Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Luns, 21 de marzo de 2022 Páx. 18725

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 11 de marzo de 2022 pola que se convoca un curso básico selectivo para o acceso á categoría de policía, escala básica dos corpos de policía local.

Dentro das actividades programadas para o ano 2022, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase o desenvolvemento dun curso selectivo para a categoría de policía dos corpos de policía local, segundo o previsto no artigo 35.2 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación das policías locais, e no artigo 16 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, que se deberá desenvolver conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

Dotar os policías dunha formación teórico-práctica de carácter inicial, específica para as funcións propias dos corpos de policía local, facilitándolles a competencia e a capacidade necesarias para o posterior desempeño da súa actividade profesional.

Destinatarios/as.

O curso vai dirixido a todas aquelas persoas que superaron os procesos selectivos para o acceso á categoría de policía, escala básica dos corpos da policía local dos diferentes concellos de Galicia, e para que a súa realización son nomeados funcionarios/as en prácticas deses concellos.

Solicitudes.

1. Os concellos deberán remitir un escrito á Academia Galega de Seguridade Pública en que soliciten as correspondentes prazas de reserva, con indicación das persoas que superaron as correspondentes probas de oposición á categoría de policía.

Estarán exentos desta comunicación aqueles concellos adheridos á convocatoria unificada.

Contido e duración do curso.

O curso desenvolverase en réxime de internado, na sede da Academia Galega de Seguridade Pública, en sesións de mañá e tarde, de luns a venres, e nel trataranse, entre outros, os seguintes módulos:

– Xurídico.

– Policía de tráfico.

– Operativo.

– Asistencial.

– Técnico.

– Policía administrativa.

– Social-humanístico.

– Policía xudicial e de investigación.

– Formación física.

O curso terá unha duración de 14.00 horas lectivas, 9.00 horas de formación na Agasp en réxime de internado e 500 horas de prácticas nos respectivos concellos de procedencia.

Desenvolvemento do curso.

O alumnado da Academia Galega de Seguridade Pública, durante o seu período de permanencia nela, rexerase polo regulamento de réxime interior desta, publicado pola Orde do 4 de febreiro de 2009, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no DOG núm. 30, do 12 de febreiro.

De acordo co establecido no artigo 59 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, e o artigo 25.e) do Regulamento de réxime interior da Academia, por orde da xefatura de ensino, poderanse levar a cabo as probas necesarias, sen aviso, de xeito aleatorio ou específico entre o alumnado para verificar esas situacións.

Datas:

– Este curso desenvolverase entre o 18 de abril de 2022 e o 20 de xaneiro de 2023, na forma que a continuación se indica:

– Na Academia, en dous períodos:

1. Do 18 de abril ao 1 de xullo de 2022.

2. Do 3 de outubro de 2021 ao 20 de xaneiro de 2023.

– Nos concellos de procedencia realizando o período de prácticas:

1. Do 2 de xullo ao 2 de outubro de 2022.

O alumando terá dereito, ao remate do curso selectivo, ao desfrute das vacacións. Polo tanto, de acordo coa normativa xeral de función pública, disporán de dezaseis (16) días hábiles de vacacións, que se desfrutarán inmediatamente despois do remate do curso teórico na Agasp, é dicir, do 23 de xaneiro ao 13 de febreiro de 2023.

Os días de asuntos particulares, correspondentes á duración do curso selectivo e do período de prácticas, desfrutaranse os días 26, 27, 28, 29 e 30 de decembro do ano 2022.

A toma de posesión como persoal funcionario de carreira no corpo da policía local do concello de orixe, no suposto de superar o curso selectivo, producirase con data do 14 de febreiro de 2023; a Agasp remitirá aos concellos de orixe o informe final preceptivo con anterioridade a esa data.

Informe final.

De acordo co previsto no artigo 19 de Decreto 243/2008, do 16 de outubro, de desenvolvemento da Lei 4/2007, unha vez superado o curso e o período de prácticas, a Agasp emitirá un informe en que certifique a dita superación, de xeito que o concello de pertenza poida proceder ao nomeamento como persoal funcionario de carreira e á toma de posesión na categoría de policía.

Os concellos de procedencia do alumnado deberán remitir á Agasp, ao remate do período de prácticas, un informe individual por cada alumno/a, elaborado polo/a xefe/a de policía, no cal reflicta se o dito alumnado superou o período de prácticas. Así mesmo, ese informe deberase presentar xunto co escrito, ao cal lle serve de base, asinado pola alcaldía ou a concellaría respectiva no suposto de ter delegada a dita competencia, no cal o concello dará conta á Agasp do resultado da avaliación das prácticas.

Tendo en conta que este informe vincula directamente o concello de orixe ao decidir sobre a superación ou non do período de prácticas do alumnado e, polo tanto, da súa futura toma de posesión como funcionario/a de carreira dese concello, resolvendo polo tanto un procedemento para o nomeamento de persoal municipal, o informe que anteriormente se indica deberá ser asinado, tal e como indica o artigo 18 do Decreto 243/2008, pola alcaldía ou polo concelleiro con competencias directas en materia de nomeamento de persoal e/ou seguridade pública.

Este informe débese remitir á Agasp entre o 3 e o 31 de outubro do ano 2022.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 11 de marzo de 2022

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública