Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Luns, 4 de abril de 2022 Páx. 21299

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 41/2022, do 17 de marzo, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción Fomento da mobilidade sustentable. Senda na OU-536. Treitos: As Vendas (puntos quilométricos 11+890-12+810) e Santa Baia (puntos quilométricos 9+100-11+120), de clave OU/16/274.06, nos concellos do Pereiro de Aguiar e Esgos.

Antecedentes:

Primeiro. Con data do 14 de febreiro de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 31 o Anuncio do 30 de xaneiro de 2020 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción Fomento da mobilidade sustentable. Senda na OU-536. Treitos: As Vendas (pp.qq 11+890-12+810) e Santa Baia (pp.qq. 9+100-11+120), de clave OU/16/274.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido.

Segundo. Tras a análise dos informes, alegacións e certificados presentados, o 11 de marzo de 2022 aprobouse o expediente de información pública e o proxecto de construción Fomento da mobilidade sustentable. Senda na OU-536. Treitos: As Vendas (pp.qq. 11+890-12+810) e Santa Baia (pp.qq. 9+100-11+120), de clave OU/16/274.06.

O obxecto da actuación consiste na creación de dous itinerarios mixtos peonil e ciclista pola marxe esquerda da OU-536, de ancho mínimo 1,8 m e formigón coloreado; un deles desde o p.q. 9+100 (glorieta do Camiño da Venda, no municipio do Pereiro de Aguiar) ata o p.q. 11+120, e o outro desde o p.q. 11+890 (no lugar das Vendas, no límite entre os concellos do Pereiro de Aguiar e Esgos) ata o p.q. 12+810.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezasete de marzo de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción Fomento da mobilidade sustentable. Senda na OU-536. Treitos: As Vendas (pp.qq. 11+890-12+810) e Santa Baia (pp.qq. 9+100-11+120), de clave OU/16/274.06.

Lugo, dezasete de marzo de dous mil vinte e dous

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade