Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Xoves, 21 de abril de 2022 Páx. 24444

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

ANUNCIO do 11 de abril de 2022, da Xerencia da Área Sanitaria da Coruña e Cee, polo que se dá publicidade á resolución da mesma data pola que se convoca o procedemento de mobilidade interna voluntaria para o persoal estatutario fixo das categorías de persoal sanitario diplomado, sanitario de formación profesional e persoal de xestión e servizos do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña.

De conformidade co establecido na disposición adicional quinta do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde (DOG núm. 145, do 29 de xullo), e con base nos criterios reitores para mobilidade interna no ámbito de atención especializada, aprobados pola Mesa Sectorial o 23 de decembro de 2009 (modificados polo Acordo do 31 de xaneiro de 2014), e tras as negociacións mantidas coas seccións sindicais CC.OO., CIG, CSIF, O´MEGA, SAE e UGT asináronse, o 29 de decembro de 2020, as bases da convocatoria do concurso de mobilidade interna do persoal estatutario fixo das categorías de persoal sanitario diplomado, sanitario de formación profesional e de xestión e servizos no Complexo Hospitalario Universitario A Coruña.

A Xerencia da Área Sanitaria da Coruña e Cee, con base nas competencias atribuídas polo Decreto 137/2019, do 10 de outubro (DOG núm. 208, do 31 de outubro), polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde, e na Orde do 22 de abril de 2020 (DOG núm. 82, do 29 de abril) sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servizo Galego de Saúde,

RESOLVE:

Anunciar a convocatoria do procedemento de mobilidade interna voluntaria do persoal estatutario fixo das categorías de persoal sanitario diplomado, sanitario de formación profesional e de xestión e servizos no Complexo Hospitalario Universitario A Coruña, correspondente ao ciclo anual de 2022.

As bases íntegras desta convocatoria estarán expostas nos taboleiros de anuncios do Complexo Hospitalario e na páxina web do Espazo do Profesional.

As solicitudes para participar neste procedemento axustaranse necesariamente ao formulario electrónico existente na Oficina virtual do profesional (Fides/procesos/mobilidade voluntaria interna) e, tras a súa formalización electrónica, unha vez impresa, deberase presentar no Rexistro do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña ou en calquera dos rexistros referidos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais lugares previstos no artigo 10 do Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes será de quince (15) días naturais a partir do día seguinte ao desta publicación, segundo o seguinte calendario:

Persoal de xestión e servizos: quince (15) días naturais desde o día seguinte ao da publicación.

Persoal sanitario de formación profesional: quince (15) días naturais contados desde o día seguinte ao de remate do prazo correspondente ás categorías de persoal de xestión e servizos.

Persoal sanitario diplomado: quince (15) días naturais contados desde o día seguinte ao do remate do prazo correspondente ás categorías de persoal sanitario de formación profesional.

A Coruña, 11 de abril de 2022

Luis Verde Remeseiro
Xerente da Área Sanitaria da Coruña e Cee