Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Luns, 25 de abril de 2022 Páx. 24843

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 18 de abril de 2022 pola que se convoca, no marco da iniciativa Universo EGAP Innova, a xornada de formación práctica dixital (E-martes) sobre o Rexistro electrónico na Xunta de Galicia.

Tras aprobar o Consello Reitor o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2022, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo,

RESOLVO:

Convocar, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, no marco da iniciativa Universo EGAP Innova, a xornada de formación práctica dixital (E-martes) sobre o rexistro electrónico na Xunta de Galicia, de acordo coas bases que se indican a seguir:

Primeira. Obxectivos

O Universo EGAP Innova é un proxecto multidisciplinar e transversal da Escola Galega de Administración Pública que se desenvolve co obxectivo principal de contribuír, a través de novas prácticas formativas que implican a participación do alumnado, a autoxestión da aprendizaxe e a identificación de novas oportunidades, á innovación e ao cambio nas administracións públicas.

Ao abeiro desta iniciativa, os E-martes teñen como finalidade proporcionar formación práctica presencial ao persoal empregado público da Administración autonómica galega e á cidadanía nas transformacións tecnolóxicas, organizativas e lexislativas derivadas da administración electrónica.

Segunda. Contidos

A xornada de formación práctica dixital (E-martes) que se desenvolverá o día 10 de maio de 2022 abordará os seguintes contidos:

Parte teórica:

– De rexistro a rexistro electrónico: pezas clave para a administración electrónica.

Parte práctica para o grupo do persoal empregado público:

– Chave365.

– Sede electrónica da Xunta de Galicia.

– Rede de oficinas de atención á cidadanía e de rexistro:

• Intranet (espazo dixital de referencia para o persoal da Administración autonómica).

• Aires (aplicación informática de rexistro de entradas e saídas).

• Rexel (recepción electrónica do Sistema único de rexistro).

• SIR (Sistema de intereconexión de rexistros).

• Notificación por comparecencia espontánea.

• Expedición de copias electrónicas auténticas.

Parte práctica para o grupo de cidadanía:

– Chave365.

– Sede electrónica da Xunta de Galicia.

– Rede de oficinas de atención á cidadanía e de rexistro:

• eServizos.

• Servizos nas oficinas.

◦ Notificación por comparecencia espontánea.

◦ Expedición de copias electrónicas auténticas.

• Sistema de interconexión de rexistros (SIR).

Os dous grupos de persoas destinatarias participarán de xeito conxunto na parte teórica da formación, que na súa parte práctica adaptarase aos requirimentos específicos de cadanseu grupo de destinatarios.

Terceira. Persoas destinatarias

As persoas destinatarias desta actividade son:

• O persoal empregado público en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, dos seus entes públicos instrumentais e da Administración institucional. Neste grupo de persoas destinatarias priorizarase a inscrición daquelas persoas solicitantes que poidan xustificar debidamente que as súas funcións están directamente relacionadas coa materia impartida.

• A cidadanía: profesionais e persoas interesadas na materia impartida.

Cuarta. Desenvolvemento

Lugar: Escola Galega de Administración Pública (EGAP), rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Data: o martes 10 de maio de 2022.

Horario: de mañá e tarde.

Duración: 7 horas lectivas.

Quinta. Número de prazas

Cincuenta (50).

Sexta. Inscrición

1. A inscrición nesta actividade formativa só poderá realizarse por vía telemática accedendo ao enderezo https://egap.xunta.gal/matricula. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo coas persoas destinatarias e requisitos de selección establecidos na bases terceira e oitava respectivamente. En concreto, deberán indicar correctamente o colectivo de persoas destinatarias ao cal pertencen («Administración autonómica», para o persoal empregado público da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, dos seus entes públicos instrumentais e da Administración institucional, ou «cidadanía», no caso de non ser persoal empregado público).

3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

4. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área na cal está integrada esta actividade (Administración electrónica, protección de datos e calidade administrativa) e despois seleccionar en «nome do curso» a xornada de formación práctica dixital (E-martes) o Rexistro electrónico na Xunta de Galicia.

5. O prazo para a inscrición nesta actividade estará habilitado desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 3 de maio de 2022.

Poderá obterse calquera outra información, desde as 8.30 horas ata as 14.30 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.

Sétima. Comprobación de datos

1. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a tramitación do procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes desta acción formativa necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opuxera a iso.

2. No caso de que as persoas interesadas se opuxeran a esta consulta, deberán indicalo expresamente incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e enviar, ademais, os documentos a cuxa consulta se opoñan que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración a través do seguinte enderezo electrónico novas.egap@xunta.gal

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria.

Oitava. Criterios de selección

A metade das prazas reservaranse para o colectivo do persoal empregado público da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, dos seus entes públicos instrumentais e da Administración institucional; para a selección das prazas deste grupo terán prioridade as persoas con funcións directamente relacionadas coa materia impartida, sempre que se poidan confirmar cos datos dispoñibles ou coa documentación achegada.

Fóra deste criterio específico para o grupo de persoal empregado público, a orde de admisión virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes.

Novena. Publicación das listaxes do alumnado seleccionado

A EGAP publicará no enderezo https://egap.xunta.gal unha relación das persoas seleccionadas en cada grupo para participar nesta actividade, así como un número adecuado de reservas, no caso de que o número de solicitudes recibidas fose superior ao número de prazas, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Entenderase que as persoas que non figuren en ningunha das relacións foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria, ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda ou están excluídas de acordo co disposto no ordinal segundo, punto 6º, da Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola que se actualizan os criterios de participación nas actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro).

Décima. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

• Por razóns de conciliación familiar.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia deberá ser comunicada enviando un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, cunha antelación mínima de dous días anteriores ao comezo da actividade formativa, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

c) As persoas que incumpran o previsto nas liñas a) e b) pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) Serán obrigatorias a asistencia á sesión da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de asistencia desta actividade formativa.

2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Décimo primeira. Certificado de asistencia oficial

Ao final desta actividade emitirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización desta actividade, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Décimo segunda. Facultades da EGAP

1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización, caso en que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

2. A EGAP garantirá na acción derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2022

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública