Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Venres, 8 de abril de 2022 Páx. 22611

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 5 de abril de 2022 pola que se convoca concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes do corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala superior de estatísticos, e do corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala técnica de estatísticos.

O artigo 89 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, en adiante LEPG, establece que o concurso é o procedemento normal de provisión de postos de traballo para o persoal funcionario de carreira e consiste na valoración dos méritos e das capacidades e, de ser o caso, das aptitudes dos candidatos conforme as bases establecidas na correspondente convocatoria.

O artigo 90.1 da LEPG establece o concurso ordinario como o procedemento xeral de provisión dos postos de traballo que non teñan establecida outra forma de provisión na relación de postos de traballo.

O artigo 14.2.d) do devandito texto legal atribúelle á persoa titular da consellería competente en materia de función pública a competencia para convocar e resolver os concursos de provisión de postos de traballo incluídos nas relacións de postos de traballo do persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico.

De acordo co artigo 1 da Orde do 8 de xaneiro de 2020 sobre delegación de competencias na Dirección Xeral da Función Pública (DOG núm. 16, do 24 de xaneiro), deléganse na Dirección Xeral da Función Pública as competencias de convocar e resolver os concursos de traslados.

Ao existiren vacantes dotadas orzamentariamente na relación de postos de traballo cuxa provisión se considera necesaria, esta dirección xeral, en uso das competencias que ten delegadas, logo de negociación na Mesa Xeral de Empregados Públicos e na Comisión de Persoal, resolve convocar concurso ordinario de traslados para a provisión dos postos de traballo vacantes do corpo superior da Administración xeral da Xunta de Galicia, escala superior de estatísticos, e do corpo de xestión da Administración xeral da Xunta de Galicia, escala técnica de estatísticos, de conformidade coas seguintes bases:

I. Requisitos para a participación.

1. Poderán participar neste concurso:

a) O persoal funcionario de carreira das escalas superior e técnica de estatísticos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, sempre e cando transcorresen dous anos desde que accedese ao posto que veña desempeñando con carácter definitivo, agás que este se provese polo sistema de libre designación, caso en que non se exixirá a permanencia. Non obstante, de acordo co disposto no artigo 90.2 da LEPG, para os efectos de poder participar neste concurso, o persoal funcionario de novo ingreso terá que acreditar en todo caso unha antigüidade mínima de dous anos desde o seu nomeamento como persoal funcionario de carreira.

Ao persoal funcionario de carreira que accedese a un corpo/escala por promoción interna ou en virtude dun procedemento de integración e permanecese no posto de traballo que desempeñaba computaráselle o tempo de servizos prestados neste posto no corpo/escala de procedencia para os efectos do disposto no parágrafo anterior.

b) O persoal funcionario de carreira das escalas superior e técnica de estatísticos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia en situación de excedencia voluntaria por interese particular, despois de transcorrer o período mínimo de permanencia nesta situación.

c) O persoal funcionario de carreira das escalas superior e técnica de estatísticos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia en situación de excedencia voluntaria por prestación de servizos no sector público.

d) O persoal funcionario de carreira das escalas superior e técnica de estatísticos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia en situación de excedencia por violencia de xénero.

e) O persoal funcionario de carreira das escalas superior e técnica de estatísticos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia en situación de excedencia por violencia terrorista.

2. Están obrigados/as a participar neste concurso:

a) O persoal funcionario de carreira das escalas superior e técnica de estatísticos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que se encontre ao dispor do órgano competente ou adscrito provisionalmente a un posto de traballo estará obrigado a participar e a solicitar todos os postos situados na mesma localidade e en localidades que, de acordo co disposto no artigo 97.5 e coa disposición transitoria quinta da LEPG, se atopen a unha distancia de ata 30 quilómetros en relación coa localidade do último posto que ocupou con carácter definitivo ou da localidade do posto a que está adscrito provisionalmente, elección que deberá manifestar expresamente na solicitude de elección de postos a que se refire a base IV.

A relación das localidades segundo o punto de orixe recóllese nas instrucións da Dirección Xeral da Función Pública publicadas no portal da web corporativa da Dirección Xeral da Función Pública no enderezo web: https://www.xunta.gal/funcion-publica/procedementos-aplicables-ao-persoal-funcionario-e-ou-laboral/concursos-traslados

O incumprimento desta obriga determinará a declaración da situación de excedencia voluntaria por interese particular (artigo 97 da LEPG). Para estes efectos tomarase como data de referencia a da situación administrativa da persoa concursante no día da publicación da convocatoria do concurso de traslados no Diario Oficial de Galicia.

