Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Luns, 7 de febreiro de 2022 Páx. 7911

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 30 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios do período 2014-2020 cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e se convocan para o exercicio orzamentario de 2022 (código de procedemento MR340A).

BDNS (Identif.): 608621.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán acollerse a estas axudas os empresarios individuais ou sociedades que sexan ou vaian ser titulares de instalacións obxecto da axuda dedicadas á transformación e/ou comercialización de produtos do anexo I do Tratado constitutivo da Comunidade Europea e sobre as cales recaia a carga financeira dos investimentos e gastos que se consideren subvencionables.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas da Consellería do Medio Rural para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e convocar as correspondentes ao exercicio orzamentario de 2022.

As axudas consistirán en subvencións cuxa concesión se efectuará mediante concorrencia competitiva, así como en garantías para préstamos destinados a financiar os investimentos.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 30 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios do período 2014-2020 cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e se convocan para o exercicio orzamentario de 2022 (código de procedemento MR340A).

Cuarto. Importe

Para a concesión das subvencións convocadas destinarase un crédito máximo total de 27.000.000€ dos orzamentos de 2022, 2023 e 2024.

As contribucións da Consellería do Medio Rural para custear as garantías dos préstamos financiaranse con cargo ao orzamento de 2022 cunha dotación de 3.000.000 €, así como cos remanentes das contribucións efectuadas con anterioridade ao Instrumento financeiro de xestión centralizada Feader 2014-2020.

Estes importes poderanse incrementar nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes para subvencións desta convocatoria será dun mes contado a partir do día seguinte ao de publicación desta orde. O prazo de presentación de solicitudes de préstamos garantidos desta convocatoria finalizará o día 30 de marzo de 2022.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2021

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural