Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Luns, 21 de marzo de 2022 Páx. 18874

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 14 de marzo de 2022, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública, pola que se declara a Comunidade Autónoma de Galicia herdeira ab intestato de Joaquín Rodríguez Mosquera.

Antecedentes.

Pola Resolución do 22 de marzo de 2021, acordouse a incoación do procedemento administrativo para a declaración da Comunidade Autónoma de Galicia como herdeira ab intestato de Joaquín Rodríguez Mosquera (ABI/2016/0026).

A citada resolución publicouse no Boletín Oficial del Estado (Supl. N. nº 91, do 16.4.2021), no Diario Oficial de Galicia (DOG nº 68, do 13.4.2021), na páxina web da Consellería de Facenda e Administración Pública, e foi exposta no taboleiro de anuncios dos concellos de Castrelo de Miño (Ourense) e Monforte de Lemos (Lugo) por prazo non inferior a un mes.

Constan no expediente os correspondentes certificados de defunción e derradeiras vontades relativos á persoa causante, en que se acredita o seu falecemento, o 6 de setembro de 2006, no municipio de Monforte de Lemos, e que non outorgara testamento rexistrado. Así mesmo, figura igualmente incorporado o certificado do seu empadroamento no concello de Monforte de Lemos, polo que queda xustificada a súa veciñanza civil galega.

Non se recibiron alegacións, documentos ou outros elementos de xuízo que cuestionen a sucesión a favor da Administración autonómica, o que corrobora o informe emitido para o efecto pola Policía Autonómica de Galicia e as manifestacións de terceiras persoas unidas ao expediente.

Das consultas efectuadas perante o Catastro inmobiliario, no índice xeral informatizado de predios e dereitos do Rexistro da Propiedade e no Rexistro Xeral de Contratos de Seguros de Cobertura de Falecemento, así como da información obtida de diferentes entidades bancarias e por outras fontes, determinouse, en principio, que ao menos forman parte da masa hereditaria da persoa finada os bens e dereitos que se adxudican no punto segundo desta resolución, sen prexuízo da inclusión na herdanza daqueloutros que se identifiquen con posterioridade a esta declaración como de titularidade da persoa causante.

A Asesoría Xurídica da Consellería de Facenda e Administración Pública emitiu informe sobre a adecuación e suficiencia das actuacións practicadas para a declaración da Comunidade Autónoma como herdeira ab intestato da persoa causante.

Fundamentos xurídicos.

Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia, artigos 267 e seguintes.

Código civil, artigos 657 e seguintes.

Lei 33/2003, do 3 de novembro, do patrimonio das administracións públicas, artigos 20.6, 20.bis e 20.ter.1.

Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, artigos 4 e 56.

Decreto 94/1999, do 25 de marzo, sobre réxime administrativo da sucesión intestada a favor da Comunidade Autónoma de Galicia.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Decreto 11/2021, do 21 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública, artigos 4 e 7.

Segundo o anterior,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar a Comunidade Autónoma de Galicia única e universal herdeira ab intestato de Joaquín Rodríguez Mosquera, con DNI 34215588Y, entendéndose legalmente aceptada a herdanza a beneficio de inventario.

Segundo. Adxudicar á Administración autonómica os seguintes bens e dereitos da herdanza identificados:

Contratos, metálico e outros efectos bancarios:

– En depósito xudicial: 6.300 euros.

Terceiro. Publicar a presente resolución no Boletín Oficial del Estado, no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Facenda e Administración Pública, área temática de Patrimonio. Anuncio, que se poderá consultar na seguinte ligazón:

http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/patrimonio/anuncios

Unha copia desta resolución será remitida para a súa exposición pública, por prazo non inferior a un mes, nos taboleiros de anuncios dos concellos de Castrelo de Miño e Monforte de Lemos.

Esta resolución poderá ser impugnada por infracción das normas sobre competencia e procedemento mediante recurso de alzada, no prazo dun mes, perante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, de conformidade cos artigos 112.1, 114 e 121 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Os que se consideren prexudicados en canto ao seu mellor dereito á herdanza ou noutros dereitos de carácter civil por esta declaración, ou pola adxudicación de bens a favor da Comunidade Autónoma de Galicia que se contén nesta resolución, poderán exercer as accións pertinentes perante o órgano da xurisdición civil correspondente.

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2022

Jorge Atán Castro
Secretario xeral técnico e do Patrimonio