Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 16 de febreiro de 2022 Páx. 11459

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

DECRETO 16/2022, do 27 de xaneiro, polo que se declara ben de interese cultural a biblioteca de Emilia Pardo Bazán.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución española e segundo o disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. En exercicio desta, apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (en diante, LPCG).

A LPCG no seu artigo 1.1 establece que o seu obxecto é a protección, conservación, acrecentamento, difusión e fomento do patrimonio cultural de Galicia, de forma que lle sirva á cidadanía como unha ferramenta de cohesión social, desenvolvemento sustentable e fundamento da identidade cultural do pobo galego, así como a súa investigación, valorización e transmisión ás xeracións futuras. Así mesmo, o artigo 1.2 indica que o patrimonio cultural de Galicia está constituído, entre outros, polo patrimonio bibliográfico que deba ser considerado como de interese para a permanencia, recoñecemento e identidade da cultura galega a través do tempo.

Por outra banda, o artigo 8.2 indica que: «Terán a consideración de bens de interese cultural aqueles bens e manifestacións inmateriais que, polo seu carácter máis sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma, sexan declarados como tales por ministerio da lei ou mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de patrimonio cultural, de acordo co procedemento establecido nesta lei. Os bens de interese cultural poden ser inmobles, mobles ou inmateriais».

Así mesmo, no artigo 110, referido ao patrimonio bibliográfico de Galicia, establece que este patrimonio está constituído polos fondos e coleccións bibliográficas e hemerográficas de especial valor cultural, incluíndo as obras literarias xa sexan impresas, manuscritas ou outras, de carácter unitario ou seriado, en que concorran, entre outras, unha antigüidade anterior a 1901 ou que teñan características singulares que lles outorguen carácter único (ex libris, expurgacións, etc.).

O 6 de novembro de 2020 a Real Academia Galega (en diante, RAG) presentou unha documentación en que solicita e xustifica a declaración como ben de interese cultural da biblioteca de Emilia Pardo Bazán, nas súas diferentes localizacións. A RAG custodia e coida, tanto do patrimonio cultural como da produción intelectual e da memoria de Emilia Pardo Bazán, xa que posúe preto de oito mil exemplares da súa biblioteca. Ademais, por decisión da filla e herdeira da escritora ten a súa sede na que foi vivenda da propia escritora na rúa Tabernas da Coruña, inmoble que comprende a Casa Museo Emilia Pardo Bazán.

A biblioteca de Emilia Pardo Bazán, entendida como unha colección bibliográfica froito dunha provisión intencional, reúne as características do patrimonio bibliográfico e un carácter sobranceiro pola figura a que está ligada, e ao valor singular dos seus compoñentes en termos de volume, temática, antigüidade, autoría, singularidade e excepcionalidade, polo que se considera que é merecente do seu recoñecemento como ben de interese cultural de Galicia. O seu carácter disperso na actualidade e as súas características referidas aconsellan, así mesmo, a aplicación do réxime de protección establecido para os bens de interese cultural.

Tendo e conta o manifestado anteriormente, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural publicou no Diario Oficial de Galicia número 238, do 25 de novembro de 2020, a Resolución do 20 de novembro de 2020 pola que se incoaba o procedemento para declarar ben de interese cultural a biblioteca de Emilia Pardo Bazán, que no seu punto quinto estipula a apertura dun período de exposición pública dun mes para que as persoas que o considerasen conveniente puidesen presentar alegacións. Transcorrido este prazo, non se presentou ningunha alegación.

Amais, e segundo o establecido no artigo 18.2 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, solicitouse o parecer dos órganos asesores e consultivos mencionados no artigo 7 do citado precepto legal, o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario e a Real Academia Galega, que foron favorables á declaración.

Na tramitación do expediente, por tanto, cumpríronse todos os trámites legalmente preceptivos de acordo coas disposicións vixentes.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e sete de xaneiro de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Primeiro. Declarar ben de interese cultural a biblioteca de Emilia Pardo Bazán, conforme o descrito no anexo desta resolución.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e comunicala ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración do Estado e ao Inventario xeral de bens mobles da Administración xeral do Estado.

Terceiro. Aplicar o réxime de protección que establece a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, para os bens de interese cultural e para as coleccións de bens mobles en particular.

Cuarto. Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado. Dado o volume e extensión da relación coñecida dos rexistros desta biblioteca, os anexos II e III publicaranse na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, na seguinte ligazón: https://ficheiros-web.xunta.gal/cultura/bic/anexosbibliotecaepb.zip

Quinto. Recursos

Contra este acto, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poden interpoñer potestativamente recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación ante o órgano que ditou o acto ou, directamente, interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde o día seguinte ao da súa publicación, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Sexto. Notificar esta resolución ás persoas interesadas.

Disposición derradeira primeira. Eficacia

Este decreto terá eficacia desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ferrol, vinte e sete de xaneiro de dous mil vinte e dous

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade

ANEXO I

Descrición do ben

1. Denominación: biblioteca de Emilia Pardo Bazán.

2. Descrición xeral:

• Natureza: material. Ben moble.

• Categoría: colección.

• Especialidade: bibliográfica.

3. Localización:

• 7.883 libros custodiados na Real Academia Galega, rúa Tabernas, 11, A Coruña.

• 2.972 rexistros (uns 3.200 volumes) nas Torres de Meirás, no lugar de Piñeiro da parroquia de San Martiño de Meirás, Sada (A Coruña).

4. Características xerais:

• Descrición histórica.

Emilia Pardo Bazán (1851-1921) foi, e segue a ser considerada, unha figura sobranceira da cultura galega, española e europea, que desenvolveu a súa actividade política, de pensamento, docencia e creación e investigación cultural en múltiples obras, traballos e actividades. Adoita valorarse a súa figura tanto no eido da creación literaria como no propio exercicio do pensamento e da acción política, como unha das pioneiras na vindicación dos dereitos das mulleres e o feminismo.

A súa relevancia para a identidade do pobo galego e a influencia no contexto cultural da súa época ata a actualidade está reflectido en múltiples traballos, análises e investigacións, e a súa obra é fundamental na caracterización da literatura e o pensamento da súa época.

Froito da súa vida é a formalización dunha biblioteca excepcional, que é o sustento e ferramenta de toda esta actividade. A súa concepción está ligada ao sitio das Torres de Meirás e nel estaba por completo (fóra dalgúns libros localizados no domicilio familiar da Coruña) ata o incendio producido en 1978. Foi Emilia Pardo Bazán quen promove a transformación da granxa de Meirás co obxecto de dispor dunha residencia e dunha biblioteca para o seu espazo privado de estudo e creación.

Segundo o artigo de Mercedes Fernández-Couto Tella, directora do Arquivo da Real Academia Galega (RAG), publicado no número 3 do Caderno de Estudos da Casa Museo Emilia Pardo Bazán, o conxunto das procedencias é variado ben que na súa maior parte provirían das Torres de Meirás, como resultado da súa incorporación despois do incendio de 1978 e a actuación do Ministerio de Cultura, que propiciou a doazón duns sete mil cincocentos volumes.

Así mesmo, outra pequena parte da colección, algo máis de catrocentos, correspondería coa propia biblioteca familiar, probablemente en orixe localizada na súa residencia da rúa Tabernas e en Madrid, con exemplares tamén de interese para a conformación do conxunto, volumes de literatura de entre finais do século XIX e mediados do XX, de temática de ocio e familiar, na maior parte posteriores a 1921, e que Blanca Quiroga Pardo-Bazán doa no momento do seu pasamento á RAG.

Moitos outros exemplares permanecerían en Meirás despois desta doazón, cando menos os tres mil douscentos volumes que, polas súas características, corresponden coa propia biblioteca de Emilia Pardo Bazán que aínda permanecerían nas Torres de Meirás e outros, de número indeterminado, dos que non se coñece a localización. A relación de volumes que permanecen nas Torres de Meirás corresponde a 2.792 rexistros, segundo a información e resultado do traballo de seis investigadoras e investigadores que traballaron no seu inventario entre 2017 e 2020 baixo a dirección de Xulia Santiso, conservadora da Casa Museo, e despois das xestións da propia Real Academia Galega a través do que era daquela o seu presidente Xesús Alonso Montero.

• Descrición formal.

A colección persoal de libros de Emilia Pardo Bazán, ao longo da súa vida e intensa e relevante actividade intelectual, está na actualidade disgregada entre a súa localización maioritaria na biblioteca da Real Academia Galega e, outra parte, nas Torres de Meirás, podendo existir outros.

A esta circunstancia engádese o propio proceso vital do conxunto, especialmente a súa disposición e mestura a partir de 1938 co uso das Torres de Meirás por Francisco Franco e posteriormente pola súa familia, e o incendio que afectou moitos dos volumes. Así mesmo, este propio proceso puido supoñer tanto a destrución irrecuperable dalgúns libros e a dispersión noutras localizacións neste momento descoñecidas.

