Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Venres, 11 de marzo de 2022 Páx. 17198

III. Outras disposicións

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 2 de marzo de 2022 pola que se dá publicidade do Acordo do 12 de xaneiro de 2022 de delegación de competencias no Comité Permanente do Consello Reitor.

O 10 de xaneiro de 2020 publicouse a Lei 9/2019, do 11 de decembro, de medidas de garantía do abastecemento nos episodios de seca e nas situacións de risco sanitario. Esta lei recolle que o Consello Reitor de Augas de Galicia será o encargado da xestión do escenario de alerta e prestará apoio no escenario de emerxencia; poderá acordar medidas relativas á modificación temporal das condicións de utilización do dominio público hidráulico, calquera que sexa o título habilitante da dita utilización; poderá valorar a conveniencia de realizar determinadas obras ou de adoptar determinadas medidas para mitigar os impactos xerados polo episodio de seca e garantir o abastecemento de auga para o consumo humano.

Por motivos de eficiencia, o Consello Reitor acordou, na súa reunión do 12 de xaneiro de 2022, delegar no Comité Permanente do Consello Reitor de Augas de Galicia as competencias establecidas nos puntos 2 e 3 do artigo 25 e no punto 4 do artigo 26 da citada Lei 9/2019, do 11 de decembro, e as competencias que o Plan de seca da demarcación hidrográfica de Galicia Costa atribúe ao Consello Reitor de Augas de Galicia.

Logo de examinar o acordo adoptado polo Consello Reitor da entidade pública empresarial Augas de Galicia na súa reunión do 12 de xaneiro de 2022, relativo á delegación de competencias no Comité Permanente do Consello Reitor de Augas de Galicia, e consonte o disposto no artigo 6.6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dispoño que se publique no Diario Oficial de Galicia como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2022

Ethel María Vázquez Mourelle
Presidenta do Consello Reitor de Augas de Galicia

ANEXO

Acordo do 12 de xaneiro de 2022, do Consello Reitor de Augas de Galicia, de delegación de competencias no Comité Permanente do Consello Reitor de Augas de Galicia

A Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, crea e regula Augas de Galicia como ente público empresarial da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, adscrito á consellería competente en materia de augas, con personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins e das competencias reguladas pola devandita lei.

O 14 de xaneiro de 2012 entrou en vigor o Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro, polo que se aproba o Estatuto da entidade pública empresarial Augas de Galicia. O artigo 9 do citado estatuto establece as funcións do Consello Reitor de Augas de Galicia.

Tendo en conta a composición colexiada do órgano e a variedade de funcións propias, mediante o Acordo do Consello Reitor do 30 de xaneiro de 2012, delegouse na persoa titular da Dirección de Augas de Galicia o exercicio de competencias relacionadas con determinados procedementos administrativos, coa xestión do patrimonio ou coa aprobación dos orzamentos. Este acordo foi publicado por resolución da Presidencia do Consello Reitor da entidade pública empresarial Augas de Galicia do 31 de xaneiro de 2012 (DOG núm. 24, do 3 de febreiro).

O 10 de xaneiro de 2020 publicouse a Lei 9/2019, do 11 de decembro, de medidas de garantía do abastecemento nos episodios de seca e nas situacións de risco sanitario. Esta lei recolle que o Consello Reitor de Augas de Galicia será o encargado da xestión do escenario de alerta e prestará apoio no escenario de emerxencia; poderá acordar medidas relativas á modificación temporal das condicións de utilización do dominio público hidráulico, calquera que sexa o título habilitante da dita utilización; poderá valorar a conveniencia de realizar determinadas obras ou de adoptar determinadas medidas para mitigar os impactos xerados polo episodio de seca e garantir o abastecemento de auga para o consumo humano.

O artigo 25.4 da Lei 9/2019, do 11 de decembro, de medidas de garantía do abastecemento nos episodios de seca e nas situacións de risco sanitario, prevé que o Consello Reitor de Augas de Galicia poderá delegar as facultades previstas no Comité Permanente do Consello Reitor de Augas de Galicia.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria e redunda en beneficio tanto da Administración como dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

Tendo en conta o anterior, é conveniente acudir á delegación de competencias no Comité Permanente do Consello Reitor de Augas de Galicia.

En consecuencia, de acordo co disposto na Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia; na Lei 9/2019, do 11 de decembro, de medidas de garantía do abastecemento nos episodios de seca e nas situacións de risco sanitario, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia,

ACÓRDASE:

Primeiro. Delegación de competencias no Comité Permanente do Consello Reitor de Augas de Galicia

Deléganse no Comité Permanente do Consello Reitor de Augas de Galicia o exercicio das competencias que a Lei 9/2019, do 11 de decembro, de medidas de garantía do abastecemento nos episodios de seca e nas situacións de risco sanitario, e a demais normativa ou os plans en materia de seca lle atribúan ao Consello Reitor de Augas de Galicia.

Segundo. Criterios complementarios na aplicación das delegacións

Na aplicación das delegacións de competencias contidas neste acordo teranse en conta os seguintes criterios:

1. O exercicio das competencias que se delegan neste acordo axustarase ao disposto no artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

2. En calquera momento, o órgano delegante poderá revogar o exercicio das competencias que se delegan ou avocar as competencias para o coñecemento dun asunto concreto.

3. Enténdese comprendida na delegación o exercicio da competencia para resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra as resolucións que se diten en virtude das competencias que se lle delegan neste acordo e para, se é o caso, suspender a executividade dos actos impugnados.

Terceiro. Resolucións ditadas por delegación

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas neste acordo farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

Cuarto. Entrada en vigor

Este acordo producirá efectos a partir do mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.