Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Xoves, 10 de febreiro de 2022 Páx. 10304

III. Outras disposicións

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

ORDE do 21 de xaneiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a entidades locais para actuacións encamiñadas ao acondicionamento e mellora das instalacións dos espazos termais de uso lúdico da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento IN308C).

Galicia é unha das rexións de Europa con maior riqueza en augas minerais e termais. As augas termais, ademais de poder ser utilizadas polos balnearios con fins terapéuticos, poden ser aproveitadas para unha finalidade lúdica, de diversión e esparexemento. Estas novas demandas no uso lúdico das augas termais experimentaron un extraordinario desenvolvemento nalgunhas zonas de España, especialmente en Galicia, proliferando novos proxectos turísticos ao redor das ditas augas.

Este tipo de establecementos relacionados co aproveitamento lúdico de augas termais, aínda que se consolidaban como focos de atracción turística, carecían das condicións establecidas legalmente para seren considerados balnearios e non dispoñían de regulamentación específica, polo que, respondendo aos obxectivos de garantir as condicións sanitarias dos ditos establecementos e regular e ordenar este sector tan diverso e singular, aprobouse a Lei 8/2019, do 23 de decembro, de regulación do aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia.

A Lei 8/2019, do 23 de decembro, ten por obxecto a regulación do aproveitamento lúdico das augas termais en Galicia en harmonía co seu aproveitamento terapéutico e coa valorización patrimonial e cultural, e, así mesmo, entre as súas finalidades atópase promover o desenvolvemento económico e social das poboacións onde xorden as augas termais.

Neste sentido, cómpre indicar que, para os efectos do disposto na Lei 8/2019, do 23 de decembro, enténdese por «espazos termais» aquelas instalacións de uso público destinadas mediante o baño ao aproveitamento lúdico das augas termais, e que se distinguen dos «establecementos balnearios» que son obxecto de regulación específica na Lei 5/1995, do 7 de xuño, de regulación das augas minerais, termais, de manancial e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia, e que se caracterizan pola aplicación con fins terapéuticos das augas mineromedicinais e termais. No concepto xenérico de «espazos termais» convén singularizar aquelas instalacións agrupadas baixo o termo legal de «piscina termal de uso lúdico».

Doutra banda, cómpre destacar que a maior parte dos recursos hidrominerais e termais susceptibles de seren aproveitados para a actividade termal localízanse en rexións do interior da Comunidade Autónoma, para as que este sector de actividade constitúe unha vía de desenvolvemento local ou rexional mediante a xeración de investimento e emprego.

Ademais, atopámonos que na actualidade as persoas titulares das autorizacións ou concesións necesarias para o aproveitamento lúdico destas augas termais, consonte a Lei 8/2019, do 23 de decembro, son maioritariamente entidades locais que xestionan os espazos termais directamente ou mediante sistema de concesión, o que xustifica as actuacións que se pretenden levar a cabo desde a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación orientadas a apoiar as ditas entidades na realización de actuacións encamiñadas ao acondicionamento e mellora das instalacións dos espazos termais xa existentes, ou ben daqueles novos en fase de desenvolvemento.

O desenvolvemento desta orde axustarase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

En virtude do exposto, e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases que se inclúen no anexo I, polas que se rexerá a concesión de subvencións da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, dirixidas a entidades locais, para fomentar a actividade termal mediante a realización de actuacións encamiñadas ao acondicionamento e mellora das instalacións dos espazos termais de uso lúdico da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse estas axudas para o ano 2022.

3. O código asignado a este procedemento administrativo é IN308C, mediante o cal se facilitará a identificación e o acceso para a tramitación destas axudas ás persoas interesadas na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 2. Crédito orzamentario

1. A Orde da Consellería de Economía do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde de 25 de outubro de 2001, posibilita a tramitación anticipada de gasto imputable ao capítulo VII no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de Lei dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar, como máximo, ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da dita orde, todos os actos de trámite ditados no desenvolvemento desta orde se entenden condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

3. Con esta finalidade, no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2022 está consignado crédito, de acordo coa seguinte distribución:

Aplicación: 06.02.734-A 760.1.

Denominación: aproveitamentos lúdicos augas termais.

Importe en euros: 1.000.000,00.

4. Estas axudas imputaranse á aplicación orzamentaria indicada, de conformidade co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no cal se establece a tramitación anticipada de expedientes de gasto, condicionando a concesión destas axudas á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de adxudicación. A procedencia dos fondos é propia.

5. Estas cantidades poderanse incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito, cando o aumento veña derivado:

a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) Da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

6. O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, de ser o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

7. Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Solicitudes

Para solicitar estas axudas deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 6 das bases reguladoras.

A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación das bases reguladoras destas axudas.

Artigo 4. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 5. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a 5 meses desde que remata o prazo para a súa presentación.

Artigo 6. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico poderán de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Comunicación á Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

A cesión de datos de carácter persoal que, en virtude do citado artigo, debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado non requirirá o consentimento da persoa afectada.

Artigo 8. Información ás persoas interesadas

1. Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN308C poderase obter información adicional na Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería: http://ceei.xunta.gal

b) Nos teléfonos da dita dirección xeral: 981 95 70 92, 981 95 70 90 ou 981 54 55 88.

c) https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

d) Presencialmente.

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

Disposición derradeira primeira. Habilitación

Facúltase a persoa titular da Dirección xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2022

Francisco Conde López
Vicepresidente segundo e conselleiro de
Economía, Empresa e Innovación

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a entidades locais para actuacións encamiñadas ao acondicionamento e mellora das instalacións dos espazos termais de uso lúdico da Comunidade Autónoma de Galicia

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. Estas bases regulan a concesión das axudas que teñen por obxecto fomentar a actividade termal mediante a realización de actuacións encamiñadas ao acondicionamento e mellora das instalacións dos espazos termais de uso lúdico da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Os proxectos que se van subvencionar ao abeiro desta convocatoria deberán desenvolverse ao longo do ano 2022.

3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

4. Para os efectos previstos nesta orde, os conceptos de espazo termal e piscina termal de uso lúdico axustaranse á definición contida no artigo 3 da Lei 8/2019, do 23 de decembro, de regulación do aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia.

«Espazos termais»: instalacións de uso público destinadas mediante o baño ao aproveitamento lúdico das augas termais.

«Piscina termal de uso lúdico»: tipo de espazo termal que reúne as características e os requisitos técnicos para a súa consideración como piscina de acordo co previsto no Real decreto 742/2013, do 27 de setembro, polo que se establecen os criterios técnico-sanitarios das piscinas.

Artigo 2. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia que conten co título habilitante para o aproveitamento lúdico das augas termais ao abeiro da Lei 8/2019, do 23 de decembro, de regulación de aproveitamentos lúdicos das augas termais de Galicia, ou que, con anterioridade á data de presentación da solicitude da axuda, incoasen o correspondente expediente para a obtención do referido título. Neste último caso, será requisito necesario para cobrar a axuda concedida, que no momento da xustificación, segundo o prazo establecido no artigo 21 destas bases reguladoras, dispoñan del.

As entidades locais poderán xestionar estes aproveitamentos lúdicos directamente ou mediante sistema de concesión.

2. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ademais, só poderán ser beneficiarios as entidades locais que cumprisen co deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio, de acordo co disposto no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro.

Artigo 3. Actuacións e gastos subvencionables

Constitúen o obxecto destas axudas todas aquelas actuacións destinadas a acondicionar e mellorar as instalacións dos espazos termais de uso lúdico, que, entre outras, poderán ser das seguintes tipoloxías:

– Adquisición e instalación de caudalímetros.

– Adquisición e instalación de sistemas de bombeo.

– Adquisición e instalación de equipamentos de medición que formen parte da instalación.

– Colocación de sinalética.

– Obras de acometida e canalizacións de auga.

– Mellora dos espazos verdes e instalacións de lecer.

– Actuacións en vestiarios, duchas e aseos.

– Instalación de peches perimetrais.

– Mellora das condicións de accesibilidade e seguridade das instalacións.

Consideraranse subvencionables todos os gastos realizados desde o 1 de xaneiro de 2022 ata a data de xustificación do investimento.

Considerarase subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE) cando non sexa recuperable polo solicitante.

Tamén son subvencionables os gastos de redacción de proxecto/s, de dirección de obra e os gastos do cartel informativo e da placa explicativa permanente a que se refire o artigo 19.h) destas bases reguladoras.

Para seren subvencionables, as actuacións deberán estar executadas en condicións de ser utilizadas, unha vez finalizado o prazo de xustificación.

De acordo co artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse gastos realizados os efectivamente pagados con anterioridade á finalización do período de xustificación previsto nas bases reguladoras.

Ademais, consideraranse gastos realizados, de acordo co disposto no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, cando se teña contabilizado o recoñecemento da obriga polo órgano competente da entidade local.

Artigo 4. Financiamento e intensidade das axudas

1. As axudas reguladas por esta orde teñen a natureza xurídica de subvencións.

2. Con carácter xeral, a intensidade das axudas será dun 80 % do importe total considerado como subvencionable e cun máximo de 150.000,00 euros para cada solicitude.

3. As intensidades de axuda poderán ser inferiores ás sinaladas no caso de que un grupo de solicitudes valoradas coa mesma puntuación esgoten o crédito dispoñible, neste caso, ratearase o crédito de xeito proporcional aos investimentos subvencionables das solicitudes implicadas.

Artigo 5. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. As axudas concedidas en virtude da presente orde serán compatibles con outras axudas para o mesmo fin, sempre e cando o importe das axudas e subvencións en ningún caso sexa de tal contía que, illada ou en concorrencia con outras, supere o custo da actividade subvencionable.

2. A persoa solicitante deberá dar a coñecer mediante declaración responsable as axudas que solicitase ou obtivese, tanto ao iniciarse o expediente administrativo como en calquera outro momento do procedemento en que isto se produza. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto se coñeza e, en todo caso, coa xustificación da axuda.

3. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

4. A verificación da concorrencia de axudas para a mesma finalidade realizarase sobre os mesmos custos subvencionables, de forma que non excedan as intensidades permitidas definidas neste artigo.

Artigo 6. Solicitude e documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión da subvención presentaranse na forma e no prazo que se indique nesta convocatoria.

2. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

2.1. Documento actualizado acreditativo da capacidade con que actúa a persoa representante da entidade local solicitante.

2.2. Acordo do Pleno da entidade local, ou do órgano municipal que teña a atribución competencial, onde se exprese a intención de acometer a actuación obxecto da solicitude de axuda.

2.3. Memoria técnica xustificativa asinada da actuación que se vai desenvolver. Dentro desta memoria desenvolverase un capítulo específico en relación coa xustificación dos datos necesarios para a avaliación da solicitude, segundo o artigo 13 das bases reguladoras, onde se plasmarán as hipóteses de partida e se fará un cálculo detallado dos valores propostos, de ser o caso. No caso de discrepancias entre os datos desta memoria e os que se reflictan na solicitude normalizada, tomaranse como válidos os da memoria xustificativa.

Xunto coa memoria anterior, no caso de execución de obras ou instalacións que requiran legalmente proxecto para súa execución ou licenza, deberase presentar este ou un anteproxecto asinado por persoa técnica competente.

2.4. Orzamento desagregado e asinado dos gastos.

Con independencia do documento técnico achegado en aplicación do punto 2.3 do presente artigo, o orzamento deberá estar desagregado a nivel de partidas e indicarase para cada unha delas medición, prezo unitario e importe.

2.5. Planos asinados da actuación a escala axeitada, incluíndo un plano onde se representen os límites do espazo termal e o conxunto das actuacións.

2.6. Documento acreditativo da remisión das contas ao Consello de Contas.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade local solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Tributaria de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 10. Órganos competentes para a ordenación, instrución e resolución do procedemento de concesión

1. O órgano competente para efectuar a convocatoria e ditar a resolución de outorgamento das axudas será o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, sen prexuízo das delegacións existentes nesta materia.

2. O órgano responsable da instrución e ordenación do procedemento de concesión e do seguimento e será a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais.

Artigo 11. Instrución dos procedementos

1. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, a través da Subdirección Xeral de Recursos Minerais, comprobará os requisitos establecidos na orde para a admisión da solicitude, tanto o relativo á entidade beneficiaria como á actuación e gastos subvencionables, así como a documentación complementaria achegada xunto con esta e, se for o caso, requirirá a persoa interesada para que emende a falta ou deficiencia na información facilitada ou xunte os documentos preceptivos no prazo de dez días desde a recepción da notificación. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución de acordo co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A documentación requirida presentarase electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co disposto no artigo 14 da Lei 39/2015.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 45 da Lei 39/2015, os requirimentos citados de emenda poderanse facer mediante publicación no DOG, e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse a persoa solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 12. Comisión de Valoración

1. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte.

2. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

a) Presidencia: a persoa titular da Subdirección Xeral de Recursos Minerais ou persoa en que delegue.

b) Vogais: a persoa responsable de cada unha das xefaturas territoriais da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da provincia onde se atope o espazo termal para a que se solicita a axuda, ou unha persoa funcionaria por elas designado.

c) Secretaría: a persoa titular da Xefatura de Servizo de Xestión Mineira ou unha persoa funcionaria designada pola persoa titular da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais.

d) Poderá estar asistida polo persoal técnico que se considere necesario.

3. Na relación valorada de solicitudes figurará a avaliación que lle corresponde a cada proxecto segundo os criterios recollidos no artigo seguinte, indicando a puntuación e a axuda aplicable en cada caso.

Artigo 13. Criterios de valoración

Os proxectos que se presenten serán técnica e economicamente viables. O procedemento de concesión será o de concorrencia competitiva, e estableceranse os seguintes criterios de valoración das solicitudes:

1. Estar en posesión do título habilitante para o aproveitamento lúdico das augas termais ao abeiro da Lei 8/2019, do 23 de decembro, á data de presentación da solicitude de axuda: 5 puntos.

2. Porcentaxe de financiamento da actuación que asume a entidade local:

– Ata o 50 % (7 puntos).

– Máis do 50 % (10 puntos).

3. Capacidade das instalacións destinadas ao baño:

– Ata un máximo de 5 persoas (2 puntos).

– Entre 6 e 10 persoas (4 puntos).

– Máis de 10 persoas (6 puntos).

4. Que inclúa actuacións da tipoloxía de mellora das condicións de accesibilidade e seguridade das instalacións:

– 1 actuación (2 puntos).

– Entre 2 e 4 actuacións (4 puntos).

– Máis de 4 actuacións (6 puntos).

5. Poboación do concello en que se atopa o espazo termal:

– Menos de 5.000 habitantes (6 puntos).

– Entre 5.000 e 20.000 habitantes (4 puntos).

– Máis de 20.000 habitantes (2 puntos).

6. Compatibilidade de aproveitamento terapéutico e lúdico das augas termais procedentes dunha mesma emerxencia:

– Estar en posesión do título habilitante para o aproveitamento terapéutico en establecemento balneario ao abeiro da Lei 5/1995, do 7 de xuño, e que se atope en funcionamento na data de presentación da solicitude de axuda (10 puntos).

No caso de empate da puntuación obtida determinarase como criterio de desempate a orde establecida nos propios criterios de valoración sinalados no punto 1 deste precepto. No caso de persistir o empate, terase en conta a data de presentación da solicitude.

Artigo 14. Trámite de audiencia

1. Instruído o procedemento, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, en relación coas solicitudes admitidas a trámite, formulará a correspondente proposta de resolución provisional, debidamente motivada, que será notificada ás persoas interesadas para que, no prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. De conformidade co artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderase prescindir do trámite a que se refire a epígrafe anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas pola persoa interesada.

Artigo 15. Resolución e notificación

1. Á vista da relación valorada das solicitudes admitidas a trámite e da relación de expedientes que derive do disposto no artigo 11.4 e, unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor emitirá a proposta de resolución, que elevará á persoa titular da consellería.

2. Para os expedientes que, formando parte da listaxe de valoración, non resulten propostos para o seu financiamento por esgotamento do crédito dispoñible, proporanse para a súa incorporación nunha listaxe de espera para seren atendidos, ben co crédito que quede libre de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co posible incremento dos créditos orzamentarios destinados a estas subvencións. Para estes efectos, poderanse realizar sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

3. A persoa titular da consellería, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, se é o caso, a causa de denegación.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo elixible da actividade que desenvolva a persoa beneficiaria ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable establecida nestas bases.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución á persoa interesada será de cinco meses, que se contará a partir do seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que recaia resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

5. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 45.1 da Lei 39/2015, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de anuncios da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, a persoa beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada. Coa publicación no DOG poderá remitirse ás persoas beneficiarias a que consulten información detallada da resolución no taboleiro de anuncios antes citado.

As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas de desestimación. Non obstante, poderase substituír a dita notificación individual pola publicación no DOG, coa indicación de que os non beneficiarios consulten a información detallada da súa resolución no taboleiro da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Artigo 16. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Poderase acordar a modificación da resolución por instancia da persoa beneficiaria, debendo cumprirse os requisitos previstos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A modificación debe solicitarse cunha antelación mínima dun mes á data de finalización do prazo de realización da actuación subvencionable.

4. Cando a modificación da resolución proposta afecte un cambio de tipoloxía no proxecto, considerarase que se alteran as condicións tidas en conta para a concesión da axuda. Neste caso, a modificación non será autorizada.

Artigo 17. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso potestativo de reposición ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, no prazo dun mes que se contará a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses, que se contarán a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

2. Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses que se contarán desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses que se contarán a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 18. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015.

Artigo 19. Obrigas das persoas beneficiarias

A persoa beneficiaria da subvención queda obrigada a:

a) Executar o proxecto que fundamente a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente a realización da actividade, así como o cumprimento dos requisitos e condicións que determinan a concesión e o goce da subvención. O cumprimento desta obriga de xustificación realizarase nos termos previstos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) As infraestruturas subvencionadas deberán permanecer destinadas ao fin concreto para o que se concedeu a subvención por un período non inferior a cinco anos, tal como recolle o artigo 31.4.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o artigo 29.4.a) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incumprimento deste requisito dará lugar á revogación da subvención, co reintegro das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora legalmente establecido desde o momento do pagamento da subvención, segundo o establecido no artigo 24 da presente orde.

d) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

e) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) Garantir o cumprimento da normativa de axudas de Estado no que atinxe ao destino que se lle dea ás infraestruturas obxecto das subvencións.

g) Subministrar toda a información necesaria para que a consellería poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. As consecuencias do incumprimento desta obriga serán as establecidas no artigo 4.4 da devandita lei.

h) Colocar un cartel informativo no lugar de execución da actuación subvencionada, conforme o modelo indicado no anexo V, que deberá permanecer instalado durante todo o período de execución do proxecto. Unha vez finalizada a execución da actuación subvencionada, o cartel substituirase por unha placa explicativa permanente, conforme o modelo indicado no anexo VI. A devandita placa debe ser dun material resistente (aluminio, metacrilato ou similar) e cun tamaño mínimo A4.

i) Calquera outra obriga imposta de maneira expresa ás persoas beneficiarias na resolución de concesión ou no documento en que se establezan as condicións da axuda.

Artigo 20. Subcontratación

Permítese a subcontratación total ou parcial ata o 100 % das actuacións, estando suxeita ao disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao disposto no artigo 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo de que, no caso de que as entidades locais precisen da contratación externa de determinados traballos incluídos no proxecto subvencionado, debe observarse o disposto na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

Artigo 21. Xustificación da subvención

1. Para cobrar a subvención as entidades locais beneficiarias terán ata o 31 de outubro de 2022 para presentar electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, a seguinte documentación:

1.1. Certificación expedida pola Secretaría da entidade local, co visto e prace do/da alcalde/sa ou presidente/a, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada:

a) O cumprimento da finalidade da subvención.

b) Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada coa seguinte relación: identificación do/da acredor/a, número de factura ou documento equivalente, certificación da obra, importe, data de emisión e data do recoñecemento da obriga polo órgano competente.

1.2. Facturas orixinais das actuacións realizadas. Cando a persoa beneficiaria non dispoña de facturas electrónicas, deberá achegar unha copia auténtica electrónica da factura orixinal en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa reguladora do procedemento administrativo común.

No obstante, no presente procedemento, admitiranse as facturas orixinais en papel ou copias debidamente compulsadas, no caso de imposibilidade funcional e/ou tecnolóxica por parte da Administración para emitir copias auténticas electrónicas.

1.3. Xustificante de pagamento das facturas mediante transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento comprendido entre a da data de inicio e a data límite da xustificación. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados a entidade receptora e a entidade emisora do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo así como os xustificantes obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

1.4. Certificación de obra cando se trate dun contrato de obras ou, no resto de contratos, documento equivalente coa desagregación da actuación realizada (indicando concepto, unidades e prezos unitarios).

1.5. Certificado da Secretaría da entidade local en que se indique que o procedemento de contratación pública se realizou consonte a Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, e onde se indique, ademais, a persoa adxudicataria do contrato e o importe de adxudicación.

1.6. Certificado da Secretaría ou Intervención da entidade local onde se sinale que o IVE subvencionado non é recuperable por parte da entidade beneficiaria.

1.7. Informe técnico en que se describa a realización total do proxecto ou actuación e os datos e incidencias máis significativos na súa execución, asinado por técnico municipal.

1.8. Fotografía do cartel informativo e da placa explicativa permanente a que se refire o artigo 19.h) da presente orde de axudas.

1.9. Reportaxe fotográfica onde aparezan reflectidas todas as actuacións materiais obxecto de axuda.

1.10. Anexo III: declaración actualizada do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución destinadas ao financiamento do mesmo proxecto, das distintas administracións públicas, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, indicando a súa contía.

1.11. Anexo III: declaración responsable da persoa solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte a Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o disposto no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen ter presentado esta perante o órgano administrativo competente, este requirirá a persoa beneficiaria para que, no prazo improrrogable de dez días, a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá a persoa beneficiaria das sancións que, conforme a lei, correspondan.

3. Os órganos competentes da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. No caso de que non fosen remitidos pola persoa beneficiaria dentro do prazo que se sinale, entenderase que renuncia á subvención.

Artigo 22. Pagamento e anticipos

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que isto non supoña unha realización deficiente do proxecto, a contía da subvención reducirase proporcionalmente, manténdose constante a porcentaxe da axuda respecto ao custo total do investimento.

3. Poderán realizarse pagamentos anticipados das subvencións reguladas por estas bases, de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos artigos 63, 65 e 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da dita lei.

Os pagamentos anticipados suporán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións subvencionadas. Estes pagamentos deberán ser solicitados pola persoa beneficiaria, de ser o caso, logo da notificación ou publicación da resolución de concesión, e quedarán suxeitas ás seguintes condicións:

a) Poderase anticipar ata o 25 % do importe da subvención concedida.

b) As persoas beneficiarias quedarán exonerados da constitución de garantía, conforme o establecido na letra c) do artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. A persoa beneficiaria deberá achegar coa solicitude de anticipo a seguinte documentación:

a) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución destinadas ao financiamento do mesmo proxecto, das distintas administracións públicas, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, indicando a súa contía (anexo III).

b) Declaración responsable da persoa solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte a Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o disposto no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo III).

Artigo 23. Comprobación de subvencións

1. O órgano concedente comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou goce da subvención.

2. Nas subvencións de capital superiores a 60.000,00 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será requisito imprescindible a comprobación material do investimento polo órgano concedente, e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada, tanto polo representante da Administración como pola persoa beneficiaria.

Artigo 24. Incumprimentos, reintegros e sancións

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais poderá apreciar un incumprimento parcial, polo que deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, de ser o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos de base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables, debendo, de ser o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento supera o 50 % da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total, e deberán reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

b) No caso de incumprimento doutras condicións, o seu alcance será determinado en función do grao e entidade da condición incumprida de acordo coa seguinte graduación:

– Non comunicar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actuacións subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención, suporá a perda dun 5 % da subvención unha vez recalculada e descontando o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

– Non darlle publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 19.h) destas bases, suporá a perda dun 5 % da subvención concedida.

3. Incumprimento total, coa revogación da axuda concedida e reintegro, se é o caso, das cantidades percibidas, nos seguintes casos:

– Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

– Cando non se xustifique ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou goce da subvención.

– Cando non permitan someterse ás actuacións de comprobación que efectúe a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, así coma calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

4. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os puntos anteriores, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. As persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 25. Control

1. A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación poderá facer as actividades de control que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas ao labor interventor e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, coa obriga por parte dos beneficiarios de achegar canta documentación lle sexa requirida no exercicio das anteriores actuacións.

Artigo 26. Remisión normativa

Para todo o non disposto nestas bases observarase o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO V
Modelo de cartel

missing image file

Características:

1. Dimensións mínimas:

Alto: 157,5 cm.

Ancho: 210 cm.

2. Materiais:

Empregaranse láminas de chapa de aceiro galvanizado de 1,2 mm de espesor e de 17,50 cm de altura. Para obras de investimento inferior a 50.000,00 € non será preciso o uso de aceiro galvanizado.

3. Texto:

• Empregarase a tipografía Xunta Sans en cor branca con referencia pantone white/RGB 255, 255, 255 sobre un fondo azul, pantone 7461 C/RGB 0, 123, 196.

• O título da actuación non superará as dúas liñas e a altura do texto non será superior a 2/3 da altura do texto do logotipo da Xunta de Galicia. O tamaño de texto recomendado é 235 pt.

• Os datos da obra terán unha altura de texto non superior a 1/2 da altura do título. O tamaño de texto recomendado é 110 pt.

4. Logos e marxes:

• O logo Xunta de Galicia ocupará o ancho do soporte cunha marxe ao seu arredor da metade do ancho do escudo.

• A altura do logo do concello será, como máximo, o 60 % da altura do logo Xunta de Galicia.

5. Datos do orzamento e da subvención:

Os datos do orzamento subvencionable e da subvención concedida serán os indicados na notificación de concesión da subvención.

ANEXO VI

Modelo de placa explicativa permanente

missing image file

Características:

1. Tamaño mínimo A4.

2. O material deberá ser resistente: aluminio, metacrilato ou similar.

3. Texto: empregarase a tipografía Xunta Sans en cor branca con referencia pantone white/RGB 255, 255, 255 sobre un fondo azul, pantone 7461 C/RGB 0, 123, 196.

4. Logos e marxes:

• O logo Xunta de Galicia ocupará o ancho do soporte cunha marxe ao seu arredor da metade do ancho do escudo.

• A altura do logo do concello será, como máximo, o 60 % da altura do logo Xunta de Galicia.