Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Martes, 26 de abril de 2022 Páx. 25268

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 11 de abril de 2022, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se fan públicos o lugar, a data e a hora de realización dos exercicios da fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso nas categorías de lavandeiro/a e pasador/a de ferro, convocado pola Resolución do 18 de xuño de 2021.

A base 8.1.4 da Resolución deste centro directivo do 18 de xuño de 2021 (Diario Oficial de Galicia núm. 126, do 5 de xullo), pola que se convoca concurso-oposición para o ingreso, entre outras, nas categorías de lavandeiro/a e pasador/a de ferro, establece que os exercicios da fase de oposición realizaranse no lugar, na data e na hora que se fixen nunha resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, que se publicará no Diario Oficial de Galicia cun prazo mínimo de antelación de cinco días hábiles.

De conformidade coa antedita base, este centro directivo, como órgano convocante do proceso,

RESOLVE:

Primeiro. Convocar as persoas aspirantes admitidas con carácter definitivo no concurso-oposición para o ingreso nas categorías de lavandeiro/a e pasador/a de ferro, convocado pola Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 18 de xuño de 2021, para a realización dos exercicios que integran a fase de oposición.

Os exercicios realizaranse no Recinto da Feira Internacional de Galicia, avenida Recinto Feiral, s/n, Silleda (Pontevedra), na data e na hora que, para cada categoría, a seguir se indican:

Categoría

Data

Hora

Lavandeiro/a

Domingo, 8 de maio de 2022

16.00

Pasador/a de ferro

Domingo, 15 de maio de 2022

16.00

Segundo. Publicar na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), sección de emprego público, as distintas portas de acceso ao recinto de realización das probas, así como os/as aspirantes asignados/as a cada unha delas.

Así mesmo, por razóns organizativas derivadas do contexto sanitario actual cada aspirante terá asignado un número de posto de exame (mesa), que deberá ocupar para a realización das probas, e que se anticipará a efectos informativos na mesma páxina web.

Terceiro. Os/as aspirantes convocados/as que non comparezan na data e na hora fixadas nesta resolución serán excluídos/as do concurso-oposición. Non serán tidas en conta causas de forza maior ou calquera outra causa para emendar a non comparecencia.

Cuarto. As persoas aspirantes deberán acudir provistas do documento nacional de identidade ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, e de bolígrafo azul ou negro, de tinta indeleble.

A acreditación para o acceso ao lugar de realización das probas realizarase a través de código QR. Cada aspirante terá á súa disposición na Oficina Virtual do Profesional (FIDES/expedient-e) desde a data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, a acreditación persoal con código QR, que deberá imprimir e presentar o día do exame ao persoal colaborador da porta que lle foi asignada, e que lle permitirá o acceso ao interior do lugar de realización das probas.

O código QR conterá información do lugar,da data e da hora de realización dos exercicios, así como do posto de exame a ocupar polo/a aspirante.

Co obxecto de axilizar a entrada ao recinto, a persoa aspirante debe ter a man ambos documentos: código QR e documento de identidade.

Non se permitirá o acceso ao interior do recinto de realización das probas aos/ás aspirantes que non presenten o código QR impreso.

Quinto. En cumprimento do Protocolo de medidas de seguridade e organizativas no desenvolvemento dos procesos selectivos do Servizo Galego de Saúde fronte á pandemia COVID-19, aprobado pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, a disposición das persoas interesadas para a súa consulta na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), deberán ser respectadas polos/as aspirantes as indicacións contidas no documento co código QR de acreditación persoal de acceso.

Sexto. Coa finalidade de diminuír o intercambio de documentación, todos/as os/as aspirantes presentados/as ás probas selectivas terán á súa disposición na Oficina Virtual do Profesional (Fides/expedient-e) o certificado de asistencia ao exame, a partir do día seguinte ao de realización dos exercicios. Non se facilitará ningún certificado no lugar de realización das probas.

Sétimo. De conformidade co establecido na base 8.1.4 da resolución de convocatoria realizaranse na mesma data os distintos exercicios que integran a fase de oposición, en unidade de acto e de tempo, pola seguinte orde: en primeiro lugar o exercicio da parte común, a continuación o exercicio da parte específica e por último, o exercicio de coñecemento da lingua galega.

No marco das previsións do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade e da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, o Servizo Galego de Saúde permitirá ás mulleres embarazadas ou que teñan dado a luz, e por estes motivos estean ingresadas no mesmo día do exame, realizar os distintos exercicios da fase de oposición, derivados deste proceso selectivo. Por iso, coa única limitación de respectar, en todo caso, a unidade de acto e de tempo de execución fixados nos chamamentos para a realización dos exames, como garantía de igualdade e de imparcialidade para todos/as os/as aspirantes, o Servizo Galego de Saúde desprazará a un centro hospitalario radicado na Comunidade Autónoma de Galicia unha delegación do respectivo tribunal que permita a execución material da proba a aquelas opositoras xestantes que poñan en coñecemento do órgano convocante, cunha antelación mínima de 72 horas á data de realización do exame a situación de embarazo e a súa vontade de realizar a proba no centro sanitario para o suposto de estar ingresadas na data da súa realización e se tivese recibido na Dirección Xeral de Recursos Humanos comunicación e xustificación do seu ingreso en centro hospitalario por tal motivo con anterioridade á realización dos exercicios.

Por razóns temporais e organizativas, unicamente serán atendidas as solicitudes de desprazamento a centro sanitario pola causa exposta que consten debidamente xustificadas na Dirección Xeral de Recursos Humanos cunha antelación mínima de cinco horas á publicada no Diario Oficial de Galicia como hora de inicio das probas.

Para estes efectos, só se admitirá como medio válido de comunicación o seguinte enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es

Oitavo. Durante o tempo fixado para a realización dos exercicios, non se poderá utilizar nin manipular de ningunha maneira aparellos de telefonía móbil, reloxos ou soportes con memoria. Está prohibido o acceso ao recinto de realización das probas con tales dispositivos e non se habilitará no recinto ningún servizo para a súa recollida.

Noveno. Esta resolución poderá ser impugnada polas persoas interesadas nos termos previstos na base 11.2 da resolución de convocatoria.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2022

Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos