Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 30 de marzo de 2022 Páx. 20600

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 29 de marzo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á reestruturación e reconversión da viña en Galicia e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento MR446A).

BDNS (Identif.): 617891.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas as persoas viticultoras e futuros viticultores cuxos viñedos se destinen á produción de uva para vinificación.

2. Non poderán ser beneficiarios:

a) Aquelas persoas viticultoras que contraveñan a normativa vixente en materia de plantacións de viña, para calquera das superficies de viña da súa explotación.

b) Aquelas persoas viticultoras que renunciasen á axuda dunha operación solicitada en convocatorias anteriores no marco do PASVE 2019-2023, unha vez aprobada, excepto que comunicasen a súa renuncia no prazo de 10 días desde a súa notificación.

c) Aquelas persoas viticultoras que non solicitasen o pagamento dunha operación, unha vez finalizado o prazo para presentar a solicitude de pagamento dentro do segundo exercicio financeiro posterior ao que se solicitou a axuda, salvo causas de forza maior e circunstancias excepcionais que poden recoñecerse conforme os casos previstos no punto 2 do artigo 2 do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello do 17 de decembro de 2013.

Segundo. Obxecto

1. Establecer as bases reguladoras das axudas á reestruturación e reconversión da viña en Galicia e realizar a súa convocatoria para 2022, en réxime de concorrencia competitiva.

2. O apoio para esta medida aplicarase ás viñas de Galicia destinadas á produción de uva para vinificación cuxas persoas viticultoras non contradigan a normativa vixente en materia de plantacións para calquera das superficies de viña das súas explotacións.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 29 de marzo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á reestruturación e reconversión da viña en Galicia e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento MR446A).

Esta medida de reestruturación e reconversión das viñas levarase a cabo a través de solicitudes colectivas (mínimo de cinco persoas viticultoras) e/ou individuais.

Poderá subvencionarse unha ou varias das seguintes actuacións:

a) Reimplantación de viñas.

b) Reconversión varietal.

c) Mellora das técnicas de xestión de viñas.

Cuarto. Importe

Estas axudas finánciaas a Unión Europea, na súa totalidade, a través do Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga 100 %): 3.000.000 €.

As axudas poderán ser de:

a) Compensación pola perda de ingresos (2.226 euros/ha e campaña, de ser o caso).

b) Custos de reestruturación e reconversión da viña (50 % dos custos subvencionables).

Quinto. Prazo para presentar as solicitudes

O prazo para presentar as solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao de publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2022

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural