Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Venres, 8 de abril de 2022 Páx. 22651

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 30 de marzo de 2022, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se fan públicos o lugar, a data e a hora de realización dos exercicios da fase de oposición dos procesos selectivos para o ingreso nas categorías de pinche e técnico/a en farmacia, en prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual, convocados polas resolucións do 29 de decembro de 2020.

A base 8.1.5 das resolucións deste centro directivo, do 29 de decembro de 2020 (Diario Oficial de Galicia núm. 8, do 14 de xaneiro de 2021), polas que se convoca concurso-oposición para o ingreso en prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual das categorías de pinche e técnico/a en farmacia, establece que os exercicios da fase de oposición se realizarán no lugar, na data e na hora que se fixen nunha resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, que se publicará no Diario Oficial de Galicia cun prazo mínimo de antelación de cinco días hábiles.

De conformidade coa antedita base, este centro directivo, como órgano convocante do proceso,

RESOLVE:

Primeiro. Convocar as persoas aspirantes admitidas con carácter definitivo no concurso-oposición para o ingreso nas categorías de pinche e técnico/a en farmacia, en prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual, convocado polas resolucións da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 29 de decembro de 2020, para a realización de todos os exercicios que integran a fase de oposición, na data, na hora e o lugar que a seguir se indican:

Data: domingo, 24 de abril de 2022.

Hora: 10.00 horas.

Lugar: Recinto da Feira Internacional de Galicia, avenida Recinto Feiral, s/n, Silleda (Pontevedra).

Segundo. Publicar na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), sección de emprego público, as distintas portas de acceso ao recinto de realización das probas, así como os/as aspirantes asignados/as a cada unha delas.

Así mesmo, por razóns organizativas derivadas do contexto sanitario actual cada aspirante terá asignado un número de posto de exame (mesa), que deberá ocupar para a realización das probas, e que se anticipará para os efectos informativos na mesma páxina web.

Terceiro. Os/as aspirantes convocados/as que non comparezan na data e a hora fixadas nesta resolución serán excluídos/as do concurso-oposición. Non serán tidas en conta causas de forza maior ou calquera outra causa para emendar a non comparecencia.

Cuarto. As persoas aspirantes deberán acudir provistas do documento nacional de identidade ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, e de bolígrafo azul ou negro, de tinta indeleble.

A acreditación para o acceso ao lugar de realización das probas realizarase a través de código QR. Cada aspirante terá á súa disposición na Oficina Virtual do Profesional (Fides/expedient-e), desde a data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, a acreditación persoal con código QR, que deberá imprimir e presentar o día do exame ao persoal colaborador da porta que lle foi asignada, e que lle permitirá o acceso ao interior do lugar de realización das probas.

O código QR conterá información do lugar, da data e da hora de realización dos exercicios, así como do posto de exame que vai ocupar o/a aspirante.

Co obxecto de axilizar a entrada ao recinto, a persoa aspirante debe ter a man ambos os documentos: código QR e documento de identidade.

Non se permitirá o acceso ao interior do recinto de realización das probas aos/ás aspirantes que non presenten o código QR impreso.

Quinto. En cumprimento do Protocolo de medidas de seguridade e organizativas no desenvolvemento dos procesos selectivos do Servizo Galego de Saúde fronte á pandemia da COVID-19, aprobado pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, á disposición das persoas interesadas para a súa consulta na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), os/as aspirantes deberán respectar as seguintes indicacións:

1ª. O uso de máscara no interior do recinto durante a realización das probas, agás causa médica xustificada, que deberá ser acreditada con informe facultativo e posta en coñecemento do órgano convocante, con antelación á data do exame, a través do seguinte enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es

Só se permitirá o acceso ao interior do lugar de realización dos exercicios con máscara cirúrxica ou FFP2 sen válvula. Por razóns sanitarias, non estará permitido o acceso con máscara hixiénica ou FFP2 con válvula.

2ª. As persoas aspirantes deberán respectar en todo momento as distancias mínimas de seguridade, no interior do pavillón de realización das probas. Para tales efectos, deberán seguir as indicacións que facilite o persoal da organización e situarse nos espazos individuais de espera sinalizados con tal fin.

3ª. O/a aspirante deberá asistir á realización das probas co material mínimo indispensable. Este material irá nun só bolso ou mochila, de tamaño pequeno, que cada aspirante levará sempre consigo e que, durante a realización do exame, deberá situar no chan.

4ª. Non estará permitido o acceso do/da aspirante ao interior do recinto con alimentos, agás causa médica xustificada.

5ª. Coa finalidade de diminuír o intercambio de documentación, todos/as os/as aspirantes presentados/as ás probas selectivas terán á súa disposición na Oficina Virtual do Profesional (Fides/expedient-e) o certificado de asistencia ao exame, a partir do día seguinte ao de realización dos exercicios. Non se facilitará ningún certificado no lugar de realización das probas.

Sexto. Os exercicios que integran a fase de oposición realizaranse pola seguinte orde: en primeiro lugar o exercicio da parte común, a continuación o exercicio da parte específica e, por último, o exercicio de coñecemento da lingua galega.

De conformidade coa base 8.1.9) da resolución de convocatoria do proceso, no marco das previsións do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, e da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, o Servizo Galego de Saúde permitirá ás mulleres embarazadas ou que teñan dado a luz, e por estes motivos estean ingresadas no mesmo día do exame, realizar os distintos exercicios da fase de oposición, derivados deste proceso selectivo. Por iso, coa única limitación de respectar, en todo caso, a unidade de acto e de tempo de execución fixados nos chamamentos para a realización dos exames, como garantía de igualdade e de imparcialidade para todos/as os/as aspirantes, o Servizo Galego de Saúde desprazará a un centro hospitalario radicado na Comunidade Autónoma de Galicia unha delegación do respectivo tribunal que permita a execución material da proba a aquelas opositoras xestantes que poñan en coñecemento do órgano convocante, cunha antelación mínima de 72 horas á data de realización do exame, a situación de embarazo e a súa vontade de realizaren a proba no centro sanitario para o suposto de estar ingresadas na data da súa realización, e se recibesen na Dirección Xeral de Recursos Humanos comunicación e xustificación do seu ingreso en centro hospitalario por tal motivo con anterioridade á realización dos exercicios.

Por razóns temporais e organizativas, unicamente serán atendidas as solicitudes de desprazamento a centro sanitario pola causa exposta que consten debidamente xustificadas na Dirección Xeral de Recursos Humanos cunha antelación mínima de cinco horas á publicada no Diario Oficial de Galicia como hora de inicio das probas.

Para estes efectos, só se admitirá como medio válido de comunicación o seguinte enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es

Sétimo. Durante o tempo fixado para a realización dos exercicios, non se poderá utilizar nin manipular de ningunha maneira aparellos de telefonía móbil, reloxos ou soportes con memoria. Está prohibido o acceso ao recinto de realización das probas con tales dispositivos e non se habilitará no recinto ningún servizo para a súa recollida.

Oitavo. Esta resolución poderá ser impugnada polas persoas interesadas nos termos previstos na base 11.2 da resolución de convocatoria.

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2022

Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos