Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Martes, 29 de marzo de 2022 Páx. 20406

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda e Administración Pública

ANUNCIO do 14 de marzo de 2022, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública, polo que se acorda o alleamento, polo procedemento de poxa pública, de 846,5 gramos de granalla de ouro.

Ás 11.30 do 11 de maio de 2022 terá lugar no salón de actos 2, situado no Edificio Administrativo de San Caetano, en Santiago de Compostela, perante a mesa presidida polo secretario xeral técnico e do Patrimonio, ou persoa en que delegue, coa asistencia dun letrado da Asesoría Xurídica, un representante da Intervención Xeral e un funcionario da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio, que actuará como secretario, a poxa pública de 846,5 gramos de granalla de ouro puro de lei de 999/99 milésimas, cuxo alleamento foi acordado mediante a Orde da Consellería de Facenda e Administración Pública do 17 de febreiro de 2021.

Tipo de licitación: prezo do ouro no mercado oficial de cotización ás 10.30 horas do día de realización da poxa, segundo o prego de condicións.

Tipo de licitación primeira poxa: 100 % da devandita cotización.

Tipo de licitación segunda poxa: 85 % da devandita cotización.

Tipo de licitación terceira poxa: 70 % da devandita cotización.

Para tomar parte na poxa é requisito indispensable consignar o 20 % da cantidade sinalada como tipo de licitación do ben perante a mesa, ou acreditar que se depositou tal cantidade na Tesouraría Xeral da Xunta de Galicia á disposición da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio.

Na participación presencial a garantía deberá presentarse en metálico ou cheque bancario a favor da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio (NIF S1511001H) o día da poxa, no momento que indique a mesa.

Serán por conta do adxudicatario os custos dos anuncios, así como os orixinados pola adxudicación e formalización da escritura pública de venda; os demais gastos e impostos derivados da transmisión serán de aplicación conforme o disposto na lei.

O prego de condicións que rexe o presente alleamento está á disposición dos interesados na Subdirección Xeral do Patrimonio, na rúa da Pastoriza, nº 8, 2º andar (Santiago de Compostela), así como na páxina web da Consellería de Facenda:

http://www.conselleriadefacenda.es/a-conselleria/transparencia/contratacion-patrimonial/poxas/vendas

Para asistir á poxa, por motivos relacionados coa COVID, recoméndase pedir cita previa.

Teléfono de información: 981 54 41 51.

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2022

Jorge Atán Castro
Secretario xeral técnico e do Patrimonio
da Consellería de Facenda e Administración Pública