Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Martes, 8 de marzo de 2022 Páx. 16463

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 1 de marzo de 2022 pola que se determinan as condicións de adhesión das empresas turísticas ao programa Bono turístico #QuedamosenGalicia22 e se abre o prazo para a presentación das solicitudes de participación (código de procedemento TU985C).

O Bono turístico QuedamosenGalicia, nas súas anteriores edicións dos anos 2020 e 2021, foi un exemplo da colaboración público-privada, unha alianza estratéxica entre a Administración autonómica, a través da Axencia Turismo de Galicia, e o Clúster de Turismo de Galicia, para afrontar conxuntamente unha crise inesperada e o seu impacto negativo no sector.

Os resultados da experiencia das anteriores edicións foron valorados positivamente polo sector, xa que lle permitiu incrementar a demanda nun momento especialmente complexo que, desafortunadamente, aínda está presente.

A pandemia segue estando presente neste ano 2022, polo que fai falta seguir apostando por instrumentos de colaboración público-privada que permitan reactivar o turismo, alicerce fundamental da nosa economía.

Por este motivo, a Administración autonómica, comprometida co sector e a cidadanía de Galicia, deseña esta nova edición do Bono turístico cun financiamento previsto dun millón cincocentos mil euros (1.500.000 €) con cargo aos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022. Este importe poderá ser incrementado con outros recursos propios ou doutras entidades que desexen participar nesta iniciativa.

O Bono turístico 2022 #QuedamosenGalicia é unha tarxeta de prepagamento que se entregará ás persoas que resulten beneficiarias do procedemento aberto para os efectos, que se activará no momento en que a persoa beneficiaria cumpra cos requisitos determinados nel. A tarxeta prepagamento, que emitirá a entidade bancaria colaboradora, estará operativa ata o 31 de decembro de 2022, data en que perderá a súa vixencia. Poderá ser empregada nos establecementos de aloxamento turístico e axencias de viaxes, así como nos seus servizos asociados, que se adhiran ao programa a través da presente convocatoria.

Para a xestión das axudas do Bono turístico asinarase un convenio de colaboración cunha entidade financeira, que terá a condición de entidade colaboradora e dispoñerá dos medios necesarios para poñer en marcha esta iniciativa, e que será seleccionada conforme o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, mediante un procedemento sometido aos principios de publicidade, concorrencia, igualdade e non discriminación.

En consecuencia, procede a selección das empresas turísticas que desexen participar no programa, dado que esta tarxeta só poderá ser utilizada nos establecementos e/ou axencias adheridas a el.

Polo exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto

O obxecto desta resolución é establecer o procedemento e as condicións que deben reunir os establecementos turísticos de aloxamento e as axencias de viaxes para participar no programa Bono turístico 2022 #QuedamosenGalicia (código de procedemento TU985C).

Segundo. Requisitos dos solicitantes

Poderán solicitar a súa adhesión aquelas empresas, empresarios ou agrupacións empresariais que dispoñan de aloxamentos, excepto as vivendas de uso turístico, e tamén as axencias de viaxe que, con independencia do lugar en que radique a súa sede social, desenvolvan as súas actividades dentro do sector turístico vinculado a Galicia e presten os servizos, actividades ou produtos vinculados a este programa na Comunidade Autónoma de Galicia.

Todas estas empresas deberán estar dadas de alta no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) no momento da publicación desta convocatoria, ter coñecemento da sinatura que se lles proporcionou no momento da alta no citado rexistro e dispoñer de TPV con número de comercio que os identifiquen no servizo de pagos, para a execución das correspondentes operacións de pagamento efectuadas coas ditas tarxetas.

Terceiro. Duración da prestación

Os servizos, actividades ou produtos turísticos poden prestarse desde o día da entrega pola entidade colaboradora da tarxeta prepagamento aos beneficiarios e ata o 31 de decembro de 2022, día en que este programa quedará extinguido.

Cuarto. Relacións coas persoas beneficiarias do programa

As persoas beneficiarias do Bono turístico 2022 #QuedamosenGalicia poderán consumir os servizos ofertados para este programa no establecemento adherido. No caso de que se faga reserva previa, esta pode ser realizada directamente no establecemento ou en calquera web de central de reservas que non implique prepagamento desta, e será necesario que o pagamento se realice no propio establecemento utilizando un TPV físico contratado con calquera entidade financeira que participe nos sistemas de medios de pagamento españois.

As persoas beneficiarias poderán utilizar o saldo da súa tarxeta de forma total ou parcial, así como completar os pagamentos, de non ter saldo suficiente, con outras formas de pagamento admitidas polo establecemento turístico.

Quinto. Incompatibilidade

O programa Bono turístico 2022 #QuedamosenGalicia é incompatible con outros programas similares desenvolvidos pola Axencia Turismo de Galicia, polo que esta tarxeta prepagamento non poderá utilizarse para a adquisición de produtos e servizos incluídos noutros programas distintos deste.

Sexto. Prazo e forma de presentación das solicitudes

1. O prazo de presentación das solicitudes de adhesión das empresas turísticas estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 1 de decembro de 2022.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, e indicaralle que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa solicitude, despois de resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. As empresas solicitantes deberán declarar responsablemente, segundo o modelo do anexo I, o seguinte:

– Que todos os datos que se achegan na solicitude son certos.

– Que cumpre e asume todos os requisitos e condicións recollidos na resolución para a adhesión ao programa.

– Que procede a rexistrar na plataforma Turespazo a súa oferta ou, no caso das axencias de viaxe, o seu paquete turístico,

– Que procede a rexistrar na plataforma Turespazo os números dos códigos que identifican cada un dos TPV de que dispón o establecemento e que se poñen á disposición dos beneficiarios do Bono turístico 2022 para efectuar os pagamentos coa tarxeta prepagamento específica deste programa.

4. Ademais da solicitude de participación, sinalada nas epígrafes anteriores, as empresas que se presenten deberán rexistrarse na plataforma Turespazo, no caso que non o estean, no enderezo https://turespazo.turismo.gal

As empresas que se adhiran ao programa poderán presentar nesta plataforma as súas ofertas específicas de:

– Aloxamentos/servizos ou produtos específicos que se oferten, se é o caso, para a promoción do programa.

– Paquetes turísticos, no caso das axencias de viaxe.

As ditas ofertas e paquetes aparecerán na web de Turismo de Galicia nun lugar destacado só para coñecemento dos beneficiarios do programa.

O Clúster de Turismo colaborará coa Axencia Turismo de Galicia nas relacións coas empresas que soliciten a adhesión ao programa, a través do asesoramento e resolución de dúbidas na operativa do programa.

Sétimo. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Oitavo. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI/NIE da persoa solicitante.

– DNI/NIE da persoa representante.

– NIF da entidade solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Noveno. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo. Valoración das solicitudes

Constitúese unha comisión mixta con representantes da Axencia Turismo de Galicia e o Clúster de Turismo de Galicia para a análise da evolución do proceso de adhesión dos establecementos e/ou axencias de viaxes, así como das ofertas que se presenten.

As solicitudes iranse avaliando a medida que se vaian presentando e, no caso de solicitudes incompletas, solicitarase toda a documentación que sexa necesaria aos solicitantes.

Poderanse retirar aquelas solicitudes que se repitan ou non acheguen algunha novidade con respecto a outra xa admitida, así como aquelas que se consideren non idóneas, ofensivas ou que non se axusten aos obxectivos definidos neste programa.

O cumprimento dos requisitos establecidos na presente convocatoria determinará a inclusión automática da solicitude do interesado na lista de aloxamentos e/ou axencias de viaxes adheridas ao programa publicada na parte da web da Axencia Turismo de Galicia dedicada ao programa.

Décimo primeiro. Obrigas dos solicitantes

Os solicitantes obríganse ao cumprimento das seguintes condicións na prestación dos servizos ou produtos:

a) Cumprimento das medidas de prevención de riscos sanitarios e laborais establecidas pola autoridade sanitaria, laboral ou turística para a prevención de contaxios derivados da COVID-19.

b) Dispoñer dun terminal de punto de venda (TPV) para a realización da transacción de compra do servizo ou actividade turístico a través da tarxeta Bono turístico 2022 #QuedamosenGalicia. Para os efectos da validación do TPV, o establecemento adherido deberá facilitar os números de código que identifican cada un dos TPV de que dispón o establecemento e que pon á disposición dos beneficiarios do Bono turístico 2022 para efectuar os pagamentos coa tarxeta prepagamento específica deste programa.

c) Unha empresa que xa estivo adherida á campaña Bono turístico #Quedamos en Galicia do ano 2021 debe volver adherirse, cos datos requiridos, para poder participar na campaña 2022.

Décimo segundo. Publicidade

Os establecementos adheridos deberán incluír en toda a documentación e soportes do programa a imaxe corporativa da Xunta de Galicia e a imaxe do programa Bono turístico 2022 #QuedamosenGalicia utilizándoa nos produtos e servizos turísticos ofertados con carácter xeral.

A relación das empresas adheridas figurará na web da Axencia Turismo de Galicia xunto aos produtos e/ou servizos que se ofertan, xa sexan de carácter xeral ou os especificamente creados para o programa Bono turístico 2022 #QuedamosenGalicia.

Décimo terceiro. Resolución da adhesión

Serán causas de resolución da adhesión as seguintes:

– O incumprimento total ou parcial de calquera das cláusulas establecidas na presente resolución.

– O acordo unánime de todas as partes.

– A decisión xudicial declarativa da nulidade da adhesión.

Ademais das causas de resolución, a adhesión ao programa extinguirase polo cumprimento do seu prazo, o 31 de decembro de 2022.

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2022

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia

missing image file
missing image file