Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Luns, 14 de marzo de 2022 Páx. 17390

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

RESOLUCIÓN do 2 de marzo de 2022, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se resolve o concurso de traslados entre persoal funcionario dos corpos e escalas de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa e de auxilio xudicial da Administración de xustiza, anunciado pola Resolución do 30 de setembro de 2021.

A Dirección Xeral de Xustiza, de conformidade co disposto nos artigos 524 e seguintes da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, modificada pola Lei orgánica 19/2003, do 23 de decembro, e pola Lei orgánica 4/2018, do 28 de decembro; nos artigos 43 e seguintes e disposición derrogatoria única do Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza, aprobado polo Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro; e na base novena da Orde JUS/1099/2021, do 30 de setembro, pola que se convoca concurso de traslados entre persoal funcionario dos corpos e escalas de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa e de auxilio xudicial da Administración de xustiza,

DISPÓN:

Primeiro. Resolver de forma definitiva o concurso de traslados entre funcionarios dos corpos e escalas de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa e de auxilio xudicial da Administración de xustiza convocado pola Orde JUS/1099/2021, do 30 de setembro, tal e como se relaciona no anexo.

Segundo. Excluír do concurso de traslados os funcionarios que se relacionan na web do Ministerio de Xustiza (www.mjusticia.gob.es).

Terceiro. Declarar caducadas as instancias presentadas polas persoas participantes no presente concurso que non obtiveron destino, polo que non serán tidas en conta en futuros concursos de traslados.

Cuarto. Declarar desertas as prazas non adxudicadas no presente concurso, que serán cubertas por funcionarios de novo ingreso, salvo que por necesidades do servizo se pretendan amortizar. As ditas prazas poderanse anunciar novamente como vacantes en concurso ordinario en caso de que non se convoquen oposicións ou de que a oferta pública de emprego que corresponda non faga necesario o anuncio de todas as desertas existentes.

Quinto. Para os funcionarios que se atopen en activo ou en servizos especiais e non reingresen en ningún dos corpos ou escalas a que se refire o presente concurso, sen se incluíren neste punto os funcionarios que se atopen reingresados provisionalmente, o cesamento deberá efectuarse nas datas que a continuación se indican: para tramitación procesual e administrativa, o 18 de marzo de 2022, venres; para xestión procesual e administrativa e auxilio xudicial, o 25 de marzo de 2022, venres.

Non será necesario que aqueles funcionarios que se atopen desempeñando unha comisión de servizos se despracen ao órgano xudicial de orixe que teñan reservado para formalizar o cesamento; poderán realizalo no órgano en que estean a prestar a comisión, para cuxo efecto as xerencias farán chegar os documentos ao órgano en que o concursante se atope desempeñando a comisión. O prazo posesorio que lle corresponde gozar a este persoal funcionario contarase tendo en conta a localidade do posto que está a desempeñar efectivamente en comisión, non a do que teña reservado, e a localidade do obtido no concurso.

Sexto. A toma de posesión do novo destino obtido por concurso producirase, para os funcionarios indicados no punto anterior, nos tres días hábiles seguintes ao do cesamento se non hai cambio de localidade do funcionario, nos oito días hábiles seguintes se implica cambio de localidade dentro da comunidade autónoma e nos vinte días hábiles seguintes se implica cambio de comunidade autónoma, con excepción da Comunidade Autónoma de Canarias, da Comunidade Autónoma de Illes Balears, da cidade de Ceuta e da cidade de Melilla, en que será no mes seguinte, tanto se o posto de traballo nas illas ou nas cidades é o de orixe como se é o de destino.

O cesamento e o cómputo dos prazos posesorios produciranse cando finalicen os permisos ou licenzas, incluídos os de vacacións, que lles fosen concedidos aos interesados, caso en que o cesamento se efectuará o mesmo día da incorporación do funcionario ao seu posto de traballo, e comezará entón a contarse o prazo posesorio correspondente. Efectuada a toma de posesión, o prazo posesorio considerarase como de servizo activo para todos os efectos. O prazo posesorio será retribuído pola Administración competente respecto á praza obtida en concurso.

Sétimo. Se a resolución comporta reingreso ao servizo activo á Administración de xustiza nos corpos ou escalas de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa ou de auxilio xudicial, procedentes desde as situacións administrativas de excedencia voluntaria polo coidado de familiares, de excedencia voluntaria por prestación de servizos no sector público, de excedencia voluntaria por interese particular, de excedencia voluntaria por agrupación familiar ou de suspensión de funcións, incluíndose neste punto os funcionarios que se atopen adscritos provisionais, o prazo posesorio será de vinte días hábiles e deberá computarse desde o día da publicación desta resolución no Boletín Oficial del Estado. Este prazo posesorio non será retribuído.

No caso de que os funcionarios reingresados por medio do presente concurso se atopen adscritos provisionalmente no corpo ou escala onde reingresan ou en activo noutro corpo ou escala da Administración de xustiza e non queiran que se interrompa a súa relación de servizo coa Administración de xustiza, bastará con que dentro do prazo posesorio de vinte días hábiles tomen posesión no novo corpo ou escala, e consideraranse cesados no seu antigo destino coa data inmediatamente anterior á da súa posesión na nova praza de reingreso. Para o efecto, dada a necesidade de contar co tempo indispensable para efectuar a toma de posesión, poderán solicitar á xefatura territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo (Servizo de Xustiza), ou ben á xerencia territorial de Xustiza do seu actual destino, un permiso retribuído de dous días hábiles se hai cambio de localidade, salvo naqueles casos en que teñan que se desprazar a Canarias, ás Illas Baleares ou a Ceuta e Melilla, suposto en que o permiso poderá ser de ata tres días hábiles, que se deberán gozar, en calquera caso, dentro do prazo posesorio. A toma de posesión no novo destino efectuarase durante os días de permiso indicados.

A comunidade autónoma competente, ou a xerencia territorial que corresponda concederalles a excedencia de oficio no corpo ou escala de procedencia se esta se produce nun corpo ou escala ao servizo da Administración de xustiza, en cuxo destino se considerarán cesados coa data anterior á da súa posesión nos corpos ou escalas de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa ou de auxilio xudicial, co obxecto de evitar a interrupción na percepción dos seus haberes.

Os funcionarios titulares que obteñan destino no presente concurso e estean a desempeñar en Galicia unha praza en comisión de servizos ou en substitución cesarán nela na mesma data do cesamento no seu posto definitivo de orixe.

Os funcionarios interinos que actualmente ocupen as prazas que foron adxudicadas cesarán como consecuencia da posesión do titular.

Por cuestións sanitarias e organizativas, tanto os cesamentos como as tomas de posesión realizaranse preferentemente de maneira telemática, a través do correo electrónico do Servizo de Xustiza da xefatura territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo correspondente, para o cal a persoa interesada deberá poñerse en contacto co Servizo de Xustiza da provincia competente para tramitar o cesamento ou a toma de posesión a través do correo electrónico.

• Xefatura Territorial da Coruña (Servizo de Xustiza).

Rúa Vicente Ferrer, 2. Edificio Administrativo Monelos. 15008 A Coruña.

Teléfonos: 981 18 44 72/981 18 44 56.

Correo electrónico: servizo.xustiza.coruna@xunta.gal

• Xefatura Territorial de Lugo (Servizo de Xustiza).

Rolda da Muralla, nº 70. 27071 Lugo.

Teléfonos: 982 29 43 08/982 29 43 60.

Correo electrónico: persoal.presidencia.lugo@xunta.gal

• Xefatura Territorial de Ourense (Servizo de Xustiza).

Paseo de La Habana, nº 79. 32004 Ourense.

Teléfonos: 988 38 64 08/988 38 60 28.

Correo electrónico: sxsal.xustiza.ourense@xunta.gal

• Delegación Territorial de Vigo (Servizo de Xustiza)

Rúa Concepción Arenal, nº 8, 4º andar. 36201 Vigo (Pontevedra)

Teléfonos: 986 81 77 16/986 81 77 88.

Correo electrónico: servizoxustiza.vi@xunta.gal

Oitavo. Para o suposto de que un funcionario reingresado dos indicados no punto sétimo tome posesión antes dos días 18 ou 25 de marzo nun órgano xudicial en que estea destinado un funcionario en activo, en servizos especiais ou en excedencia por coidado de familiares, ou un funcionario adscrito provisional que deba trasladarse ao obter un posto de traballo no concurso, non se seguirá a orde de cesamento establecida no punto quinto, senón que se deberá actuar da seguinte forma:

a) O funcionario reingresado tomará posesión.

b) O funcionario en activo, en servizos especiais, en excedencia por coidado de familiares ou en adscrición provisional cesará o mesmo día da toma de posesión do que reingrese, e empezará entón a contarlle ao primeiro o prazo posesorio indicado no punto sexto.

c) Se o funcionario cesado na alínea b) toma posesión nun órgano xudicial ocupado por outro que aínda non cesou, actuarase de igual modo ca nas alíneas a) e b), e así sucesivamente.

Cando tome posesión un funcionario en activo, en servizos especiais ou en excedencia voluntaria por coidado de familiares e aínda non cesase un funcionario que deba reingresar ou que estea adscrito provisional, deberase actuar do seguinte xeito:

d) O funcionario en activo, en servizos especiais ou en excedencia por coidado de familiares tomará posesión.

e) O funcionario que deba reingresar ou que estea en adscrición provisional cesará o mesmo día da toma de posesión do funcionario en activo, en servizos especiais ou en excedencia por coidado de familiares, e empezará entón a contarlle ao primeiro o prazo posesorio indicado no punto sétimo.

f) Se o funcionario cesado na alínea e) toma posesión nun órgano xudicial ocupado por outro que aínda non cesou, actuarase de igual modo ca nas alíneas d) e e), e así sucesivamente.

Noveno. Contra a presente resolución poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a Dirección Xeral de Xustiza no prazo dun mes, segundo o establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou recurso contencioso-administrativo ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa no prazo de dous meses, segundo o disposto no artigo 14 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ambos os prazos contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial del Estado.

Nota aclaratoria. Advírtese que o anexo, que contén os destinos que con carácter definitivo lles foron adxudicados aos funcionarios que participaron no concurso de traslados, figura na publicación desta resolución no Boletín Oficial del Estado.

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2022

Juan José Martín Álvarez
Director xeral de Xustiza