Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Luns, 2 de maio de 2022 Páx. 26277

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

EXTRACTO da Resolución do 6 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras da III edición dos Premios Galicia de Innovación e Deseño e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento IN822E).

BDNS (Identif.): 623281.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto das bases reguladoras e da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarios

Poderán cursar candidatura aos Premios Galicia de Innovación e Deseño as persoas físicas nacidas en Galicia. Así mesmo, poderán optar aos premios as persoas xurídicas que teñan polo menos un establecemento permanente en Galicia, validamente constituído, que manteña a súa actividade. En ambos os casos, en función da modalidade a que concorran, deberán posuír as seguintes características:

a) Premios Galicia de Innovación:

Premiarán persoas, institucións e organizacións que destaquen polo seu labor de posta en valor da innovación empresarial.

– Modalidade «Traxectoria Innovadora»: empresarios/as e profesionais cunha traxectoria de polo menos dez anos en que a innovación fose unha das súas características relevantes.

– Modalidade «Grande Empresa»: grandes empresas cunha actividade innovadora de polo menos dez anos.

– Modalidade «Pequena e Mediana Empresa»: pequenas e medianas empresas con demostrada actividade innovadora de polo menos cinco anos.

b) Premios Galicia de Deseño:

Premiarán persoas, institucións e organizacións que destaquen polo seu labor de posta en valor do sector do deseño.

– Modalidade «Profesionais»: profesionais do deseño (persoas físicas ou equipos de profesionais) cunha traxectoria de polo menos dez anos de recoñecido prestixio no sector.

– Modalidade «Empresas»: empresas consolidadas que incorporasen o deseño á súa estratexia empresarial durante polo menos dez anos.

– Modalidade «Talento Emerxente»: dirixido a aqueles creadores cunha idade que non exceda os trinta e cinco anos no día de presentación da candidatura e cunha traxectoria profesional inferior a dez anos.

Segundo. Obxecto

A finalidade dos premios é recoñecer o labor de profesionais e empresas galegas pola súa excelente contribución á innovación como un elemento indispensable no desenvolvemento da súa estratexia profesional e o seu crecemento empresarial, acadando con iso altas cotas de competitividade nos mercados, tanto galegos como nacionais e internacionais.

Así mesmo, trátase de recoñecer os profesionais e as empresas que contribúen significativamente á mellora do prestixio do deseño galego e as empresas que, ao incorporalo á súa estratexia empresarial, demostran que o deseño actúa como como motor de innovación, sustentabilidade e competitividade empresarial.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto. Contía

Todos os premios dispoñerán dunha dotación económica de 15.000 €, menos nos casos relativos ao Premio Galicia de Innovación categoría «Grande Empresa» e ao Premio Galicia de Deseño categoría «Empresas», que terán un carácter estritamente honorífico.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2022

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación