Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Xoves, 24 de marzo de 2022 Páx. 19384

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 14 de marzo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria para a concesión da mención de excelencia a titulacións universitarias oficiais de máster, impartidas polas universidades do Sistema universitario de Galicia no curso académico 2021/22.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, no seu artigo 53, outorga á Xunta de Galicia a competencia de coordinación das universidades do Sistema universitario de Galicia (en diante, SUG), que exercerá a través da consellería competente en materia de universidades. Así mesmo, o artigo 54 do texto legal establece como un dos fins da coordinación universitaria a planificación do SUG, para acadar a mellora da calidade da docencia, a investigación e a xestión universitarias, con pleno respecto á autonomía universitaria.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade é o departamento da Xunta de Galicia que ten atribuídas as competencias en materia de planificación, regulación e administración do ensino regrado en toda a súa extensión, niveis, graos, modalidades e especialidades, así como a coordinación do sistema universitario, en virtude do disposto no Decreto 198/2020, do 20 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

En concreto, o seu artigo 9 define a Secretaría Xeral de Universidades como o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para a ordenación, planificación e execución das competencias en materia de universidades e ensinanzas universitarias correspondentes a esta consellería, determinando entre as súas competencias e funcións a planificación da oferta de ensino universitario na Comunidade Autónoma de Galicia, en coordinación coas universidades galegas, incidindo na mellora continua do SUG e na súa conexión e adaptación ao contorno, para dar resposta ás necesidades da sociedade actual e o fomento da excelencia dos campus universitarios.

A Xunta de Galicia segue a priorizar o obxectivo da mellora da excelencia do SUG seguindo a estratexia iniciada no Plan de excelencia do SUG para o trienio 2018-2020, en que se fixaba unha estratexia que permita ás universidades galegas dar un salto de calidade e seguir avanzando nun camiño de vangarda e procura da excelencia.

A excelencia require dun esforzo de autoavaliación e xestión continua para o cal a concesión da mención de máster universitario excelente, obxecto desta orde, introduce un instrumento de carácter voluntario para a mellora progresiva da oferta académica especializada do SUG, recoñecendo a solvencia científico-técnica e a capacidade formadora de determinadas titulacións.

Por outra banda, esta distinción pretende favorecer a posta en marcha de medidas de mellora da calidade na oferta de másters universitarios nas universidades públicas do SUG, nunha aposta polo futuro da nosa comunidade, a prol de satisfacer a necesidade de formación especializada, tanto profesionalizante como de carácter investigador, que vén requirindo o noso contorno socioeconómico.

O outorgamento da mención de máster universitario excelente é a resposta aos retos de modernización e innovación a que se enfrontan as nosas universidades e permitirá a estas titulacións contar cunha diferenciación e identificación coa calidade e o prestixio, potenciar a actividade docente e investigadora e incrementar o seu atractivo e capacidade de retención de talento.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar, en réxime de concorrencia competitiva, a concesión de mención da excelencia na Comunidade Autónoma de Galicia a un máximo de tres titulacións universitarias oficiais de máster impartidas polas universidades públicas do Sistema universitario de Galicia.

Artigo 2. Entidades destinatarias

Poderán solicitar a mención de máster universitario excelente as universidades públicas do SUG.

Artigo 3. Requisitos para solicitar a mención

1. Os másters para os que se solicite a mención de máster universitario excelente deberán cumprir os seguintes requisitos:

• Ser títulos de máster universitario de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, que conten coa autorización de impartición da Comunidade Autónoma.

• Que veñan sendo impartidos por algunha das universidades públicas do SUG de xeito ininterrompido, como mínimo, desde o curso 2018/19 e que continúen impartíndose na actualidade.

2. Cada universidade poderá presentar, como máximo, tres solicitudes correspondentes a outras tantas titulacións de máster universitario oficial, tanto se as imparten en exclusividade como se figuran como universidade coordinadora, no caso de titulacións conxuntas.

Artigo 4. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. As universidades presentarán as solicitudes de maneira individualizada para cada unha das titulacións propostas.

As solicitudes, que irán dirixidas á Secretaría Xeral de Universidades, presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario PR004, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Se algunha das entidades presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Unha vez formalizada a solicitude, deberá asinala o representante legal da universidade solicitante con calquera dos sistemas de sinatura admitidos pola sede electrónica e enviala polo procedemento electrónico establecido, e quedará así presentada para todos os efectos. Non se terán en conta aquelas solicitudes cubertas por vía telemática que non completen o proceso de presentación establecido e obteñan o xustificante de solicitude que deberá conservar a persoa solicitante para acreditar, no caso de que resulte necesario, a presentación da súa solicitude no prazo e forma establecidos.

2. O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contado a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Artigo 5. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As universidades deberán achegar con cada solicitude a seguinte documentación:

a) Memoria descritiva da titulación que xustifique o cumprimento dos requisitos exixidos no artigo 3 da presente orde, que deberá ir asinada pola persoa que legalmente represente a universidade correspondente (anexo I).

b) Memoria xustificativa, acompañada da documentación acreditativa dos criterios avaliables determinados no artigo 9 da presente orde, que deberá ir asinada pola persoa encargada da coordinación da titulación (anexo II).

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Instrución do procedemento

A instrución do procedemento de concesión da mención de máster universitario excelente correspóndelle á Secretaría Xeral de Universidades.

Rematado o prazo de presentación de solicitudes, a Secretaría Xeral de Universidades comprobará o cumprimento dos requisitos exixidos nesta convocatoria. No caso de que a solicitude non reúna os requisitos da convocatoria, requirirase a entidade solicitante para que, no prazo de dez días hábiles, achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento. Transcorrido este prazo sen que se achegue a documentación requirida, considerarase que a universidade solicitante desiste da súa petición, nos termos establecidos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Será causa de inadmisión da solicitude presentada, con independencia de que se poida acordar outro tipo de actuacións, non axustarse aos termos desta convocatoria, o incumprimento dos requisitos nela establecidos, a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada.

Artigo 8. Comisión Avaliadora

1. A Comisión Avaliadora estará integrada polos seguintes membros:

Presidente/a: o titular da Secretaría Xeral de Universidades ou a persoa en quen delegue.

Vogais:

Dous/dúas representantes da Secretaría Xeral de Universidades.

Un representante da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia
(ACSUG).

Secretaria: a xefa do Servizo de Coordinación do Sistema Universitario, que actuará con voz e voto.

2. A Comisión Avaliadora, para o exercicio das súas funcións, poderá contar co asesoramento de persoas expertas na materia obxecto da convocatoria.

3. Se, por calquera causa, no momento en que a Comisión Avaliadora teña que examinar as solicitudes, algún/algunha dos/das compoñentes non pode asistir, será substituído/a pola persoa que para o efecto se nomee. Este nomeamento deberá recaer noutra persoa da Secretaría Xeral de Universidades.

Artigo 9. Criterios de avaliación

1. As solicitudes que cumpran os requisitos exixidos avaliaranse segundo os seguintes criterios:

a) Aspectos xerais do máster. Ata 25 puntos.

Nesta epígrafe valoraranse os seguintes aspectos:

– Taxa de ocupación (prazas ocupadas/prazas ofertadas) (5 puntos).

– Entidades públicas e privadas que colaboren directamente co máster (achegas financeiras, convenios de colaboración) (6 puntos).

– Procedemento de selección do alumnado (5 puntos).

– Porcentaxe de alumnado estranxeiro con matrícula ordinaria (excluídos programas de mobilidade) (2 puntos).

– Existencia de titorización e mentorización individual (7 puntos).

b) Profesorado do máster. Ata 15 puntos.

Nesta epígrafe valoraranse os seguintes aspectos:

– Méritos relevantes do profesorado permanente da universidade solicitante (10 puntos).

– Adecuación do currículo docente e investigador do profesorado cos contidos que imparten no máster (2 puntos).

– Prestixio e recoñecemento do profesorado externo á universidade responsable do título (3 puntos).

c) Estratexia. Ata 20 puntos.

Nesta epígrafe valoraranse os seguintes aspectos:

– Visión, misión e desenvolvemento futuro do máster (1 punto).

– Plan de xestión do máster para os vindeiros cinco cursos académicos (14 puntos).

– Escenario de mellora no caso de obter o recoñecemento de mención de máster universitario excelente (5 puntos).

d) Plan de estudos. Ata 15 puntos.

Nesta epígrafe valoraranse os seguintes aspectos:

– Porcentaxe de créditos prácticos no plan de estudos vixente (excluídas as prácticas externas obrigatorias) (5 puntos).

– Porcentaxe de prácticas obrigatorias en empresas (4 puntos).

– Emprego de metodoloxías docentes innovadoras (6 puntos).

e) Resultados. Ata 25 puntos.

Nesta epígrafe valoraranse os seguintes aspectos:

– Resultados das enquisas de satisfacción do alumnado (5 puntos).

– Seguimento dos egresados no mercado laboral (10 puntos).

– Indicadores externos de recoñecemento do máster (artigos, ránkings) (10 puntos).

f) Emprendemento. Ata 10 puntos.

Nesta epígrafe valoraranse os seguintes aspectos:

– Existencia ou compromiso de implantación no curso 2023/24 dun módulo vinculado directamente cunha formación en emprendemento e autoemprego.

2. A Comisión avaliará cada un dos criterios e outorgaralles a puntuación correspondente.

3. Para a verificación dos criterios e a súa avaliación a Secretaría Xeral de Universidades poderá requirir á entidade solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para acreditar o seu cumprimento e resultados.

4. Para obter a mención de máster universitario excelente requirirase obter unha puntuación igual ou superior aos 90 puntos.

Artigo 10. Proposta de resolución

Unha vez efectuada a selección, a Comisión Avaliadora elevará, a través da Secretaría Xeral de Universidades, un informe-proposta ao conselleiro de Cultura, Educación e Universidade para a concesión da mención de máster universitario excelente mediante a correspondente resolución.

Artigo 11. Resolución

1. A resolución incluirá a listaxe das titulacións de másters universitarios que resulten distinguidas coa concesión da mención de máster universitario excelente.

2. O prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de seis meses, contado a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no DOG. Transcorrido este prazo sen que se dite resolución expresa, as entidades solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. A resolución de concesión da mención de máster universitario excelente publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, http://www.edu.xunta.gal, pola que se entenderán notificados para todos os efectos os solicitantes, de conformidade co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as universidades poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 12. Obrigas e dereitos das universidades beneficiarias

1. A presentación da solicitude implica a aceptación das bases desta convocatoria.

2. As universidades responsables dos títulos comprométense a manter os requisitos que deron lugar á obtención da puntuación mínima para acadar a mención de máster universitario excelente ou, de ser o caso, notificar á Secretaría Xeral de Universidades calquera variación nestes, no prazo dun mes desde que se produza o feito que implica tal variación.

3. Anualmente, a Secretaría Xeral de Universidades poderá realizar por si mesma, a través do seu persoal ou por medio da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), cantas comprobacións considere necesarias para garantir o cumprimento e o mantemento dos requisitos que serviron de base para a concesión da mención de máster universitario excelente, e poderá solicitar para iso canta información sexa necesaria.

4. A Xunta de Galicia e as universidades cuxos títulos obteñan a mención de máster universitario excelente poderán utilizalo nas súas accións de comunicación e publicidade mediante a expresión «Máster universitario en xxx con mención de Máster universitario excelente da Xunta de Galicia», con indicación expresa dos cursos académicos para os que foi concedida e o logo oficial da Xunta de Galicia.

5. A mención de máster universitario excelente poderá ser valorada para os efectos de obtención de financiamento específico procedente das partidas orzamentarias vinculadas ao Plan galego de financiamento universitario 2022/26.

Artigo 13. Revogación e renuncia á mención de máster universitario excelente

1. A Consellería de Cultura, Educación e Universidade poderá revogar, mediante resolución motivada, a mención de máster universitario excelente, no caso de perda das condicións que deron lugar á concesión da mención; a interrupción da súa oferta durante o período de vixencia da mención; ou no caso de resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e seguimento ás que se refire o artigo anterior.

2. A universidade responsable do título poderá renunciar ao dereito ao uso da mención notificándoo á Secretaría Xeral de Universidades.

3. A revogación e/ou a renuncia implica a retirada da mención de máster universitario excelente e a universidade responsable do título non poderá facer uso desta a partir da data da notificación da revogación ou, de ser o caso, da comunicación da renuncia.

Artigo 14. Renovación da mención de máster universitario excelente

1. O recoñecemento como máster universitario excelente ten unha vixencia de cinco cursos académicos á fin dos cales poderá ser renovado por períodos sucesivos de igual duración.

2. Transcorrido o prazo de validez da mención de máster universitario excelente, a universidade responsable do título deberá solicitar a súa renovación ante a Secretaría Xeral de Universidades cunha antelación mínima de 6 meses ao remate do prazo da súa validez, e achegará xunto coa solicitude de renovación unha memoria de autoavaliación de mantemento dos requisitos que deron lugar á súa concesión. No caso de non solicitar a renovación no prazo indicado, a mención de máster universitario excelente quedará sen efecto transcorrido o seu período de validez.

3. Se, transcorrido o período de validez, a consellería competente en materia de universidades non resolvera a solicitude de renovación, poderá entenderse decaída a mención de máster universitario excelente.

Disposición adicional única. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Cultura, Educación e Universidade, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e dos contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, e esta circunstancia reflectirase no dito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados, conforme o descrito na presente norma reguladora, a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Disposición derradeira primeira. Remisión normativa

En todo aquilo que non se prevexa nestas bases é de aplicación o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, así como na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Disposición derradeira segunda. Impugnación da orde

Contra esta orde poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidade no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira terceira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Universidades para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira cuarta. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2022

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade

ANEXO I

Memoria descritiva

DENOMINACIÓN DO TÍTULO

RESPONSABLE DO TÍTULO (coordinador/a)

1º apelido

2º apelido

Nome

DNI

Categoría profesional

Universidade solicitante

Nome da universidade

CIF

Centro responsable do título

Representante legal

Requisitos para solicitar a mención (artigo 3)

Denominación do máster universitario oficial

Centro/s onde se imparte o título

Título conxunto (si/non)

Si □ Non □

Universidades participantes (indíquese universidade coordinadora)

Natureza do centro universitario

Propio □ Adscrito □

Data de publicación no DOG

Código RUCT

Rama de coñecemento

Curso de inicio de impartición do máster universitario

Impartición ininterrompida desde o curso 2018/19

Sí □ Non □

Alumnos matriculados

2018/19 2019/20 2020/21

SINATURA DO REPRESENTANTE LEGAL (reitor/a)

Lugar e data

..., ... de... de ...

Dirixido a: secretario xeral de Universidades

ANEXO II

Memoria xustificativa

DOCUMENTACIÓN ACREDITATIVA DOS CRITERIOS AVALIABLES DO ARTIGO 9

a) Aspectos xerais do máster

Puntuación:
ata 25

Documentación que achega:

– Taxa de ocupación (prazas ocupadas*/prazas ofertadas) *matrícula real

5 ptos.

– Entidades públicas e privadas que colaboren directamente co máster

6 ptos.

– Probas de acceso do alumnado

5 ptos.

– Porcentaxe de alumnado estranxeiro con matrícula ordinaria (excluídos programas de mobilidade)

2 ptos.

– Existencia de titorización e mentorización individuais

7 ptos.

b) Profesorado do máster

Puntuación:
ata 15

Documentación que achega:

– Méritos relevantes do profesorado funcionario da universidade solicitante

10 ptos.

– Adecuación do currículo docente e investigador do profesorado cos contidos que imparten no máster

2 ptos.

– Prestixio e recoñecemento do profesorado externo á universidade responsable do título

3 ptos.

c) Estratexia

Puntuación:
ata 20

Documentación que achega:

– Visión, misión e desenvolvemento futuro do máster

1 pto.

– Plan de xestión do máster para os vindeiros cinco cursos académicos

14 ptos.

– Escenario de mellora no caso de obter o recoñecemento de mención de máster

5 ptos.

d) Plan de estudos

Puntuación:
ata 15

Documentación que achega:

– Porcentaxe de créditos prácticos no plan de estudos vixente (excluídas as prácticas externas obrigatorias)

5 ptos.

– Porcentaxe de prácticas obrigatorias en empresas

4 ptos.

– Emprego de metodoloxías docentes innovadoras

6 ptos.

e) Resultados

Puntuación:
ata 25

Documentación que achega:

– Resultados das enquisas de satisfacción do alumnado

5 ptos.

– Seguimento dos egresados no mercado laboral

10 ptos.

– Indicadores externos de recoñecemento do máster (artigos, ránkings)

10 ptos.

f) Emprendemento. Ata 10 puntos

Puntuación:
ata 10

Documentación que achega:

– Existencia ou compromiso de implantación no curso 2023/24 dun módulo vinculado directamente cunha formación en emprendemento e autoemprego

10 ptos.

SINATURA DO RESPONSABLE DO TÍTULO (coordinador/a)

Lugar e data

..., de ... de ...

Dirixido a: secretario xeral de Universidades