Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Xoves, 10 de febreiro de 2022 Páx. 10458

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 2 de febreiro de 2022 pola que se convoca o curso monográfico As directrices de técnica normativa: como construír unha norma.

Aprobado polo Consello Reitor o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2022, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo,

RESOLVO:

Convocar o curso monográfico As directrices de técnica normativa: como construír unha norma, de acordo coas bases que se indican a seguir:

Primeira. Obxectivos

Hoxe en día a Administración exerce un papel esencial na regulación das relacións sociais desde todas as súas perspectivas, ben como propoñente das normas que han aprobar os respectivos parlamentos ben como lexislador material en determinados ámbitos. Para que este labor normativo se desenvolva de forma óptima, debe axustarse a unha serie de directrices que constitúen unha sorte de manual común para todas as entidades públicas.

Neste curso abordarase, desde un punto de vista práctico, o proceso de elaboración dunha norma, analizando como se deben estruturar os contidos que a integran e que linguaxe e estilo se debe utilizar para que as normas sexan certeiras e comprensibles, así como en xeral todos aqueles aspectos que se deben observar para que a produción normativa sexa de calidade.

Segunda. Contidos

O curso estará organizado en catro módulos. Os temas que se tratarán en cada módulo serán os seguintes:

• Módulo 1: O expediente normativo.

• Módulo 2: Estilo normativo.

• Módulo 3: Técnica normativa.

• Módulo 4: Caso práctico.

Terceira. Persoas destinatarias

Esta actividade está dirixida ao persoal empregado público en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración autonómica galega, das súas entidades públicas instrumentais e da Administración institucional que se encadre nalgunha das seguintes categorías:

a) Grupo A (subgrupos A1 e A2) do persoal funcionario.

b) Grupos I e II do persoal laboral.

Cuarta. Desenvolvemento

Modalidade: presencial.

Datas: 22 e 23 de febreiro de 2022.

Horario: de mañá e tarde.

Horas lectivas: 16.

Quinta. Número de prazas

Cincuenta (50).

Sexta. Inscrición

1. A inscrición nesta actividade formativa só poderá realizarse vía telemática accedendo ao enderezo web https://egap.xunta.gal/matricula. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo co establecido para as persoas destinatarias e requisitos de selección nas bases terceira e oitava, respectivamente, desta convocatoria.

3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

4. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que está integrada esta actividade (Réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas) e despois seleccionar en «nome do curso» Curso monográfico As directrices de técnica normativa: como construír unha norma.

5. O prazo para a inscrición estará aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 14 de febreiro de 2022.

Poderá obterse calquera outra información a través do correo electrónico novas.egap@xuntal.gal ou, desde as 8.30 horas ata as 14.30 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.

Sétima. Comprobación de datos

1. Para a tramitación do procedemento consultaranse os datos das persoas interesadas necesarios para realizar o proceso de selección desta actividade formativa.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán enviar un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, coa indicación expresa a este respecto, no cal deberán achegar a documentación que acredite a Administración a que pertenzan, a súa situación administrativa e o tipo de persoal.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

4. A presentación da solicitude comportará a autorización da persoa solicitante ao órgano xestor para pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios da EGAP.

Oitava. Criterios de selección

A orde de admisión virá determinada pola data e pola hora de inscrición ata completar o número de prazas.

Novena. Publicación das listaxes do alumnado seleccionado

A EGAP publicará no enderezo web https://egap.xunta.gal unha relación das persoas seleccionadas para participar neste curso monográfico, así como un número adecuado de reservas, no caso de que o número de solicitudes recibidas sexa superior ao número de prazas, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Entenderase que as persoas que non figuren en ningunha das relacións foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria, ocupan un posto máis afastado na listaxe de espera ou se atopan excluídas de acordo co disposto no apartado segundo, punto 6º, da Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola que se actualizan os criterios de participación nas actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro).

Décima. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e superación da actividade

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

• Por razóns de conciliación familiar.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia deberá ser comunicada enviando un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, cunha antelación mínima dos tres días anteriores ao comezo da actividade formativa, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

c) As persoas que incumpran o previsto nas liñas a) e b) pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. Asistencia e puntualidade:

a) Serán obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) Faltas de asistencia:

1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización de esta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de asistencia desta actividade formativa.

2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Undécima. Certificado de asistencia oficial

Ao final desta actividade emitirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, as datas e a modalidade de desenvolvemento do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Duodécima. Facultades da EGAP

1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificas a súa realización. Neste caso empregaranse os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

2. A EGAP garantirá na acción derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2022

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública