Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Martes, 8 de febreiro de 2022 Páx. 9433

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 9/2022, do 27 de xaneiro, polo que se aproba o cambio de titularidade, a prol do Concello de Ponteareas, dun treito da estrada provincial EP-4001 Ponteareas-Guillade, punto quilométrico 0+000 ata o punto quilométrico 0+900.

Segundo o teor do artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Ponteareas solicita á Deputación Provincial de Pontevedra o cambio de titularidade dun treito de 900 metros lineais da estrada provincial EP-4001 Ponteareas-Guillade, desde o p.q 0+000 ata o p.q 0+900. O Pleno da Corporación Provincial con data do 24 de setembro de 2021 aceptou dito cambio de titularidade, xa que o treito obxecto de transferencia denominado rúa Trovador Xoán García de Guillade presenta na actualidade unhas características funcionais e de utilidade que son asimilables ao viario municipal de tipo urbano dada conta que dispón de beirarrúas en ambas as marxes, bandas laterais de aparcadoiro de vehículos e alumeado público.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo cos informes emitidos polos servizos competentes, indica que a estrada EP-4001 cumpre co estipulado no punto 11 do artigo 18 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, relativo aos cambios de titularidade de treitos de estradas a prol de administracións de menor ámbito territorial, polo que se formula a proposta favorable á transferencia de titularidade do treito que se define no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e sete de xaneiro de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Ponteareas:

Clave

Denominación

PQi

PQf

Lonx. (km)

EP-4001

Ponteareas-Guillade

0+000

0+900

0,900

Artigo 2

En aplicación do puntos 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Ponteareas deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega entre concello e deputación.

Artigo 4

Corresponderanlle ao Concello de Ponteareas, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ferrol, vinte e sete de xaneiro de dous mil vinte e dous

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade