Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Mércores, 27 de abril de 2022 Páx. 25406

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 1 de abril de 2022, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación da acta da comisión paritaria do IV Convenio colectivo para as empresas e traballadores de transporte de enfermos/as e accidentados/as en ambulancia na Comunidade Autónoma de Galicia.

Visto o texto da acta da comisión paritaria do IV Convenio colectivo para as empresas e traballadores de transporte de enfermos/as e accidentados/as en ambulancia na Comunidade Autónoma de Galicia, que se subscribiu con data do 15 de febreiro de 2022, entre os representantes da FEGAM e os representantes dos traballadores e traballadoras, pertencentes aos sindicatos UGT, CIG e CC.OO., e de conformidade co disposto no artigo 90, números 2 e 3, do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos, acordos colectivos de traballo e plans de igualdade,

A Dirección Xeral de Relacións Laborais

RESOLVE:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia (Regcon), creado mediante a Orde do 29 de outubro de 2010 (DOG núm. 222, do 18 de novembro).

Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2022

Elena Mancha Montero de Espinosa
Directora xeral de Relacións Laborais

Acta da comisión paritaria do IV Convenio colectivo para as empresas e traballadores de transporte de enfermos/as e accidentados/as en ambulancia na Comunidade Autónoma de Galicia

En Santiago de Compostela, ás 11.30 horas do día 15 de febreiro de 2022, na sede do Consello Galego de Relacións Laborais, sito na rúa Algalia de Abaixo, 24, baixo, reúnense as persoas abaixo relacionadas nunha xuntanza da comisión paritaria do IV Convenio colectivo para as empresas e traballadores de transporte de enfermos/as e accidentados/as en ambulancia na Comunidade Autónoma de Galicia.

– Representación empresarial (FEGAM).

Agustín Benavén González.

Agustín Capón Moure.

Álvaro Alonso Fernández.

Eduardo Quiroga Negreira.

María Dolores Jardón Adán.

– Representación social.

UGT Galicia:

Marcial Rodríguez Gil.

SN de CC.OO. de Galicia:

Roberto Carlos Rodríguez García.

José Manuel Cernadas Seijo.

Ramón Salvado Rey.

CIG:

Ernesto López Rei.

Yolanda Villaverde Gante.

Mario Rodríguez Otero.

Inacio Pavón Barbagelata.

Xesús María Pastoriza Santamarina.

Logo do oportuno debate e exposición de posturas por todas e cada unha das representacións presentes sobre as cuestións obxecto desta xuntanza, procede reflectir na acta o seguinte:

Primeiro. O cobramento dos conceptos variables na nómina de vacacións cando previamente houbo unha situación de IT.

A FEGAM interpreta que para o cálculo da media de vacacións non deberían terse en conta nin as excedencias por calquera causa nin as suspensións de contratos que estean directamente relacionadas co exercicio de dereitos en materia de maternidade, paternidade ou conciliación da vida persoal, familiar e laboral porque poderían provocar discriminación por razón de xénero. Porén, os períodos de IT no ano anterior si deben entrar na base de cálculo.

A parte social acepta que se exclúan os supostos indicados pola patronal, pero en relación coa IT derivada de calquera continxencia tamén debería ser un suposto excluído pola mesma argumentación, é dicir, por tratarse de suspensión da relación laboral e por ser discriminatoria, en canto que penaliza estar enfermo.

Segundo. Compensación das horas extras cando se compensan en tempo libre.

A FEGAM entende que o convenio colectivo establece dúas compensacións distintas: unha económica cunha recarga do 75 % (artigo 16 do convenio) e outra posible en descanso (artigo 24 do convenio), e que o descanso equivalente debe ser interpretado nos termos do Estatuto dos traballadores, é dicir, unha hora de descanso por cada hora extra e que, en todo caso, é o traballador quen escolle a forma de compensación.

A parte social entende que o convenio colectivo non fai distinción na compensación e que, en todo caso, a equivalencia non está en relación co Estatuto dos traballadores, senón co convenio.

Terceiro. Aboamento da paga extra de marzo de 2021 cando se paga de forma rateada.

A parte social entende que se confunde o aboamento da paga extra de marzo de 2021 coa de marzo de 2022: non aboaron a paga correspondente a marzo de 2021 malia tela cotizado.

As partes coinciden en que a literalidade do convenio non dá lugar a dúbida e a FEGAM comprométese a consultar coas súas empresas e dar unha resposta por escrito a esta comisión paritaria nun prazo de 15 días.

Cuarto. Repercusión do IPC actual na estabilidade salarial dos traballadores do sector.

A parte social solicita unha revisión das táboas salariais en base ao crecemento do IPC.

A FEGAM contesta, conclusión compartida polos membros da comisión, que sería unha competencia da comisión negociadora fixar unhas táboas distintas das aprobadas.

Sobre o fondo do asunto, a FEGAM recorda que o IPC tamén está elevando os custos para as empresas en función da incidencia no custo dos carburantes e non se formula, nestes momentos, unha revisión anticipada do convenio pese a recoñecer que a negativa evolución do IPC está absorbendo a mellora de poder adquisitivo pactada no convenio.

Quinto. Esta comisión delega no persoal habilitado do Consello Galego de Relacións Laborais a realización dos trámites de depósito, rexistro e publicación da presente acta perante a autoridade laboral competente.

E non tendo máis asuntos que tratar, finaliza a reunión, ás 13.00 horas do día sinalado no encabezamento, e expídese para o efecto a presente acta, que asinan en proba de conformidade as persoas abaixo relacionadas en nome de todas e cada unha das representacións asistentes.

Eduardo Quiroga Negreira
(en representación da FEGAM)

Xesús María Pastoriza Santamarina
(en representación da CIG)

Marcial Rodríguez Gil
(en representación de UGT-Galicia)

Roberto Carlos Rodríguez García
(en representación de CC.OO.)