Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Venres, 4 de marzo de 2022 Páx. 15429

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

RESOLUCIÓN do 23 de febreiro de 2022, da Dirección Xeral de Administración Local, sobre clasificación do posto de traballo de tesouraría do Concello de Foz como posto reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional.

Á vista da solicitude formulada polo Concello de Foz relativa á clasificación do posto de traballo reservado de tesouraría, emítese resolución con base no seguinte

Antecedente de feito.

Único. O 15 de febreiro de 2022 ten entrada no Rexistro da Dirección Xeral de Administración Local (número 2022/386850) a solicitude formulada polo Concello de Foz relativa á creación e clasificación do posto de traballo de tesouraría, que xunta á petición a seguinte documentación:

– Memoria económica e xurídica para a creación do posto de tesouraría do Concello de Foz, reservado a funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional.

– Certificado da secretaria municipal relativo ao acordo plenario extraordinario do 19 de novembro de 2021 sobre a aprobación inicial da modificación puntual da relación de postos de traballo e da modificación do cadro de persoal para o exercicio 2021 co fin de adaptar as prazas aos postos da relación de postos de traballo, segundo a modificación proposta, adecuando consecuentemente o anexo de persoal.

– Certificado da secretaria municipal relativo á ausencia de presentación de alegacións ou reclamacións contra o expediente de modificación puntual da relación de postos de traballo durante o período de exposición pública tras o anuncio inserido no Boletín Oficial da provincia de Lugo núm. 269, do 23 de novembro de 2021.

– Anuncio da aprobación definitiva da modificación puntual da relación de postos de traballo e do cadro de persoal para o exercicio 2021 no Boletín Oficial da provincia de Lugo núm. 297, do 29 de decembro de 2021.

– Certificado do secretario municipal relativo á cifra do padrón municipal en 7 de febreiro de 2022, que ascende a un total de 10.300 habitantes.

– Certificado do secretario municipal acreditativo dos recursos de que dispón a entidade local segundo o último orzamento aprobado, polo importe de 8.178.761,36 €.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A creación e clasificación do posto de tesouraría no Concello de Foz como reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional veñen impostas polo preceptuado no artigo 14 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional (en diante, RD 128/2018), ao sinalar que nas corporacións locais cuxa secretaría estea clasificada en clase primeira ou segunda existirá un posto de tesouraría reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional da subescala de intervención-tesouraría. A Secretaría do Concello de Foz está clasificada como de clase segunda, polo que resulta imperativo a creación e clasificación do dito posto.

Ao posto de traballo de tesouraría corresponderalle a responsabilidade administrativa das funcións de tesouraría e recadación enumeradas no artigo 5 do RD 128/2018, e ten que ser desempeñado por persoal da subescala de intervención-tesouraría, calquera que sexa a súa categoría.

Segundo. O RD 128/2018 atribúe ás comunidades autónomas, no seu respectivo ámbito territorial, a competencia para clasificar os postos reservados aos funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional, regulando o artigo 10 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre exercicio de competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, as normas xerais para clasificación de postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter nacional.

O artigo 22.3.g) do Decreto 214/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, atribúe á Dirección Xeral de Administración Local a execución das competencias que, con respecto ao persoal funcionario con habilitación de carácter nacional, lle correspondan á Comunidade Autónoma de Galicia.

En virtude do anteriormente exposto, e tendo en conta o informe emitido polo subdirector xeral de Réxime Xurídico Local,

RESOLVO:

Primeiro. Clasificar o seguinte posto de traballo como reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional no Concello de Foz, coas seguintes características:

Entidade local: Concello de Foz.

Posto: tesouraría.

Subescala: intervención-tesouraría.

Categoría: sen distinción de categoría.

Forma de provisión: concurso de méritos.

Nivel de complemento de destino: 28.

Complemento específico: 19.736,40 € (14 mensualidades).

Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e remitir a publicación á Dirección Xeral de Función Pública do Ministerio de Facenda e Función Pública.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, os interesados poderán interpoñer recurso administrativo de reposición, ante este órgano directivo, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015. Así mesmo, a entidade local poderá presentar previamente requirimento no prazo de dous meses conforme o disposto no artigo 44 da dita Lei 29/1998.

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2022

Natalia Prieto Viso
Directora xeral de Administración Local