Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 30 de marzo de 2022 Páx. 20610

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Servizos Sociais

RESOLUCIÓN do 22 de marzo de 2022 pola que se convoca o procedemento de adxudicación de prazas para fillos e fillas do persoal ao servizo do sector público autonómico nas escolas infantís dependentes desta axencia para o curso 2022/23 (código de procedemento BS402B).

A Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva en materia de asistencia social, segundo o disposto no artigo 27.23 do seu Estatuto de autonomía.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece, no seu artigo 3, os obxectivos do Sistema galego de servizos sociais, entre os que inclúe o de proporcionar oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre mulleres e homes e posibiliten a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral, así como o de garantir o apoio ás familias como marco de referencia en que se desenvolven as persoas.

A Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, recoñece no seu artigo 6 como un dos principios de responsabilidade pública o de atender, apoiar e protexer as familias como núcleo fundamental da sociedade no cumprimento das súas funcións.

Así mesmo, a Lei 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia, establece no seu artigo 49.1 que a Administración autonómica garantirá a calidade e o carácter inclusivo dos recursos de educación infantil 0-3, avanzará na súa universalización e gratuidade e promoverá unha dotación suficiente de prazas e os recursos para facer efectivas as posibilidades de acceso, permanencia e promoción de toda a poboación infantil a esta etapa educativa, preferentemente en centros públicos.

Para a súa consecución, a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, na súa disposición adicional novena prevé, tras a última modificación introducida pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas de Galicia, a extensión da medida de gratuidade da atención educativa nas escolas infantís 0-3 para todos os nenos e nenas matriculados nestes centros, con independencia do número de irmáns da unidade familiar.

O Decreto 40/2014, do 20 de marzo, polo que se crea a Axencia Galega de Servizos Sociais e se aproban os seus estatutos, establece na súa disposición adicional primeira que esta asumirá desde a súa posta en funcionamento as competencias atribuídas en materia de xestión de escolas infantís á Dirección Xeral de Familia e Inclusión. A nova entidade subrogarase en todas as relacións xurídicas, bens, dereitos e obrigas derivados do exercicio das súas competencias.

Na súa disposición transitoria primeira o dito decreto establece, non obstante, que a persoa titular da Dirección Xeral de Familia e Inclusión desenvolverá transitoriamente e pola súa propia condición as funcións que corresponden á Dirección da Axencia Galega de Servizos Sociais ata o nomeamento deste/a a través do procedemento recollido nestes estatutos.

Na mesma disposición establécese que a través das xefaturas territoriais poderán seguirse realizando os labores de apoio para a xestión dos centros da Axencia Galega de Servizos Sociais no seu ámbito territorial, ata que esta dispoña de servizos propios para alcanzar a súa autonomía.

Así mesmo, de conformidade co Decreto 216/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, atribúese á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica o exercicio das políticas públicas de apoio á familia e á infancia, así como a promoción e adopción das medidas de conciliación que garanten un ambiente favorable para o libre desenvolvemento das familias.

Pola súa vez, a Administración autonómica, no marco das políticas de apoio á familia e á infancia, e en atención ás necesidades do persoal ao servizo do sector público autonómico con responsabilidades familiares, manifestadas polas organizacións sindicais que o representan, pon á súa disposición un conxunto de prazas públicas en diferentes cidades da comunidade autónoma para a atención dos seus fillos e fillas menores de 3 anos.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o Decreto 40/2014, do 20 de marzo,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto convocar, para o curso 2022/23, o procedemento de adxudicación de prazas para fillos e fillas do persoal ao servizo do sector público autonómico en escolas infantís dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais (en diante, Agass) da localidade onde presta servizos (código de procedemento BS402B). As ditas escolas infantís son as seguintes:

a) Escola infantil de Vite en Santiago de Compostela.

b) Escola infantil Santa María de Oza na Coruña.

c) Escola infantil Catabois en Ferrol.

d) Escola infantil Sagrado Corazón en Lugo.

e) Escola infantil Antela en Ourense.

f) Escola infantil do Edificio Administrativo de Pontevedra.

g) Escola infantil A Estrela do Complexo Administrativo de Vigo.

2. Para os efectos desta resolución, considérase persoal ao servizo do sector público autonómico o persoal que presta servizos no ámbito central e periférico na Presidencia, nas consellerías da Xunta de Galicia e nas súas entidades instrumentais.

Artigo 2. Requisitos para ser persoa adxudicataria

Serán requisitos para ser persoa adxudicataria de praza nas escolas infantís 0-3 obxecto desta resolución:

a) Que o neno ou a nena xa nacese no momento de presentación da solicitude e sexa fillo ou filla, calquera que sexa a súa filiación, ou estea en situación legal de acollemento.

b) Que o neno ou nena teña unha idade mínima de tres meses na data de ingreso na escola infantil en que obteña praza e non teña feitos os 3 anos de idade o 31 de decembro de 2022.

c) Estar ao día no pagamento das cotas polos servizos recibidos na data de presentación da solicitude, respecto daquelas familias que xa escolarizaron un fillo ou filla no mesmo centro ou en calquera outro centro da Rede Galiña Azul integrada polas escolas 0-3 dependentes da Agass e do Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e do Benestar.

Artigo 3. Calendario e horario de apertura das escolas

1. Nas escolas infantís 0-3 a que se refire esta resolución, o curso escolar dará comezo o luns día 5 de setembro de 2022.

Os centros permanecerán abertos de luns a venres, excluídos os días considerados festivos no calendario laboral e os días 24 e 31 de decembro de 2022.

Así mesmo, con carácter xeral, todos os centros permanecerán pechados durante os períodos seguintes:

– Os días 26, 27, 28, 29 e 30 de decembro de 2022.

– Os días 3, 4, e 5 de abril de 2023.

– O mes de agosto correspondente ao curso.

No caso da evolución positiva da situación epidemiolóxica, de conformidade co establecido pola autoridade sanitaria, a Dirección da Agass poderá ditar as oportunas instrucións para a apertura dun centro por localidade.

No mes de agosto de 2023, no caso de producirse a apertura dun centro por localidade, esta efectuarase sempre que exista unha demanda igual ou superior a 15 alumnos/as. Nestes casos, o seu peche diario realizarase ás 17.00 horas.

Neste suposto, a familia deberá xustificar con base en motivos laborais ou de saúde a necesidade de levalo ao centro durante o citado período do mes de agosto.

O alumnado poderá asistir ao centro un máximo de once meses dentro do período de setembro a agosto do curso 2022/23.

2. A permanencia do alumnado no centro será con carácter xeral dun máximo de 8 horas diarias, coincidentes co horario laboral da persoa solicitante, agás causas excepcionais e convenientemente xustificadas.

Artigo 4. Prestacións

1. As persoas solicitantes poden optar por unha das seguintes modalidades de servizo:

a) Atención educativa con comedor.

b) Atención educativa sen comedor.

A opción dos servizos elixidos farase constar na solicitude e manterase durante todo o curso, agás circunstancias sobrevidas debidamente acreditadas que xustifiquen a necesidade de modificación da opción elixida inicialmente.

2. O horario para o alumnado que opte pola modalidade de servizo prevista na letra b) do número anterior será o establecido polo centro con base nos seus criterios organizativos de funcionamento.

3. Os nenos e nenas que teñan concedida praza sen servizo de comedor poderán facer uso deste servizo en días soltos sempre que se comunique ante a dirección do centro con antelación suficiente e se aboe o prezo estipulado.

Artigo 5. Forma, lugar e prazo para a presentación das solicitudes

1. As solicitudes para a renovación de praza do alumnado escolarizado durante o curso 2021/22, así como as de novo ingreso (código de procedemento BS402B), presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), marcando a opción que corresponda, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

2. O prazo para a presentación das solicitudes comeza o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e finaliza o día 13 de abril de 2022.

3. Admitiranse, con carácter excepcional ata o día 15 de marzo de 2023, as solicitudes, pasado o prazo establecido no número 2, nos seguintes casos:

a) Nacemento, acollemento ou adopción da nena ou do neno con posterioridade ao prazo de presentación de solicitudes.

b) Cambio de concello por cambio de destino da persoa solicitante.

c) Outras circunstancias que motivadamente aprecie a persoa titular da Dirección da Agass ou da xefatura territorial que corresponda en función da localidade de prestación de servizos da persoa solicitante.

Estas solicitudes deberán ir acompañadas coa xustificación acreditativa da circunstancia que as motiva. Así mesmo, estarán condicionadas á existencia de prazas dispoñibles para o grupo de idade do neno ou da nena no centro onde se solicita a praza.

Artigo 6. Documentación complementaria

1. Para a renovación de praza, as persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Anexo II, relativo á comprobación de datos da persoa cónxuxe ou parella da persoa solicitante ou outros membros da unidade familiar, de ser o caso.

b) Anexo III, no caso de persoas solicitantes, separadas ou divorciadas, que necesitan dunha autorización expresa do proxenitor ou proxenitora non solicitante para presentar a solicitude de praza.

c) Documentos que acrediten cambios de carácter socioeconómico na unidade familiar, de ser o caso.

2. Para novo ingreso as persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Anexo II, relativo á comprobación de datos da persoa cónxuxe ou parella da persoa solicitante ou outros membros da unidade familiar, de ser o caso.

b) Anexo III, no caso de persoas solicitantes, separadas ou divorciadas, que necesitan dunha autorización expresa do proxenitor ou proxenitora non solicitante para presentar a solicitude de praza.

c) Copia do libro de familia ou, na súa falta, outro documento que acredite oficialmente a situación familiar.

d) Certificado do grao de discapacidade e/ou de dependencia do neno ou da nena para quen se solicita praza, se é o caso, cando non sexa expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Informe sobre a necesidade de integración na escola infantil, acreditada por un equipo de valoración e orientación da Consellería de Política Social, no caso dos nenos e das nenas con necesidades específicas de apoio educativo.

f) Copia da resolución administrativa de acollemento ou de garda con fins adoptivos cando estean formalizados por outra comunidade autónoma distinta da galega.

g) Se procede, outros documentos en que consten incidencias sociofamiliares, computables no baremo:

1º. Xustificante de ocupación actualizada da persoa cónxuxe ou parella, de ser o caso, no caso de persoas traballadoras que non estean no réxime xeral da Seguridade Social.

2º. Certificado administrativo de monoparentalidade expedido por outra comunidade autónoma ou, na súa falta, certificado de convivencia e sentenza de separación ou divorcio, convenio regulador ou resolución de medidas paterno-filiais.

3º. Copia do título de familia numerosa, no caso de que non sexa expedido pola Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Documento nacional de identidade/número de identificación de estranxeiro (DNI/NIE) da persoa solicitante e da persoa cónxuxe ou parella, de ser o caso.

b) Declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) da persoa solicitante, da/do cónxuxe ou parella e demais membros da unidade familiar, de ser o caso, correspondente ao último período impositivo con prazo de presentación vencido no momento de presentación da solicitude.

c) Situación física do posto de traballo do Rexistro Central de Persoal da Dirección Xeral de Función Pública da Consellería de Facenda.

2. Nos supostos de solicitudes de novo ingreso, consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Grao de discapacidade e/ou de dependencia do neno ou da nena para quen se solicita praza recoñecido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Acollemento ou garda con fins adoptivos do neno ou da nena para quen se solicita praza formalizados pola Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Situación de monoparentalidade recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Familia numerosa recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Alta na Seguridade Social na data de presentación da solicitude da persoa cónxuxe ou parella, de ser o caso.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Instrución do procedemento

1. A Subdirección Xeral de Demografía e Conciliación da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica e os servizos de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social da Coruña, Lugo, Ourense e Vigo, como órganos responsables da tramitación dos expedientes, en aplicación da disposición transitoria primeira do Decreto 40/2014, do 20 de marzo, polo que se crea a Axencia Galega de Servizos Socias e se aproban os seus estatutos, comprobarán que estes reúnen os requisitos recollidos nesta resolución.

2. No supostos en que os expedientes non estean completos requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, de acordo co establecido no artigo 73 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Os órganos responsables da tramitación dos expedientes referidos no número 1 poderán reclamar en calquera momento todos aqueles datos e a súa debida acreditación documental que coiden precisos para a máis eficaz realización da súa función.

Artigo 10. Valoración das solicitudes e baremo de admisión

1. Aplicaráselle a todas as solicitudes de novo ingreso un procedemento de valoración en función do baremo, de conformidade cos criterios que se determinan nos números 2 e 3.

2. Para a aplicación dos criterios económicos recollidos neste número tomarase como base a renda per cápita mensual da unidade familiar, referida ao indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente, calculada de acordo coas regras establecidas na normativa de prezos das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades do sector público autonómico de servizos sociais. A puntuación outorgarase en función do nivel de renda da unidade familiar de acordo cos seguintes tramos:

a) Inferior ao 50 % do IPREM: 4 puntos.

b) Do 50 % ou superior e inferior ao 75 % do IPREM: 3 puntos.

c) Do 75 % ou superior e inferior ao 100 % do IPREM: 2 puntos.

d) Igual ou superior ao 100 % do IPREM: 1 punto.

3. Para a aplicación dos criterios sociofamiliares, a puntuación outorgarase en función das variables seguintes:

a) Por ocupación laboral da nai, titora ou acolledora: 2 puntos.

b) Por ocupación laboral do pai, titor ou acolledor: 2 puntos.

c) Por familia numerosa: 2 puntos.

d) Por familia monoparental: 2 puntos.

e) Outras circunstancias sociofamiliares susceptibles de valoración a xuízo da comisión de valoración: ata 2 puntos.

4. A selección das solicitudes efectuarase en función da puntuación acadada segundo o citado baremo. Para estes efectos, todas as circunstancias ou feitos alegados se acreditarán documentalmente.

No caso de obter igual puntuación terán preferencia as solicitudes de atención educativa con servizo de comedor e xornada completa e, de persistir o empate, daráselle prioridade á renda per cápita máis baixa.

5. Unha vez adxudicadas as prazas de renovación, para a prelación na adxudicación de prazas de novo ingreso, con carácter xeral, terán preferencia os e as solicitantes con irmán ou irmá con praza adxudicada, de renovación ou de novo ingreso, no centro para o cal se solicita praza, así como os nenos e as nenas con medidas administrativas de tutela ou garda en situación de acollemento familiar.

6. Nas escolas infantís de Santa María de Oza e de Catabois, tras o resultado do baremo e da aplicación do previsto no número 5, as prazas adxudicaranse conforme a orde de prelación seguinte:

a) Persoal da Xunta de Galicia que preste servizo nas xefaturas territoriais e nas entidades instrumentais con sede na cidade da Coruña e na cidade de Ferrol, respectivamente.

b) Persoal de servizos das xefaturas territoriais e das entidades instrumentais con sede na cidade da Coruña e na cidade de Ferrol, respectivamente.

7. Na escola infantil Sagrado Corazón de Lugo, tras o resultado do baremo e da aplicación do previsto no número 5, as prazas adxudicaranse conforme a orde de prelación seguinte:

a) Persoal da Xunta de Galicia que preste servizo nas xefaturas territoriais e nas entidades instrumentais con sede na cidade de Lugo.

b) Persoal de servizos das xefaturas territoriais e das entidades instrumentais con sede na cidade de Lugo.

8. Na escola infantil Antela de Ourense, tras o resultado do baremo e da aplicación do previsto no número 5, as prazas adxudicaranse conforme a orde de prelación seguinte:

a) Persoal da Xunta de Galicia que preste servizo nas xefaturas territoriais e nas entidades instrumentais con sede na cidade de Ourense.

b) Persoal de servizos das xefaturas territoriais e das entidades instrumentais con sede na cidade de Ourense.

9. Nas escolas infantís do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra e do Complexo Administrativo da Xunta de Galicia en Vigo, tras o resultado do baremo e da aplicación do previsto no número 5, as prazas adxudicaranse conforme a orde de prelación seguinte:

a) Persoal da Xunta de Galicia con destino no Edificio Administrativo de Pontevedra ou no Complexo Administrativo de Vigo, respectivamente.

b) Persoal da Xunta de Galicia con destino noutras dependencias distintas do Edificio Administrativo de Pontevedra ou do Complexo Administrativo de Vigo, nas súas respectivas cidades.

c) Persoal de servizos no Edificio Administrativo de Pontevedra ou no Complexo Administrativo de Vigo, nas súas respectivas cidades.

10. No caso de que, unha vez adxudicadas as prazas reguladas nesta resolución, queden vacantes nos centros chamarase das listas de espera das escolas infantís da Agass das cidades de Pontevedra e Vigo, respectivamente, sen que a renuncia a esta supoña a baixa na lista de espera.

Artigo 11. Comisións de valoración

1. Constituirase unha comisión de valoración para a baremación das solicitudes por cada unha das escolas infantís relacionadas no artigo 1. Esta comisión rexerase polo establecido na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e mais na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, no relativo aos órganos colexiados.

2. A Comisión de Valoración das solicitudes dos/das fillos/as de persoal dos servizos centrais para a escola infantil de Vite terá a seguinte composición:

a) Presidente/a: a persoa titular do servizo competente en materia de conciliación familiar.

b) Secretario/a: unha persoa ao servizo da Administración adscrita á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.

c) Vogais:

1º. Unha persoa ao servizo da Administración adscrita á Subdirección Xeral de Réxime Xurídico e Relacións Laborais da Dirección Xeral da Función Pública.

2º. Unha persoa ao servizo da Administración adscrita á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.

3º. A persoa titular da dirección da escola infantil 0-3 de Vite.

4º. Un/unha representante sindical da Xunta de Persoal.

5º. Un/unha representante sindical do Comité de Empresa.

3. As comisións de valoración das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social terán, respectivamente, a seguinte composición:

a) Presidente/a: a persoa titular do servizo competente en materia de familia, infancia e dinamización demográfica.

b) Secretario/a: unha persoa ao servizo da Administración adscrita ao Servizo de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.

c) Vogais:

1º. Unha persoa ao servizo da Administración adscrita ao Servizo de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.

2º. A persoa titular da dirección da escola infantil 0-3 correspondente.

3º. Unha persoa representante da Xunta de Persoal.

4. Os acordos tomaranse por maioría simple e resolverá, en caso de empate, a presidencia.

Na composición das comisións de valoración procurarase acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes.

No caso de ausencia dalgunha das persoas que integran a Comisión de Valoración será substituída pola persoa designada pola presidencia da Comisión.

Se, por calquera causa, a persoa que exerza a presidencia non pode asistir á Comisión será substituída pola persoa que designe a persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de familia, infancia e dinamización demográfica.

Artigo 12. Relación provisional de persoas adxudicatarias de praza

1. Unha vez baremadas as solicitudes, as comisións de valoración emitirán un informe en que se concrete o resultado da valoración efectuada.

A Subdirección Xeral de Demografía e Conciliación elaborará e elevará a proposta de selección determinando a cota e os descontos aplicables en cada caso, sempre de acordo coas tarifas en vigor segundo o disposto no artigo 19, á persoa titular da Dirección da Agass, no caso das persoas solicitantes da escola infantil de Vite.

Os servizos de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social da Coruña, Lugo, Ourense e Vigo elaborarán e elevarán a proposta de selección, ás persoas titulares das xefaturas territoriais correspondentes, no caso das persoas solicitantes das escolas infantís de Santa María de Oza e de Catabois, Sagrado Corazón, Antela e do Edificio Administrativo de Pontevedra e do Complexo Administrativo de Vigo.

2. As relacións provisionais de persoas admitidas e a lista de espera coa puntuación obtida por cada solicitante poderanse consultar nos servizos centrais da Consellería de Política Social e da Consellería de Facenda e Administración Pública, nos servizos de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social na Coruña, Lugo, Ourense e Vigo, así como na páxina web: https://www.xunta.gal/politica-social e nos respectivos centros.

Artigo 13. Reclamacións

As persoas solicitantes poderán efectuar as reclamacións que consideren oportunas no prazo dos 5 días posteriores á data da exposición pública da relación provisional. Estas reclamacións entenderanse resoltas coa publicación da lista definitiva.

Artigo 14. Resolución do procedemento

1. A resolución de adxudicación de prazas de renovación e de novo ingreso será ditada pola persoa titular da Dirección da Agass no caso da escola infantil de Vite e polas persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social da Coruña, Lugo, Ourense e Vigo, por delegación da persoa titular da Dirección da Agass, no caso das escolas infantís situadas na respectiva provincia.

Unha vez examinadas e resoltas as posibles reclamacións, as relacións definitivas de persoas admitidas e a lista de espera coa puntuación obtida, en relación coas sometidas a baremación, en cada caso faranse públicas o día 31 de maio. Tales relacións publicaranse na páxina web https://www.xunta.gal/politica-social e nos respectivos centros.

2. Con carácter xeral, o prazo máximo para resolver e notificar este procedemento será de 3 meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ou desde a entrada da solicitude no rexistro nos casos de solicitudes non sometidas a baremo. Transcorrido o citado prazo sen se ditar resolución expresa, as solicitudes teranse por desestimadas.

Artigo 15. Publicación dos actos administrativos

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os actos administrativos de requirimento de emenda de documentación así como as correspondentes resolucións, sen prexuízo do disposto no artigo 46 da mesma lei. Esta publicación producirá os efectos de notificación.

Artigo 16. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro desta resolución esgotan a vía administrativa e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. En caso de silencio administrativo, o prazo será de seis meses desde o día seguinte a aquel en que a solicitude se entenda desestimada.

Potestativamente e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo poderá interpoñerse recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación da resolución expresa. Se a resolución é presunta, en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ao abeiro dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 17. Matrícula

1. As persoas que obteñan praza disporán de 8 días, contados desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución de adxudicación, para presentaren o impreso de matrícula debidamente cuberto xunto coa copia da cartilla de vacinación do neno ou nena. A través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou no centro onde obtivesen a dita praza.

Nos supostos de ingreso pasado o prazo disporase de 8 días contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución de concesión da praza para a realización deste trámite.

O cumprimento do calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación, así como a formalización da matrícula no prazo sinalado son imprescindibles para confirmar a praza, en caso contrario a persoa interesada decaerá da súa solicitude.

2. O impreso de matrícula facilitarase nos propios centros, así como na páxina web https://www.xunta.gal/politica-social

Artigo 18. Lista de espera

1. A lista de espera estará constituída polas solicitudes que non acaden a puntuación necesaria para obter praza, ordenadas segundo a prelación establecida no artigo 10 e de acordo coa puntuación obtida.

2. As baixas producidas ao longo do curso escolar cubriranse coas solicitudes que quedasen en lista de espera en cada grupo de idade, por rigorosa orde de puntuación dentro de cada grupo de prelación.

3. As solicitudes que, por circunstancias sobrevidas debidamente xustificadas, recollidas no artigo 5.3, non se presenten nos prazos fixados nesta convocatoria, serán tramitadas e avaliadas para a súa inclusión na lista de espera e ocuparán o lugar que lles corresponda segundo a puntuación obtida.

Artigo 19. Prezos

1. Os prezos que deberán pagar as persoas usuarias para o curso 2022/23 serán os establecidos na normativa de prezos das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades do sector público autonómico de servizos sociais para os servizos complementarios.

2. Aboaranse once mensualidades por curso, agás nos casos establecidos na devandita normativa de prezos.

3. A inasistencia á escola infantil durante un determinado período non supón redución nin exención ningunha do pagamento das cotas correspondentes aos servizos complementarios, agás nos casos establecidos na dita normativa de prezos.

4. O prezo fixado inicialmente para os servizos complementarios revisarase nos seguintes casos:

a) Modificación das circunstancias que determinan os descontos recollidos na normativa vixente en materia de prezos públicos.

b) Variación no número de membros da unidade familiar.

Para estes efectos, a persoa beneficiaria queda obrigada a comunicar calquera variación que se produza nos supostos que deron lugar ao cálculo do prezo público que se lle aplica.

A solicitude de modificación da cota, se é o caso, será resolta polo órgano competente que corresponda en función da localidade de prestación de servizos da persoa solicitante, e aplicarase a partir do primeiro día do mes natural seguinte ao da data da correspondente resolución.

Artigo 20. Baixas

1. Será causa de baixa nas escolas infantís:

a) O cumprimento da idade máxima regulamentaria de permanencia no centro.

b) A solicitude das persoas proxenitoras ou representantes legais.

c) A falta de pagamento do prezo establecido polos servizos complementarios durante dous meses consecutivos ou tres alternos, calquera que sexa o curso escolar a que se refire a débeda, sen prexuízo da reclamación desta polo procedemento administrativo de constrinximento.

d) A comprobación de falsidade nos documentos ou nos datos achegados.

e) A incompatibilidade ou inadaptación absoluta para permanecer no centro.

f) A falta de asistencia continuada durante quince días sen causa xustificada.

2. Naqueles casos en que se produza unha falta de asistencia prolongada, deberá presentarse cunha periodicidade mensual a documentación acreditativa da causa que a produce. O incumprimento desta obriga será causa de baixa.

3. As baixas motivadas polo establecido na letra e) serán resoltas pola persoa titular da Dirección da Agass, por proposta da xefa ou xefe territorial correspondente, unha vez oída a dirección do centro a que asiste a alumna ou alumno e realizado o trámite de audiencia da/das persoa/s interesada/s. O prazo de resolución será de 2 meses desde o inicio do expediente. Nos demais supostos, a baixa aprobarase por resolución da persoa titular da Dirección da Agass ou da xefatura territorial que corresponda en función da localidade de prestación de servizos da persoa solicitante, no prazo dun mes contado desde o inicio da causa que deu orixe á baixa correspondente.

Contra as resolucións ditadas no procedemento anterior será de aplicación o establecido no artigo 16.

4. As baixas producidas ao longo do curso escolar por calquera dos motivos anteriormente expostos cubriranse coas solicitudes que queden en lista de espera en cada grupo de idade, por rigorosa orde de puntuación dentro da prelación establecida no artigo 10.

Artigo 21. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código BS402B, poderase obter documentación normalizada ou información na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, no portal da Consellería de Política Social, http://politicasocial.xunta.gal, no teléfono 012, así como nos enderezos electrónicos seguintes:

012@xunta.es

administrativos.familia.coruna@xunta.gal

familia.politicasocial.lugo@xunta.gal

politicasocialourense@xunta.gal

familia.ctb.vigo@xunta.gal

demografiaeconciliacion@xunta.gal

Disposición adicional primeira. Ratio de nenos/as con necesidades específicas de apoio educativo

No caso de integrárense nenos e nenas con necesidades específicas de apoio educativo, en ningún caso poderá haber máis dun alumno ou dunha alumna con estas necesidades por aula. Para os efectos de ratio, estas prazas contabilizarán como dúas.

Disposición adicional segunda. Adxudicación de prazas ao persoal traballador da Autoridade Portuaria de Vigo

Con carácter excepcional, o persoal ao servizo da Autoridade Portuaria de Vigo poderá concorrer ao procedemento de adxudicación de prazas para a escola infantil do Complexo Administrativo da Xunta de Galicia en Vigo. As prazas adxudicaránselle conforme a orde de prelación prevista no artigo 10.9.c).

Disposición derradeira primeira. Delegación de competencias

Aprobase a delegación de competencias da persoa titular da Dirección da Agass nas persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social para as resolucións de adxudicación e baixas establecidas nesta convocatoria.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2022

O/a director/a da Axencia Galega de Servizos Sociais
P.S. (Disposición transitoria primeira do Decreto 40/2014, do 20 de marzo)
Jacobo Rey Sastre
Director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file