Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Mércores, 23 de febreiro de 2022 Páx. 12949

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 10 de febreiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas para actuacións de mellora paisaxística e de embelecemento de bens e recursos que se atopen no Camiño de Santiago, e se establece a súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento TU501D).

A Axencia Turismo de Galicia créase como axencia pública autonómica co obxectivo de impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo e, en especial, a promoción e a ordenación do turismo dentro da comunidade e tamén da conservación e promoción dos camiños de Santiago, de conformidade co disposto polo artigo 1 do Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos.

A peregrinación a Santiago de Compostela é un auténtico fenómeno de carácter histórico-cultural de relevancia universal e un símbolo de fraternidade que goza de numerosos recoñecementos: primeiro Itinerario Cultural Europeo (1987) polo Consello de Europa e Patrimonio da Humanidade pola UNESCO: o chamado Camiño Francés en España (1993), os camiños históricos de Francia (1998) e no pasado ano 2015 os Camiños do Norte, que comprenden en Galicia os chamados Camiño Norte ou da Costa e o Camiño Primitivo ou de Oviedo.

A significación histórica e cultural do Camiño de Santiago, a súa crecente vitalidade, a súa importancia como icona de Galicia, o seu decisivo papel como elemento dinamizador da vida social e económica de numerosas localidades de Galicia polas que discorren os itinerarios xacobeos patentizan que a xestión do Camiño de Santiago é unha responsabilidade colectiva que abrangue tanto as administracións públicas como a outras institucións e colectivos sociais; en definitiva, a propia sociedade galega.

A política desenvolvida pola Xunta de Galicia a principios dos anos noventa do pasado século revitalizou o Camiño de Santiago e fixo que nas últimas décadas este camiño experimentase un extraordinario auxe, vivindo un novo tempo de peregrinación, de intercambio de ideas, de culturas e de nacionalidades, que o converteu nun elemento referencial en toda Europa e en grande parte do mundo.

Non se pode esquecer, ademais da vertente cultural e relixiosa, o efecto económico e xerador de riqueza que supón o Camiño de Santiago, especialmente nos anos santos, afectando non só a cidade de Santiago de Compostela, senón a todo o territorio galego.

Así, a celebración do Ano Santo Xacobeo no ano 21-22 constitúe para a Comunidade Autónoma de Galicia unha oportunidade de potenciación de Galicia, así como de promoción e de reforzo da dimensión internacional do Camiño de Santiago e da propia comunidade, e leva aparellado un amplo despregamento de actuacións en distintos ámbitos.

Dentro deste marco é precisa a colaboración no ámbito público e privado para o impulso, a xestión, a ordenación e a innovación de actuacións que incidan e procuren a mellora paisaxística e embelecemento do Camiño de Santiago, polo que procede a convocatoria dunha liña de axudas para estas accións, co fin de consolidar unha boa imaxe do Camiño e de Galicia.

En consecuencia, con cargo aos créditos da Axencia Turismo de Galicia asignados para esta finalidade, e consonte o establecido sobre medidas de fomento no artigo 94 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 95 da dita lei e tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da devandita lei, e de conformidade coa competencia conferida polo artigo 19 dos estatutos da Axencia Turismo de Galicia, aprobados polo Decreto 196/2012, do 27 de setembro,

RESOLVO:

1. Convocatoria e bases reguladoras.

1.1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases específicas, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión das axudas para actuacións de mellora paisaxística e de embelecemento de bens e recursos que se atopen no Camiño de Santiago (código de procedemento TU501D).

Os seus principais obxectivos son:

• Avanzar na mellora do Camiño de Santiago, especialmente en relación cos seus itinerarios e contornas ambientais, paisaxísticas e arquitectónicas e na súa protección xeral e posta en valor.

• Aumentar a sensibilidade cidadá en relación coa relevancia dos valores do Camiño de Santiago.

• Estimular o coñecemento do patrimonio xeral do Camiño.

• Fomentar a colaboración cidadá en coordinación coas administracións públicas.

1.2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva e, no que respecta ás persoas físicas e xurídicas de natureza privada que resulten beneficiarias, quedará suxeito ao Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro).

2. Solicitudes.

2.1. Para poder ser beneficiario destas subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 6 das bases reguladoras.

2.2. As solicitudes deberán presentarse na forma e no prazo establecidos no artigo 5 das bases reguladoras.

3. Prazo de duración do procedemento de concesión.

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

O procedemento de concesión non poderá ter unha duración superior aos cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

4. Información ás persoas interesadas.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia Turismo de Galicia: http://www.turismo.gal/canle-profesional/promocion-do-sector/axudas-e-subvencions

b) Páxina web https://sede.xunta.gal/portada, e introducindo no buscador o código de procedemento TU501D.

c) Os teléfonos 981 54 01 46 e 981 54 02 61.

d) Enderezo electrónico: fomento.turismo@xunta.gal

5. Réxime de recursos.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Axencia Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

6. Base de datos nacional de subvencións.

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2022

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia

ANEXO I

Bases reguladoras específicas para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas para actuacións de mellora paisaxística e de embelecemento de bens e recursos que se atopen no Camiño de Santiago, e se establece a súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento TU501D)

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a mellora paisaxística, a procura da harmonía, a orde e o respecto, e a coherencia do Camiño de Santiago e a súa paisaxe cos valores culturais ligados ás sociedades que ao longo do tempo construíron este espazo (código de procedemento TU501D).

As actuacións deberán realizarse sobre bens físicos situados no ámbito de protección dos Camiños de Santiago, e no campo visual do seu percorrido, de tal xeito que a actuación sexa perfectamente visible desde o Camiño.

Exclúense desta resolución os seguintes casos:

– Actuacións en solos clasificados polo planeamento xeral municipal como solo urbano consolidado, con uso principal de residencial colectivo e/ou tipoloxía de bloque de vivendas ou similar.

– Actuacións en solo urbano consolidado que chegou a selo tras a execución de actuacións urbanísticas de desenvolvemento de solo.

– Actuacións en solo urbano non consolidado pendente de desenvolvemento, con tipoloxía edificatoria prevista en vivenda colectiva.

2. En concreto, poderán ser obxecto de subvención as seguintes actuacións:

a) Actuacións sobre elementos etnográficos e a súa contorna.

Actuacións de valorización, mantemento, conservación, consolidación ou restauración dos bens que integran o patrimonio etnográfico de Galicia, de conformidade co sinalado no capítulo III da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (fontes, lavadoiros, hórreos, pontes, pontellas, muíños, valados, peches e calquera outro elemento de carácter tradicional vinculado á paisaxe e a cultura do lugar). As actuacións realizaranse sobre o propio elemento e/ou a súa contorna.

b) Actuacións sobre a casa e a eira.

• Actuacións de mellora nos revestimentos: fachada, cuberta con materiais propios da zona como son a madeira, pedra, pintura e calquera material que harmonice coa contorna e as súas cores.

• Actuacións de mellora dos puntos de contacto coa traza do Camiño: valados, pavimentos nos puntos de acceso, instalación de áreas de descanso para peregrinos.

• Actuacións de mellora nas edificacións auxiliares, como adaptación da escala ou os acabados.

c) Actuacións no espazo agrario.

• Actuacións de ocultación mediante vexetación ou outros elementos daqueles bens ou elementos con forte impacto sobre o campo visual do Camiño, por exemplo, naves gandeiras.

• Actuacións de demolición de elementos en desuso ou abandonados sen interese patrimonial ou paisaxístico, como naves, silos ou casetas.

• Actuacións de mellora dos puntos de contacto coa traza do Camiño: valados, pavimentos nos puntos de acceso.

• Actuacións de desentullo e limpeza de lixo ou materiais en desuso.

d) Actuacións de naturalización.

Incorporación de vexetación como elemento integrador das construcións e das vías, como arborizado e vexetación arbustiva de acompañamento do Camiño, e mellora do axardinamento en xeral.

e) Actuacións no trazado do camiño.

• Actuacións de substitución de elementos de mobiliario urbano e similares que polo seu estado de deterioración ou polas súas propias características físicas resulten alleos á contorna do Camiño. Por exemplo: marquesiñas, elementos de sinalización, bolardos, iluminación pública, cableado aéreo, antenas, colectores de residuos.

Todas as actuacións deberán executarse seguindo as indicacións que se recollen nas directrices que se xuntan como anexo IX a estas bases.

3. As subvencións obxecto destas bases divídense en dúas categorías, en atención ás persoas solicitantes:

Categoría 1ª: entidades locais de Galicia, consonte o previsto no artigo 4 destas bases reguladoras.

Categoría 2ª: persoas físicas e persoas xurídicas sen ánimo de lucro, así como outras entidades sen personalidade xurídica consonte o previsto no artigo 4 destas bases reguladoras.

4. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

5. Só caberá presentar unha solicitude por persoa ou entidade solicitante. Cada solicitude corresponderase cun único proxecto, aínda que en cada proxecto se poderá incluír máis dunha actuación. Para os efectos desta convocatoria, considerarase proxecto aquela actuación ou conxunto de actuacións, susceptibles de definición individualizada, para as cales se solicita subvención.

6. A persoa ou entidade solicitante deberá ter plena dispoñibilidade sobre os terreos ou inmobles nos que se pretende realizar as actuacións, como mínimo, durante o período en que se manteñen as obrigas que asume o beneficiario da axuda previstas no artigo 19. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes e acreditarase, no caso de entidades locais, mediante a certificación emitida pola secretaría do concello solicitante no modelo do anexo III. No caso de persoas físicas ou xurídicas privadas, este requisito acreditarase mediante a presentación dunha copia da escritura de propiedade ou de calquera outro dereito real sobre o ben ou recurso.

7. Así mesmo, de seren necesarias para levar a cabo a actuación para a cal se solicita a subvención, deberase contar coas autorizacións ou licenzas urbanísticas ou sectoriais que resulten preceptivas, tanto das entidades locais como por parte doutros organismos ou administracións públicas. Para estes efectos, o cumprimento do dito requisito acreditarase na fase de xustificación.

Artigo 2. Gastos subvencionables e contía da subvención

1. De acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles gastos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada e sexan efectivamente realizados a partir do 1 de xaneiro de 2022.

2. Ao abeiro do regulado nestas bases, serán gastos subvencionables os seguintes:

a) Gastos necesarios para a axeitada execución das actuacións subvencionadas, incluíndo, de ser o caso, os gastos financeiros, de asesoría xurídica ou financeira, gastos notariais e rexistrais e os de peritaxe, sempre e cando fosen indispensables para a execución da intervención.

b) Gastos correspondentes a honorarios facultativos devindicados pola redacción dos proxectos técnicos precisos para a execución das actuacións, así como pola dirección facultativa das obras e o custo dos estudos necesarios para a súa realización. Estes custos xerais asociados aos investimentos que se efectúen non poderán superar o 10 % do investimento subvencionable.

c) Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se subvencionarán os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

d) Os custos derivados do emprego de medios propios no desenvolvemento das actuacións subvencionadas, e os custos indirectos imputables pola persoa beneficiaria á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda, sempre que se recollan no orzamento do proxecto para o que se solicita a subvención.

3. Non son gastos subvencionables:

a) Os gastos correntes de funcionamento da persoa/entidade beneficiaria.

b) As obras de nova construción ou a adquisición de equipamentos novos, agás que formen parte dunha actuación integral.

c) Equipamento e materiais non funxibles de segunda man.

d) Actuacións de mantemento que se realicen periodicamente para manter o recurso ou o elemento sobre o que se propón a actuación en perfecto uso ou estado.

e) Taxas municipais.

f) Carteleira publicitaria da propia subvención.

4. Na adquisición de bens e servizos mediante contratos públicos polas entidades locais non son subvencionables:

a) Os pagamentos efectuados polo contratista á Administración en concepto de taxa de dirección de obra ou control de calidade.

b) Calquera outros conceptos que supoñan ingresos ou descontos que se deriven da execución do contrato.

c) Os pagamentos efectuados polo beneficiario que se deriven da execución dos contratos públicos.

5. En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias; os xuros, recargas e sancións administrativas e penais, nin os gastos dos procedementos xudiciais.

6. O importe da subvención será do 75 % do orzamento do investimento subvencionable, co límite máximo de 15.000 € para a categoría 1ª e 10.000 € para a categoría 2ª, consonte o previsto no artigo 4.1 destas bases reguladoras.

7. Nos supostos establecidos no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas ou entidades beneficiarias deberán solicitar e obter, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación, e achegalas xunto coa documentación xustificativa da subvención.

Artigo 3. Financiamento e concorrencia. Compatibilidade

1. As subvencións obxecto desta resolución financiaranse cun crédito total de 1.500.000 €, dos cales 750.000 € dirixiranse á categoría 1ª, con cargo á aplicación orzamentaria 05.A2.761A.760.0, código de proxecto 2016 00002; e 750.000 €, á categoría 2ª, con cargo á aplicación orzamentaria 05.A2.761A.781.0, código de proxecto 2015 00005 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de conformidade co disposto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o que poderá dar lugar á posibilidade de atender novas solicitudes que poderán recibir a subvención oportuna.

Nestes casos o órgano concedente deberá publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios nos que publicou a convocatoria sen que esta publicación implique unha apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo dos prazos para resolver.

Se as solicitudes presentadas por categoría non esgotan o crédito previsto no parágrafo primeiro deste artigo poderase destinar á outra categoría.

2. No caso de que o réxime de axudas estea suxeito ao Regulamento (UE) 1407/2013 relativo ás axudas de minimis, ao tratarse de persoas físicas e xurídicas privadas sen ánimo de lucro, deberase garantir que, no caso de recibir as persoas beneficiarias outras axudas baixo este réxime de minimis, non se supera o límite de 200.000 € nun período de tres exercicios fiscais. Este límite aplicarase independentemente da forma da axuda de minimis ou do obxectivo perseguido. O período determinarase tomando como referencia os dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal en curso, de acordo co establecido no artigo 2 do citado regulamento.

3. As subvencións reguladas nestas bases serán compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o mesmo obxecto e finalidade procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais ou de organismos internacionais, pero o seu importe en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actuación subvencionada.

4. En todo caso, estas axudas serán incompatibles, para o mesmo proxecto, coas axudas que a entidade local beneficiaria reciba da Axencia Turismo de Galicia, a través da convocatoria de subvencións a entidades locais para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas no medio rural para o ano 2022 (códigos de procedemento TU501B e TU503D).

Así mesmo, estas axudas serán incompatibles, en calquera caso, coas axudas que as persoas ou entidades da categoría 2ª reciban da Axencia Turismo de Galicia a través da convocatoria para a mellora das infraestruturas de establecementos turísticos para o ano 2022 (código de procedemento TU503A).

No caso de que as persoas ou entidades solicitantes participasen en varias das convocatorias mencionadas, deberán optar por unha delas, de acordo co previsto nos parágrafos anteriores, no prazo de 10 días desde a notificación da última resolución de concesión recibida. Se a persoa beneficiaria non se manifesta expresamente por ningunha delas no prazo antedito entenderase que acepta a última subvención concedida e notificada.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases:

Categoría 1ª:

a) Os concellos de Galicia polos que discorra algún tramo físico terrestre do Camiño de Santiago.

b) Tamén poderán solicitar as axudas reguladas por estas bases calquera outra entidade local en relación a actuacións a realizar no Camiño de Santiago, sempre que teñan competencias para a actuación proposta.

Categoría 2ª:

a) As persoas físicas sen ánimo de lucro e as persoas xurídicas sen ánimo de lucro titulares dun dereito real sobre un ben moble ou inmoble, recurso ou elemento situado en calquera dos tramos físicos dalgunha das rutas do Camiño de Santiago.

b) As comunidades de persoas propietarias e as agrupacións de comunidades de persoas propietarias, constituídas conforme o disposto polo artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal, en relación cos inmobles situados en calquera dos tramos físicos dalgunha das rutas no Camiño de Santiago.

c) As asociacións de veciños, comunidades de montes veciñais en man común, comunidades de bens, e calquera outra institución ou asociación que teña título habilitante suficiente para actuar sobre o recurso ou elemento sobre o que se propón a actuación situado en calquera dos tramos físicos dalgunha das rutas do Camiño de Santiago.

2. Os requisitos para ser beneficiarias deberán cumprirse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarias aquelas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable da persoa/entidade local solicitante.

4. As entidades locais solicitantes deberán ter remitidas as contas do último exercicio fiscal ao Consello de Contas. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 5. Forma e lugar de presentación das solicitudes e das declaracións responsables

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para estes efectos, enténdese que queda acreditado que as persoas solicitantes gozan do acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios por razón da súa capacidade técnica e dedicación profesional en virtude do artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, e indicaralle que, se así non o fixer, se lle terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

4. Para os efectos da concesión das axudas, terase en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes na sede electrónica da Xunta de Galicia ata que se esgote o orzamento da convocatoria. Considerarase data de presentación válida aquela en que o expediente sexa presentado completo e conste nel a solicitude, correctamente cuberta, e toda a documentación exixida na presente resolución. Así mesmo, considerarase esgotado o orzamento cando se efectúe o rexistro da última solicitude de axuda que totalice o importe total do crédito desta convocatoria. Nese caso, e sempre antes da data máxima sinalada neste punto, poderán seguirse rexistrando solicitudes en lista de reserva provisional, as cales serán atendidas por rigorosa orde de entrada, supeditadas a que se produzan desestimacións ou revogacións das solicitudes de axuda previas.

Non serán admitidas a trámite, en ningún caso, as solicitudes presentadas fóra do prazo e de forma distinta ao que se establece nesta resolución.

5. As persoas ou entidades solicitantes deberán declarar responsablemente, tal e como consta no anexo II:

a) Se, en relación con outras subvencións, axudas, recursos ou ingresos concedidos ou solicitados, se solicitou, ou non, ou se recibiu, ou non, ningunha outra subvención, axuda, recurso ou ingreso para o mesmo proxecto e conceptos para os que se solicita a subvención.

b) Se se solicitou, ou non, ou se recibiu, ou non, algunha axuda de minimis.

c) Que se compromete a cumprir a normativa estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións e de contratación pública.

d) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

e) Que se compromete a cumprir as obrigas e requisitos que se sinalan no artigo 19 das bases reguladoras.

f) Que se compromete, de non contar con elas, a solicitar as autorizacións ou licenzas urbanísticas ou sectoriais tanto municipais como por parte doutros organismos ou administracións públicas en materia de dominio público hidráulico, ou estradas, entre outras, que resulten preceptivas para a execución da actuación prevista.

g) Que as actuacións para as que se solicita subvención non estaban iniciadas ou estarán iniciadas á data 1 de xaneiro de 2022.

h) Que pode recuperar ou compensar, ou non, o IVE consonte á normativa tributaria en vigor.

Artigo 6. Documentación complementaria

As persoas ou entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación, segundo o modelo do anexo II:

1. Categoría 1ª:

1.1. Certificación emitida e asinada electronicamente polo/a secretario/a do concello ou entidade local solicitante, segundo o modelo do anexo III, na cal se faga constar:

a) O acordo da entidade local polo cal se solicita a subvención para a actuación que se pretende executar ao abeiro desta resolución, e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nela, así como o compromiso de financiar o importe da actividade que non resulte subvencionado ao abeiro desta convocatoria ata o importe total da execución prevista segundo a documentación achegada coa solicitude.

O acordo deberá estar adoptado antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

b) Que a entidade local cumpriu coa súa obriga de remisión das contas do último exercicio fiscal ao Consello de Contas de Galicia.

O incumprimento destes requisitos ou a falta da referencia expresa ao contido determinado nas letras anteriores determinará a inadmisión da solicitude.

c) Que as actuacións para as que se solicita subvención non estaban iniciadas ou estarán iniciadas á data 1 de xaneiro de 2022.

d) Certificación emitida e asinada electronicamente polo/a secretario/a do concello ou entidade local sobre a plena dispoñibilidade sobre os terreos e inmobles nos que se van desenvolver as actuacións, durante un período que, como mínimo, garanta o cumprimento das obrigas previstas no artigo 19 consonte o disposto no artigo 1.6 destas bases.

1.2. Memoria asinada, se é o caso, por técnico competente que permita unha definición exacta da intervención que se vai realizar, que deberá incluír:

– Memoria explicativa e xustificativa da actuación que se van desenvolver (cunha extensión máxima de 10 páxinas) onde se indique a tipoloxía de actuación e as coordenadas GPS desta.

– Reportaxe fotográfica do ben sobre o que se vai actuar: exteriores, interiores e da contorna, así como fotografías tomadas desde o trazado do Camiño, desde as que se aprecie o elemento ou elementos obxecto da actuación en relación con este.

– Descrición dos materiais e acabados propostos, que deberán ser conformes coas indicacións que se recollen nas directrices do anexo IX destas bases.

1.3. Orzamento detallado dos gastos necesarios para a execución do proxecto.

2. Categoría 2ª:

2.1. Acreditación da representatividade suficiente para actuar en nome da persoa ou entidade solicitante, cando esta sexa unha persoa física ou xurídica privada ou unha entidade sen personalidade xurídica.

2.2. Documentación que acredite a plena dispoñibilidade sobre os terreos e inmobles nos que se van desenvolver as actuacións, durante un período que, como mínimo, garanta o cumprimento das obrigas previstas no artigo 19. No caso de que se soliciten as axudas por persoas ou entidades privadas ou por entidades sen personalidade xurídica propia, deberá achegarse documentación que acredite a titularidade, dereito real sobre o ben ou calquera título de disposición válido en dereito no que autorice a realización da actuación solicitada.

2.3. Memoria asinada, se é o caso, por técnico competente que permita unha definición exacta da intervención que se vai realizar, que deberá incluír:

– Memoria explicativa e xustificativa da actuación que se van desenvolver (cunha extensión máxima de 10 páxinas) onde se indique a tipoloxía de actuación e as coordenadas GPS desta.

– Reportaxe fotográfica do ben sobre o que se vai actuar: exteriores, interiores e da contorna, así como fotografías tomadas desde o trazado do Camiño desde as que se aprecie o elemento ou elementos obxecto da actuación en relación con este.

– Descrición dos materiais e acabados propostos, que deberán ser conformes coas indicacións que se recollen nas directrices do anexo IX destas bases.

2.4. Orzamento detallado dos gastos necesarios para a execución do proxecto.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recabados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo 1, a Axencia Turismo de Galicia poderá requirir ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e a resolución do procedemento.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados por outras administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI/NIE da persoa solicitante.

– DNI/NIE da persoa representante.

– NIF da entidade solicitante.

– Certificado de estar ao día no pagamento das súas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria e coa Seguridade Social, así como de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

– Consulta de concesións de subvencións e axudas.

– Consulta de inhabilitacións de subvencións e axudas.

– Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 10. Órganos competentes

A Xerencia da Axencia Turismo de Galicia será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, correspondendo á persoa titular da Dirección da Axencia ditar a resolución de concesión.

Artigo 11. Instrución do procedemento

1. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se considerará que desistiu na súa petición, logo da correspondente resolución.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, a Axencia Turismo de Galicia poderá requirir ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

2. O exame e a comprobación de que o proxecto cumpre os requirimentos técnicos exixidos nestas bases, na normativa de patrimonio cultural e no anexo IX, realizarase por unha comisión formada por dous técnicos nomeados pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que deberá emitir un informe no prazo dun mes desde que o órgano instrutor lle remita os expedientes.

3. Os expedientes que non cumpran as esixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, así como os informados desfavorablemente pola comisión establecida no punto anterior, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.

Artigo 12. Autorización da consellería competente en materia de patrimonio cultural

De conformidade co disposto na Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, as actuacións obxecto da presente resolución, por realizarse no trazado do Camiño de Santiago deberán contar coa autorización previa da consellería competente en materia de patrimonio cultural.

Para estes efectos, o órgano instrutor remitirá os proxectos ou actuacións que se presentan e que reúnan os requisitos establecidos nestas bases, xunto co informe do órgano instrutor sobre o cumprimento da actuación proposta das directrices contidas no anexo IX, á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, para que no prazo dun mes desde que se lle remitan outorgue as autorizacións ou se opoña a estas.

No caso de que a citada Dirección Xeral non autorice a actuación proposta, o expediente poñerase á disposición do órgano instrutor para que formule a correspondente proposta de resolución de inadmisión.

Artigo 13. Audiencia

1. Instruído o procedemento e recibida a autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, o órgano instrutor formulará proposta de resolución provisional debidamente motivada, que será notificada aos interesados para que, nun prazo de 10 días hábiles, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que coiden pertinentes de acordo co establecido no artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado. Neste caso, a proposta de resolución formulada terá o carácter de definitiva.

Artigo 14. Resolución

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor elaborará a proposta de resolución definitiva que elevará á persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia para a súa resolución. A dita proposta conterá a relación de expedientes instruídos, establecida por orde de incoación, e nela indicarase o número de expediente, denominación e NIF da persoa ou entidade local solicitante, data de presentación da solicitude, actuación subvencionable e contía da subvención proposta, ou ben a causa da proposta de denegación ou inadmisión, segundo corresponda.

2. A persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a persoa ou a entidade solicitante á que se lle concede a subvención, a actuación subvencionada, así como a subvención concedida e a súa contía ou, de ser o caso, a causa de inadmisión ou denegación da solicitude.

3. Unha vez esgotado o crédito destinado a cada unha das categorías de subvencións, publicarase no Diario Oficial de Galicia a dita circunstancia, que implicará a inadmisión dos expedientes instruídos con posterioridade ao esgotamento do orzamento previsto para esta convocatoria.

4. De conformidade co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, unha vez esgotado o crédito dispoñible, poderá ampliarse este cando o aumento veña derivado dalgunha das condicións previstas no dito artigo.

5. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución aos interesados será de cinco meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 15. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen 10 días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro desta convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderanse interpor os seguintes recursos:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Axencia Turismo de Galicia. O prazo para a interposición do recurso de reposición será dun mes, se o acto fose expreso. Transcorrido o dito prazo, unicamente poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo, sen prexuízo, se é o caso, da procedencia do recurso extraordinario de revisión. Se o acto non fose expreso, a persoa solicitante e outros posibles interesados poderán interpoñer recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 17. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, a persoa ou entidade local beneficiaria poderá solicitar a modificación do seu contido antes de que remate o prazo para a realización da actividade.

2. A modificación poderase autorizar sempre que non dane dereitos de terceiros. En todo caso, a modificación da resolución de concesión deberá respectar o obxecto da subvención, as actuacións subvencionables e non dar lugar a actuacións deficientes e incompletas.

3. Para a modificación da resolución non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela.

4. Xunto coa solicitude, a persoa solicitante da modificación deberá presentar: memoria xustificativa da modificación, orzamento modificado e relación e identificación concreta dos cambios introducidos.

5. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia, logo da instrución do correspondente expediente en que se lle dará audiencia ao interesado nos termos previstos no artigo 13.

6. Cando a persoa beneficiaria da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta, que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución conforme o establecido no artigo 14.1.m) da Lei de subvencións de Galicia, téndose omitido o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros.

Esta aceptación por parte do órgano concedinte non exime o beneficiario das sancións que poidan corresponderlle conforme a citada Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo IV, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, a persoa titular da Axencia ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da citada lei.

Artigo 19. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias das subvencións adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable:

1. Cumprir o obxectivo e realizar a actuación subvencionada, de conformidade co proxecto presentado á subvencións ou, se é o caso, ao modificado coa autorización da Axencia Turismo de Galicia.

2. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión ou o gozo da subvención.

3. Manter o investimento subvencionado durante un período mínimo de cinco anos, cando se trate de bens inscritibles nun rexistro público, e non inferior a dous anos para o resto de bens, de conformidade co disposto no artigo 29.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Ao longo deste período deberanse levar a cabo as obras de mantemento e limpeza necesarias para a correcta conservación do investimento.

5. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Axencia Turismo de Galicia, ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas, ás previstas na lexislación do Tribunal de Cuentas e o Consello de Contas para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

6. Comunicarlle á Axencia Turismo de Galicia a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais. Estas comunicacións deberanse efectuar tan pronto como se coñezan e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

7. As persoas beneficiarias, cando se trate de persoas físicas e xurídicas que teñan a obriga, deberán dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos na lexislación mercantil e sectorial aplicable coa finalidade de garantir o exercicio adecuado das facultades de comprobación e control; así mesmo deberán conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos.

8. Os/as beneficiarios/as deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, mediante a colocación dun cartel segundo o modelo do anexo VIII.

Para estes efectos e durante a execución das actuacións será obrigatoria a colocación dun cartel no que figure a subvención da Xunta de Galicia conforme o manual de identidade corporativa que estea vixente.

Os carteis serán de material resistente (ríxido ou semirríxido), e será admisible a simple impresión en papel. Colocaranse sempre nun lugar visible ao público.

Nos materiais impresos, medios electrónicos o audiovisuais, ou ben en mencións realizadas en medios de comunicación deberán constar lendas relativas ao financiamento público.

Igualmente, as persoas beneficiarias deberán incluír, nas súas accións promocionais, a marca Xacobeo 21-22, de acordo co manual de identidade visual, aprobado polo Decreto 167/2018, do 29 de novembro, polo que se regula a utilización da marca Xacobeo 2021 (DOG núm. 1, do 2 de xaneiro de 2019) e a súa actualización aprobada polo Decreto 104/2021, do 24 de xuño, polo que se aproba a actualización do Manual de identidade gráfica Xacobeo 21-22 (DOG núm. 132, do 13 de xullo).

Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta da persoa beneficiaria.

Artigo 20. Subcontratación

1. As persoas e entidades beneficiarias poderán concertar con terceiros a execución total do proxecto que constitúe o obxecto da subvención. A tramitación e contratación das obras ou equipamentos será realizada polos concellos conforme a normativa de aplicación no ámbito local e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas, e serán os concellos contratantes os responsables directos das consecuencias que dos incumprimentos poidan derivar. En todo caso, haberá que aterse ao establecido nos artigos 27 e 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, e no artigo 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

2. Nos supostos establecidos no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, todas as persoas beneficiarias deberán solicitar e obter, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación, e achegalas xunto coa documentación xustificativa da subvención.

Tamén deberá achegar a resolución de adxudicación da obra e/ou equipamento, na cal se xustifique a elección entre as ofertas presentadas que, con carácter xeral, recaerá na proposta económica máis vantaxosa. No suposto de non recaer a adxudicación na proposta económica máis vantaxosa, deberán achegar unha memoria en que se xustifique expresamente a elección do adxudicatario do contrato.

Artigo 21. Xustificación da subvención

1. A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 20 de outubro de 2022 (incluído).

2. Para cobrar a subvención concedida, a persoa beneficiaria deberá presentar, consonte o previsto no artigo 7 destas bases e mediante a modalidade de conta xustificativa, copia da documentación que a seguir se indica:

3. Categoría 1ª. As entidades locais deberán presentar, segundo o modelo do anexo V, a seguinte documentación:

a) Conta xustificativa conforme os artigos 8 e 10 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, que incorporará, en todo caso, a certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a que foi concedida.

b) Certificación expedida pola secretaría da entidade local, co visto e prace da alcaldía, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención, en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada:

– O cumprimento da finalidade da subvención.

– Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables ás actuacións subvencionadas coa seguinte relación: identificación da persoa acredora, número de factura ou documento equivalente, certificación da obra, importe, data de emisión e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente.

– Que a actuación desenvolvida conta coas autorizacións ou licenzas urbanísticas ou sectoriais tanto municipais como por parte doutros organismos ou administracións públicas preceptivas ou ben que estas non eran preceptivas. En relación coa autorización prevista na Lei de patrimonio cultural de Galicia haberá que aterse ao disposto no artigo 12 destas bases.

c) Memoria da actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas. Deberá incluír fotos ilustrativas, anteriores e posteriores, do investimento efectuado, da inclusión da marca do Xacobeo 21-22, así como do cartel indicado no artigo 19.8 destas bases.

Esta memoria incluirá tamén unha relación dos materiais empregados na realización do proxecto subvencionado, así como unha relación das unidades, dos prezos unitarios e dos totais, así como os documentos acreditativos dos gastos realizados con medios ou recursos propios e a indicación, se é o caso, dos criterios de repartición dos custos xerais e/ou indirectos incorporados na relación a que se fai referencia na letra b).

Os gastos que se deriven da realización de actuacións con recursos propios só serán subvencionables se así foron previstos na memoria presentada coa solicitude inicial.

d) Se é o caso, os tres orzamentos que se exixen en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, ou copia da resolución onde quede acreditado o procedemento contratación e adxudicación da obra ou equipamento.

e) Certificado de fin da obra ou relación valorada con base no proxecto de execución, na que se relacionen os materiais empregados, unidades, prezos unitarios e totais.

f) Declaración responsable segundo o modelo que figura no anexo VII. Para os efectos do previsto no artigo 31.7 e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que a entidade beneficiaria está ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non é debedor por resolución de procedemento de reintegro.

4. Categoría 2ª. As persoas e entidades a que se refire o artigo 4.1 destas bases reguladoras presentarán, segundo o modelo do anexo VI, a xustificación na citada modalidade de conta xustificativa, conforme o artigo 48 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, a seguinte documentación:

a) Memoria da actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas. Deberá incluír fotos ilustrativas, anteriores e posteriores, do investimento efectuado, da inclusión da marca do Xacobeo 21-22, así como do cartel indicado no artigo 19.8 destas bases.

b) Memoria económica do custo das actividades realizadas, que conterá:

b.1) Relación clasificada e ordenada dos gastos e investimentos da actividade, con indicación do acredor, número de factura, concepto do gasto, o seu importe, data de emisión e data de pagamento. Se é o caso, indicaranse as desviacións producidas no orzamento que serviu de base ao seu outorgamento. A dita ordenación deberá coincidir coa ordenación da documentación indicada no seguinte punto.

b.2) Facturas, que deberán especificar a que concepto corresponden segundo o investimento que serviu de base para a concesión da subvención, xunto coas certificacións bancarias ou, no seu defecto, as copias das ordes de transferencia, que xustifiquen o seu pagamento. En todo caso, o importe reflectido na certificación de obra debe ser consecuente co xustificado coas ditas facturas.

En ningún caso se admitirán xustificantes de pagamento con data posterior á establecida para presentar a xustificación.

b.3) Os documentos acreditativos dos gastos realizados con medios u recursos propios e a indicación, se é o caso, dos criterios de repartición dos custos xerais e/ou indirectos incorporados na relación a que fai referencia na letra a), salvo naqueles casos nos que as bases reguladoras da subvención previsen a súa compensación mediante un tanto alzado sen necesidade de xustificación.

Os gastos que se deriven da realización de actuacións con recursos propios só serán subvencionables, se así foron previstos na memoria presentada coa solicitude inicial.

b.4) Os tres orzamentos que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deba ter solicitado a persoa beneficiaria, de ser o caso.

b.5) Unha carta de pagamento de reintegro no suposto de remanentes non aplicados, así como dos xuros derivados destes, de ser o caso.

c) Autorizacións ou licenzas urbanísticas ou sectoriais tanto municipais como por parte doutros organismos ou administracións públicas que resulten preceptivas para a execución da actuación prevista, ou xustificantes de pagamento das taxas municipais ou xustificantes de telas solicitado.

En relación coa autorización prevista na Lei de patrimonio cultural de Galicia haberá que aterse ao disposto no artigo 12 destas bases.

d) Certificado de fin da obra ou relación valorada na que se relacionen os materiais empregados, unidades, prezos unitarios e totais, de ser o caso.

e) Declaración responsable segundo o modelo que figura no anexo VII.

5. Os gastos xustificados deberán ter correspondencia clara coas partidas do orzamento aceptadas pola Axencia Turismo de Galicia na resolución de concesión da subvención, ou coas modificacións autorizadas, e responder de xeito indubidable á natureza da actividade subvencionada.

6. Se as persoas beneficiarias xustifican conceptos e elementos subvencionables aprobados que representen menos do 60 % do importe do investimento subvencionable entenderase que non se acadaron os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, perderase o dereito de cobramento da subvención, agás que pola natureza da actuación se acredite e se comprobe que nesta non se incumpren os ditos obxectivos. Se a xustificación é superior ao 60 %, pero sen acadar o 100 % do investimento subvencionable, percibirase a subvención proporcional correspondente ao investimento xustificado admisible, sempre que se cumpran o resto das condicións de concesión e a finalidade ou obxectivos para os que se concedeu a axuda.

7. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso ditarase a oportuna resolución, nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 22. Pagamento

Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da Axencia, antes de proceder ao seu pagamento, realizarán as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

Previamente ao pagamento deberá acreditarse que a persoa beneficiaria se atopa ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia nin é debedor por resolución de procedencia de reintegro. Esta acreditación poderá substituírse pola presentación dunha declaración responsable do beneficiario, de acordo co disposto no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, no caso de entidades locais.

Artigo 23. Incumprimento, reintegros e sancións

1. De acordo co establecido no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida calquera incumprimento das obrigas previstas no artigo 19 e, concretamente:

a) O incumprimento da finalidade ou do obxectivo para o cal se concedeu a subvención ou da obriga de xustificar a realización da actuación e a non permanencia mínima da actividade subvencionada.

b) A obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

c) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, ou incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos.

2. Procederá o reintegro parcial da subvención concedida nos seguintes supostos:

a) Non dar publicidade ao financiamento dos investimentos que sexan obxecto de subvención, de acordo co establecido no artigo 18, que suporá a perda dun 2 % da subvención concedida.

b) Non comunicar a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención, que suporá a perda dun 5 % da subvención concedida.

Esta porcentaxe do 5 % aplicarase, de ser o caso, unha vez descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

c) Non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período mínimo establecido no artigo 19 suporá o reintegro da subvención correspondente ao activo non mantido, de forma proporcional ao período en que se incumprise este requisito.

No caso de condicións que constitúan obrigas que a entidade beneficiaria debe acreditar en fase de xustificación, tales como obrigas de publicidade ou comunicación doutras axudas, estas deberanse xustificar, en todo caso, para poder proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada neste punto só resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso de que se detecte en controis posteriores ao pagamento algún incumprimento relativo ás ditas obrigas.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os puntos anteriores, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

4. Con anterioridade ao requirimento previo da Administración, as persoas beneficiarias poderán realizar con carácter voluntario a devolución do importe da axuda obxecto de reintegro. Esta devolución efectuarase mediante ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia ES82-2080-0300-87-3110063172, segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación, e o importe incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 24. Control

1. A Axencia Turismo de Galicia poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións desde o día seguinte ao remate do prazo de xustificación coa finalidade de verificar a efectiva realización das actuacións subvencionadas.

2. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 25. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, o beneficiario, o programa e crédito orzamentario, a contía e a finalidade da subvención.

Igualmente, farano na correspondente páxina web oficial nos termos previstos no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Así mesmo, e de conformidade cos artigos 18.3 e 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, comunicarase a concesión das axudas reguladas nesta convocatoria á Base de datos nacional de subvencións que operará como sistema nacional de publicidade de subvencións.

As persoas interesadas poderán facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Malia o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a tres mil euros (3.000 euros), non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Axencia Turismo de Galicia.

Así mesmo, a solicitude para ser beneficiario da axuda levará implícita a autorización, no suposto de que se conceda a axuda solicitada, para a inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e Sancións dependente da Consellería de Facenda e Administración Pública, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na súa solicitude, así como na Base de datos nacional de subvencións. Non obstante, as persoas ou entidades solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións, cando concorra algunha das circunstancias previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 26. Remisión normativa

Aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO IX

Criterios básicos para as actuacións de mellora paisaxística e embelecemento
dos Camiños de Santiago

1. Introdución e obxectivos.

2. Intervencións sobre elementos etnolóxicos e a súa contorna.

3. Intervencións sobre a casa e a eira.

4. Actuacións no espazo agrario.

5. Actuacións de naturalización.

6. Actuacións na traza do Camiño.

7. Decálogo de boas practicas.

1. Introdución e obxectivos.

A paisaxe é un dos sinais de identidade do noso país, e un valor cultural e económico de primeira orde. A especial morfoloxía deste territorio fixo que as persoas vivisen estreitamente relacionadas coa terra dun xeito íntimo e sen comparanza na xeografía peninsular. Asentados en milleiros de lugares, a agricultura, como actividade secular, incidiu de xeito diferenciado sobre o territorio, construíndo paisaxes singulares con diferente grao de desenvolvemento, xerando paisaxes culturais de extraordinario valor, que son o reflexo da nosa identidade.

En Galicia, a publicación no ano 2008 da Lei 7/2008, de protección da paisaxe de Galicia, conforme as disposicións do Convenio europeo da paisaxe, pretende recoñecer xuridicamente a paisaxe e promover políticas vinculadas a ela, entendendo a paisaxe como «elemento esencial para o benestar individual e social, cuxa protección, xestión e planeamento comporta dereitos e obrigas para todos», tal como define o devandito Convenio europeo da paisaxe.

A Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, incorpora as categorías de paisaxe cultural e territorio histórico como bens inmobles declarados de interese cultural ou catalogados.

Así mesmo, a Lei 5/2016, do 4 de maio, recoñece como bens do patrimonio cultural as rutas dos Camiños de Santiago. Aquelas rutas incluídas na Lista do patrimonio mundial da UNESCO terán a consideración de bens de interese cultural e o resto de rutas terán a consideración de bens catalogados, coa categoría de territorios históricos.

A significación histórica e cultural do Camiño de Santiago, a súa crecente vitalidade, a súa importancia como icona de Galicia, o seu decisivo papel como elemento dinamizador da vida social e económica de numerosas localidades de Galicia polas que discorren os itinerarios xacobeos, patentizan que a xestión do Camiño de Santiago é unha responsabilidade colectiva que abrangue tanto ás administracións públicas como a outras institucións e colectivos sociais; en definitiva, a toda a sociedade galega.

Resulta, por tanto, precisa a colaboración do ámbito público e privado para o impulso de actuacións que incidan na mellora paisaxística e o embelecemento da contorna do Camiño de Santiago, co fin de consolidar unha imaxe de calidade para o Camiño en Galicia.

O Camiño é unha importante forma de aproximación ao coñecemento do medio rural e dos seus valores, e contribúe á integración da poboación local cos peregrinos. A mellora da paisaxe do Camiño e a súa contorna permiten mostrar o patrimonio, a riqueza sociocultural da contorna e a beleza do soporte natural.

O gran desafío parte da importancia de vencellar a poboación na defensa e protección da paisaxe, considerándoa fundamental para a calidade de vida das persoas e por iso tamén debe ser o reflexo fiel dun territorio e dun ambiente de calidade, dunha sociedade moderna e consciente da importancia do seu patrimonio natural e cultural, que vive en relación harmónica co medio, onde primen o uso racional do territorio e o aproveitamento sustentable dos seus recursos.

A presente guía ten como obxectivo fundamental atopar o equilibrio entre o desenvolvemento e a conservación deste valioso patrimonio cultural e natural, achegando criterios de intervención sobre o ámbito dos camiños que garantan a salvagarda dos valores culturais, paisaxísticos e sociais dos Camiños de Santiago, ofrecendo alternativas a modos de intervención habituais ou estandarizados que contribúen á deterioración ambiental do medio rural.

Tipos de intervencións e criterios de actuación:

En atención ao establecido nos citados artigos 44 e 45 da Lei 5/2016, do 4 de maio, sobre os criterios de intervención nos bens e na contorna, respectivamente, e de conformidade coa guía de boas prácticas para actuacións nos Camiños de Santiago, establécense os criterios de actuación para os distintos tipos de intervención.

2. Actuacións sobre elementos etnolóxicos e a súa contorna.

«Son elementos funcionais dos Camiños de Santiago os que forman parte da súa fisionomía como peches, muros, cómaros, valos, pasos, pontellas, pontes, fontes, lavadoiros ou espazos similares, así como os destinados á súa conservación e servizo e os que sexan necesarios para o seu uso» (Lei 5/2016, do patrimonio cultural de Galicia; título VI, Os Camiños de Santiago; artigo 74).

Trátase de actuacións de valorización, mantemento, conservación, consolidación ou restauración dos bens que integran o patrimonio etnolóxico de Galicia, de conformidade co sinalado no artigo 91 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia: lugares, bens mobles ou inmobles, as expresións, así como as crenzas, coñecementos, actividades e técnicas transmitidas por tradición, que se consideren relevantes ou expresión testemuñal significativa da identidade, a cultura e as formas de vida do pobo galego ao longo da historia.

De conformidade co número 3 do citado artigo 91, para os efectos da súa posible declaración de interese cultural ou catalogación presúmese o valor etnolóxico dos seguintes bens sempre que conserven de forma suficiente a súa integridade formal e construtiva e os aspectos característicos que determinan a súa autenticidade:

a) Os hórreos, os cruceiros, as cruces de mortos, as de termo e os petos de ánimas.

b) As construcións tradicionais de cuberta vexetal como as pallozas e os chozos característicos das serras galegas.

c) Os batáns e os muíños de río, de mareas ou de vento tradicionais, incluída a infraestrutura hidráulica necesaria para o seu funcionamento.

d) As fontes e os lavadoiros comunais ou públicos de carácter tradicional.

e) As ferrerías, as telleiras, os talleres artesanais e os fornos de cal, cerámicos ou de pan de uso comunal, de carácter tradicional.

f) Os camiños reais, as pontellas tradicionais e as eiras de trillar de carácter comunal, sempre que conserven de forma suficiente a súa traza, aspecto, carácter, formalización e pavimento tradicional.

g) Asalbarizas, os neveiros, as pesqueiras ou gamoas e os foxos de lobo.

h) Os recintos de feira, os santuarios tradicionais, os quioscos de música e as carballeiras de uso público ou consuetudinario relacionado co tempo de lecer e as celebracións festivas de carácter tradicionais.

i) As fábricas de salgadura, as carpintarías de ribeira e as embarcacións tradicionais do litoral e dos ríos de Galicia.

As actuación realizaranse sobre o propio elemento e/ou a súa contorna.

Serán actuacións respectuosas coa paisaxe na que se insiren, utilizando os materiais e as cores propias da contorna, e considerando que as características fundamentais da arquitectura popular son a funcionalidade e a economía de medios: trátase de construír elementos sinxelos que aproveiten ata o seu límite as características do material e da técnica dispoñible.

Utilizaranse nestas actuacións materiais nobres tradicionais como a pedra (sempre a propia da área na que se insire), a madeira e o ferro; e como material de cobertura tella ou lousa, segundo as zonas.

De utilizar outros materiais, estes deben ter características que harmonicen coa contorna, sen imitala.

3. Actuacións sobre a casa e a eira.

A conservación do patrimonio arquitectónico debe considerar os criterios de sustentabilidade ambiental, procurando que as intervencións se realicen con métodos compatibles co seu valor cultural e deseñando un mantemento, uso e xestión futura sustentables. É recomendable a utilización de materiais, técnicas construtivas e solucións arquitectónicas tradicionais que, pola súa probada experiencia, efectividade e adaptación sensible ao medio, adoiten contribuír á sustentabilidade. Con todo, o significado cultural dos bens integrantes do patrimonio arquitectónico non debe verse danado polas medidas de mellora da eficiencia enerxética.

3A. Actuacións de mellora nos puntos de contacto coa traza do Camiño.

Actuacións sobre os valados, pavimentos nos puntos de acceso, áreas de estacionamento de vehículos.

Unha das circunstancias que máis inciden na integración dunha edificación no medio rural coa súa contorna é a incidencia visual que teñen no conxunto da parcela o acondicionamento dos accesos e o valado de delimitación da propiedade.

Polo seu valor, os valados de pedra, característicos da estrutura agraria tradicional favorecen a integración do conxunto no ámbito do Camiño. Cómpre evitar os tipos de pedra alleos ao lugar que produzan contrastes de texturas ou cores, así como os peches de fábrica de bloque de formigón.

Utilizaranse nos valados os materiais propios do lugar: fundamentalmente pedra ou madeira.

Poderán utilizarse novos materiais e tecnoloxías que harmonicen en texturas e cores coa paisaxe da contorna, e cando se utilice fábrica de bloque ou ladrillo cómpre revestila e pintala en cores neutras similares ás existentes na contorna.

Unha solución acertada é a utilización de sebes vivas de especies autóctonas, evitando as pináceas alleas á paisaxe rural. Recoméndase a utilización de especies autóctonas como por exemplo: buxo, sabugueiro, aligustre, loureiro, acivro.

Mais información: Guía de caracterización e integración paisaxística de valados, da Xunta de Galicia.

3B. Actuacións de mellora nos revestimentos da casa.

Actuacións de mellora nas fachadas e cubertas con materiais propios da contorna como son a madeira, pedra, pintura e calquera material que harmonice coa contorna e as súas cores para as fachadas; e lousa e tella para as cubertas segundo a zona.

Segundo as zonas, os muros tradicionais de cachotaría que conformaban a fachada adoitaban ser de pedra vista ou ben revestidos con morteiros de barro ou cal. Deberase respectar o carácter da edificación, mantendo o revestimento cando existe e a pedra vista cando foi construída deste xeito.

Evitaranse as fábricas de bloque ou ladrillo visto, revestíndoas e pintándoas con cores que harmonicen coa contorna (Guía de cor e materiais Xunta de Galicia).

Coidarase o aspecto das carpintarías, tanto na súa materialidade e cor, como na súa conservación e mantemento.

Recoméndase o uso da madeira nas carpintarías, xa sexa na súa cor natural ou pintada nas cores de referencia do lugar en concreto, en harmonía coas tonalidades propias da zona.

Evitaranse, no posible, os materiais alleos ao medio rural como aluminio, PVC ou plásticos en xeral, que pola súa textura e aparencia son dificilmente asimilables no contexto da edificación tradicional.

Evitaranse as persianas plásticas vistas, sendo recomendable utilizar a solución tradicional de contras.

A cuberta é o elemento máis visible de lonxe nos asentamentos rurais, por este motivo calquera elemento discordante provocará un notable impacto visual.

A súa configuración xeométrica e cromática vincula a edificación coa paisaxe na que se insire se se empregan materiais e tecnoloxías propias da zona. Procurarase a relación xeométrica, inclinación de pendentes e aliñación de cumios que caracterizan a área, así como unha adecuada integración cromática e de materiais de acabamento.

No revestimento de cuberta evitaranse materiais alleos ao medio rural como o fibrocemento ou materiais sintéticos. Recoméndase a utilización de tella ou lousa segundo a zona paisaxística da que se trate.

3C. Actuacións de mellora nas edificacións auxiliares.

Existen unha serie de construcións adxectivas ligadas á arquitectura tradicional que caracterizan estas paisaxes culturais de tipo agrario: cortes, cortellos, currais, alpendres, palleiras, sendo unha das máis destacables, pola súa singularidade, o hórreo. Estas edificacións presentan características tipolóxicas distintas en función das áreas xeográficas ás que pertenzan.

En xeral, os materiais empregados na construción destas edificacións son os mesmos que na casa, polo tanto os criterios de intervención nestes elementos son semellantes aos das vivendas no que fai referencia aos muros e cubertas. Cando presenten cerramentos de madeira deberá recollerse a súa recuperación ou substitución, si esta non for posible, por outro de similares características.

Para as novas instalacións buscaranse localizacións que non obstaculicen a vista desde o Camiño, nin ocupen localizacións principais con ampla visión desde estes. A escala da edificación deberá adaptarse á das edificacións tradicionais da súa contorna.

Son bens de interese cultural e quedan sometidos ao réxime xurídico previsto para ese tipo de bens nesta lei, sen necesidade da tramitación previa do procedemento previsto no seu título I, os hórreos, os cruceiros e os petos de ánimas dos que existan evidencias que poidan confirmar a súa construción con anterioridade a 1901. Únense no horreo as características técnicas e constructivas derivadas da necesidade de almacenar os cereais nun espazo ventilado, con elementos simbólicos na súa ornamentación.

Os materiais característicos do horreo son a pedra e, segundo zonas, a madeira.

Evitaranse, como regra xeral, os materiais alleos como ladrillo, bloque de formigón ou fibrocemento.

4. Actuacións no espazo agrario.

A modernización das explotacións gandeiras transformou a configuración das antigas granxas familiares, facendo aparecer un novo conxunto de naves de gran tamaño sen que exista ningún tipo de control volumétrico ou de implantación para estas.

A dimensión e número das explotacións gandeiras, tradicionalmente proporcional á dispoñibilidade de terreos agrícolas e á capacidade de traballo dos seus titulares, medrou notablemente, multiplicándose ao tempo as ampliacións de edificios existentes e tamén o número e tamaño das construcións auxiliares agrícolas (alpendres, silos, almacéns…). A integración das construcións agrícolas, entendidas como aquelas vinculadas ao mundo agrario, é un aspecto concreto da nosa paisaxe, na que é moi importante incidir tendo en conta as dimensións e ubicuidade do fenómeno.

O obxectivo é acadar un deseño funcional adaptado ao carácter paisaxístico da contorna, cunha visión moderna e dinámica da paisaxe, compatible coa súa necesaria evolución, evitando a degradación dos valores tradicionais, salvagardando o patrimonio e conservando a identidade histórico-cultural do territorio.

4A. Actuacións de ocultación mediante vexetación ou outros elementos daqueles bens ou elementos con forte impacto sobre o campo visual do Camiño, por exemplo, naves gandeiras.

O uso da vexetación para relacionar as construcións agrarias coa paisaxe circundante é unha ferramenta de integración excelente, que contribúe a crear unha imaxe de conxunto estruturada, coherente e de calidade.

Consideracións que hai que ter en conta no uso da vexetación:

– Cómpre utilizar patróns habituais da zona e especies autóctonas.

– Acompañar os volumes construídos con plantacións vexetais arbóreas.

– Prever plantacións no límite coa vía para filtrar a visión, outorgando unha imaxe coidada do conxunto.

4B. Habilitar os espazos de recepción amplos e ordenados para crear unha imaxe positiva da explotación, minimizar o uso de pavimentos, optando, se é o caso, por materiais permeables. Tamén convén utilizar recursos vexetais de acompañamento, e coidar o mantemento e a limpeza.

4C. Localizar os vertedoiros e espazos de almacenaxe lonxe das vistas principais, coidando o mantemento e a orde, estudando a posibilidade de usar medidas de integración para atenuar o impacto visual: uso de espazos menos visibles, deprimidos, semisoterrados, plantación de vexetación, construción de muretes…

4D. Pautas xerais de aplicación cromática nas naves gandeiras.

a) Convén elixir materiais e cores presentes na paisaxe.

b) Son preferibles os tons escuros, xa que os claros agrandan e achegan os volumes.

c) Evitar cores saturadas, discordantes e brillantes que contrastan cos tons matizados e suaves da paisaxe agraria.

d) Limitar o uso da cor verde, xa que pode destacar pola súa artificialidade.

e) Evitar grandes volumes completamente monocromos, é preferible distinguir o tellado dos paramentos.

5. Actuacións de naturalización.

Incorporación de vexetación como elemento integrador das construcións, arboredo e vexetación arbustiva de acompañamento do Camiño, e mellora do axardinamento en xeral.

A vexetación é un elemento fundamental na configuración das paisaxes agrarias. As formacións boscosas naturais, xunto coas plantacións artificiais de carácter produtivo, constitúen a matriz paisaxística do espazo rural e confírenlle unha parte substancial da súa identidade.

Recoméndase a utilización de valados formados por elementos vexetais como: silveiras, sebes, ligustro, xestas. Estas redes de sebes vivas forman valiosas corredoiras ecolóxicas, e supoñen unha importante reserva natural de flora autóctona, o que se traduce nun alto valor ambiental como elemento de conservación da diversidade de especies vexetais e animais.

O arboredo pode ser utilizado como pantalla para ocultar elementos difíciles de integrar na paisaxe, reducindo así o seu impacto.

Recoméndase a utilización de especies autóctonas tanto de árbores como de arbustos, xa que se integran facilmente na paisaxe e están plenamente adaptadas ás condicións climáticas, o que redunda nunha mellora calidade da vexetación e un aforro nas necesidades de mantemento.

6. Actuacións na traza do Camiño.

Actuacións na propia traza do Camiño e naqueles pequenos espazos públicos que a el asoman. Intervencións para a renovación ou mellora da pavimentación, de substitución de elementos de mobiliario urbano e similares que polo seu estado de deterioración ou polas súas propias características físicas resulten alleos á contorna do Camiño. Por exemplo: marquesiñas, elementos de sinalización, bolardos, iluminación pública, cableado aéreo, antenas, colectores de residuos.

Nalgúns tramos, fundamentalmente cando o Camiño discorre por estradas, o uso da vexetación acompañándoo axuda a reducir a dureza da vía. O tipo de vexetación elixida deberá ser autóctona, que é aquela propia do lugar e, por tanto, a mellor integrada, segundo as súas condicións climáticas, edafolóxicas, paisaxísticas e de mantemento.

Cómpre integrar os elementos de mobiliario urbano presentes no Camiño: sinaléctica, iluminación, bolardos, marquesiñas, coidando o seu aspecto, mantemento e orde.

Recoméndase recoller os contedores de lixo tras pequenos cerramentos de táboa de madeira que permita ocultar a súa visión.

7. Decálogo de boas prácticas na paisaxe do Camiño.

– O uso da vexetación acompañando o Camiño achega sombra e contribúe á súa integración na paisaxe circundante, por conseguinte, cómpre coidala e promovela.

– Coidar o mantemento dos bordos e cruzamentos dos camiños e manter a sinalética en bo estado.

– Cómpre rehabilitar os elementos de carácter etnolóxico que acompañan os camiños, xa que son fitos identitarios no territorio, e poden conformar lugares de pausa e descanso que acheguen unha experiencia singular para os peregrinos.

– Cando se pinte a vivenda, usaranse cores en harmonía coas tonalidades propias da zona e presentes nas vivendas tradicionais existentes.

– Manteranse en bo estado os elementos auxiliares: hórreos, palleiros, muíños, utilizando na súa restauración materiais tradicionais e cores adaptadas á contorna.

– Cómpre manter limpos e ordenados os accesos ás parcelas, integrando a vexetación e axardinamento nestes puntos de contacto co Camiño.

– Na construción das naves agrícolas e gandeiras coidarase o material de acabamento, recoméndase pedra, ou madeira, pero se se utiliza o bloque de formigón, pintarase con cores acordes ao medio.

– Situar os lugares de vertedoiro e almacenaxe en zonas afastadas das vistas e protexidos por valados ou sebes.

– Recoméndanse os valados de pedra propia do lugar, ou sebes na contorna das edificacións, no límite coa vía e no espazo agrario.

– Como medida xeral, utilizaranse os materiais propios da contorna e as cores que harmonicen coa paisaxe.