Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Martes, 29 de marzo de 2022 Páx. 20321

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

EXTRACTO da Resolución do 15 de marzo de 2022, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento PR905A).

BDNS (Identif.): 617711.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as seguintes persoas que, residindo fóra de España con nacionalidade española, establezan a súa residencia na Comunidade Autónoma galega:

a) As persoas galegas e nacidas en Galicia.

b) Os/as cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal das persoas galegas e nacidas en Galicia.

c) Os/as descendentes por consanguinidade das persoas galegas e nacidas en Galicia.

Segundo. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases que regularán o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións da Secretaría Xeral da Emigración que teñen por finalidade a concesión de axudas extraordinarias e non periódicas, dirixidas a persoas emigrantes galegas retornadas que carezan dos recursos suficientes, para axudar a facer fronte aos gastos extraordinarios da unidade familiar derivados do seu retorno á Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento PR905A).

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 15 de marzo de 2022, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento PR905A).

Cuarto. Importe

1. Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito dun millón seiscentos noventa mil euros (1.690.000 €), con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.480.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022.

2. Este importe poderá ser ampliado nos casos establecidos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, en función das maiores dispoñibilidades orzamentarias que se poidan producir na devandita aplicación e condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e, se é o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Neste caso, publicarase a ampliación do crédito nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de setembro de 2022, incluído.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2022

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración