Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 17 de febreiro de 2022 Páx. 11716

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 9 de febreiro de 2022 pola que se modifica a Resolución do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes aos programas de incentivos 1, 2 e 3 vencellados ao autoconsumo e ao almacenamento no sector servizos e noutros sectores produtivos, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia europeo (código de procedemento IN421W).

O 6 de outubro de 2021, a Axencia Instituto Enerxético de Galicia publicou no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes aos programas de incentivos 1, 2 e 3 vencellados ao autoconsumo e ao almacenamento no sector servizos e noutros sectores produtivos (código de procedemento IN421W), aprobados polo Real decreto 477/2021, do 29 de xuño.

O 30 de setembro de 2021 publícase no Boletín Oficial del Estado a Orde HFP 1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, e a Orde HFP 1031/2021, do 29 de setembro, pola que se establece o procedemento e o formato da información que proporcionarán as entidades do sector público estatal, autonómico e local para o seguimento do cumprimento de fitos e obxectivos e de execución orzamentaria e contable das medidas dos compoñentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (BOE núm. 234).

O sistema ten como finalidade primordial a busca da uniformidade e a definición das reformas e investimentos, fitos e obxectivos que integran o Plan de recuperación, transformación e resiliencia, regulando aspectos como a loita contra a fraude, a corrupción e a identificación dos beneficiarios últimos das axudas, así como dos contratistas e subcontratistas.

Neste sentido, a Orde HPF 1030/2021, do 29 de setembro, establece, no seu artigo 8, a obriga das entidades decisorias e executoras de incluír nas súas respectivas convocatorias de axudas unha serie de requisitos en relación coa identificación dos beneficiarios destas. O dito artigo dispón que: «Coa finalidade de dar adecuado cumprimento ao mandato establecido na letra d) do número 2 do artigo 22 do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, configúrase o seguinte procedemento de incorporación de información específica: (...)

d) Aceptación de cesión de datos entre as administracións públicas implicadas para dar cumprimento ao previsto na normativa europea que é de aplicación e de conformidade coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais (modelo anexo IV.B).

e) Declaración responsable relativa ao compromiso de cumprimento dos principios transversais establecidos no PRTR e que poidan afectar o ámbito obxectivo de xestión (modelo IV.C) (...)».

Ademais, menciónase na orde a obriga de formalizar unha declaración de ausencia de intereses (DACI) polos beneficiarios que, dentro dos requisitos de concesión de axuda, leven a cabo actividades que presenten un conflito de intereses potencial que poida afectar os intereses financeiros da UE (anexo III.C.1.b) ii e d) i) B).

O número 3.b) do artigo 9 da Orde 1030/2021, do 29 de setembro, sinala tamén que: «(...) Do mesmo xeito, todas as convocatorias, licitacións, convenios e resto de instrumentos xurídicos, que se desenvolvan neste ámbito, deberán conter tanto no seu encabezamento como no seu corpo de desenvolvemento a seguinte referencia “Plan de recuperación, transformación e resiliencia-financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU”».

Por outra parte, o artigo 10 da Orde 1031/2021, do 29 de setembro, establece para as entidades executoras do PRTR a obriga de achegar a información sobre a identificación do preceptor dos fondos e, entre outros datos, a data de nacemento, se é o caso.

En consecuencia, e para dar cumprimento ao establecido na devandita orde, de conformidade coas facultades conferidas pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo co sinalado no Decreto 142/2016, do 22 de setembro, polo que se modifican as normas reguladoras do Instituto Enerxético de Galicia e se aproban os estatutos da Axencia Instituto Enerxético de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro. Modificar o título da Resolución do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes aos programas incentivos 1, 2 e 3 vencellados ao autoconsumo e ao almacenamento no sector servizos e noutros sectores produtivos, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia europeo (código de procedemento IN421W), así como o seu primeiro parágrafo, que pasa a ter a seguinte redacción:

«Resolución do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes aos programas incentivos 1, 2 e 3 vencellados ao autoconsumo e ao almacenamento no sector servizos e noutros sectores produtivos, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia-financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (código de procedemento IN421W).

As axudas desta convocatoria teñen como obxectivo o desenvolvemento de enerxías renovables, concretamente o autoconsumo e o almacenamento eléctrico no sector servizos e noutros sectores produtivos. Esta convocatoria ten o seu encaixe nos programas estatais de incentivos vencellados ao autoconsumo e ao almacenamento, con fontes de enerxía renovable, aprobados polo Real decreto 477/2021, do 29 de xuño, co obxecto de establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas, no marco dos obxectivos perseguidos polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e polo Plan nacional integrado de enerxía e clima (PNIEC) 2021-2030. Concretamente, estas axudas encaixan nos programas 1, 2 e 3 deste real decreto».

Segundo. Modificar o artigo 6 da Resolución do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa de incentivos 1, 2 e 3 vencellados ao autoconsumo e ao almacenamento no sector servizos e noutros sectores produtivos (código de procedemento IN421W), que queda redactado nos seguintes termos:

«1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación (...):

l) Declaración de compromiso, de cesión e tratamento de datos e de ausencia de conflito de intereses, en relación coa execución e actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia derivada da Orde HFP 1030/2021, do 29 de setembro, anexo VI».

Terceiro. Engadir un novo anexo VI á Resolución do 29 de setembro de 2021, que figura como anexo á presente resolución e que comprenderá cada unha das declaracións nomeadas, así como a data de nacemento do solicitante ou beneficiario.

Cuarto. Esta orde será tamén aplicable ás solicitudes de axudas que xa estivesen presentadas na súa entrada en vigor.

Para estes casos, no suposto de que se conceda a axuda, os beneficiarios deberán presentar a devandita declaración na fase de xustificación da axuda xunto co resto de documentación exixida no artigo 18 da convocatoria.

Quinto. Esta modificación entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2022

Paula María Uría Traba
Directora da Axencia Instituto Enerxético de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file