Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Mércores, 9 de marzo de 2022 Páx. 16714

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 28/2022, do 24 de febreiro, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Rois dunha superficie de 4.107,78 m² da zona de dominio público adxacente do treito da estrada AC-301, na súa marxe dereita, entre os puntos quilométricos 1+450 e 1+560.

Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia (LEG), os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O artigo 37.2 da Lei de estradas de Galicia, define a zona de dominio publico adxacente como a parte da zona de dominio público formada por todos os terreos adxacentes ás estradas e aos seus elementos funcionais, adquiridos por título lexítimo pola Administración titular pero non ocupados directamente pola explanación das estradas ou pola dos seus elementos funcionais.

O Concello de Rois, solicita á Axencia Galega de Infraestruturas a transferencia de titularidade dos terreos que forman parte do dominio público adxacente da estrada autonómica AC-301, que representan unha superficie de 4.107,78 m² da súa marxe dereita.

A franxa de terreo solicitada polo Concello non afecta a explanación do tronco da AC-301, que seguirá sendo de titularidade autonómica.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo cos informes emitidos polos servizos competentes, formula a proposta favorable á transferencia de titularidade dos terreos de dominio público adxacente da estrada AC-301, na súa marxe dereita entre o p.q. 1+450 e o p.q. 1+560, cunha superficie de 4.107,78 m², por carecer de funcionalidade dentro da Rede autonómica de estradas de Galicia. Considérase que unha xestión administrativa coherente e eficiente coa realidade das marxes da estrada xustifican o cambio de titularidade.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e catro de febreiro de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo 1

– Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Rois da seguinte superficie da zona de dominio público adxacente:

Clave

Denominación da estrada

PQi

Coordenadas UTM (ETRS89)

PQf

Coordenadas UTM (ETRS89)

Marxe

AC-301

AC-301 Padrón (N-550) -Augasantas (Deput.)

1+450

X=527.103

Y=4.733.928

1+560

X=526.988

Y=4.733.949

Dereita

Artigo 2

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 3

Corresponden ao Concello de Rois, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación dos ditos terreos, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puider corresponderlle como nova Administración titular.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e catro de febreiro de dous mil vinte e dous

O presidente
P.S. (Artigo 33 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro)
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade