Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Venres, 29 de abril de 2022 Páx. 25946

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 26 de abril de 2022 pola que se modifica a Resolución do 27 de febreiro de 2020, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a dixitalización do patrimonio cultural de Galicia coa finalidade de preservación e difusión a través de Galiciana-Patrimonio Dixital de Galicia, e se procede á súa segunda convocatoria para os anos 2020-2021, cofinanciada co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (código de procedemento PR606A).

O 9 de marzo de 2020 publicouse a Resolución do 27 de febreiro de 2020 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a dixitalización do patrimonio cultural de Galicia coa finalidade de preservación e difusión a través de Galiciana-Patrimonio Dixital de Galicia, e se procede á súa segunda convocatoria para os anos 2020-2021, cofinanciada co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (código de procedemento PR606A).

Esta resolución foi modificada mediante a Resolución do 16 de abril de 2021, en que se configuraron novos prazos para o desenvolvemento dos proxectos e se ampliaron os prazos referentes aos pagamentos de anticipos; a Resolución do 24 de maio de 2021 na cal se ampliou a dotación orzamentaria prevista inicialmente e se modificaron as anualidades de imputación do gasto, e, por último, mediante a Resolución do 20 de xullo de 2021, na cal se realizou unha nova modificación que afectou o financiamento, a xustificación da execución e o pagamento anticipado.

Tendo en conta que a concesión das subvencións, logo da correspondente tramitación dos expedientes, se produce en 2021, faise necesario modificar os prazos de execución e xustificación previstos inicialmente, configurando uns prazos que permitan o desenvolvemento dos proxectos presentados en relación cos que se conceden as subvencións.

Desta forma considérase conveniente a modificación dos parágrafos 1 e 2 do artigo 39, no referente ás datas de execución e xustificación dos investimentos subvencionables.

Con base no anterior, e en uso das competencias atribuídas no Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, modificado polo Decreto 9/2021, do 21 de xaneiro, polo que se suprime o Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (Cixtec) e se modifica o Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos,

RESOLVO:

Único. Modificar a Resolución do 27 de febreiro de 2020 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a dixitalización do patrimonio cultural de Galicia coa finalidade de preservación e difusión a través de Galiciana-Patrimonio Dixital de Galicia, e se procede á súa segunda convocatoria para os anos 2020-2021, cofinanciada co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (código de procedemento PR606A).

Un. O artigo 39, xustificación da execución, nos seus números 1 e 2, queda redactado da seguinte maneira:

«1. A execución dos investimentos subvencionables levarase a cabo nun período que comezará o día seguinte ao da publicación da resolución de concesión das axudas no Diario Oficial de Galicia (DOG), sen prexuízo do disposto no artigo seguinte. En todo caso, a execución total dos investimentos subvencionables levarase a cabo antes do 30 de xuño de 2022.

2. A documentación xustificativa do cumprimento da finalidade da subvención deberá presentarse ao terminar o prazo de realización da actividade e, en todo caso, antes do 30 de agosto de 2022».

Disposición derradeira primeira. Réxime de recursos

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderá interporse recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da dirección da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia no prazo dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

A presente resolución entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia con efectos desde o 30 de abril de 2022.

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2022

María del Mar Pereira Álvarez
Directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia