Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Mércores, 13 de abril de 2022 Páx. 23159

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

RESOLUCIÓN do 7 de abril de 2022, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se convocan para o ano 2022 as probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte en empresas de transporte por estrada (códigos de procedemento IF312A e IF312B).

A Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres, exixe reunir o requisito da competencia profesional para exercer a función de transportista por estrada. Tal previsión está en consonancia co disposto no Regulamento (CE) nº 1071/2009, do 21 de outubro, polo que se establecen as normas comúns relativas ás condicións que se deben cumprir para o exercicio da profesión de transportista por estrada e polo que se derroga a Directiva 96/26/CE. De acordo con este, unha empresa que exerza a profesión de transportista por estrada nomeará polo menos unha persoa física, denominada xestor do transporte, que cumpra os requisitos de honorabilidade e competencia profesional (artigos 3 e 4). Precisamente para cumprir este requisito de competencia profesional, o artigo 8 dispón que as persoas interesadas estarán en posesión dos coñecementos que responden ao nivel recollido no anexo I, parte I, do propio regulamento. A demostración de tales coñecementos farase mediante un exame escrito obrigatorio sobre as materias que se enumeran no referido anexo.

O Real decreto 1211/1990, do 28 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de ordenación dos transportes terrestres, na redacción que lle deu a modificación introducida polo Real decreto 70/2019, do 15 de febreiro, polo que se modifican o Regulamento da Lei de ordenación dos transportes terrestres e outras normas regulamentarias en materia de formación dos condutores dos vehículos de transporte por estrada, de documentos de control en relación cos transportes por estrada, de transporte sanitario por estrada, de transporte de mercadorías perigosas e do Comité Nacional do Transporte por Estrada, regula no seu anexo II o réxime de obtención do certificado de competencia profesional.

Deste xeito, introduciuse unha significativa modificación no procedemento e nos requisitos necesarios para obter a competencia profesional para o exercicio da actividade de transportista e, de forma específica, na forma de realización das correspondentes probas, incorporando como principal novidade a da súa realización necesariamente por medios electrónicos e directamente na aplicación habilitada para o efecto polo Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana, mantendo as comunidades autónomas as funcións delegadas en canto á adquisición, acreditación e control da capacitación profesional para a realización do transporte e das actividades auxiliares e complementarias daquel, actual competencia profesional, de conformidade co que establece a Lei orgánica 5/1987, do 30 de xullo, de delegación de facultades do Estado nas comunidades autónomas en relación cos transportes por estrada e por cable.

De conformidade co anterior, a convocatoria das indicadas probas de competencia profesional correspondentes ao presente ano 2022 efectúase no marco de transitoriedade ao novo modelo de exames, axustando a súa realización aos novos requisitos e facilitando ás persoas aspirantes a disposición de opcións para a súa obtención, polo menos, análogas a aquelas de que viñan dispoñendo ata a actualidade; por tanto, no marco do novo modelo de exame prevese a posibilidade de ata dous chamamentos para a súa realización.

En consecuencia, de conformidade coas previsións contidas no Regulamento 1071/2009, do 21 de outubro, na Lei orgánica 5/1987, do 30 de xullo, na Lei 16/1987, do 30 de xullo, e no Real decreto 1211/1990, do 28 de setembro,

DISPOÑO:

1. Convocatoria.

Convócanse, para o ano 2022, as probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte en empresas de transporte por estrada, tanto na súa modalidade de mercadorías como na de persoas viaxeiras, que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia de acordo co calendario e demais condicións previstas nesta resolución (procedementos IF312A e IF312B).

2. Calendario.

No ano 2022, as persoas interesadas dispoñerán de ata dous chamamentos para a realización do correspondente exame, no segundo e terceiro cuadrimestres do ano, respectivamente, sempre que a propia evolución da situación sanitaria derivada da COVID-19 o permita. Os exercicios terán lugar nos períodos abranguidos entre:

– Primeiro período: entre o 18 de maio e o 31 de xullo de 2022, para aqueles aspirantes que soliciten realizar o exame nas datas comprendidas entre o día da apertura do prazo para presentar a solicitude, que será a partir do seguinte ao de publicación desta resolución, e o 2 de maio de 2022.

– Segundo período: entre o 1 de outubro e o 31 de decembro de 2022, para aquelas persoas aspirantes que soliciten realizar o exame nas datas comprendidas entre o día 3 de maio e o 1 de setembro de 2022.

As persoas aspirantes que cumpran os requisitos para acceder ás probas poderán presentarse á modalidade de xestor de transporte para empresas de transporte de mercadorías por estrada e á de xestor de transporte para empresas de transporte de persoas viaxeiras por estrada, ou só a unha delas. As persoas aspirantes que estean interesadas en presentarse a ambas as modalidades deberán presentar unha solicitude por cada modalidade e aboar as taxas correspondentes, de acordo co establecido no punto 9 da presente resolución.

3. Requisitos das persoas aspirantes.

En aplicación do disposto no artigo 8.1 do Regulamento (CE) nº 1071/2009, e de acordo co que establece o número 4 do anexo II do Real decreto 1211/1990, para poder participar nas probas de xestor de transporte o aspirante deberá xustificar estar en posesión dalgún dos seguintes títulos de formación no momento de presentar a solicitude:

– Título de bacharel ou equivalente.

– Título de técnico, acreditativo de superar os ensinos dunha formación profesional de grao medio, sexa cal sexa a profesión a que se refira.

– Título de técnico superior, acreditativo de superar os ensinos dunha formación profesional de grao superior, sexa cal sexa a profesión a que se refira.

– Calquera título acreditativo de superar uns ensinos universitarios de grao ou posgrao.

4. Inscrición.

1. De acordo co que establecen os artigos 56 da Lei 16/1987, do 30 de xullo, e 53 do Real decreto 1211/1990, do 28 de setembro, as solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal co código IF312A (anexo I).

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

5. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

• Xustificación do pagamento das taxas administrativas devindicadas pola tramitación da solicitude, agás que sexa aplicable algunha exención legal (código da taxa 31 01 20).

• Documentación xustificativa de padecer unha discapacidade no caso de que o organismo que realiza tal recoñecemento non dependa da Xunta de Galicia.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. Devolución do importe dos dereitos de exame.

1. Só as persoas solicitantes que resulten definitivamente excluídas da realización das probas terán dereito á devolución do importe dos dereitos de exame a que se refire o punto 5.1, sempre que o soliciten no seguinte prazo:

– Para aquelas solicitudes que se presenten ata o 2 de maio, deberán solicitar a devolución do importe entre o día 1 e o 31 de agosto de 2022, ambos incluídos.

– Para aquelas solicitudes que se presenten desde o 3 de maio ata o 1 de setembro, deberán solicitar a devolución do importe entre o día 1 e o 31 de xaneiro de 2023.

2. Esta solicitude axustarase ao modelo incorporado como anexo II desta resolución e deberá presentarse de acordo co previsto no punto 9, seguindo o procedemento dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), co código IF312B (anexo II).

7. Comprobación de datos.

1. Para a tramitación do procedemento (IF312A) consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoñan á súa consulta:

• DNI/NIE da persoa solicitante.

• DNI/NIE da persoa representante.

2. Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada marque na solicitude o recadro correspondente para sinalar as circunstancias que lle sexan de aplicación:

• Certificado de discapacidade expedido pola Xunta de Galicia.

• Inscrición como demandante de emprego.

• Prestacións ou subsidios por desemprego que se perciban.

• Títulos oficiais non universitarios.

• Títulos oficiais universitarios.

3. Para a tramitación do procedemento de devolución das taxas de dereitos de exame das probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte (IF312B), consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

• DNI/NIE da persoa solicitante.

• DNI/NIE da persoa representante.

4. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado nos formularios de inicio e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

5. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación destes procedementos deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

9. Tramitación das solicitudes.

1. De acordo co disposto no punto 9.1 do anexo II do Real decreto 1211/1990, do 28 de setembro, unha vez revisadas pola Administración as solicitudes que se presenten, convocará as persoas aspirantes á realización das probas de acordo co calendario e resto de previsións que se establecen nesta resolución, sinalando un día e hora determinados para a súa realización.

2. Para os efectos de realizar o disposto no punto anterior, os/as aspirantes que solicitasen a realización do exame a partir do día seguinte ao da publicación da presente convocatoria ata o 2 de maio, incluído, serán convocados para a realización dos exercicios con polo menos 10 días naturais de antelación para as datas indicadas polo tribunal dentro do primeiro período, e indicaránselles o lugar, a data e a hora a que serán chamados/as. Os/as aspirantes que presentasen as solicitudes entre o día 3 de maio e o 1 de setembro, ambos incluídos, serán convocados para realizar os exercicios con, polo menos, 10 días naturais de antelación para as datas indicadas polo tribunal dentro do segundo período.

3. A non presentación da solicitude e a falta de pagamento da taxa que proceda en tempo e forma supoñerá a exclusión da persoa aspirante; igualmente, a consignación de datos falsos na solicitude ou na documentación presentada polas persoas aspirantes dará lugar á súa exclusión, sen prexuízo das demais medidas legais que correspondan.

10. Dereitos de exame.

1. Para acceder a estas probas deberá abonarse a taxa que corresponda segundo o tipo vixente no momento de facer a inscrición, de acordo co que estableza a Lei 6/2003, do 29 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, agás que sexa aplicable algunha exención legal de pagamento. A taxa deberá aboarse por cada unha das modalidades de probas (mercadorías/persoas viaxeiras) a que as persoas interesadas se presenten, e por cada convocatoria.

2. O ingreso da/das taxa/s deberá facerse en liña, a través da Oficina Virtual Tributaria dispoñible na web da Consellería de Facenda (www.xunta.gal/facenda), indicando para o efecto os seguintes códigos:

– Consellería de Infraestruturas e Mobilidade: código: 06.

– Delegación de servizos centrais: código: 13.

– Servizo de Mobilidade: código: 02.

– Denominación: inscrición nas probas para a obtención da competencia profesional para a actividade de transporte: código: 31 01 20.

11. Admisión de persoas aspirantes.

1. O tribunal encargado de avaliar as probas procederá a revisar as solicitudes.

2. Revisadas as solicitudes, aquelas persoas aspirantes que cumpran os requisitos para concorrer aos exames serán convocadas á súa realización de acordo co que se indica no punto 9.2 desta resolución.

3. Respecto daqueloutras persoas aspirantes que, á vista das solicitudes presentadas e da documentación revisada, non conste acreditado que cumpran os requisitos exixidos, serán requiridas para que emenden o defecto que motivou a súa exclusión de acordo co previsto no punto 4. Este requirimento será efectuado mediante a publicación do correspondente anuncio na páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade
(https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/mobilidade), sección de formación, e outorgarase un prazo de 10 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da comunicación, para proceder á corrección. A indicada publicación na páxina web referida poderá ser substituída por unha comunicación individualizada a cada persoa aspirante cuxa exclusión se propoña, á cal se lle outorgará o mesmo prazo indicado anteriormente.

Unha vez revisadas as reclamacións presentadas, o tribunal acordará convocar para realizar o exame as persoas aspirantes que emendasen as deficiencias, e acordará a exclusión de quen non o fixese. Este acordo será obxecto de publicación ou comunicación, de forma análoga ao que se establece no punto anterior.

4. Nas convocatorias das persoas aspirantes á realización do exame, o tribunal completará as instrucións de funcionamento e desenvolvemento das probas coas indicacións que resulten adecuadas para garantir a súa correcta operatividade, sen menoscabo das que para tal fin poida adoptar no mesmo momento da súa realización.

12. Programa, contido, forma e duración do exame.

O exame adaptarase, en canto ao seu programa, contido, forma, duración e forma de corrección, ao que establece o anexo II do Real decreto 1211/1990, do 28 de xullo.

13. Desenvolvemento das probas.

1. As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio en único chamamento, e perderá o dereito a realizar a proba quen non compareza no lugar e hora en que fose convocado/a.

2. Para poder realizar as probas, as persoas aspirantes deberán presentarse provistas de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal; noutro caso, non serán admitidas á realización das probas.

3. Non se permitirán, nas instalacións en que se vaia realizar o exame, o acceso e a tenza de teléfonos móbiles, axendas electrónicas, teléfonos intelixentes, auriculares ou calquera outro dispositivo de carácter electrónico excepto, a xuízo do tribunal, máquinas calculadoras sen memoria RAM.

Do mesmo xeito, queda prohibido o acceso con calquera outro material ou instrumento de que se poidan valer as persoas aspirantes para auxiliarse na realización das probas.

O acceso e/ou permanencia nas instalacións en que se realice o exame con calquera dispositivo dos sinalados anteriormente, estéase ou non facendo uso del, dará lugar a que, sen máis, se expulse a persoa aspirante e se cualifique o seu exame como «non apto»; e o mesmo realizarase no suposto de persoas aspirantes que sexan descubertas copiando.

Nas instalacións en que se realice o exame non se establecerá servizo de depósito e/ou custodia de ningún tipo de material.

4. Tras o seu chamamento e acceso á instalación en que se vaia realizar o exame, ningún aspirante poderá abandonar o devandito lugar ata que concluíse completamente a realización do exame. Con todo, o tribunal establecerá as condicións en que, en supostos extraordinarios debidamente xustificados, as persoas aspirantes poderán saír da sala para ir ao baño, debidamente custodiadas polo persoal encargado de funcións de vixilancia. Este feito non dará lugar, en ningún caso, a que se compense a persoa aspirante polo tempo que para o efecto empregase.

5. O tribunal adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario, de forma que as persoas aspirantes con discapacidades gocen de similares condicións para a realización dos exercicios ás do resto de participantes. Neste sentido, estableceranse para as persoas con discapacidades que o soliciten as adaptacións posibles de tempo e/ou medios para a súa realización.

Para a materialización destas previsións, as persoas aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % deberán indicalo na solicitude, especificando claramente tanto a porcentaxe de discapacidade que teñen recoñecida oficialmente como o organismo que realizou tal recoñecemento. No caso de que este órgano non dependa da Xunta de Galicia, deberán xuntarse á solicitude os documentos xustificativos da discapacidade. Así mesmo, deberán indicar na solicitude as adaptacións de medios para a realización dos exercicios.

6. O exame realizarase de conformidade co que establece o anexo II do Real decreto 1211/1990, do 28 de xullo.

As persoas aspirantes realizarán o exame na aplicación correspondente. Concluída a primeira parte, poderán dala por terminada e continuar a partir dese momento coa realización da segunda parte; o mesmo procederá, en todo caso, concluído o tempo máximo habilitado para tal fin. Igualmente, na segunda parte do exame, as persoas aspirantes poderana dar por concluída cando o consideren oportuno; a propia aplicación realizará esta conclusión en caso de vencemento do tempo de exame.

Concluída a segunda proba, o examinando poderá coñecer o resultado do seu exercicio. Igualmente, poderá solicitar do tribunal o acceso á copia impresa do exame e da cualificación obtida.

No caso de que a persoa aspirante solicite ao concluír o exame o acceso a unha copia impresa, o tribunal indicaralle o día e a hora en que se poñerá a dita copia á súa disposición nas dependencias administrativas do correspondente Servizo de Mobilidade ou, de ser o caso, nos servizos centrais da Dirección Xeral de Mobilidade, momento a partir do cal dispoñerá de dous días hábiles para a súa recollida, para a que deberá acudir directamente ás correspondentes dependencias administrativas provista do DNI ou documento análogo acreditativo da súa personalidade; igualmente, poderá habilitar unha persoa representante para a súa recollida, outorgando poder suficiente para o efecto, conforme o que establece a Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Igualmente, co fin de conseguir unha maior eficiencia enerxética e ambiental, o tribunal ofrecerá ás persoas aspirantes a substitución da entrega de copia impresa do exame pola súa entrega ou remisión en soporte electrónico; para o efecto, ofrecerase ao/a aspirante a opción, polo menos, de envío por correo electrónico, aínda que nas correspondentes convocatorias para a realización do exame, o tribunal poderá prever outras formas de entrega electrónica da indicada documentación, mesmo a súa gravación nun soporte dixital tipo memoria USB que achegue a persoa aspirante. No caso de que o aspirante opte expresamente pola súa remisión unicamente por correo electrónico, o tribunal velará porque a remisión se realice no menor tempo posible.

7. Cando un examinando obteña a cualificación necesaria para aprobar, quedará automaticamente inscrito no Rexistro de Empresas e Actividades de Transporte como persoa que acreditou a súa competencia para o transporte na modalidade que corresponda.

14. Revisión de exames.

1. Cando un examinando considere que unha das preguntas ou supostos prácticos que integraban o seu exame era erróneo ou lle foi mal cualificado pola aplicación, poderá formular a correspondente reclamación ante o tribunal no prazo de dez días hábiles contado desde o día seguinte a aquel en que se puxo á súa disposición o exame impreso, o tribunal remitiulle o devandito exame o tribunal ao enderezo de correo electrónico indicado pola propia persoa interesada, ou se lle fixo a entrega noutro soporte electrónico, se for o caso; o tribunal poderá establecer criterios adicionais para a remisión das ditas impugnacións.

2. A revisión dos exames e cualificacións por parte do tribunal axustarase ao que para o efecto establece o anexo II do Real decreto 1211/1990, do 28 de setembro.

3. Contra a resolución do tribunal de revisión de exames, o examinando poderá interpoñer recurso ante o órgano que o nomeou.

15. Tribunal.

1. O tribunal cualificador das probas convocadas estará integrado polo seguinte persoal da Dirección Xeral de Mobilidade:

– Presidente:

Antón García Río.

– Presidentes suplentes:

Marta Vázquez Sanjurjo.

Juan Alberto Vidal Herrador.

– Vogais:

Juan Alberto Vidal Herrador.

Eduardo Suárez Campo.

María Inmaculada Carril Barco.

– Vogais suplentes:

Elena Prado Veiga.

Tamara Subiela Gómez.

Águeda Silva Seoane.

Marta Figueiras García.

– Secretaria:

María Carmen Arnoso Calvo.

– Secretaria suplente:

Marta Figueiras García.

2. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto para os órganos colexiados nos preceptos básicos da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Os membros suplentes do tribunal participarán, xunto cos titulares, cando sexa preciso para o bo desenvolvemento das probas.

3. As sesións do tribunal faranse constar en actas sucintas que se autorizarán coa sinatura do/da secretario/a e o visto e prace do/da presidente/a.

4. Para os efectos do Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG nº 122, do 25 de xuño), cualifícase o tribunal como de categoría primeira.

16. Notificacións.

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos dos procedementos IF312A e IF312B practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas de carácter individualizado practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo electrónico e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicada enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpren a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

17. Información ás persoas interesadas.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Mobilidade, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Dirección Xeral (https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/mobilidade), sección de formación.

b) O teléfono 881 99 50 53 da devandita dirección xeral.

18. Recursos.

Contra esta resolución pode interpoñerse recurso de alzada ante a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, conforme o previsto polo artigo 121 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de calquera outro que a persoa interesada considere pertinente.

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2022

Ignacio Maestro Saavedra
Director xeral de Mobilidade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file