Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Martes, 22 de marzo de 2022 Páx. 18943

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 15 de marzo de 2022 pola que se publican determinadas accións formativas que se van desenvolver no primeiro semestre do ano 2022 en colaboración co Sindicato Unificado de Policía para o persoal das forzas e corpos de seguridade que traballan en Galicia.

Do acordo de protocolo de colaboración subscrito entre o Sindicato Unificado de Policía e a Agasp para a colaboración en materia de formación e actualización do persoal dos corpos de seguridade do Estado destinados na Comunidade Autónoma de Galicia, convócanse os cursos que a seguir se indican para a súa realización durante o primeiro semestre do ano 2022, de acordo co plan de formación aprobado polo Consello Reitor da Agasp do 8 de febreiro de 2022.

A Agasp desenvolverá en colaboración directa co SUP os seguintes cursos:

Denominación do curso

Modalidade

Horas

Prazas

Data

Participación cidadá

Presencial

6

50

22 de abril

Progresión en inmobles

Presencial

15

35

3, 4 e 5 de maio

Comunicación xestual

En liña

6

100

10 de maio

Rexistro de vehículos: localización de dobres fondos

Presencial

15

35

24, 25 e 26 de maio

Cerrallaría: técnicas de apertura en emerxencia

Presencial

20

35

17, 18 e 19 de maio

Riscos psicosociais asociados á función policial

En liña

6

200

2 de xuño

Intelixencia e terrorismo

En liña

10

50

9 e 10 de xuño

Investigación de delitos na rede

Presencial

6

50

16 de xuño

A Estrada, 15 de marzo de 2022

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

ANEXO I

Bases

Primeira. Destinatarios

Persoal das forzas e corpos de seguridade que traballan na Comunidade Autónoma de Galicia.

As prazas serán repartidas en condicións de igualdade entre o persoal de Policía Local, Corpo Nacional de Policía, Garda Civil e Unidade da Policía Adscrita á Comunidade Autónoma.

O 50 % das prazas ofertadas, mediante esta resolución, ao Corpo Nacional de Policía para cada unha das accións formativas estará reservada aos afiliados ao Sindicato Unificado de Policía.

A baixa laboral por incapacidade temporal impide a participación nas accións formativas e non dá lugar á penalización estipulada na base quinta da presente resolución.

Será revisable a admisión de persoas en baixa laboral por incapacidade temporal, cando esta veña producida por accidente de traballo recoñecido como tal e a asistencia ao curso non interfira na recuperación.

No caso de considerarse oportuno, poderán acceder aos cursos persoal das forzas e corpos de seguridade pública que traballen en Galicia con competencias directas na materia para desenvolver, reservándose expresamente prazas para eles.

Se as solicitudes para participar nun curso non superan as 10 persoas, a Agasp resérvase a facultade de anular a actividade formativa.

Segunda. Solicitudes

1. O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (htpp://agasp.xunta.gal), non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

É preciso que todas as persoas que desexen participar en cursos da Agasp manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o número de teléfono móbil, co obxecto de posibles comunicacións, no suposto de non ser correctos ou exactos os devanditos datos, a Agasp non é responsable dos posibles prexuízos causados aos interesados.

2. A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas solicitantes dará lugar a exclusión automática do curso solicitado, así como a imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao modelo normativizado ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. No caso de atoparse nalgún dos supostos que a seguir se indican, o/a solicitante deberá remitir á Agasp, no mesmo prazo establecido para o envío da solicitude de inscrición, a certificación orixinal ou fotocopia legalizada que acredite tal situación (non será preciso, se tal documentación xa obra en poder da Agasp, neste caso, deberán comunicalo na propia solicitude).

a) Profesionais que estean a gozar ou gozaran nos dous últimos anos dunha licenza de maternidade, dun permiso de paternidade, dunha redución de xornada ou dunha excedencia por coidado de familiares

5. O prazo de presentación de solicitudes será desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG ata 20 días naturais antes do inicio de cada curso, ás 14.00 horas do día que corresponda.

Terceira. Criterios xerais de selección

Os criterios xerais de selección son os que a seguir se indican, sen prexuízo de que para cursos específicos se requiran outros diferentes, o cal se indicará na ficha de cada acción formativa concreta, que oportunamente se publicará na páxina web da Agasp.

1. Menor número de cursos realizados na Agasp nos dous últimos anos.

2. Por orde de inscripción.

Cuarta. Lugar e datas

Os cursos presenciais desenvolveranse na sede da Agasp e os cursos da modalidade en liña a través da plataforma de teleformación da Agasp.

As datas de cada curso poderán sufrir variacións e comunicaranse a todas as unidades de destino dos corpos afectados para coñecemento de todos/as os/as interesados/as.

Quinta. Asistencia aos cursos

1. É obrigatoria a asistencia con puntualidade a todas as sesións dos cursos.

Durante a realización dos cursos levarase un control permanente da asistencia a través dos sistemas que se establezan para o efecto, podendo realizarse controis de asistencia extraordinarios.

Unicamente se autorizará a ausencia por causas xustificadas e debidamente acreditadas e, en ningún caso, poderá superar o 10 % das horas lectivas.

A ausencia xustificada superior ao 10 % do total das horas lectivas supoñerá a perda do dereito á expedición do diploma, en caso de haber unha segunda edición do curso en cuestión, o Servizo de Formación en Seguridade Pública poderá valorar a posibilidade de que o/a alumno/a poida recuperar as horas non realizadas na edición anterior, en todo caso para poder valorar esta posibilidade non poden transcorrer máis de doce meses entre unha edición e a seguinte.

A falta de asistencia dun número superior ao 10 % das horas lectivas sen xustificación ou falta de acreditación documental da causa alegada non só dará lugar á perda do dereito ao diploma do curso, senón tamén á penalización coa non participación en cursos da Agasp durante un ano, contado desde o día seguinte ao da finalización do curso.

2. O alumnado asistirá aos cursos co uniforme regulamentario. No caso de non facelo, e non existir causa suficientemente xustificada, a Agasp poderá impedir a asistencia ao curso e non emitirá diploma nin ningún certificado acreditativo.

3. As unidades de destino do persoal seleccionado en cada acción formativa facilitarán, na medida do posible, a súa participación nela.

Sexta. Certificación

Para poder superar os cursos o alumnado deberá superar unha proba de avaliación que levará a cabo ao seu remate, naqueles cursos que sexan de aproveitamento.

Sétima. Desenvolvemento dos cursos

1. A Agasp poderá suspender a realización de actividades formativas convocadas cando sexa necesario por motivos técnicos ou insuficiencia de solicitudes de participación.

2. A Agasp poderá modificar as datas, horarios, contidos e desenvolvemento dos cursos, así como resolver todas as continxencias e incidencias que poidan xurdir sen necesidade dunha nova publicación no DOG.

3. A Agasp poderá programar cursos diferentes cando así veña exixido por circunstancias que afecten a organización, xestión e docencia.