue expresamente que se soliciten polo órgano xestor, de conformidade co disposto no artigo 8.2. No caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que o solicitante ou o beneficiario ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requirirase o solicitante ou beneficiario para que regularice a situación e presente por si mesmo o correspondente certificado.

h) As persoas beneficiarias deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Para estes efectos e durante a execución das actuacións será obrigatoria a colocación dun cartel (anexo VI) en que figure a subvención pola Xunta de Galicia conforme o manual de identidade corporativa que estea vixente.

No caso de actuacións de importe superior a 20.000 € deberá colocarse unha placa e manterse durante 5 anos contados desde a execución da actuación.

Tanto os carteis como as placas serán de material resistente (ríxido ou semirríxido), e non será admisible a simple impresión en papel. Colocaranse sempre nun lugar visible ao público.

Nos materiais impresos, medios electrónicos e audiovisuais, ou ben en mencións realizadas en medios de comunicación, deberán constar lendas relativas ao financiamento público.

Igualmente, as persoas beneficiarias deberán incluír, nas súas accións promocionais, a marca Xacobeo 2021-22, de acordo co manual de identidade visual, aprobado polo Decreto 167/2018, do 29 de novembro, polo que se regula a utilización da marca Xacobeo 2021 (DOG núm. 1, do 2 de xaneiro de 2019), e a súa actualización aprobada polo Decreto 104/2021, do 24 de xuño, polo que se aproba a actualización do Manual de identidade gráfica Xacobeo 2021-22 (DOG núm. 132, do 13 de xullo de 2021).

Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta da persoa beneficiaria.

i) A facilitar datos, de forma periódica ou logo de requirimento da Administración turística galega, sobre a ocupación rexistrada no establecemento.

j) A subministrar á Axencia Turismo de Galicia, en virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento pola Axencia Turismo de Galicia das obrigas previstas no título I da citada lei.

k) As persoas beneficiarias quedan obrigadas a reintegrar, total ou parcialmente, o importe percibido pola subvención concedida, así como os correspondentes xuros de demora devindicados desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:

– Por incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.

– Por incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos prazos e termos establecidos nesta resolución.

– Por ter obtido a subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, con falsificación das condicións requiridas para iso ou ocultación daquelas que o impedisen.

– Por incumprimento total ou parcial do obxectivo da actividade, do proxecto ou pola non adopción do comportamento que fundamentou a subvención.

– Por resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro; incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, ou por incumprimento do obxectivo ou a concorrencia con outras axudas para a mesma finalidade percibidas de calquera Administración ou ente público ou privado.

– Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.

Artigo 21. Xustificación da subvención

1. Para cobrar a subvención concedida, o beneficiario terá de prazo ata o 31 de outubro de 2022, para presentar nos lugares sinalados no artigo 5 destas bases, mediante a modalidade de conta xustificativa (conforme o artigo 44 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia). Xunto coa solicitude de cobramento (anexo IV), deberá achegarse a documentación que a continuación se indica:

a) Memoria da actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas. Deberá incluír fotos ilustrativas do investimento efectuado, da inclusión da marca turística de Galicia nos soportes publicitarios do establecemento (folletos, páxina web, etc.), e do cartel (anexo VI) informativo indicado no artigo 20.h).

b) Memoria económica do custo das actividades realizadas que conterá:

b.1) Relación clasificada e ordenada dos gastos e investimentos da actividade, con indicación do acredor, número de factura, concepto do gasto, o seu importe, data de emisión e data de pagamento. Se é o caso, indicaranse as desviacións producidas no orzamento que serviu de base ao seu outorgamento. A dita ordenación deberá coincidir coa ordenación da documentación indicada no seguinte punto.

b.2) Facturas, que deberán especificar a que concepto corresponden segundo o investimento que serviu de base para a concesión da subvención, xunto coas certificacións bancarias ou, na súa falta, as copias das ordes de transferencia, que xustifiquen o seu pagamento. En todo caso, o importe reflectido na certificación de obra debe ser consecuente co xustificado coas ditas facturas. De conformidade co artigo 42.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aceptarase a xustificación do pagamento mediante recibo do provedor para gastos de escasa contía por importes inferiores a 1.000 euros.

En ningún caso se admitirán xustificantes ou facturas de pagamento con data anterior á data de inicio das actuacións subvencionables. As facturas ou xustificantes non poderán ser anteriores ao período subvencionable (1 de xaneiro de 2022) nin posteriores á data límite establecida nestas bases para presentar á xustificación.

c) Para obras con orzamento de execución material superior a 40.000,00 euros achegarase certificación de fin de obra por conceptos, que se compón de portada, certificación en orixe, por partidas e capítulos, segundo medicións e prezos recollidos no proxecto de execución, elaborada por técnico competente, relativa á obra executada coa súa valoración.

Para obras con orzamento de execución material igual ou inferior a 40.000 euros é suficiente coa presentación da memoria que se indica na alínea b).

d) No caso de obras, licenza de obras ou, se é o caso, certificado do concello de non precisar a dita licenza.

e) Anexo V: modelo de declaracións.

2. Os gastos xustificados deberán ter correspondencia clara coas partidas do orzamento aceptadas na resolución de concesión da subvención e responder, de xeito indubidable, á natureza da actividade subvencionada. Sen necesidade de instar procedemento de modificación da subvención, a Axencia Turismo de Galicia poderá aceptar variacións nas partidas de gasto aprobadas, coa condición de que as variacións non superen en conxunto o 20 % do orzamento, de que non aumente o importe total do gasto aprobado, de que non desvirtúen as características do proxecto e condicións que foron tidas en conta para a resolución de concesión e de que se cumpra coa normativa turística.

Se o beneficiario xustifica conceptos e elementos subvencionables aprobados que representen menos do 60 % do importe do investimento subvencionable entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, perderá o dereito de cobramento da subvención. Se a xustificación é superior ao 60 %, pero sen acadar o 100 % do investimento subvencionable, o beneficiario percibirá a subvención proporcional correspondente ao investimento xustificado admisible, sempre que cumpra o resto das condicións de concesión e a finalidade ou obxectivos para os cales se concedeu a axuda.

3. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso, a persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 22. Pagamento

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da Axencia, antes de procederen ao seu pagamento, realizarán as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

Procederá a minoración da subvención concedida cando o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que esta minoración, debidamente xustificada pola entidade beneficiaria, non supoña unha realización deficiente da actuación subvencionada.

2. Previamente ao pagamento deberá acreditarse que as persoas beneficiarias se atopan ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, así como que non son debedoras por resolución de procedencia de reintegro.

Para tales efectos, o solicitante deberá achegar certificación de estar ao día nas citadas obrigas no caso de que se opoña á consulta ou denegue expresamente que se soliciten polo órgano xestor, de conformidade co disposto no artigo 8.2. No caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que as persoas beneficiarias teñen débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requirirase a persoa solicitante ou beneficiaria para que regularice a situación e presente por si mesma o correspondente certificado.

Artigo 23. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, darán lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e á súa normativa de desenvolvemento.

3. Cando o cumprimento pola persoa beneficiaria se aproxime de modo significativo ao cumprimento total e se acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos compromisos adquiridos, a cantidade que hai que reintegrar responderá ao principio de proporcionalidade, e determinarase aplicando os mesmos criterios de avaliación que se empregaron para a concesión referidos á realidade finalmente comprobada.

4. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 24. Control

1. A Axencia Turismo de Galicia poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 25. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas, con indicación da norma reguladora, beneficiario ou programa e crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Igualmente, será aplicable o réxime de publicidade establecido na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Os interesados poderán facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, en cumprimento do disposto no artigos 18 e 20.8 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, comunicarase a concesión das axudas reguladas nesta convocatoria á Base de datos nacional de subvencións, que operará como sistema nacional de publicidade de subvencións.

Malia o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a tres mil euros (3.000 €), non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Axencia Turismo de Galicia.

Así mesmo, a solicitude para ser beneficiario da axuda levará implícita a autorización, no suposto de que se conceda a axuda solicitada, para a inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e Sancións dependente da Consellería de Facenda e Administracións Públicas, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na súa solicitude. Non obstante, as persoas ou entidades solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións, cando concorra algunha das circunstancias previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 26. Remisión normativa

É de aplicación o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file