Toda a obra, pertencente en orixe á colección bibliográfica de Emilia Pardo Bazán, estímase que forma parte da mesma biblioteca, valorada no seu conxunto desde a perspectiva de ben de interese cultural.

Segundo a propia información da Real Academia Galega, as bases de datos existentes non diferencian en todos os casos entre títulos, volumes e localizacións, polo que as cifras serán aproximadas ata que investigacións ou traballos máis polo miúdo o concreten.

Consonte resulta da investigación realizada pola RAG, case que todos os exemplares pertencentes á biblioteca de Emilia Pardo Bazán procedentes na súa orixe das Torres de Meirás e os aínda localizados nela posúen un cuño de cor vermella completado á man coa situación topográfica dos libros, rexistro encargado por Jaime Quiroga y Pardo Bazán, primoxénito da escritora, e que permite reconstruír a colocación dos volumes nas diferentes estancias do edificio. Este cuño corresponde cun ficheiro alfabético organizado por autores e almacenado en 12 caixóns da biblioteca da planta baixa das Torres de Meirás, que pode ser a pegada máis definida da biblioteca completa. Porén, tamén existen outros libros coa dedicatoria á autora que non posúen o devandito cuño.

Moitos conteñen subliñados e anotacións nas marxes coa letra da autora, ou das persoas que ao longo do tempo tiveron responsabilidade no seu inventario e sinatura, tanto no propio contexto familiar como xa no propio seo da Real Academia Galega.

Os anexos II e III recollen a relación de rexistros da biblioteca na sede da Real Academia Galega e nas Torres de Meirás, respectivamente.

5. Estado de conservación:

O estado de conservación de cada un dos volumes é moi dispar. Moitos están en condicións precarias tanto como resultado do incendio producido nas Torres de Meirás en 1978 e que afectou nalgúns casos mesmo con carácter crítico e irrecuperable algúns deles, como polas consecuencias derivadas deste feito e da súa propia localización diversa.

A existencia de información e criterios de identificación científica da colección bibliográfica, así como o seu carácter único, prevalece sobre o estado concreto de conservación e integridade material dalgúns dos seus compoñentes e, pola mesma razón, estímase que a súa consideración como unha colección, froito dun proceso intencional de agrupación ao longo de varias xeracións, pero principalmente ligada á propia vida de Emilia Pardo Bazán, tamén debe confrontarse ao propio valor individual que algunhas das obras poden atesourar.

6. Valoración cultural:

O artigo 110, patrimonio bibliográfico de Galicia, declara que este patrimonio está constituído polos fondos e coleccións bibliográficas e hemerográficas de especial valor cultural, incluíndo as obras literarias, históricas, científicas ou artísticas, xa sexan impresas, manuscritas, fotográficas, cinematográficas, fonográficas ou magnéticas, de carácter unitario ou seriado, que reúnan os requisitos do punto anterior, en calquera tipo de soporte e independentemente da técnica utilizada para a súa creación ou reprodución, en que concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Que, respecto destas obras, conste a inexistencia de, cando menos, tres exemplares idénticos en bibliotecas ou servizos públicos.

b) Que sexan anteriores a 1901.

c) Que teñan características singulares que lles outorguen carácter único (ex libris, expurgacións, etc.).

Considérase que a colección bibliográfica reúne en gran parte dos seus compoñentes individuais os criterios recollidos na citado alínea b) e que, sen dúbida, acredita a súa singularidade e carácter único en relación coa propia figura e posesión de Emilia Pardo Bazán.

Trátase dunha colección esencial tanto por ser unha biblioteca creada por unha intelectual, novelista, inquieta, autodidacta, defensora da liberdade da muller e pioneira das ideas feministas e preocupada pola cuestión social, como por ser froito das súas relacións con intelectuais contemporáneos, unha das pensadoras máis sobresaíntes do seu contexto e vixente na actualidade.

A súa biblioteca constitúe un conxunto singular pola súa relevancia como autora prestixiosa e influente no panorama literario español do século XIX, ademais de concorrer nela un especial valor cultural, como testemuña dun período histórico, ao ser un patrimonio material que contribuiría ao coñecemento sobre esta etapa da historia cultural de Galicia.

A gran maioría dos volumes son primeiras edicións, moitos deles manuscritos dedicados polos seus autores a esta protagonista da vida intelectual da súa época, e abranguen literatura do Século de Ouro español, do século XIX e principios do XX, francesa e española e unha boa representación de literatura galega.

A existencia de subliñados e anotacións nas marxes coa letra da autora e outros elementos como ex libris e dedicatorias personalizadas convértenos en únicos.

Hai tamén volumes de historia, filosofía, socioloxía, guías de viaxes e unha ampla representación da prensa da época de Pardo Bazán, onde ela adoitaba colaborar. Entre eles hai tesouros, como o libro de Saavedra Fajardo Empresas políticas (1648) ou primeiras edicións de Voltaire do século XVIII, a que alude a autora na súa obra Los pazos de Ulloa e dos que seguramente o seu primeiro dono foi o seu avó Miguel Pardo Bazán.

O conxunto da colección actualmente dispoñible para o uso público e consulta recibe un alto número das solicitudes de investigación na RAG, tanto á biblioteca (un 10 %) como ao arquivo da RAG (un 30 % no último ano). Isto colabora na difusión e no fomento do coñecemento cultural con datos valiosos, tanto en teses de doutoramento como en revistas especializadas de todo o mundo, o que facilita a comprensión da intelectualidade cultural da época da escritora.

7. Réxime de protección e salvagarda:

A declaración como ben de interese cultural da biblioteca de Emilia Pardo Bazán determina a aplicación do réxime de protección previsto nos títulos II e III da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (LPCG), e co que se establece na Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español (LPHE), en materia de exportación e espolio.

Este réxime implica a súa máxima protección e tutela, polo que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección e, ademais:

• Autorización: as intervencións que se pretendan realizar terán que ser autorizadas pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade e o seu uso quedará subordinado a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección, polo que os cambios de uso substanciais deberán ser autorizados pola citada consellería.

• Deber de conservación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre os bens, están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

• Acceso: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre os bens están obrigadas a permitirlle o acceso ao persoal habilitado para a función inspectora, ao persoal investigador e ao persoal técnico da Administración nas condicións legais establecidas. Este acceso poderá ser substituído para o caso de investigación polo seu depósito na institución ou entidade que sinale a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, e que non poderá superar os dous meses cada cinco anos.

• Visita pública: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, titulares de dereitos reais sobre os bens deberán permitir a visita pública nas condicións establecidas na normativa vixente, que poderá ser substituída polo depósito para a súa exposición durante un período máximo de cinco meses cada dous anos.

• Transmisión: toda pretensión de transmisión onerosa da propiedade ou de calquera dereito real de desfrute deberalle ser notificada á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, con indicación do prezo e das condicións en que se propoña realizar, e a Administración poderá exercer os dereitos de tanteo ou retracto nas condicións legais establecidas.

• Expropiación: o incumprimento das obrigas de conservación será causa de interese social para a expropiación forzosa por parte da Administración competente.

• Traslado: calquera traslado deberá ser autorizado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural con indicación da orixe e destino, carácter temporal ou definitivo e condicións de conservación, seguridade, transporte e, se é o caso, aseguramento.

• Exportación: a súa exportación queda prohibida en aplicación do disposto no artigo 5.3 da LPHE, sen prexuízo de que poida ser autorizada pola Administración do Estado a súa saída temporal nas condicións que se determinen e tomando en consideración que o incumprimento delas ou do seu retorno terá a consideración de exportación ilícita.

• Colección: posto que existen os indicios, segundo o coñecemento experto sobre a materia, da posibilidade da existencia de parte desta colección diseminada en diferentes localizacións, debe tomarse en conta que na medida en que poida acreditarse a relación de libros, volumes ou conxuntos bibliográficos pertencentes en orixe á biblioteca de Emilia Pardo Bazán, e que reúnan as características aquí sinaladas, poderán ser incorporadas á relación que conforman os rexistros integrantes na actualidade.

A biblioteca de Emilia Pardo Bazán ten un carácter único como colección e está vinculada na súa orixe ás Torres de Meirás, permanece nesta localización ata o incendio de 1978 e posteriormente foi trasladada na súa maior parte á Real Academia Galega, quen promove a súa conservación e disposición para a sociedade en xeral de forma ordenada e sistemática no seu arquivo e biblioteca.

• Segundo o recollido no artigo 63.2 da LPCG, as coleccións de bens mobles de calquera natureza integrantes do patrimonio cultural de Galicia que como tales teñan a condición de bens de interese cultural non poden ser disgregadas polas persoas titulares ou posuidoras sen a autorización da consellería competente en materia de patrimonio cultural.

• No referido a outros volumes que puidesen en orixe formar parte da biblioteca e que se atopen na actualidade noutras localizacións, para a súa identificación empregaranse criterios como as marcas de propiedade ou etiquetas topográficas da súa biblioteca.