Ao persoal funcionario de carreira que, cumprindo a obriga establecida no artigo 97.5 da LEPG, non obteña praza como consecuencia da resolución do concurso, a Dirección Xeral da Función Pública adxudicaralle, de oficio e con carácter definitivo, un posto de traballo correspondente ao seu corpo e á escala de entre aqueles que quedasen vacantes. A adxudicación realizarase seguindo os criterios establecidos no parágrafo anterior.

Exceptúase do establecido neste punto o persoal de novo ingreso que non teña unha antigüidade mínima de dous anos desde o nomeamento como persoal funcionario de carreira.

O persoal a que se refire esta base I.2.a) poderá solicitar, ademais do que está obrigado a pedir, calquera outro posto ofertado para o cal cumpra os requisitos.

b) O persoal funcionario de carreira das escalas superior e técnica de estatísticos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que se encontre adscrito por motivo de saúde ou rehabilitación a un posto de traballo en distinta localidade daquela en que teña o seu destino definitivo estará, en aplicación do disposto no artigo 89 da LEPG, obrigado a participar no concurso e debe solicitar todos os postos situados na mesma localidade do posto ao cal figure adscrito provisionalmente.

O incumprimento desta obriga determinará o cesamento no posto en que figure adscrito por motivos de saúde ou rehabilitación.

3. Non poderá participar neste concurso o persoal funcionario de carreira das escalas superior e técnica de estatísticos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia en situación de suspensión firme, mentres dure a suspensión.

II. Tramitación electrónica.

a) No referente á presentación das solicitudes:

Os trámites relativos á formalización e presentación das solicitudes de participación, os das solicitudes de elección de postos de traballo, os de comprobación dos méritos e requisitos e, de ser o caso, a cobertura do impreso de emenda, deberán realizarse electronicamente:

1. Para participantes en servizo activo na súa escala de participación, accedendo ao Portal do Empregado no enderezo electrónico https://portax.xunta.es para o cal se require un certificado electrónico válido, DNI electrónico, tarxeta de empregado público ou acceder co NIF e chave que emprega para acceder á conta de correo corporativo.

2. Para os que se atopen en calquera situación distinta das referidas no punto 1, a través do portal da web corporativa da Dirección Xeral da Función Pública no seguinte enderezo web: https://www.xunta.gal/funcion-publica/concurso-de-traslados/.Deberán dispor dun certificado electrónico válido, tarxeta de empregado público ou credenciais de acceso de Chave365.

b) No referente á presentación de documentación adicional:

Se a documentación adicional está formada por documentos electrónicos asinados electronicamente e/ou con código de verificación electrónico ou copias electrónicas auténticas, poderá presentarse a través dos seguintes medios:

1. Portal do Empregado (Portax) mediante a solicitude de presentación de documentación adicional.

2. Portal corporativo da Dirección Xeral da Función Pública empregando o procedemento PR004A dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Segundo o establecido no punto 4 do artigo 10 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no portal web corporativo da Dirección Xeral da Función Pública e no portal do empregado admitiranse, respectivamente, os sistemas de identificación Chave365 e as credenciais dos directorios corporativos como sistemas de sinatura para a realización dos trámites indicados, garantindo a acreditación da autenticidade da expresión da vontade e o consentimento das persoas interesadas.

Con independencia do que se estableza en cada epígrafe desta convocatoria, a documentación requirida que non for posible entregar de modo electrónico deberá presentarse no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia ou nos demais lugares previstos no artigo 16, relativo a rexistros, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas dirixida á Dirección Xeral da Función Pública, Servizo de Concursos.

III. Solicitudes de participación no concurso e documentación que se debe xuntar.

1. A solicitude de participación atópase dispoñible segundo o indicado na base II de tramitación electrónica.

As persoas interesadas, despois de acceder á solicitude de participación, deberán cubrir todos os datos que aparecen no formulario e posteriormente validalos, confirmalos e realizar a presentación electrónica seguindo as instrucións que lle proporcione o sistema. Na solicitude de participación deberá incorporar un enderezo de correo electrónico de contacto. De dispor dun enderezo de correo electrónico corporativo coa extensión xunta.gal, xunta.es ou ige.eu, debe proporcionar tal enderezo.

A solicitude deberá presentarse electronicamente a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e ata o día 3 de maio de 2022.

O persoal funcionario de carreira integrado en máis dunha escala de estatísticos só poderá participar nunha delas, á súa elección, podendo presentar unha única solicitude. No caso de presentar máis dunha solicitude, só se terá en conta a última.

2. Na solicitude faranse constar os datos persoais e os datos administrativos referentes á súa situación actual e ás condicións de participación. Nesta fase do concurso non se poderán solicitar os postos de traballo aos que se desexa optar.

De ser necesario presentar documentación adicional, deberá realizarse segundo o establecido na base II de tramitación electrónica.

3. O persoal funcionario de carreira con algunha discapacidade poderá pedir na súa solicitude de participación a adaptación do posto ou postos de traballo que solicite na fase de elección de postos a que se refire a base IV. Nese caso, a solicitude de participación deberase acompañar obrigatoriamente dun informe expedido polo órgano competente na materia que acredite a procedencia da adaptación (artigo 10 do Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro).

4. Para os efectos previstos na base V.4.3.1, o persoal funcionario de carreira que non teña destino definitivo na mesma localidade na que se sitúa a residencia familiar co seu cónxuxe ou parella de feito ou fillos menores de 18 anos deberá achegar, no mesmo prazo de presentación da solicitude de participación, a seguinte documentación:

a) Certificado de empadroamento colectivo válido onde conste a identificación dos membros familiares e que acredite unha residencia mínima de tres meses respecto á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación.

b) Certificado de matrimonio ou acreditación de ser parella de feito, de ser o caso.

c) Certificado de nacemento do fillo ou filla menor de 18 anos ou copia auténtica do libro de familia, de ser o caso.

7. Para os efectos previstos na base V.4.3.2, a persoa concursante que fose nomeada coidadora dunha persoa dependente e que non teña destino definitivo na mesma localidade do domicilio desta, deberá achegar, no mesmo prazo de presentación da solicitude de participación, a seguinte documentación:

a) Resolución do órgano competente no que conste o nomeamento como persoa coidadora con data de efectos.

b) Certificado de empadroamento válido da persoa dependente que acredite unha residencia mínima de tres meses respecto á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación.

c) Certificado de fe de vida e estado ou certificado médico que acredite a condición da persoa dependente.

8. Solicitude condicionada: por razóns de convivencia familiar, dúas persoas concursantes que sexan cónxuxes ou parella de feito no suposto de estaren interesadas nos postos dunha mesma localidade, poderán condicionar a súa petición ao feito de que as dúas obteñan destino nesa e, en caso contrario, entenderanse anuladas as peticións efectuadas por ambas.

As persoas concursantes que se acollan a esta petición condicionada deberán facelo constar na súa solicitude de participación. Ademais, deberán achegar no prazo de presentación da solicitude de participación un certificado de matrimonio ou acreditación de ser parella de feito.

9. As solicitudes de participación vincularán ás persoas solicitantes.

Poderase desistir da solicitude de participación no concurso en calquera momento ata os dez días seguintes ao da publicación das puntuacións provisionais no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo non se admitirá ningunha desistencia da participación agás erro manifesto do solicitante apreciado pola Administración.

IV. Solicitudes de elección de postos de traballo.

Os postos vacantes ofertados neste concurso publícanse no anexo I desta resolución.

Unha vez rematado o período de presentación de solicitudes de participación (base III), publicarase no DOG a apertura dun prazo de 10 días hábiles para a presentación de solicitudes de elección de postos de traballo.

As persoas interesadas poderán solicitar por orde de preferencia os postos ofertados no anexo I desta convocatoria aos que se engadirán as potenciais resultas consecuencia das solicitudes de participación presentadas. A relación de postos ofertados en resultas publicarase na web corporativa da Dirección Xeral da Función Pública, no enderezo https://www.xunta.gal/funcion-publica/concurso-de-traslados/

A puntuación mínima requirida para poder adxudicar os postos que se ofertan no anexo desta convocatoria é a que se especifica para cada un deles no citado anexo.

A adxudicación dos postos de traballo efectuarase nun proceso de asignación único que incluirá todas as prazas ofertadas.

As persoas solicitantes só poderán ser adxudicatarias daqueles postos para cuxo desempeño reúnan os requisitos establecidos na correspondente relación de postos de traballo. A adxudicación dun posto de resultas estará condicionada a que o dito posto sexa de necesaria cobertura.

Con independencia do establecido na base I.2, relativa á obrigatoriedade de participación, entenderase que desisten da solicitude de participación no concurso todas aquelas persoas que formulasen unha solicitude de participación pero non presenten unha solicitude de elección de postos de traballo.

De acordo co disposto na base I.2, o persoal funcionario de carreira que se encontre ao dispor do órgano competente ou adscrito provisionalmente a un posto de traballo estará obrigado a participar e a solicitar todos os postos situados na localidade e localidades que, de acordo co disposto no artigo 97.5 e a disposición transitoria quinta da LEPG, se atopen a unha distancia de 30 quilómetros en relación coa localidade do último posto que ocupou con carácter definitivo ou da localidade do posto ao que está adscrito provisionalmente. Esta elección de localidade deberá manifestarse expresamente na solicitude de elección de postos de traballo.

A solicitude de postos de traballo deberá presentarse electronicamente segundo o establecido na base II de tramitación electrónica.

Para a elección dos postos de traballo, despois de premer no apartado da modalidade de solicitude, as persoas concursantes deberán cubrir todos os datos que aparecen en pantalla e proceder a validalos e confirmalos.

Na dita solicitude deberá indicarse por orde de preferencia os postos aos que se opta no concurso, podendo combinar e intercalar os inicialmente ofertados no anexo I cos potenciais de resultas. Estes últimos corresponderanse con postos de traballo cuxo sistema de provisión fose o concurso ordinario e que estivesen ocupados con carácter definitivo por aquelas persoas participantes que obteñan un posto de traballo como consecuencia da adxudicación do concurso.

As solicitudes de elección de postos de traballo vincularán ás persoas solicitantes.

V. Valoración de méritos.

A valoración dos méritos para a adxudicación dos postos de traballo efectuarase conforme ao seguinte baremo:

1. Antigüidade (servizos prestados nas administracións públicas):

Por cada mes de servizos como persoal funcionario: 0,02 puntos.

A puntuación máxima na base V.1 será de 7,5 puntos.

Para estes efectos computaranse os servizos recoñecidos polo órgano competente de conformidade co establecido na Lei 70/1978, do 26 de decembro, de recoñecemento de servizos previos nas administracións públicas.

2. Méritos específicos adecuados ás características do posto de traballo:

Os méritos que se especifiquen para cada posto de traballo desta resolución valoraranse do seguinte modo:

2.1. Por cada mes de servizos da experiencia adquirida coa condición de persoal funcionario que, de ser o caso, se especifique para cada posto de traballo: 0,02 puntos.

A puntuación da alínea 2.1 non poderá superar 3,2 puntos.

2.2. Por estar en posesión da titulación académica que se menciona especificamente: 1 punto. No caso de que se mencione máis dunha titulación só se valorará unha delas.

2.3. Por estar en posesión do nivel de coñecementos da lingua estranxeira que se especifique para o posto de traballo, acreditado segundo o Marco Europeo Común de Referencia para as linguas (MERC): 1 punto. No caso que se mencione máis dun idioma só se valorará un.

2.4. Por estar en posesión do permiso de conducir valorable para o desempeño do posto de traballo: 0,75 puntos.

As distintas epígrafes da base V.2 non se valorarán como mérito cando figuren como requisito imprescindible para acceder ao posto.

A puntuación máxima na base V.2 será de 3,5 puntos.

3. Grao persoal.

Polo nivel 16 de grao consolidado e formalizado: 1,9 puntos.

Por cada unidade de nivel que exceda de 16: 0,15 puntos.

A puntuación máxima na base V.3 será de 4 puntos.

No suposto en que o persoal funcionario de carreira non teña recoñecido ningún grao persoal ou este sexa inferior a 16, para os efectos de puntuación nesta epígrafe, computarase o nivel mínimo correspondente ao intervalo de niveis do subgrupo a que pertenza a persoa funcionaria.

4. Traballo desenvolvido, tempo transcorrido desde o último posto obtido con carácter definitivo e medidas de conciliación e de igualdade de xénero:

4.1. Traballo desenvolvido:

4.1.1. Só se computará o traballo desenvolvido coa condición de persoal funcionario nos distintos subgrupos.

4.1.2. A determinación da puntuación realizarase a partir do sumatorio das puntuacións parciais obtidas no desempeño dun ou máis postos de traballo de cada nivel de destino como consecuencia de aplicar a seguinte fórmula.

Traballo desenvolvido = (T1*P1 + T2*P2 + ... + Tn*Pn)

Onde:

– Ti amosa o tempo total de traballo desenvolvido nun nivel de destino concreto (i) expresado en meses (teranse en conta meses de 30 días).

– Pi amosa a puntuación asignada ao nivel de destino (i) segundo o seguinte criterio:

Polo nivel de destino 10: 0,001 puntos.

Por cada unidade de nivel de destino que exceda 10: 0,001 puntos, ata un máximo de 0,020 puntos.

O traballo desenvolvido na situación de comisión de servizos puntuarase como realizado no posto de orixe do funcionario.

4.2. Tempo transcorrido desde a última adxudicación dun posto con carácter definitivo:

Por cada mes de servizos de tempo transcorrido desde a última adxudicación dun posto con carácter definitivo do corpo ou escala desde o que participa: 0,015 puntos. Exceptúanse os períodos de tempo que non sexan computables de acordo coa LEPG.

Exclúense da puntuación os dous anos de permanencia obrigatoria se o último posto adxudicado con carácter definitivo se obtivo polo sistema de concurso, e os dous primeiros anos se o último posto adxudicado con carácter definitivo se obtivo polo sistema de libre designación.

Ás persoas que se atopen na situación de adscrición provisional regulada no artigo 97.1 da LEPG, para os efectos da base V.4.2, computaráselles o tempo transcorrido desde a adxudicación do último posto definitivo no corpo/escala dende o que participan.

Ao persoal funcionario de carreira que accedese a un corpo/escala por promoción interna e permanecese no posto de traballo que desempeñaba con carácter definitivo computaráselle o tempo transcorrido no posto no corpo/escala de procedencia para os efectos do disposto nesta epígrafe.

4.3. Medidas de conciliación e de igualdade de xénero:

4.3.1. Outorgaranse 0,5 puntos para acceder aos postos situados na localidade onde radique a residencia familiar da persoa concursante, co seu cónxuxe ou parella de feito ou fillos menores de 18 anos, sempre que non teña destino definitivo nesa mesma localidade. Esta circunstancia xustificarase documentalmente no mesmo prazo de presentación da solicitude de participación.

4.3.2. Outorgaranse 0,5 puntos para acceder aos postos situados na localidade onde radique o domicilio da persoa dependente respecto da cal a persoa participante fose nomeada coidadora. Esta circunstancia xustificarase documentalmente no mesmo prazo de presentación da solicitude de participación.

Para os efectos do disposto nas alíneas 4.3.1 e 4.3.2 a puntuación outorgarase con carácter alternativo e nunca acumulativo e entenderase por localidade da residencia familiar ou domicilio da persoa dependente tanto o concello no que efectivamente radiquen como os concellos limítrofes.

4.3.3. Outorgaranse 0,01 puntos por mes ao persoal funcionario que estea gozando ou gozase nos cinco anos anteriores ao remate do prazo de presentación de solicitudes dunha excedencia por coidado de fillos/as ou familiares. Esta circunstancia apreciarase de oficio.

A puntuación da alínea 4.3.3 non poderá superar os 0,6 puntos.

A puntuación máxima da base V.4 será de 5,5 puntos.

5. Cursos de formación e perfeccionamento.

Valorarase a superación de cursos organizados e impartidos directamente pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS), Instituto Galego de Estatística, Instituto Nacional de Estatística, Instituto de Estudos Fiscais do Ministerio de Facenda e Función Pública, Centro de Estudos Monetarios e Financeiros do Banco de España, outros organismos de estatística públicos autonómicos, estatais e internacionais, escolas oficiais de formación do Estado e das restantes comunidades autónomas, cursos impartidos no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas (Afedap) e os cursos impartidos polas organizacións sindicais sempre que estivesen homologados pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP). Neste punto quedan incluídos os de contido en materia de igualdade, prevención e loita contra a violencia de xénero, así como os de prevención de riscos, seguridade e saúde laboral.

Para os efectos de puntuación deste punto estimaranse como valorables as probas de avaliación de carácter libre organizadas pola EGAP ao consideralas equivalentes a un aproveitamento polas horas previstas dos correspondentes cursos organizados e impartidos directamente pola EGAP.

Non se valorará:

– A asistencia a congresos, xornadas, seminarios, simposios e similares.

– Os módulos ou partes integrantes dun curso.

– As materias (créditos) que formen parte dunha titulación académica.

– Os cursos de doutoramento.

– Os cursos que formen parte dos procesos de selección de persoal funcionario.

Para cada curso de duración igual ou superior a 8 horas lectivas valoraranse con 0,01 puntos cada hora de formación, ata un máximo de 2 puntos por curso.

A puntuación máxima da base V.5 será de 4 puntos.

6. Grao de coñecemento do idioma galego

• Curso de nivel medio de linguaxe administrativa galega, curso de nivel medio de linguaxe administrativa local galega, curso de linguaxe xurídica galega, ciclo superior dos estudos de galego das escolas oficiais de idiomas ou Celga 5: 2,75 puntos.

• Curso de nivel superior de linguaxe administrativa galega ou curso de nivel superior de linguaxe xurídica galega: 3,5 puntos.

En caso de acreditar máis dun grao de coñecemento de galego, só se computará o superior.

Só se concederá validez, no que se refire á acreditación do coñecemento do galego, aos cursos, estudos ou titulacións validadas polo órgano competente de acordo coa Orde do 16 de xullo de 2007 (DOG nº 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG nº 34, do 19 de febreiro), pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga), e pola Orde do 13 de xuño de 2011 pola que se regulan os cursos de linguaxe administrativa e xurídica galegos.

O coñecemento do idioma galego só será obxecto de valoración neste apartado.

A puntuación máxima da base V.6 será de 3,5 puntos.

7. Polo subgrupo ao que pertence o/a funcionario/a e dende o que participa no concurso outorgaranse os seguintes puntos:

• Subgrupo A1: 4 puntos.

• Subgrupo A2: 3,25 puntos.

8. A orde de prioridade para a adxudicación das prazas determinarase pola puntuación obtida de acordo co baremo anterior.

Todos os méritos contemplados na base V computaranse ata a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación no concurso.

En caso de empate nas puntuacións acudirase para dirimilo á outorgada polos méritos alegados seguindo a orde establecida nos diferentes puntos desta base. De persistir o empate resolverase pola orde alfabética do primeiro apelido e de ser igual polo segundo, a partir da letra resultante no sorteo que tivo lugar o día 29 de xaneiro de 2021 (DOG nº 24, do 5 de febreiro). En último lugar, a igualdade dirimirase por sorteo entre as persoas implicadas.

VI. Xustificación da posesión de méritos e requisitos.

1. Os méritos e os requisitos específicos para o acceso aos postos deberán posuírse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación no concurso, concretamente o día 3 de maio de 2022.

2. No mesmo prazo que se indica no primeiro parágrafo da base IV relativa á solicitude de elección de postos de traballo (10 días hábiles), as persoas concursantes poderán consultar os méritos e requisitos que figuran no Rexistro Central de Persoal para a súa baremación no concurso de traslados segundo o exposto na base II de tramitación electrónica.

1º. No suposto de estar conforme cos datos consultados, a persoa interesada non necesita facer ningún trámite adicional.

2º. En caso de desconformidade con algún dos datos por erróneos ou incompletos, a persoa interesada deberá corrixir os datos erróneos ou incorporar a información que considere oportuna e xerar o impreso de emenda segundo o establecido na base II de tramitación electrónica.

Xunto co impreso de emenda as persoas interesadas achegarán a documentación adicional xustificativa das modificacións propostas para que as unidades correspondentes emitan a oportuna certificación segundo o modelo que estableza a Dirección Xeral da Función Pública, validando, de estimalo procedente, os cambios realizados.

O impreso de emenda e a documentación adicional deberán presentarse segundo o indicado na base II de tramitación electrónica e dirixirse ás respectivas unidades dependendo da situación administrativa desde a que participen:

a) Aqueles participantes na situación administrativa de servizo activo deberán dirixirse á unidade de persoal da que dependa o posto que ocupa á data de inicio do prazo de xustificación de méritos.

b) Aqueles participantes noutra situación administrativa distinta da de servizo activo deberán dirixirse á Dirección Xeral da Función Pública.

O prazo para expedir esta certificación será de 20 días hábiles contados desde o día de apertura do prazo de presentación de solicitudes de elección de postos de traballo e xustificación de méritos.

Cando a unidade correspondente expida a certificación, enviaralla á persoa concursante ao enderezo de correo electrónico introducido na solicitude de participación. A persoa interesada, despois de recibir a súa certificación de méritos, deberá presentala electronicamente segundo o indicado na base II de tramitación electrónica.

O prazo para presentar esta certificación será de 25 días hábiles contados desde o día da apertura do prazo de presentación de solicitudes de elección de postos de traballo e xustificación de méritos. No caso de que a unidade encargada da certificación de méritos non a remita, a persoa participante deberá presentar a xustificación de que a solicitou no prazo establecido.

3. A participación no concurso implica a conformidade para a valoración de oficio dos méritos e requisitos que figuran no Rexistro Central de Persoal na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación.

Non obstante, se a persoa concursante presenta un impreso de certificación de méritos de acordo co procedemento establecido nos parágrafos anteriores, serán eses os que teña en conta a Comisión de Valoración do concurso para a adxudicación dos postos de traballo solicitados. Calquera dato omitido non poderá ser invocado para os efectos de futuras reclamacións, nin considerar por tal motivo lesionados os seus intereses e/ou dereitos.

4. Calquera impreso de certificación que non reúna os requisitos ou que a persoa interesada enviase fóra do prazo establecido, darase por non presentado, agás no suposto establecido no último parágrafo na base VI.2.

VII. Listaxe de persoas admitidas e excluídas.

1. Unha vez rematados os prazos de presentación das solicitudes de participación no concurso, a Dirección Xeral da Función Pública ditará resolución que se publicará no Diario Oficial de Galicia na cal se declararán aprobadas as listas de persoas admitidas e excluídas con indicación do lugar en que estarán á disposición das persoas interesadas.

2. As persoas excluídas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución, para poder emendar o defecto que motivase a exclusión, de ser o caso. O formulario de reclamación deberá cubrirse e presentarse electronicamente segundo o establecido na base II de tramitación electrónica.

Transcorrido o dito prazo, a Dirección Xeral da Función Pública ditará a resolución definitiva de persoas admitidas e excluídas. Contra esta resolución poderase interpor un recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou, directamente, recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo correspondente, no prazo de dous meses contados desde a mesma data e de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

VIII. Comisión de Valoración.

1. A valoración dos méritos alegados polas persoas concursantes para a adxudicación dos postos de traballo vacantes será efectuada pola Comisión de Valoración que prevé o artigo 12 do Decreto 93/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna, coa composición establecida nel. Esta comisión terá a categoría primeira das previstas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, e será nomeada polo órgano convocante. Os acordos da Comisión adoptaranse por maioría dos seus membros.

2. A Comisión poderá dispor a incorporación aos seus traballos de asesores para aquelas tarefas que o requiran; o órgano convocante procederá ao seu nomeamento.

3. A proposta de adxudicación dos postos de traballo ofertados recaerá sobre o/a concursante que obtivese maior puntuación conforme o baremo establecido na base V, así como, se é o caso, conforme os criterios de desempate fixados na base V.8.

4. Despois de efectuar a proposta de valoración provisional dos méritos, esta farase pública no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda e Administración Pública.

Contra a mencionada resolución, as persoas concursantes poderán formular as oportunas reclamacións no prazo de dez días hábiles que se contarán a partir do día seguinte ao da súa publicación. O formulario de reclamación deberá cubrirse e presentarse electronicamente segundo o establecido na base II de tramitación electrónica.

O formulario de reclamación deberá concretar a alínea ou alíneas da base V sobre as cales se interpón a reclamación, con indicación expresa daqueles méritos que se consideran erroneamente puntuados e a causa concreta obxecto de reclamación.

5. Examinadas e resoltas pola Comisión as reclamacións presentadas, elevarase proposta definitiva de resolución do concurso. A convocatoria resolverase por resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Función Pública, que se publicará no Diario Oficial de Galicia e na cal figurarán os destinos adxudicados a cada unha das persoas concursantes.

A estimación ou desestimación das reclamacións presentadas contra a valoración provisional de méritos entenderanse implícitas na resolución pola que se resolva o concurso.

IX. Adxudicación de destinos.

1. Os destinos adxudicados serán irrenunciables salvo que con anterioridade á finalización do prazo posesorio se obteña outro destino mediante convocatoria pública, polo procedemento de libre designación ou por concurso, casos nos cales poderán optar entre os postos adxudicados, e estarán obrigados a comunicar por escrito a opción seleccionada á Dirección Xeral da Función Pública no prazo dos tres días seguintes ao da publicación no DOG da resolución pola que se abren prazos posesorios.

2. Os traslados que deriven da resolución do presente concurso terán a consideración de voluntarios polo que, en consecuencia, non xerarán dereito á indemnización.

X. Toma de posesión.

A toma de posesión en todos os postos adxudicados como consecuencia da resolución do concurso efectuarase a partir da data que se faga constar na resolución deste e iniciará o cómputo dos prazos posesorios establecidos no artigo 14 do Decreto 93/1991, do 24 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna.

XI. Recursos.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor un recurso potestativo de reposición ante esta mesma dirección xeral, no prazo dun mes que se contará desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas ou, directamente, un recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo correspondente, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2022

O conselleiro de Facenda e Administración Pública
P.D. (Orde 8.1.2020)
José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública

ANEXO I

Posto

Código do posto

Nv

Grupos

Corpo/Escala

Adm. pub./ Áreas Func.

Denominación posto

Cons.

Centro directivo

Centro destino

Conc.

Titulacións requiridas

Formación específica

Observacións

(1)

1

FC.A01.00.000.15770.002

20

A1

Xeral (escala superior de estatísticos)

AXG

Posto base subgrupo A1

FC

Instituto Galego de Estatística

Instituto Galego de Estatística

15770

6.500

2

FC.A01.00.000.15770.004

20

A1

Xeral (escala superior de estatísticos)

AXG

Posto base subgrupo A1

FC

Instituto Galego de Estatística

Instituto Galego de Estatística

15770

6.500

3

FC.A01.00.000.15770.006

20

A1

Xeral (escala superior de estatísticos)

AXG

Posto base subgrupo A1

FC

Instituto Galego de Estatística

Instituto Galego de Estatística

15770

6.500

4

FC.A01.00.000.15770.007

20

A1

Xeral (escala superior de estatísticos)

AXG

Posto base subgrupo A1

FC

Instituto Galego de Estatística

Instituto Galego de Estatística

15770

6.500

5

FC.A01.00.000.15770.008

20

A1

Xeral (escala superior de estatísticos)

AXG

Posto base subgrupo A1

FC

Instituto Galego de Estatística

Instituto Galego de Estatística

15770

6.500

6

FC.A01.00.001.15770.032

22

A1

Xeral (escala superior de estatísticos)

AXG

Técnico/a facultativo/a superior

FC

Instituto Galego de Estatística

Secretaría Xeral

15770

6.500

7

FC.A01.00.002.15770.021

25

A1/A2

Xeral (escala técnica de estatísticos) Xeral (escala superior de estatísticos)

AXG

Xefatura Sección de Análise e Estudos I

FC

Instituto Galego de Estatística

S. X. de Síntese, Análise e Difusión

15770

5.150

8

FC.A01.00.002.15770.033

18

A2

Xeral (escala técnica de estatísticos)

AXG

Técnico/a facultativo/a medio

FC

Instituto Galego de Estatística

S. X. de Síntese, Análise e Difusión

15770

5.150

9

FC.A01.00.002.15770.036

25

A1/A2

Xeral (escala técnica de estatísticos) Xeral (escala superior de dstatísticos)

AXG

Xefatura Sección de Difusión e Información II

FC

Instituto Galego de Estatística

S. X. de Síntese, Análise e Difusión

15770

5.150

10

FC.A01.00.003.15770.043

18

A2

Xeral (escala técnica de estatísticos)

AXG

Técnico/a facultativo/a medio

FC

Instituto Galego de Estatística

S. X. de Produción Estatística

15770

5.150

Código

Concello

15770

Santiago de Compostela

(1) Puntuación mínima requirida para adxudicar o posto ofertado