Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Mércores, 23 de marzo de 2022 Páx. 19234

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Vigo

RESOLUCIÓN do 11 de marzo de 2022 pola que se modifica a do 1 de decembro de 2021, mediante a cal se convocou un proceso selectivo para ingresar como persoal laboral fixo do grupo I, na categoría de técnico/a superior de calidade, polo sistema de promoción interna e de acceso libre.

Ao terse interposto recurso de reposición o 23 de decembro de 2021 contra a Resolución do 1 de decembro de 2021, da Universidade de Vigo, esta reitoría, con base no informe emitido pola Asesoría Xurídica da Universidade de Vigo, resolveu estimar o recurso de reposición e ditou a Resolución do 9 de febreiro de 2022, cuxa parte dispositiva estableceu modificar o punto 1 da epígrafe II da fase de concurso de acceso libre estipulada no anexo I da convocatoria.

En consecuencia, esta reitoría

RESOLVEU:

Primeiro. Proceder á modificación do punto 1 da epígrafe II (acceso libre) da fase de concurso, que queda redactado do seguinte xeito:

«1. Experiencia: valoraranse, ata un máximo de 30 puntos, os servizos prestados da seguinte forma:

a) Servizos prestados na Universidade de Vigo na mesma categoría de persoal laboral incluída na clasificación do II Convenio colectivo para o persoal laboral de administración e servizos da Universidade de Vigo, ou categorías extinguidas por transformación e/ou promoción, actualmente establecidas na relación de postos de traballo do persoal laboral de administración e servizos da Universidade de Vigo, Resolución do 8 de xuño de 2021 (DOG do 16 de xuño), a razón de 0,167 puntos por mes completo traballado.

b) O desempeño de postos da mesma categoría á das prazas convocadas na Universidade de Vigo noutras administracións públicas, a razón de 0,0557 puntos por mes completo traballado.

Os servizos prestados noutras administracións acreditaranse mediante certificación emitida pola unidade de persoal ou equivalente da correspondente Administración e deberán presentarse dentro do prazo establecido na base 6.10».

Segundo. Abrir un novo prazo de presentación de solicitudes de 20 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio desta resolución no Boletín Oficial del Estado, de acordo co establecido no punto segundo da base terceira da convocatoria.

Quen xa tiver presentado unha solicitude de participación, non debe volver presentala. Quen desexe renunciar á solicitude, deberá formulalo por escrito e dentro deste prazo ante o reitor da Universidade de Vigo.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpor un recurso ante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non obstante, as persoas interesadas poderán optar por interpor contra esta resolución un recurso de reposición, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante o mesmo órgano que a ditou. Neste caso non se poderá interpor un recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se producise a desestimación presunta do recurso de reposición interposto, segundo o previsto no artigo 123.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Vigo, 11 de marzo de 2022

Manuel Joaquín Reigosa Roger
Reitor da Universidade de Vigo