Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Venres, 1 de abril de 2022 Páx. 21131

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

EXTRACTO da Orde do 30 de marzo de 2022 pola que se convocan subvencións para a transformación de frotas de transporte de viaxeiros e mercadorías de empresas privadas prestadoras de servizos de transporte por estrada, así como de empresas que realicen transporte privado complementario, no marco do compoñente 1 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, xestionado polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para os anos 2022, 2023 e 2024 (código de procedemento IF318D).

BDNS (Identif.): 618564.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Beneficiarias

1. De acordo co disposto no artigo 14 do Real decreto 983/2021, do 16 de novembro, serán destinatarias últimas das subvencións convocadas por esta orde, sempre que teñan a súa residencia fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia, as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dalgunha das seguintes autorizacións en vigor na data de solicitude das axudas:

a) Unha autorización de transporte público de mercadorías habilitante para facer transporte con vehículos ou conxuntos de vehículos de máis de 3,5 t de masa máxima, identificada coa clave MDPE.

b) Unha autorización de transporte público discrecional de viaxeiros en autobús, identificada coa clave VDE.

c) Unha autorización de transporte privado complementario de mercadorías habilitante para facer transporte con vehículos ou conxuntos de vehículos de máis de 3,5 t de masa máxima, identificada coa clave MPCE.

d) Unha autorización de transporte privado complementario de viaxeiros en autobús coa clave VPCE.

e) Unha autorización autonómica de transporte público de mercadorías con clave MDLE, sempre que teñan adscritos á devandita autorización vehículos de máis de 3,5 t de masa máxima na data de aprobación do presente real decreto.

2. As destinatarias últimas definidas no punto anterior poderán recibir axudas unicamente en relación coa categoría e clase de vehículos asociada á habilitación que lles outorgue a autorización de que son titulares.

3. Serán igualmente destinatarios últimos das subvencións convocadas mediante esta orde, sempre que teñan a súa residencia fiscal en Galicia, as persoas xurídicas privadas que na data de solicitude da axuda presten o servizo público de transporte urbano en autobús, e estivesen exentas da obtención dalgunha das autorizacións incluídas no número 1 do artigo 14 do Real decreto 983/2021, do 16 de novembro.

4. Non poderán ser destinatarias últimas das axudas:

a) As empresas que se atopen en situación de crise, conforme a definición que para estes efectos se realiza no Regulamento UE 651/2014, do 17 de xuño de 2014.

b) As persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias enumeradas no artigo 13, números 2 e 3, da Lei 38/2003, do 17 de novembro.

c) As empresas que se atopen suxeitas a unha orde de recuperación pendente sobre calquera axuda ou subvención que lles fose outorgada con anterioridade, ben por declararse axuda ilegal e incompatible co mercado interior, ben por calquera tipo de incumprimento das obrigas que lle viñesen atribuídas na concesión.

d) As empresas ou entidades de titularidade pública que sexan prestadoras do servizo de transporte público urbano.

Segundo. Obxecto

O obxecto desta orde é convocar as subvencións incluídas nos programas de incentivos ligados á transformación de frotas de transporte de viaxeiros e mercadorías de empresas privadas prestadoras de servizos de transporte por estrada, así como de empresas que realicen transporte privado complementario, no marco do compoñente 1 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia para os anos 2022, 2023 e 2024.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras aplicables a estas subvencións establécense no Real decreto 983/2021, do 16 de novembro, polo que se aproba a concesión directa ás comunidades autónomas e ás cidades de Ceuta e Melilla de axudas para a transformación de frotas de transporte de viaxeiros e mercadorías de empresas privadas prestadoras de servizos de transporte por estrada, así como de empresas que realicen transporte privado complementario, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (BOE núm. 275, do 17 de novembro), e no Real decreto 188/2022, do 15 de marzo, polo que se modifica o Real decreto 983/2021, do 16 de novembro, polo que se aproba a concesión directa ás comunidades autónomas e ás cidades de Ceuta e Melilla de axudas para a transformación de frotas de transporte de viaxeiros e mercadorías de empresas privadas prestadoras de servizos de transporte por estrada, así como de empresas que realicen transporte privado complementario, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (BOE núm. 64, do 16 de marzo).

Cuarto. Financiamento e crédito orzamentario

1. As axudas obxecto desta orde outórganse ao abeiro da subvención concedida polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana á Comunidade Autónoma de Galicia no marco do Mecanismo de recuperación e resiliencia establecido no Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, ao estar este programa incluído no compoñente 1 do PRTR.

Máis concretamente, ao financiamento desta actividade 3: «retrofit» ou modificación da forma de propulsión de vehículos (código de procedemento IF318D) destínase un orzamento inicial importe total de seiscentos vinte e un mil seiscentos noventa e catro euros con vinte e catro céntimos de euro (621.694,24 €), con cargo ás anualidades 2022, 2023 e 2024.

2. As subvencións obxecto desta convocatoria concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 09.02.512A.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os exercicios 2022, 2023 e 2024.

En consecuencia, a dotación orzamentaria inicial é a seguinte e distribúese nas seguintes anualidades:

Actividade

Partida orzamentaria

Crédito inicial 2022 (€)

Actividade 3

09.02.512A.770.0

621.694,24

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de abril de 2024, fóra da actividade 4, cuxa vixencia finalizará o 31 de decembro de 2023.

Sexto. Outros datos

A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado co código de procedemento IF318D dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Estes modelos irán acompañados, ademais, da documentación relacionada nos artigos 10 e 11 que, necesariamente, deberá anexarse en formato electrónico. Para isto, no proceso de presentación electrónica permitirase anexar á solicitude os arquivos informáticos necesarios (en formato pdf, odt, ods, doc, xls, docx, xlsx, jpg, png, tiff e bmp).

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2022

Joaquín Macho Canales
Secretario xeral técnico da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade