Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Luns, 4 de abril de 2022 Páx. 21529

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 30 de marzo de 2022 pola que se convoca o proceso selectivo para o ingreso, polas quendas de acceso libre e de promoción interna, no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, en prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual.

É de aplicación o Decreto 33/2019, do 28 de marzo (DOG núm. 67, do 5 de abril), polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019.

Por conseguinte, de conformidade co establecido no Decreto 33/2019, do 28 de marzo (DOG núm. 67, do 5 de abril), polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, esta consellería, no uso das competencias que lle atribúe a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia (en diante, LEPG),

DISPÓN:

Convocar o proceso selectivo para o ingreso no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, en prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual, con suxeición ás seguintes bases da convocatoria:

1. Normas xerais.

1.1. O obxecto do proceso selectivo será cubrir cinco (5) prazas, polas quendas de acceso libre e de promoción interna, do corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, en prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual, correspondentes á oferta de emprego público do exercicio 2019.

O sistema selectivo é o de oposición.

1.1.1. O número de prazas reservadas para a quenda de promoción interna é unha (1).

O número de prazas reservadas para a quenda de acceso libre é catro (4).

Se a praza reservada á quenda de promoción interna non se cobre, será acumulada á quenda de acceso libre.

1.1.2. As persoas aspirantes só poderán participar nunha das quendas citadas: promoción interna ou acceso libre. Se da instancia que presenten non se deduce a súa opción, serán excluídas nas listas provisionais que se publiquen. De non emendaren o defecto na solicitude, quedarán definitivamente excluídas.

De ser o caso, as aclaracións ou as correccións respecto ao cambio de quenda deberanse realizar no prazo de alegacións ás listas provisionais de persoas admitidas.

1.1.3. A este proceso selectivo seralle aplicable o Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público (en diante, TRLEBEP), a LEPG, o Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, polo que se regula o acceso ao emprego público e a provisión de postos de traballo das persoas con discapacidade, e demais normas concordantes, así como o disposto nesta convocatoria.

1.2. Requisitos das persoas aspirantes.

Para seren admitidas ao proceso selectivo, as persoas aspirantes deberán posuír no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes e manter ata o momento da toma de posesión como persoal funcionario de carreira os seguintes requisitos:

1.2.1. Para promoción interna:

1.2.1.1. Posuír unha discapacidade intelectual cun grao de discapacidade global recoñecido que deberá ser igual ou superior ao 33 %.

1.2.1.2. Idade: non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.

1.2.1.3. Titulación: estar en posesión ou en condición de obter o título de graduado/a en educación secundaria obrigatoria. Así mesmo, observarase o establecido na Orde EDU/1603/2009, do 10 de xuño, pola que se establecen equivalencias cos títulos de graduado en educación secundaria obrigatoria e de bacharelato regulados na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada mediante a Orde EDU/520/2011, do 7 de marzo.

As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título. Este requisito non será de aplicación ás persoas aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.

1.2.1.4. Pertencer como persoal funcionario de carreira ao corpo da actual agrupación profesional de persoal subalterno da Xunta de Galicia, ou pertencer á categoría 003 (ordenanza e outras) do grupo V de persoal laboral fixo da Xunta de Galicia.

1.2.1.5. Ter prestado servizos efectivos durante, polo menos, dous anos como persoal funcionario no corpo da actual agrupación profesional de persoal subalterno da Comunidade Autónoma de Galicia ou na categoría 003 (ordenanza e outras) do grupo V de persoal laboral fixo da Xunta de Galicia.

Para estes efectos, consideraranse servizos efectivos os prestados na situación de servizos especiais e de excedencia para o coidado de fillos/as e familiares (artigos 168 e 176 da LEPG), e a excedencia por razón de violencia de xénero, de conformidade co establecido no artigo 177 da LEPG.

1.2.1.6. Capacidade funcional: posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

1.2.1.7. Habilitación: non ter sido separada/o nin despedida/o, mediante expediente disciplinario, do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin encontrarse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do cal a persoa foi separada ou inhabilitada.

1.2.1.8. Non poderá participar no proceso selectivo o persoal funcionario de carreira que xa pertenza ao corpo obxecto desta convocatoria.

1.2.2. Para acceso libre.

1.2.2.1. Posuír unha discapacidade intelectual cun grao de discapacidade global recoñecido que deberá ser igual ou superior ao 33 %.

1.2.2.2. Idade: ter feitos os dezaseis anos e non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.

1.2.2.3. Nacionalidade:

a) Ter a nacionalidade española.

b) Ser nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea.

c) Ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, lles sexa aplicable a libre circulación de persoas traballadoras.

d) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar as/os seus descendentes e as/os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

1.2.2.4. Titulación: estar en posesión ou en condición de obter o título de graduado/a en educación secundaria obrigatoria. Así mesmo, observarse o establecido na Orde EDU/1603/2009, do 10 de xuño, pola que se establecen equivalencias cos títulos de graduado en educación secundaria obrigatoria e de bacharelato regulados na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada mediante a Orde EDU/520/2011, do 7 de marzo.

As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título. Este requisito non será de aplicación ás persoas aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.

1.2.2.5. Capacidade funcional: posuír a capacidade funcional para o desempeño das tarefas.

1.2.2.6. Habilitación: non ter sido separada/o nin despedida/o, mediante expediente disciplinario, do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin encontrarse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do cal a persoa foi separada ou inhabilitada.

No suposto de ser nacional doutro Estado, non estar inhabilitada/o ou en situación equivalente, nin ter sido sometida/o a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no Estado de procedencia, o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

1.2.2.7. Non poderá participar no proceso selectivo o persoal funcionario de carreira que xa pertenza ao corpo obxecto desta convocatoria.

1.3. Solicitudes.

1.3.1. As persoas aspirantes que desexen participar no proceso selectivo deberase facer constar no modelo de solicitude que será facilitado gratuitamente na internet.

O prazo para presentar as solicitudes será de vinte días hábiles, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

O modelo de solicitude estará, á disposición de todas as persoas que desexen participar no proceso selectivo, na páxina web funcionpublica.xunta.gal, seguindo a ruta «Función pública»–«Procesos selectivos»–«Xeración e presentación de solicitudes de procesos selectivos».

As persoas solicitantes deberán consignar todos os datos que aparecen na pantalla e posteriormente validalos e confirmalos.

As persoas solicitantes con discapacidades adicionais á intelectual, requirida para a participación neste proceso selectivo, poderán solicitar as posibles adaptacións de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios en que esta adaptación sexa necesaria, todo isto conforme o contido na LEPG, no Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, e no Decreto 33/2019, do 28 de marzo (DOG núm. 67, do 5 de abril), polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019.

As persoas solicitantes das adaptacións sinaladas poderán indicar na mesma epígrafe da solicitude a presenza, durante a realización do exercicio, de atención médica especializada. Neste suposto, deberán presentar, antes do remate do prazo fixado, o orixinal ou a copia debidamente compulsada do informe médico que acredite a necesidade da dita medida.

Unha vez confirmada a alta da solicitude, a persoa solicitante deberá imprimir a solicitude cuberta e deberaa presentar, debidamente asinada, antes do remate do prazo fixado, nas oficinas de Rexistro da Xunta de Galicia, oficinas de Correos e demais lugares previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LRX-PAC).

As solicitudes que se presenten a través das oficinas de Correos deberán ir en sobre aberto para seren datadas e seladas polo persoal de Correos antes de seren certificadas.

Xunto coa solicitude será obrigatorio achegar:

1) Copia compulsada do certificado de discapacidade, acreditativo dun grao igual ou superior ao 33 %.

2) Ditame técnico facultativo que acredite a discapacidade intelectual.

Naqueles supostos en que o recoñecemento da condición de persoa con discapacidade corresponda aos órganos competentes da Xunta de Galicia, a concorrencia destes requisitos poderá ser comprobada de oficio pola Dirección Xeral da Función Pública, para o cal a persoa aspirante deberá marcar na solicitude o correspondente recadro de autorización.

O estado das solicitudes poderá ser consultado en calquera momento seguindo as instrucións iniciais e seleccionando na pantalla a opción de consulta.

Para calquera aclaración ou información de carácter técnico sobre o procedemento anterior, as persoas solicitantes poderanse pór en contacto telefónico co centro informático Cixtec no número 981 54 13 00, das 8.30 ás 20.00 horas, de luns a venres, e os sábados das 10.00 ás 14.00 horas.

Para calquera outra aclaración ou información, as persoas solicitantes poderanse pór en contacto telefónico coa Dirección Xeral da Función Pública nos números 981 54 52 46; 981 54 54 81; 881 99 93 15 e 981 54 52 18, das 9.00 ás 14.00 horas, de luns a venres.

1.3.2. De acordo co disposto no artigo 23 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, as persoas que participen neste proceso selectivo están exentas do aboamento da taxa por inscrición na convocatoria.

2. Proceso selectivo.

2.1. Oposición.

O programa que rexerá as probas selectivas é o que figura como anexo 1 desta resolución.

Teranse en conta as normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que, con data límite da data de publicación no DOG do nomeamento do tribunal, conten con publicación oficial no boletín ou diario correspondente, aínda que a súa entrada en vigor estea diferida a un momento posterior.

As normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que figura no anexo 1 e que fosen derrogadas parcial ou totalmente serán automaticamente substituídas por aquelas que procedan á súa derrogación parcial ou total, con data límite da data de publicación no DOG do nomeamento do tribunal.

2.1.1. Exercicios.

2.1.1.1. Primeiro exercicio (obrigatorio e eliminatorio): consistirá na contestación por escrito dun cuestionario tipo test de corenta e cinco (45) preguntas, máis tres (3) preguntas de reserva, con tres (3) respostas alternativas, das cales só unha (1) é a correcta. Este exercicio constará de dúas partes:

a) Primeira parte: incluirá vinte (20) preguntas da parte xeral do programa do anexo 1, máis unha (1) pregunta de reserva.

b) Segunda parte: incluirá vinte cinco (25) preguntas sobre contidos prácticos do traballo que se vai realizar, incluídos na parte específica do programa do anexo 1, máis dúas (2) preguntas de reserva.

As respostas erróneas non se penalizarán.

As persoas aspirantes disporán de cento vinte (120) minutos para realizaren este exercicio.

O exercicio cualificarase de 0 a 90 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de corenta e cinco (45) puntos. Corresponderalle ao tribunal determinar o número de respostas correctas exixido para acadar esta puntuación mínima.

No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes publicarase o contido do exercicio e o modelo de corrección coas respostas correctas no mesmo lugar en que se realizou o exercicio e no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal

Este exercicio realizarase no prazo máximo de corenta (40) días hábiles desde a constitución do tribunal que xulgue as probas.

A realización deste exercicio non será anterior aos doce (12) meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

2.1.1.2. Segundo exercicio (obrigatorio non eliminatorio): consistirá na contestación por escrito dun cuestionario de dez (10) preguntas tipo test con tres (3) respostas alternativas das cales só unha (1) será a correcta, mediante o cal se evidencie o coñecemento da lingua galega por parte das persoas aspirantes.

O exercicio cualificarase de 0 a 10 puntos e as respostas erróneas non se penalizarán.

As persoas aspirantes disporán de corenta (40) minutos para realizaren este exercicio.

Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de corenta e oito (48) horas desde o remate do exercicio anterior e máximo de corenta (40) días hábiles.

Estarán exentas de realizar este exercicio as persoas aspirantes que acrediten, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación no DOG da resolución pola cal o tribunal faga públicas as cualificacións do primeiro exercicio, que posuían, antes do día de finalización do prazo disposto na base 1.3 desta convocatoria, o Celga 3 ou o equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro), e asignaránselles 10 puntos.

No que se refire á exención da proba da lingua galega, xunto coa resolución anterior a Dirección Xeral da Función Pública publicará, no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, unha listaxe de persoas aspirantes na cal figurarán aquelas que, por teren acreditado a posesión do Celga requirido no proceso selectivo convocado pola Orde do 25 de febreiro de 2016 para o ingreso na categoría 003 (ordenanza e outras) do grupo V de persoal laboral fixo da Xunta de Galicia, en prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual, ou no proceso selectivo convocado pola Orde do 4 de abril de 2018 para o ingreso na agrupación profesional do persoal funcionario subalterno da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, en prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual, non teñen que presentar a documentación xustificativa da exención.

2.1.2. Desenvolvemento dos exercicios.

2.1.2.1. A orde de actuación das persoas aspirantes será por orde alfabética e iniciarase por aquelas cuxo primeiro apelido comece pola letra Q, de conformidade co establecido na Resolución da Consellería de Facenda, do 24 de xaneiro de 2019 (DOG núm. 25, do 5 de febreiro), pola que se publica o resultado do sorteo realizado, en cumprimento do establecido na Resolución da mesma consellería do 9 de xaneiro de 2019 (DOG núm. 4, do 21 de xaneiro).

2.1.2.2. As persoas aspirantes deberanse presentar a cada exercicio provistas de DNI ou doutro documento fidedigno que, ao xuízo do tribunal, acredite a súa identidade.

2.1.2.3. Os exercicios realizaranse a porta pechada sen outra asistencia que a das persoas aspirantes, as que integran o tribunal e as designadas pola Dirección Xeral da Función Pública como persoal colaborador.

2.1.2.4. En calquera momento, as persoas aspirantes poderán ser requiridas polo tribunal para acreditaren a súa identidade.

2.1.2.5. O chamamento para cada exercicio será único, de xeito que as persoas aspirantes que non comparezan serán excluídas.

As mulleres embarazadas que prevexan a coincidencia do parto coas datas de realización de calquera dos exercicios polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderano pór en coñecemento do tribunal e xuntarán á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberase realizar dentro das corenta e oito (48) horas seguintes ao anuncio da data do exame.

O tribunal acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente. Contra tal acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

2.1.2.6. O anuncio de realización dos exercicios publicarase no DOG e no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal con corenta e oito (48) horas, polo menos, de antelación á sinalada para o seu inicio.

2.1.2.7. Se o tribunal, de oficio ou con base nas reclamacións que as persoas aspirantes poden presentar nos tres (3) días hábiles seguintes ao da realización dun exercicio, anula algunha ou algunhas das súas preguntas, publicarao no DOG.

2.1.2.8. As puntuacións obtidas polas persoas aspirantes publicaranse no portal web da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal. Concederase un prazo de dez (10) días hábiles para os efectos de alegacións, que se contarán desde o día seguinte ao da publicación no DOG da resolución do tribunal pola cal se fan públicas as puntuacións do correspondente exercicio.

2.1.2.9. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal ten coñecemento ou dúbidas fundadas de que algunha persoa aspirante non cumpre algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria, comunicarallo á Dirección Xeral da Función Pública para que esta lle requira os documentos acreditativos do seu cumprimento. No caso de que non se acredite o cumprimento dos requisitos, a Dirección Xeral da Función Pública proporá a súa exclusión do proceso selectivo ao órgano que convoca, que publicará a orde que corresponda.

2.1.2.10. Para respectar os principios de publicidade, transparencia, obxectividade e seguridade xurídica que deben rexer no acceso ao emprego público, o tribunal establecerá e informará as persoas aspirantes, con anterioridade á realización dos exames, dos criterios de corrección, valoración e superación que non estean expresamente establecidos nas bases desta convocatoria.

2.2. A orde de prelación das persoas aspirantes virá dada pola suma da puntuación dos exercicios da oposición. Non poderá superar o proceso selectivo un número superior ao de prazas convocadas.

Para asegurar a cobertura das vacantes, de se produciren renuncias das persoas que superaron o proceso selectivo antes do seu nomeamento ou toma de posesión, o órgano que convoca poderá requirir unha relación complementaria das persoas que sigan por puntuación as propostas. Para estes efectos, terán a mesma consideración que as renuncias os supostos das persoas aspirantes que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presenten a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos ou do seu exame se deduza que carecen dalgún deles e que, en consecuencia, non poidan ser nomeadas persoal funcionario de carreira.

3. Curso selectivo.

3.1. As persoas aspirantes que superen a fase de oposición con mellor orde de prelación, ata un número igual ao de prazas convocadas, realizarán un curso selectivo que, igualmente, deberán superar con aproveitamento como requisito indispensable para obteren o seu nomeamento como persoal funcionario de carreira.

O curso selectivo terá como finalidade a preparación das persoas aspirantes para o manexo de paquetes ofimáticos no contorno de LibreOffice 5.4.4 (folla de cálculo, procesador de textos).

Durante este período, as persoas aspirantes serán nomeadas persoal funcionario en prácticas coa situación xurídica prevista nos artigos 16 e 17 do Decreto 95/1991, do 20 de marzo, e demais disposicións de aplicación.

3.2. O curso selectivo terá unha duración de dous (2) meses e regularase mediante resolución ditada para ese efecto.

A realización deste curso non comporta en ningún caso o desempeño dun posto de traballo.

3.3. O curso selectivo valorarase como apto ou non apto e para superalo é necesario obter o resultado de apto.

3.4. As persoas aspirantes que non superen o curso selectivo perderán todos os seus dereitos para o nomeamento como persoal funcionario de carreira, mediante resolución motivada da Dirección Xeral da Función Pública.

Non obstante, quen non supere este curso selectivo, mediante resolución da Dirección Xeral da Función Pública, poderá ser autorizado para a realización deste curso coa promoción inmediatamente posterior.

3.5. Unha vez rematado o curso selectivo e ata que se proceda ao seu nomeamento como persoal funcionario de carreira, as persoas aspirantes continuarán prestando servizos como persoal funcionario en prácticas.

4. Tribunal.

4.1. O tribunal cualificador do proceso será nomeado mediante orde da consellería competente en materia de función pública e a súa composición será a determinada polo previsto no artigo 59 da LEPG, o artigo 60 do TRLEBEP e o artigo 48 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

4.2. As persoas que formen parte do tribunal deberanse abster de intervir cando concorran nelas circunstancias das previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público; no artigo 59.2 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, ou nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección, aprobadas mediante a Resolución do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 11 de abril de 2007, e no Acordo adoptado no Consello da Xunta do 8 de abril de 2010. A concorrencia de calquera das ditas causas deberalle ser comunicada á Dirección Xeral da Función Pública.

A Presidencia deberalles solicitar, ás restantes persoas que formen parte do tribunal, ás persoas que actúen como persoal asesor dos previstos na base 4.9, e ao persoal auxiliar que incorpore aos seus traballos, unha declaración expresa de non se encontraren en ningunha das circunstancias reflectidas no parágrafo anterior.

As persoas aspirantes poderán recusar os integrantes do tribunal cando concorran neles algunha das circunstancias referidas no parágrafo primeiro, consonte o establecido no artigo 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

4.3. A autoridade que convoca publicará no DOG a orde correspondente pola cal se nomeen os novos integrantes do tribunal que substituirán os que perdesen a súa condición por algunha das causas previstas na base anterior.

4.4. A sesión de constitución deberase realizar nun prazo máximo de quince (15) días hábiles a partir da publicación do nomeamento do tribunal no DOG. Na dita sesión, o tribunal adoptará todas as decisións que lle correspondan para o correcto desenvolvemento do proceso selectivo.

4.5. A partir da sesión de constitución, a actuación válida do tribunal requirirá a concorrencia da metade, polo menos, dos seus integrantes, con presenza en todo caso da Presidencia e da Secretaría deste.

4.6. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto nestas bases, na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección e ao resto do ordenamento xurídico.

4.7. Por cada sesión do tribunal levantarase unha acta que, lida ao principio da sesión seguinte e feitas, de ser o caso, as rectificacións que procedan, será autorizada coa sinatura da Secretaría e o visto e prace da Presidencia.

4.8. A Presidencia do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios do proceso selectivo, excepto aqueles en que estea prevista a lectura pública, sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes, e utilizará para iso os impresos adecuados. O tribunal excluirá aquelas persoas aspirantes en cuxos exercicios figuren marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade. As decisións e os acordos que afecten a cualificación e a valoración das probas (determinación do número de preguntas correctas para acadar a puntuación mínima, fixación de criterios de valoración, etc.) deberanse adoptar sen coñecer a identidade das persoas aspirantes ás cales lles corresponden os resultados obtidos.

4.9. O tribunal poderá propor a incorporación aos seus traballos de persoal asesor para as valoracións que xulgue pertinentes, que se deberá limitar a colaborar nas súas especialidades técnicas e terá voz pero non voto. O seu nomeamento corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral da Función Pública.

4.10. O tribunal adoptará as medidas precisas, naqueles casos en que resulte necesario, para que as persoas aspirantes con discapacidades adicionais gocen de similares condicións para realizaren os exercicios que as restantes persoas aspirantes. Para tal fin estableceranse, para as persoas con discapacidades adicionais que o soliciten na forma prevista na base 1.3, as adaptacións de tempo e/ou medios que sexan necesarias.

4.11. O tribunal terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Para os efectos do previsto no dito decreto, entenderase que a designación do tribunal cualificador, realizada segundo o disposto na base 4.1, implicará a autorización da orde de servizo para que os seus membros se poidan desprazar ao lugar acordado para cada unha das sesións convocadas dentro do número máximo autorizado.

A Dirección Xeral da Función Pública determinará o dito número máximo de sesións autorizado ao tribunal e poderase ampliar baseándose en causas xustificadas.

4.12. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superou o proceso selectivo un número superior de aspirantes ao de prazas convocadas. Calquera proposta de persoas aprobadas que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

4.13. Os acordos adoptados polo tribunal do proceso poderán ser obxecto de recurso de alzada, ante a persoa titular da consellería competente en materia de función pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

4.14. As comunicacións que lle formulen as persoas aspirantes ao tribunal dirixiranse á Consellería de Facenda e Administración Pública, Dirección Xeral da Función Pública (Edificio Administrativo San Caetano, Santiago de Compostela).

5. Listaxe de persoas aprobadas, presentación de documentación e nomeamento de persoal funcionario de carreira.

5.1. A cualificación do proceso virá determinada pola suma das puntuacións obtidas nos exercicios da oposición.

No suposto de empate nas puntuacións de dúas ou máis persoas aspirantes, acudirase por orde aos seguintes criterios ata que se resolva:

1) Puntuación obtida nos exercicios pola súa orde de realización.

2) Puntuación obtida na segunda parte do primeiro exercicio.

3) Orde alfabética recollida na base 2.1.2.1.

4) En último lugar, o empate dirimirase por sorteo entre as persoas implicadas.

5.2. Unha vez rematado o proceso selectivo, o tribunal publicará no DOG a relación de persoas aspirantes que o superaron, por orde de puntuacións acadadas, con indicación do seu DNI. Na mesma resolución proporá o seu nomeamento como persoal funcionario de carreira.

A partir do día seguinte ao da publicación no DOG da relación das persoas aprobadas, estas disporán dun prazo de vinte (20) días hábiles para a presentación dos seguintes documentos:

a) Copia auténtica do título exixido na base 1.2 ou certificación académica que acredite ter realizado todos os estudos para a súa obtención. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberá presentar credencial da súa validación ou homologación, ou ben a credencial de recoñecemento da titulación para exercer a profesión.

b) Declaración, baixo a súa responsabilidade, de non ter sido separada/o nin despedida/o mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin encontrarse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso ao corpo ou escala a que se presenta, nin pertencer ao mesmo corpo ou escala, segundo o modelo que figura como anexo 2 a esta convocatoria.

No suposto de ser nacional doutro Estado, declaración xurada ou promesa de non estar inhabilitada/o ou en situación equivalente, nin ter sido sometida/o a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no Estado de procedencia, o acceso ao emprego público nos mesmos termos, segundo o modelo que figura como anexo 3 a esta convocatoria.

c) Acreditación da condición de persoa con discapacidade, nos termos establecidos na base 1.2, mediante certificación dos órganos competentes da Consellería de Política Social e, de ser o caso, da Administración correspondente.

d) Informe de saúde que acredite que non padece enfermidade nin está afectada por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

A Dirección Xeral da Función Pública requirirá, de oficio, ao órgano competente o informe de compatibilidade para o desempeño das funcións inherentes ao corpo.

5.3. As persoas aspirantes que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presenten a documentación ou do exame dela se deduza que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base 1.2 non poderán ser nomeadas persoal funcionario de carreira e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.

5.4. Unha vez acreditada a posesión dos requisitos exixidos, as persoas aspirantes serán nomeadas persoal funcionario de carreira mediante unha orde da persoa titular da consellería competente en materia de función pública, que se publicará no DOG indicando o destino adxudicado.

5.5. A adxudicación das prazas ás persoas aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase segundo a petición de destino realizada por estas, de acordo coa orde de prelación e a cualificación do proceso sinaladas nas bases 2.2 e 5.1. A teor do disposto no artigo 80 da LEPG, a persoa aspirante que ingrese pola quenda de promoción interna tomará posesión da praza que viñese desempeñando con carácter definitivo cando esta, segundo os requisitos exixidos nas relacións de postos de traballo, poida ser desempeñada por persoal funcionario pertencente ao corpo e á escala a que acceda.

A persoa aspirante que acceda pola quenda de promoción interna terá preferencia na elección sobre aquelas que accedan pola quenda de acceso libre.

Na elección de destino ofertaranse prazas nas catro provincias: A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.

5.6. A toma de posesión das persoas aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do seu nomeamento no DOG, de conformidade co artigo 60.e) da LEPG.

5.7. Co fin de facilitar a adaptación e o desenvolvemento das funcións dos postos de traballo das persoas aspirantes que superen o proceso selectivo, a Dirección Xeral da Función Pública, en colaboración coas asociacións, organizacións ou entidades, poderá levar a cabo accións de formación e orientación sociolaboral previas ao seu ingreso como persoal funcionario de carreira, así como o apoio ao desenvolvemento no posto de traballo ao longo da súa carreira profesional.

6. Disposición derradeira.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela as persoas interesadas poderán presentar recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da consellería competente en materia de función pública, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou impugnala directamente, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2022

O conselleiro de Facenda e Administración Pública
P.D. (Orde do 8.1.2020; DOG núm. 16, do 24 de xaneiro)
José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública

ANEXO 1

Parte xeral (primeira parte do primeiro exercicio):

Bloque 1. A Constitución española de 1978. Principios fundamentais, dereitos e deberes fundamentais dos españois. A Administración. Funcionamento da Administración segundo a Constitución española. Niveis da Administración pública.

Bloque 2. O Estatuto de autonomía de Galicia: estrutura e contido básico. O Parlamento. A Xunta e o seu presidente. A Administración pública galega.

Bloque 3. A Lei 2/2015, do emprego público de Galicia. Empregados públicos: tipos, dereitos e obrigas. O ingreso na Administración pública: adquisición e perda da relación de servizo.

Bloque 4. A igualdade e a violencia de xénero na Administración pública: políticas públicas de igualdade; plans de igualdade da Xunta de Galicia; obxectivos e áreas de intervención. A transparencia na Administración: o acceso á información pública e o bo goberno. A prevención de riscos laborais: dereitos e obrigas.

Bloque 5. O dereito administrativo. A lei. O regulamento. O acto administrativo. Os recursos administrativos.

Bloque 6. O procedemento administrativo común. Os principios xerais. As fases do procedemento. Dereitos da cidadanía no procedemento.

Parte específica (segunda parte do primeiro exercicio):

Bloque 1. A comunicación. Elementos da comunicación. Tipos de comunicación: verbal; canles de transmisión non verbal. A atención ao público. As relacións da cidadanía coa Xunta de Galicia; dereitos de información, petición e participación. Servizos de información e atención aos cidadáns, transparencia e acceso á información pública. Calidade e transparencia nos servizos públicos da Xunta de Galicia.

Bloque 2. A xestión de documentos na Administración da Xunta de Galicia. Formación de expedientes. Os rexistros administrativos: presentación e tramitación. O arquivo: organización, normas de acceso e procedementos.

Bloque 3. A protección de datos. Regulación legal. Principios da protección de datos. Datos especialmente protexidos. O dereito de acceso aos arquivos.

Bloque 4. Informática básica: conceptos básicos. Compoñentes dun ordenador e os seus periféricos. O sistema operativo. Acceso e apagamento. Adaptación do ordenador, programas e documentos. Organización da información.

Bloque 5. Sistemas ofimáticos. Procesadores de texto. Follas de cálculo: principais funcións e utilidades. Libros, follas e celas. Outras aplicacións ofimáticas.

Bloque 6. Redes de comunicacións e internet. O correo electrónico: conceptos elementais e funcionamento. A Administración electrónica da Xunta de Galicia, as súas utilidades e soportes: a identificación e sinatura electrónica, os certificados dixitais, o rexistro electrónico e a notificación electrónica.

ANEXO 2

(Nome e apelidos aspirante)..., con domicilio en..., con NIF/NIE/pasaporte..., declara, para os efectos de ser nomeado/a persoal funcionario do corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, que non foi despedida/o nin separada/o mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública ou órgano constitucional ou estatutario das comunidades autónomas, nin se encontra en situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial para o acceso ao dito corpo ou escala.

..., ... de...de 202...

ANEXO 3

(Nome e apelidos aspirante)..., con domicilio en..., con NIF/NIE/pasaporte..., declara, para os efectos de ser nomeado/a persoal funcionario do corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, que non se encontra inhabilitada/o ou en situación equivalente nin foi sometida/o a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no Estado de..., nos mesmos termos, o acceso ao emprego público.

(País e localidade)..., ... de...de 202...