Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Xoves, 3 de marzo de 2022 Páx. 15090

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 24 de febreiro de 2022 pola que se convoca o III Curso superior de inspección ambiental de Galicia.

Aprobado polo Consello Reitor o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2022, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo,

RESOLVO:

Convocar o III Curso superior de inspección ambiental de Galicia, de acordo coas seguintes bases:

Primeira. Obxectivos

O III Curso superior de inspección ambiental pretende afondar no coñecemento da actividade de inspección ambiental, tanto desde unha perspectiva técnico-xurídica como desde unha perspectiva práctica. Deste xeito, pódense destacar como principais obxectivos do curso os seguintes:

• Formar os asistentes no coñecemento da normativa e dos procedementos de inspección ambiental e, de maneira específica, nas actividades de prevención e control integrado da contaminación (IPPC) no campo industrial e no de residuos.

• Dotar o alumnado dos coñecementos e das habilidades necesarias para exercer as súas funcións adaptándose ás novas exixencias e cambios producidos nos últimos anos.

• Abordar o réxime de responsabilidade ambiental e de emerxencias do Plan Camgal.

Segunda. Contidos

Os contidos deste curso están estruturados nos seguintes temas:

Tema 1. Plans e programas de inspección ambiental.

Tema 2. Novidades no Programa de inspección ambiental 2022.

Tema 3. Coordinación de inspeccións en Finlandia.

Tema 4. Novidades normativas.

Tema 5. Actas e declaracións ante os tribunais.

Tema 6. Cambios na Directiva 2010/75/UE do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de novembro de 2010, sobre as emisión industriais (prevención e control integrados da contaminación).

Tema 7. Aplicación de Mellores Técnicas Dispoñibles (MTDs) en granxas desde o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), Ecogan e perspectiva ambiental.

Tema 8. Aplicación de MTDs en granxas en comunidades autónomas.

Tema 9. Desviacións ambientais en actividades IPPC.

Tema 10. Actas e inicio de expedientes sancionadores.

Tema 11. Inspeccións en vertedoiros.

Tema 12. Controis administrativos sobre a valorización de residuos.

Tema 13. Procedementos de actuación nas inspeccións ambientais.

Tema 14. Criterios para a condición de fin de residuos.

Tema 15. Novidades e información dispoñible a nivel nacional e europeo no Rexistro Europeo de Emisións e Transferencias de Contaminantes (PRTR).

Tema 16. Funcionamento e utilidades do PRTR en Galicia.

Tema 17. Metodoloxía das inspeccións de traslados transfronteirizos de residuos.

Tema 18. Situación actual e controis da garantía financeira obrigatoria derivada da Lei de responsabilidade ambiental.

Tema 19. Cartografía do Plan Camgal.

Tema 20. Papel da inspección no Plan Camgal.

Tema 21. Grupo de intervención en emerxencias ambientais de Galicia.

Terceira. Número de prazas

Corenta (40).

Cuarta. Persoas destinatarias

O curso diríxese ao persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, do subgrupo A1 da Administración pública autonómica de Galicia, que realice funcións de inspección ambiental ou funcións relacionadas coa calidade ambiental e a avaliación ambiental que poidan xustificar debidamente que as súas funcións están directamente relacionadas coa materia impartida.

No caso de non se cubrir a totalidade das prazas convocadas, as vacantes que resulten poderanse cubrir por persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, do subgrupo A1 e A2 da Administración pública autonómica de Galicia, que estea en posesión da titulación universitaria en química, bioloxía, enxeñaría ou veterinaria e realice funcións relacionadas coa inspección, sempre que poidan xustificar debidamente que as súas funcións están directamente relacionadas coa materia impartida.

Quinta. Desenvolvemento

Lugar: EGAP, rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Datas: do 14 de marzo ao 10 de xuño (luns e venres).

Horas lectivas: 50.

Horario: de mañá.

Sexta. Inscrición

1. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só se poderán realizar mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade todas as persoas deben introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo cos requisitos de selección establecidos nas bases cuarta e oitava desta convocatoria.

3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

4. As persoas interesadas deberán seleccionar primeira a área en que está integrada esta actividade (Réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas) e despois seleccionar en «nome do curso»: III Curso superior de inspección ambiental de Galicia.

5. O prazo para a inscrición permanecerá aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 9 de marzo de 2022.

Poderá obterse calquera outra información a través do correo electrónico <novas.egap@xuntal.gal> ou, desde as 8.30 horas ata as 14.30 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.

Sétima. Comprobación de datos

1. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a tramitación do procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes das accións formativas necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opuxese a iso. Neste caso, a persoa interesada deberá indicalo incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e achegar ademais unha copia dos documentos a cuxa consulta se opón a través do seguinte enderezo electrónico <novas.egap@xunta.gal>.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán indicalo expresamente incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e achegar os documentos que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración a través do seguinte enderezo electrónico <novas.egap@xunta.gal>.

3. Excepcionalmente, en caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria.

Oitava. Criterios de admisión

A admisión levarase a cabo de acordo aos criterios indicados na base cuarta desta convocatoria. A orde de admisión virá determinada pola data e hora de inscrición.

Novena. Publicación das listaxes de persoas seleccionadas e reservas

A EGAP publicará no enderezo web https://egap.xunta.gal unha relación das persoas seleccionadas para participar neste curso superior, así como un número adecuado de reservas, no caso de que o número de solicitudes recibidas fose superior ao número de prazas, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Entenderase que as persoas que non figuren en ningunha das relacións foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria, ocupan un posto máis afastado na listaxe de espera ou están excluídas de acordo co disposto na alínea segunda, punto 6º, da Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola que se actualizan os criterios de participación nas actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro).

Décima. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

• Por razóns de conciliación familiar.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por correo electrónico, dirixido a novas.egap@xunta.gal, cunha antelación mínima de dous días anteriores ao comezo da actividade formativa, sen prexuízo do disposto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

c) As persoas que incumpran o previsto nos puntos a) e b) pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia nas actividades:

c.1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, estas faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días, contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado na actividade formativa.

c.2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado a partir do día da finalización desta actividade.

Undécima. Certificado electrónico de aproveitamento

O alumnado deberá superar o exame correspondente para obter o certificado de aproveitamento.

Superado o exame, expedirase un certificado electrónico de aproveitamento, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula), a aquelas persoas rexistradas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Duodécima. Facultades da EGAP

1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización, nese caso empregaranse os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

2. A EGAP garantirá na acción derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2022

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública