A representación da titularidade do centro privado (CPR) Plurilingüe Las Acacias-Montecastelo, de Vigo, solicita a modificación da autorización para impartir o ciclo formativo de grao medio Sistemas Microinformáticos e Redes, o CM Instalacións Eléctricas e Automáticas e o ciclo formativo de grao superior (CS) Automatización e Robótica Industrial, na modalidade semipresencial e a distancia do réxime para persoas adultas.
Conforme a Orde do 5 de febreiro de 2019, publicada no Diario Oficial de Galicia do 22 de febreiro, o centro conta con autorización para impartir os ciclos solicitados na modalidade presencial, réxime ordinario.
Logo da tramitación do expediente de acordo co establecido no Decreto 133/1995, do 10 de maio, de autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias, e coa Orde do 20 de setembro de 1995 que o desenvolve, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos
DISPOÑO:
Artigo 1. Modificación da autorización
Modificar a autorización do centro para impartir, na modalidade semipresencial e a distancia do réxime para persoas adultas, as ensinanzas do CM Sistemas Microinformáticos e Redes, o CM Instalacións Eléctricas e Automáticas e o CS Automatización e Robótica Industrial; o centro queda configurado como se detalla a seguir:
Denominación xenérica: Centro privado (CPR) plurilingüe.
Denominación específica: Las Acacias-Montecastelo.
Código: 36025037.
Enderezo: rúa Doctor Paz Pardo, 84.
Localidade: Vigo.
Concello: Vigo.
Código postal: 36214.
Provincia: Pontevedra.
Titular: Fomento de Centros de Enseñanza, S.A.
Composición resultante:
Educación infantil: 9 unidades.
Educación primaria: 18 unidades.
Educación secundaria obrigatoria: 12 unidades.
Bacharelato: 8 unidades das modalidades de Ciencias, e de Humanidades e Ciencias Sociais.
Formación profesional:
a) Modalidade presencial, réxime ordinario:
• 1 CM Sistemas Microinformáticos e Redes (2 unidades, 30 postos escolares cada unha).
• 1 CM Instalacións Eléctricas e Automáticas (2 unidades, 30 postos escolares cada unha).
• 1 CS Automatización e Robótica Industrial (2 unidades, 30 postos escolares cada unha).
• 1 CS Desenvolvemento de Aplicacións Multiplataforma (2 unidades, 30 postos escolares cada unha).
• 1 CS Desenvolvemento de Aplicacións Web (2 unidades, 30 postos escolares cada unha).
b) Modalidade semipresencial e/ou a distancia, réxime para persoas adultas:
• 1 CM Sistemas Microinformáticos e Redes.
• 1 CM Instalacións Eléctricas e Automáticas.
• 1 CS Automatización e Robótica Industrial.
• 1 CS Desenvolvemento de Aplicacións Multiplataforma.
• 1 CS Desenvolvemento de Aplicacións Web.
Artigo 2. Ordenación académica
1. Ás ensinanzas autorizadas no artigo 1 desta orde aplicaráselles, en canto sexa adecuado á súa natureza, o previsto na Orde do 5 de novembro de 2010 pola que se establece, con carácter experimental, a ordenación da formación profesional inicial polo réxime para as persoas adultas nas modalidades a distancia e semipresencial.
2. O desenvolvemento dos módulos profesionais organizarase sobre a base da titoría individual e colectiva, que serán atendidas directamente polo profesorado de cada módulo. A titoría individual realizarase preferentemente de xeito telemático; a titoría colectiva terá carácter presencial, coa intervención directa do profesorado nas instalacións do centro docente e, conforme o artigo 12 da mencionada Orde do 5 de novembro de 2010, as horas semanais de dedicación á titoría colectiva para a realización por parte do alumnado das actividades programadas non poderá ser inferior ao enteiro igual ou inmediatamente superior ao 25 % das horas semanais que se establezan para cada módulo profesional.
A asistencia ás titorías presenciais nas instalacións do centro educativo terá carácter voluntario para o alumnado.
3. Ao longo do período lectivo correspondente, o profesorado de cada módulo profesional realizará un seguimento do desenvolvemento do proceso de ensino e aprendizaxe, para o cal utilizará os instrumentos e os procedementos de recollida de información previamente establecidos na programación dos módulos, que deberán ser coñecidos polo alumnado.
A avaliación da aprendizaxe do alumnado será continua, a través das actividades que se programen, e harmonizarase con probas presenciais teórico-prácticas para cada avaliación parcial, de carácter obrigatorio para o alumnado e axustadas aos resultados de aprendizaxe e aos criterios de avaliación dos currículos dos módulos profesionais. Ao finalizar o desenvolvemento de cada módulo, realizarase unha proba presencial final de carácter global. Esta proba terá que realizala o alumnado que non superase o módulo mediante as probas presenciais parciais que se realicen ao longo do curso.
4. O profesorado que imparta nas modalidades de distancia e semipresencial disporá das competencias necesarias para o manexo da plataforma de formación a distancia e para realizar o seguimento do proceso de ensino-aprendizaxe do alumnado.
Artigo 3. Inicio da actividade
Para a posta en funcionamento das ensinanzas que se autorizan, a Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade de Pontevedra, logo do informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación do profesorado que impartirá docencia nos ditos ciclos, así como o equipamento.
Artigo 4. Inscrición no Rexistro de Centros
Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 5. Modificación da autorización
O centro queda obrigado ao cumprimento da normativa vixente e a solicitar a oportuna revisión cando se deba modificar calquera dos datos que sinala esta orde.
Disposición derradeira primeira. Recursos
Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición, ante esta consellería, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2022
Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade