Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Martes, 26 de abril de 2022 Páx. 25293

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 28 de marzo de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan, a UFD Distribución Electricidad, S.A., as autorizacións administrativas previa e de construción para a instalación dunha nova posición convencional 66 kV de xerador na subestación Tivo 220 kV, no concello de Caldas de Reis (expediente IN407A 2021/225-4).

Feitos.

1. O 7.10.2021 UFD Distribución Electricidad, S.A. (en diante, UFD) presentou, ante a Xefatura Territorial de Pontevedra desta consellería (en diante, xefatura territorial), a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción para a instalación dunha nova posición convencional 66 kV de xerador na subestación Tivo 220 kV, no termo municipal de Caldas de Reis (Pontevedra), á cal se lle asignou o número de expediente IN407A 2021/225-4.

Esta solicitude acompañouse, ou completouse posteriormente, coa seguinte documentación técnica, de conformidade coa Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica:

• Proxecto de execución denominado Subestación Tivo 220 kV-Nova posición convencional 66 kV de xerador, asinado pola enxeñeira industrial María Isabel López Ferrer (colexiada nº 17.566 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid) e visado por este colexio, con nº 202103410 e data do 27.9.2021, e no cal figura un orzamento de execución material de 182.359,00 euros.

• Declaración responsable do técnico proxectista (incorporada no proxecto), segundo o exixido no número 53.1.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

Segundo se desprende do proxecto de execución, a infraestrutura eléctrica proxectada ten por obxecto a ampliación do parque de 66 kV da subestación Tivo cunha nova posición convencional de 66 kV para atender a solicitude de conexión do parque eólico Acibal por unha potencia de 12 MW. Para esta nova posición de liña instalarase a seguinte aparellaxe convencional de 66 kV: un interruptor SF6, un seccionador rotativo con posta a terra, un seccionador rotativo sen posta a terra, un seccionador pantógrafo, un terminal exterior, seis illadores, tres transformadores de tensión, tres transformadores de intensidade e tres autoválvulas.

UFD é copropietaria da subestación Tivo 220/66/20 kV, localizada no termo municipal de Caldas de Reis (Pontevedra), posta en servizo en 1975, e composta actualmente polos seguintes parques e transformadores de potencia:

• Parque intemperie de 220 kV en configuración dobre barra, propiedade de REE, con 7 posicións.

• Parque intemperie de 66 kV con aparellaxe convencional en configuración dobre barra, propiedade de UFD, con 16 posicións.

• Parque de 20 kV de interior en configuración simple barra con barra de transferencia, formado por 17 posicións.

• Transformadores trifásicos de potencia montados en intemperie: 3 trafos 220/66 kV de 75 MVA e 2 trafos 66/20 kV de 20 MVA).

2. O 11.3.2022 a xefatura territorial, logo de rematada a instrución do expediente IN407A 2021/225-4, deu traslado deste á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para os efectos da súa resolución. A xefatura territorial incorporou ao expediente o informe dos seus servizos técnicos, do 9.3.2022, no cal se conclúe que non se presentan obxeccións técnicas para continuar coa tramitación do referido proxecto.

Consideracións legais e técnicas.

1. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este expediente, de conformidade co disposto no artigo 20 do Decreto 230/2020, do 23 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (DOG núm. 5, do 11 de xaneiro de 2021), e no artigo único, 1.b).2º, do Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro de 2017).

2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é a seguinte:

• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

• Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

• Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

• Resolución do 19 de febreiro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción, de acordo co previsto na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (DOG núm. 54, do 19 de marzo).

3. Informe emitido o 9.3.2022 polos servizos técnicos da xefatura territorial, que conclúe que non se poñen obxeccións técnicas para continuar coa tramitación do proxecto de execución denominado Subestación Tivo 220 kV-Nova posición convencional 66 kV de xerador.

De acordo con todo o anterior,

RESOLVO:

1. Outorgar a UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción para a instalación dunha nova posición convencional 66 kV de xerador na subestación Tivo 220 kV, no termo municipal de Caldas de Reis (Pontevedra).

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución denominado Subestación Tivo 220 kV-Nova posición convencional 66 kV de xerador, asinado pola enxeñeira industrial María Isabel López Ferrer (colexiada nº 17.566 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid) e visado por este colexio, con nº 202103410 e data 27.9.2021, e no cal figura un orzamento de execución material de 182.359,00 euros.

2. A empresa promotora (UFD Distribución Electricidad, S.A.) asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberán cumprirse as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, aprobado polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio, e o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobado polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro.

3. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que se diten en aplicación da citada facultade.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante a xefatura territorial, quen deberá estendela tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

5. En canto aos bens e dereitos afectados pola referida infraestrutura eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a empresa promotora realizará os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

6. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos orzamentos que determinaron a súa adopción poderá dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao promotor, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

7. Estas autorizacións adóptanse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da referida infraestrutura eléctrica, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente, tal e como dispón o título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

8. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2022

Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais