Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Martes, 22 de febreiro de 2022 Páx. 12721

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 31 de xaneiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas de compensacións complementarias e axudas para a reposición dos animais en explotacións de gando bovino, ovino e cabrún, como consecuencia do sacrificio obrigatorio de gando en execución de programas oficiais de erradicación de enfermidades, e se convocan para o ano 2022 (códigos de procedemento MR553A, MR553B e MR550A).

BDNS (Identif.): 610723.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Obxecto

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras e convocar para o ano 2022:

1. As axudas de compensacións complementarias por lucro cesante nos casos de inactividade nas explotacións de gando bovino, ovino e cabrún, rexistradas en Galicia, con motivo da vixilancia, loita, control ou erradicación de enfermidades destas especies, levados a cabo no marco de programas ou actuacións sanitarias oficiais.

Esta orde regulará, dentro destas axudas do número 1, dous procedementos que se atopan na sede electrónica da Xunta de Galicia, e que se corresponden cos dous períodos de tempo nas axudas:

a) Axudas de compensacións complementarias en explotacións de gando bovino, ovino e cabrún: período de baleiro. Código de procedemento MR553A.

b) Axudas de compensacións complementarias en explotacións de gando bovino, ovino e cabrún: período de postautorización á reintrodución. Código de procedemento MR553B.

2. As axudas para a compra de animais das especies bovina, ovina e cabrúa que teña por obxecto a reposición de efectivos, naquelas explotacións rexistradas en Galicia en que se ordenou o sacrificio de animais destas especies, despois do diagnóstico dunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial de vixilancia, loita, control ou erradicación; tamén se incluirán os casos de animais desas especies que morresen neses marcos sanitarios oficiais citados, e os casos de morte/sacrificio deses animais como consecuencia dun programa oficial obrigatorio de vacinación.

En relación co número 2, a orde regulará o procedemento de axudas á reposición de animais: xeral, que se atopa recollido na sede electrónica da Xunta de Galicia co código de procedemento MR550A.

3. O procedemento de concesión das axudas recollidas nesta orde, de xeito excepcional, non requirirá a comparación nin a prelación das solicitudes presentadas, senón que se tramitarán todas as solicitudes a medida que as persoas interesadas as presenten, ata esgotar o crédito orzamentario, e en cumprimento do artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Persoas e entidades beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias das axudas de compensacións complementarias por lucro cesante as persoas físicas e xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica que sexan titulares de explotacións bovinas, ovinas e cabrúas en que se sacrificase ou destruíse de forma preventiva a totalidade do seu censo, por motivos de sospeita e/ou confirmación da presenza dalgunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial de vixilancia, loita, control ou erradicación.

2. Poderán ser persoas beneficiarias das axudas para a compra de animais de reposición as persoas físicas e xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica que sexan titulares de explotacións bovinas, ovinas e cabrúas en que se ordenase o sacrificio obrigatorio de animais existentes nelas, como consecuencia do diagnóstico dunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial de vixilancia, loita, control ou erradicación, así como as persoas ou entidades titulares daquelas explotacións onde morresen ou se practicase a eutanasia de animais das ditas especies, por mor dunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial de vixilancia, loita, control ou erradicación ou por mor dun programa oficial obrigatorio de vacinación.

3. As persoas ou entidades solicitantes das axudas establecidas nesta orde, para seren beneficiarias delas, deberán ter a condición de pemes, de acordo co disposto no anexo I do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.

4. En cumprimento do artigo 1.6.b).ii) do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño, as pemes beneficiarias do presente réxime de axudas non terán a consideración de empresas en crise, segundo a definición destas establecida no artigo 2.14 deste regulamento, agás que a empresa se convertese nunha empresa en crise por mor dos danos ou perdas causados polas enfermidades animais recollidas na lista da Organización Mundial de Sanidade Animal (OIE), ou no artigo 5.1 do Regulamento (UE) nº 2016/429 do Parlamento Europeo e do Consello, do 9 de marzo, ou no Regulamento (CE) nº 999/2001 do Parlamento Europeo e do Consello, do 22 de maio.

5. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as persoas ou entidades:

a) Que se atopen en calquera das circunstancias sinaladas no artigo 10, puntos 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 13, puntos 2 e 3, da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. Así mesmo, será de obrigado cumprimento a apreciación recollida no artigo 14 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente, despois dunha decisión previa da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior, e en cumprimento do artigo 1.5.a) do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 31 de xaneiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas de compensacións complementarias e axudas para a reposición dos animais en explotacións de gando bovino, ovino e cabrún, como consecuencia do sacrificio obrigatorio de gando en execución de programas oficiais de erradicación de enfermidades, e se convocan para o ano 2022 (códigos de procedemento MR553A, MR553B e MR550A).

Cuarto. Importe

– Contía das compensacións complementarias:

1. O importe das compensacións complementarias por lucro cesante en explotacións de gando bovino, ovino e cabrún será determinado con base nos cálculos aplicados ás marxes brutas das principais actividades produtivas gandeiras das explotacións, que se xuntan como anexo I a esta orde, tendo en conta o período de inactividade da explotación desde o día seguinte a aquel en que sexa efectivo o seu baleiro sanitario (a data real do baleiro é a data de sacrificio do último animal que saíu da explotación) e que fose ordenado pola autoridade competente.

2. Os cálculos faranse multiplicando o valor en euros da marxe bruta (no anexo I desta orde) de cada unidade de produción polo número de unidades de produción que consten como datos oficiais referidos á explotación afectada na Consellería do Medio Rural, resultando así o importe anual que percibirá a explotación; este importe, dividido entre 365 días, determinará o importe diario conxunto da explotación, o cal se dividirá entre o número obtido de animais sacrificados con dereito á axuda (para cada correspondente actividade produtiva do anexo I desta orde) para obter o importe que percibirá cada animal ao día.

O importe por animal e día multiplicarase polo número de días de inactividade, e o resultado desta operación será o importe final que se percibirá por cada animal durante o tempo sinalado para o período da axuda de que se trate (no artigo 23.2 desta orde).

No caso de recuperación parcial da actividade (incorporación de animais) serán descontados, para os días restantes, os importes das reses correspondentes.

– Contías das axudas para a reposición:

1. Contías básicas:

a) As axudas para a compra de animais bovinos, ovinos e cabrúns destinados á reposición poderán concederse nas contías básicas e cos límites seguintes: 500 euros por animal adquirido da especie bovina e 50 euros por animal comprado para o gando ovino e o cabrún (houbese ou non baleiro sanitario na subexplotación); estes importes por animal poderán ser incrementados nun 10 % (550 €→bovino, 55 €→ovino e cabrún) se a explotación pertencía a unha asociación de defensa sanitaria gandeira (ADSG) nunhas datas determinadas, e no marco do artigo 1.2 desta orde.

b) Para os efectos de determinar a axuda que se vai recibir, e tendo en conta o criterio recollido no artigo 32.2 desta orde, calcularase o importe medio percibido por animal sacrificado (valor da unidade sacrificada, do cal se beneficiou a persoa titular da explotación), que será o valor resultante de dividir as cantidades totais percibidas en concepto de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais, os importes dos canais no matadoiro ou na comercialización dos animais, e os importes do seguro gandeiro (este último, se é o caso), entre o número total de animais sacrificados considerados para a axuda.

c) Levarase a cabo o pagamento completo da contía básica sinalada no artigo 32.1, sempre que a diferenza ou resta entre o prezo de compra do animal e o citado importe medio por animal sacrificado sexa un valor positivo igual ou superior á dita contía básica. No caso de que o resultado da referida diferenza fose un valor positivo inferior á contía básica, pagarase como contía da axuda o dito importe inferior. Se o resultado da diferenza é un valor negativo, non haberá axuda para o animal comprado de que se trate (o valor da unidade sacrificada é maior que o prezo de compra do animal reposto).

d) Unha vez feitos os cálculos destas contías, e para unha mesma solicitude da axuda á reposición presentada para varios animais comprados, podería haber animais que perciban a axuda (valor positivo) e outros que non (valor negativo do importe), se é o caso.

2. Contía adicional para o gando bovino:

Ademais da contía básica, e cando como resultado dos cálculos sexa alcanzado o importe máximo dela para o animal (500 € ou 550 €), poderá concederse unha contía adicional para a res bovina comprada, nos casos recollidos no artigo 34 desta orde.

3. Contía máxima das axudas para o gando bovino:

a) A contía máxima da axuda para cada res bovina adquirida será a suma do importe máximo da contía básica máis o importe da contía adicional, se é o caso.

b) Levarase a cabo o pagamento completo da contía máxima sinalada na alínea a) anterior, sempre que a diferenza ou resta entre o prezo de compra do animal e o importe medio por animal sacrificado sexa un valor positivo igual ou superior á dita contía máxima. No caso de que o resultado da dita diferenza sexa un valor positivo inferior á contía máxima, pagarase como contía da axuda o dito importe inferior.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes e, se é o caso, da correspondente documentación complementaria, será desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o día 30 de novembro de 2022.

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2022

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural