Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Venres, 25 de marzo de 2022 Páx. 19620

III. Outras disposicións

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 17 de marzo de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se delega nas persoas titulares das xefaturas territoriais o exercicio de determinadas competencias.

A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, atribúelle a competencia para resolver as solicitudes de acceso á información pública no ámbito da Administración xeral da comunidade autónoma á persoa titular da secretaría xeral, da secretaría xeral técnica, da dirección xeral ou da delegación territorial.

A tramitación das solicitudes de acceso á información faise por razón da materia e correspóndelle a esta dirección xeral a resolución destas solicitudes no seu ámbito competencial, independentemente de que órgano da consellería sexa o que efectivamente posúa a información, o que provoca inevitables atrasos na atención destas solicitudes cando a información non consta directamente nas dependencias da dirección xeral ou se trata de accesos á información relativa a expedientes que foron tramitados nas xefaturas territoriais, especialmente cando se trata de información que só existe parcial ou totalmente en papel.

Co fin de lograr unha maior axilidade administrativa que redunde en beneficio tanto da Administración como dos administrados, faise conveniente que, dentro do respecto aos principios informadores da actuación administrativa e con suxeición á normativa legal vixente, se delegue nas xefaturas territoriais da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación o exercicio de determinadas competencias.

Na súa virtude, facendo uso das atribucións que me confire o artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia,

DISPOÑO:

Delegar nas persoas titulares das xefaturas territoriais da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación a resolución das solicitudes de acceso á información pública, segundo o establecido na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, daqueles expedientes que por razón da materia correspondan ao ámbito da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais pero cuxa tramitación sexa competencia das xefaturas territoriais.

A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais poderá avocar para si, en calquera momento, o exercicio das competencias delegadas nesta resolución, de acordo co establecido no artigo 10 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e no artigo 7 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Os actos e resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta resolución farán constar expresamente esta circunstancia, con referencia ao número e á data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e consideraranse ditadas pola autoridade que as concedeu.

Esta resolución producirá efectos o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2022

Paula Uría Traba
Directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais