Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Mércores, 4 de maio de 2022 Páx. 26630

III. Outras disposicións

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

ORDE do 8 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das bolsas de formación na Dirección Xeral de Comercio e Consumo e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento IN225A).

A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación é o órgano encargado de exercer as competencias que, en materia de comercio interior, o artigo 30.I.4 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúe á nosa Comunidade Autónoma.

O Decreto 230/2020, do 23 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, indica que lle corresponde á Dirección Xeral de Comercio e Consumo a planificación, coordinación e control das competencias da consellería en materia de comercio interior.

No ano 2021 convocáronse catro bolsas de formación na Dirección Xeral de Comercio e Consumo coa finalidade de que as persoas que tivesen unha titulación universitaria de licenciada/o ou de grao complementasen os coñecementos teóricos adquiridos nos seus estudos cunha formación práctica que lles permitise afrontar con maiores garantías o seu futuro profesional.

Abórdase a necesidade de dar continuidade a esta actuación formativa como un sistema eficaz de formación previo ao acceso á vida laboral, así como obter unha formación práctica no campo da actividade comercial que lles permita un mellor acceso ao mercado laboral.

Por medio desta orde establécense as bases da convocatoria de catro bolsas de formación na Dirección Xeral de Comercio e Consumo para o ano 2022 co mesmo ámbito subxectivo de aplicación que a de 2021.

Con este fin, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, existen nas aplicacións 06.03.751A.480.0 e 06.03.751A.484.0 partidas orzamentarias consignadas polas contías de 38.400,00 € e 2.000,00 €, respectivamente, para atender as bolsas de formación da presente orde.

Coa finalidade de que as persoas adxudicatarias das bolsas poidan comezar canto antes a súa formación, prevese a tramitación do procedemento de concesión das bolsas pola vía de urxencia, polo que se reducen á metade (5 días) os prazos para efectuar os requirimentos de emenda, presentar reclamacións á lista provisional de puntuacións, poñer de manifesto o procedemento ás persoas interesadas e aceptar as bolsas.

Por todo o exposto, en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión de catro bolsas de formación na Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Comunidade Autónoma de Galicia, na Dirección Xeral de Comercio e Consumo, para as persoas tituladas que se especifican no anexo I, e proceder á súa convocatoria (código de procedemento IN225A).

2. O importe total que se habilita para esta convocatoria está condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente, e ascende a 40.400,00 € que se imputará ás aplicacións 06.03.751A.480.0, «formación en materia de comercio» (38.400,00 €) e 06.03.751A.484.0, «cotas sociais para formación en materia de comercio» (2.000,00 €) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2022, e que se destinará ao pagamento das persoas bolseiras e das cotas da Seguridade Social.

3. En cumprimento do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social (BOE núm. 259, do 27 de outubro), destinaranse 2.000,00 €, en concepto de cotizacións á Seguridade Social por parte da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación por continxencias comúns e profesionais.

Artigo 2. Solicitudes

Para poder ser persoa beneficiaria da bolsa, deberá presentarse unha solicitude dirixida á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 7 das bases reguladoras.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

2. As persoas solicitantes deste procedemento dispoñen da capacidade económica, técnica, dedicación profesional ou outros motivos, polo que queda acreditado que teñen acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios, segundo o establecido no artigo 10.4 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia: «Do mesmo xeito, e de conformidade co artigo 16.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, regulamentariamente poderase establecer a obriga de presentar determinados documentos por medios electrónicos para certos procedementos e colectivos de persoas físicas respecto dos cales, por razón da súa capacidade económica, técnica, dedicación profesional ou outros motivos, quede acreditado que teñen o acceso e a dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios».

3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

4. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidas pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

5. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro do mes.

Artigo 4. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez finalizado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a 3 meses, contados a partir do día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo para resolver sen que recaia resolución expresa, as/os interesadas/os poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 7. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código de procedemento IN225A, poderase obter información a través dos seguintes medios:

1. Na Guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal

2. Páxina web oficial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación https://ceei.xunta.gal, na súa epígrafe de axudas.

3. No teléfono 981 54 55 25 da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

4. No enderezo electrónico cei.dxc.axudas@xunta.gal

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia: 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

5. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Recursos

Contra a presente orde, que pon fin á vía administrativa, poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso potestativo de reposición ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional única. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co establecido na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase a información necesaria á Base de datos nacional de subvencións.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a Xefatura de Servizo de Promoción Comercial e Artesanía da Dirección Xeral de Comercio e Consumo para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2022

Francisco José Conde López
Vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia
competitiva, de catro bolsas de formación na Dirección Xeral
de Comercio e Consumo para o ano 2022

Artigo 1. Obxecto e duración das bolsas de formación para o ano da convocatoria 2022

As bolsas de formación na Dirección Xeral de Comercio e Consumo teñen como obxectivo contribuír á formación titorial de profesionais no campo da actividade comercial e do seu ámbito.

A Dirección Xeral de Comercio e Consumo elaborará un programa formativo que integrará aspectos relativos á actividade comercial, ao estudo e análise da pequena e mediana empresa comercial, ao sector da distribución e ás estruturas comerciais. O programa formativo poderá estenderse a todas aquelas materias de comercio e artesanía sobre as cales o centro directivo ten competencia.

Así mesmo, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo nomeará unha/un titora/or responsable das actividades de formación que desenvolverán as/os bolseiras/os.

O programa formativo desenvolverase ao longo do ano 2022 cunha duración máxima de oito meses, contados desde a data da incorporación das persoas bolseiras ata o 31 de decembro.

Artigo 2. Financiamento e concorrencia

1. Para a concesión destas bolsas destínase un crédito de 40.400,00 € que se imputará ás aplicacións 06.03.751A.480.0, «Formación en materia de comercio» (38.400,00 €) e 06.03.751A.484.0, «Cotas sociais para formación en materia de comercio» (2.000,00 €) dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para 2022, e que se destinará ao pagamento das persoas bolseiras e das cotas da seguridade social. O importe de cada bolsa non excederá da cantidade de 9.600,00 €.

2. O procedemento de concesión destas bolsas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 3. Requisitos das persoas beneficiarias

Poderán optar á concesión destas bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:

a) Ter nacionalidade española ou ser nacionais de calquera Estado membro da Unión Europea, así como estar domiciliada/o na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Acreditar un coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4.

c) Estar en posesión dalgún título universitario de licenciada/o, arquitecta/o, enxeñeira/o ou de grao. A persoa solicitante deberá estar en posesión do título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición, ao remate do prazo de presentación de solicitudes e ter rematado os estudos conducentes a el no ano 2013 ou posterior.

d) Non desfrutar anteriormente doutra bolsa de formación na Dirección Xeral de Comercio e Consumo, excepto que no conxunto das convocatorias anteriores gozasen da bolsa por un período de tempo non superior a 5 meses.

e) Non ter renunciado ás bolsas de formación na Dirección Xeral de Comercio e Consumo na anterior convocatoria.

f) Non ter emprego remunerado.

g) Non desfrutar de calquera outra bolsa ou axuda, salvo o subsidio por desemprego.

h) Non padecer ningunha enfermidade nin limitación física ou psíquica que imposibilite o cumprimento das súas obrigas como bolseira/o.

i) Non estar incursa en ningunha das prohibicións para obter a condición de persoa beneficiaria sinaladas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño).

Artigo 4. Condicións e incompatibilidades

1. As persoas adxudicatarias adquiren exclusivamente a condición de bolseiras, coas obrigas e dereitos delas e conforme estas bases, sen ningún outro vínculo laboral ou administrativo co órgano convocante nin coas entidades en cuxas dependencias se leve a cabo a formación.

2. A percepción destas bolsas é incompatible con calquera outra bolsa ou axuda financiada por calquera Administración, institucións ou entes públicos, así como con soldos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria das persoas interesadas.

Artigo 5. Dotación económica

Cada bolsa estará dotada cun importe máximo de 9.600,00 € brutos, distribuídos en pagamentos mensuais, a razón de 1.200,00 € brutos ao mes.

Artigo 6. Centro de destino e xornada

A formación terá lugar nas dependencias da Dirección Xeral de Comercio e Consumo en xornada de mañá.

Artigo 7. Documentación complementaria

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das bolsas presentaranse na forma e no prazo que se indica nos artigos 2 e 3 da orde de convocatoria.

2. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación, de conformidade coa a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

a) Certificado de Celga 4 ou equivalente non expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

b) Certificación académica persoal de carácter oficial en que conste a nota media do expediente académico da titulación.

c) Currículo da persoa solicitante en que se relacionen os estudos cursados e, se é o caso, a súa experiencia profesional, así como os documentos acreditativos dos méritos alegados.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideron obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración pública actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) Certificado de residencia con data de última variación de padrón da persoa solicitante.

c) Titulación oficial universitaria.

d) Certificado do Celga 4 ou equivalente expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. As persoas beneficiarias das bolsas de formación na Dirección Xeral de Comercio e Consumo quedan exentas de achegar os xustificantes do cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou ser debedora por resolución de procedencia de reintegro.

Artigo 9. Órganos competentes

A Xefatura do Servizo de Promoción Comercial e da Artesanía será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das bolsas e corresponde ao vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación ditar a correspondente resolución.

Artigo 10. Instrución do procedemento

1. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nas bases reguladoras ou na convocatoria, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de cinco días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se lle terá por desistida na súa petición, logo da correspondente resolución.

2. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido no artigo 45.1.a) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os requirimentos citados de emenda poderanse facer mediante publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará no taboleiro electrónico de anuncios da páxina web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG, e poderase facer indicación de que os seguintes actos administrativos deste procedemento serán notificados a través do citado taboleiro. Se a instrución do procedemento o aconsella, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web pola notificación individualizada, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderá requirirse a persoa solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as súas causas.

Artigo 11. Comisión de Valoración

1. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no seguinte artigo, así como de propoñer a concesión ou denegación das bolsas ás persoas interesadas.

2. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

a) Presidencia: a persoa titular da Subdirección Xeral de Comercio ou persoa que designe.

b) Vogais:

– Dúas/dous xefas/es de servizo da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

– Unha/un xefa/e de sección da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

c) Secretaria/o: unha/un funcionaria/o da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

3. As/os suplentes serán designadas/os pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo entre o funcionariado que preste servizos nela.

4. A Comisión de Valoración constituirase na sede do devandito centro directivo. O seu funcionamento rexerase polo disposto na sección 3ª, do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral do sector público autonómico de Galicia.

5. Todos os membros terán voz e voto.

Artigo 12. Procedemento de selección e criterios de valoración

1. Para a concesión das bolsas realizarase unha comparación entre as solicitudes presentadas e establecerase unha prelación entre elas de acordo cos criterios de valoración que se determinan a seguir.

2. As persoas adxudicatarias serán as que acaden unha maior puntuación como consecuencia da suma dos puntos obtidos nas dúas fases de que consta o proceso de selección. A puntuación máxima será de quince puntos.

3. A primeira fase valorarase de cero a trece puntos. A Comisión de Valoración examinará as solicitudes presentadas e avaliará os méritos acreditados documentalmente, conforme o seguinte baremo:

a) Expediente académico. Pola nota media obtida no título co que concorre:

– Aprobado: 1 punto.

– Notable: 2 puntos.

– Sobresaliente: 3 puntos.

– Matrícula de honra: 4 puntos.

Forma de acreditación: certificación académica.

b) Titulación. Por estar en posesión dalgún dos seguintes títulos universitarios de licenciada/o ou de grao: Ciencias Económicas e Empresariais, Dereito, Ciencias Políticas, Administración e Dirección de Empresas, Relacións Laborais e Recursos Humanos, Dirección e Xestión Pública, Comercio e Márketing, Publicidade e Relacións Públicas ou equivalentes, 1 punto por cada un, cun máximo de 3 puntos.

Forma de acreditación: copia dos títulos ou xustificante do pagamento dos dereitos para a súa expedición.

c) Formación complementaria recibida. Un máximo de 6 puntos conforme o seguinte baremo:

1º. Por cada título universitario de licenciada/o ou de grao, arquitecta/o e enxeñeira/o, máster universitario ou certificado-diploma de estudos avanzados, 1 punto. Por cada curso de experta/o ou especialista universitario, 0,50 puntos. A puntuación máxima desta epígrafe é de 3 puntos. Os másters, ou cursos de experto/a ou especialista avanzado deben ter relación directa co programa formativo establecido no artigo 1 das bases reguladoras. Para estes efectos, considerarase que o enunciado de polo menos a metade de horas/créditos impartidos nestes estudos debe estar directamente relacionado co dito programa formativo.

Forma de acreditación: copia dos títulos, pagamento dos dereitos para a súa expedición ou certificados de participación nas actividades formativas.

2º. Por cada curso de formación en materia de comercio, artesanía ou informática: desde un mínimo de 20 horas ata un máximo de 40 horas, 0,30 puntos; de máis de 40 horas, 0,60 puntos, ata un máximo de 2 puntos nesta epígrafe.

Forma de acreditación: copia dos títulos ou certificados de participación nas actividades formativas. Para estes efectos, non se valorarán as materias que formen parte do plan de estudos dunha titulación académica nin os cursos que non acrediten as horas lectivas.

3º. Por coñecemento do idioma inglés, francés, alemán e/ou portugués: ata un máximo de 1 punto. A valoración do certificado de aptitude de nivel superior exclúe a do/dos certificado/s de nivel inferior da mesma lingua.

Por certificado de aptitude de nivel C1 ou C2: 0,50 puntos.

Por certificado de aptitude de nivel B1 ou B2: 0,25 puntos.

Por certificado de aptitude de nivel A1 ou A2: 0,15 puntos.

Forma de acreditación: copia do título ou certificado correspondente expedido pola escola oficial de idiomas ou institución ou centro recoñecido oficialmente. Para estes efectos, non se valorarán as materias que formen parte do plan de estudos dunha titulación académica.

Todos os méritos recollidos neste artigo computaranse ata a data de finalización do prazo de presentación das solicitudes.

4. Unha vez avaliados pola Comisión de Valoración os méritos acreditados documentalmente, exporase no taboleiro de anuncios da Consellería e na súa páxina web unha lista provisional ordenada polas puntuacións outorgadas. Contra estas puntuacións poderán presentarse reclamacións no prazo de cinco días contados a partir do seguinte á exposición na páxina web. Non se terá en conta, neste prazo de reclamacións, a achega de novos méritos que non fosen acreditados documentalmente no prazo de presentación das solicitudes.

Despois de resolverse as reclamacións, publicarase na páxina web da consellería a lista definitiva coa puntuación obtida na primeira fase e convocarase aos vinte primeiros aspirantes con maior puntuación na valoración dos méritos a unha entrevista persoal, indicando a data e hora de realización desta.

5. A segunda fase consistirá nunha entrevista que se valorará de cero a dous puntos. As persoas preseleccionadas serán convocadas, mediante publicación na páxina web da consellería, a realizaren unha entrevista persoal coa Comisión de Valoración, na sede da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, na cal se valorará a súa capacidade de resposta, motivación e iniciativa. De non se presentar á entrevista, entenderase que o aspirante renuncia á bolsa, polo que a súa solicitude será desestimada.

Logo de realizar as entrevistas, a Comisión de Valoración elaborará a relación de persoas candidatas por orde de puntuación, que se publicará na páxina web: http://cei.xunta.gal

6. No caso de empate na puntuación obtida, este resolverase aplicando por orde os seguintes criterios:

a) A maior antigüidade na data de obtención do título.

b) A maior idade da persoa solicitante.

Artigo 13. Audiencia

1. Despois de instruír o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto ás persoas interesadas para que, nun prazo de cinco días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polas persoas interesadas.

Artigo 14. Resolución e notificación

1. Logo de avaliar as solicitudes presentadas, a Comisión de Valoración elevaralle ao vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, a través da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, unha relación de catro persoas propostas, segundo a orde de prelación acadada de acordo cos criterios de valoración fixados no artigo 12, e a lista de reserva para o caso de non aceptación ou renuncia dalgunha/dalgún delas/deles.

2. O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación ditará resolución mediante a cal se adxudicarán as bolsas ás persoas que obtivesen maior puntuación. A dita resolución será publicada na web http://cei.xunta.gal e notificada ás/aos adxudicatarias/os, de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás persoas interesadas será de tres meses contados a partir do día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que recaia resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5. No caso de esgotamento da lista de reserva, poderá convocarse á unha nova fase de entrevista aos dez seguintes aspirantes por orde de puntuación, co obxecto de cubrir as vacantes que poidan producirse por renuncia ou non aceptación, logo de ditarse a correspondente resolución nos termos previstos no punto 2.

Artigo 15. Aceptación ou renuncia

Recibida a notificación da resolución de concesión da bolsa, as/os bolseiras/os deberán comunicar a súa aceptación ou renuncia no prazo máximo de cinco días.

Transcorrido o dito prazo, se as persoas beneficiarias non se declaran en ningún sentido, entenderase que aceptan a bolsa, sen prexuízo da obriga de achegar a documentación sinalada no artigo 19 destas bases reguladoras.

No caso de que as/os adxudicatarias/os non acepten a bolsa ou non se poidan incorporar por calquera outro motivo, poderán ser substituídas/os polas persoas que figuren na listaxe de reserva en función da súa puntuación.

Artigo 16. Pagamento das bolsas

1. O pagamento das bolsas realizarase por períodos mensuais vencidos e logo de que a/o titora/titor correspondente expida certificación en que se faga constar que se cumpriu o programa formativo inicialmente proxectado e se acadaron os obxectivos previstos. No caso de producirse a incorporación ou o cesamento nun día distinto ao primeiro ou ao último de cada mes, a/o bolseira/o percibirá o importe que proporcionalmente corresponda ao número de días que desfruten da bolsa.

De conformidade co disposto no artigo 65.4.f) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), as persoas beneficiarias das bolsas quedan exentos/as da obriga de constituír garantía.

2. Os pagamentos produciranse logo da expedición da certificación mencionada no número anterior e da presentación do documento que se sinala na letra c) do artigo 19 e unha vez cumpridos os demais requisitos exixidos na normativa de aplicación.

3. De acordo co establecido no artigo 7.j) da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas e da modificación parcial das leis dos impostos sobre sociedades, sobre a renda de non residentes e sobre o patrimonio (BOE núm. 285, do 29 de novembro de 2006), estas bolsas están exentas do imposto sobre a renda das persoas físicas.

4. Os pagamentos serán xestionados pola Habilitación da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, de xeito que os documentos contables sexan expedidos a favor desta para facer fronte ao pagamento das bolsas.

Artigo 17. Modificación da resolución, revogación e réxime sancionador

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, logo de proposta motivada da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, poderá revogar a concesión da bolsa se a persoa beneficiaria incumpre as condicións impostas con motivo da súa concesión.

3. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a axuda percibida, así como os xuros de mora correspondentes.

4. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no artigo 37 e seguintes da Lei de subvencións de Galicia e no título V do Regulamento da dita lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

5. Ás persoas beneficiarias das bolsas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei de subvencións de Galicia e no título VI do seu regulamento.

Artigo 18. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se a resolución non for expresa, o solicitante e outros posibles interesados poderán interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel na que a resolución debería ter sido ditada.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 19. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias das bolsas terán as seguintes obrigas:

a) Aceptar por escrito as normas e obrigas establecidas nas bases reguladoras e na convocatoria da bolsa, dentro do prazo de 5 días posteriores á notificación da concesión.

b) Xustificar o cumprimento dos requisitos establecidos.

c) Presentar, coa aceptación da bolsa, declaración de non percibir outras subvencións, bolsas, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como soldos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria das persoas interesadas, segundo o modelo do anexo III. Así mesmo, deberán presentar a dita declaración antes de cada pagamento mensual.

d) Presentar, tamén coa aceptación da bolsa, certificación médica acreditativa de non padecer enfermidade nin estar afectada/o por limitacións físicas ou psíquicas que sexan incompatibles coa realización das funcións que se desenvolverán.

e) Comunicarlle a súa renuncia á Dirección Xeral de Comercio e Consumo con dous días de antelación á data de cesamento, no caso de que se produza con posterioridade ao inicio da formación.

f) Comunicarlle á Dirección Xeral de Comercio e Consumo a obtención doutras bolsas ou axudas, así como calquera outra alteración dos requisitos impostos ás persoas beneficiarias para o outorgamento destas bolsas.

g) Non desenvolver outras tarefas que dificulten o cumprimento das súas obrigas como bolseiras/os.

h) Cumprir co programa de formación establecido cuns niveis de rendemento satisfactorios presentando os traballos e informes que determine a Dirección Xeral de Comercio e Consumo. Así mesmo, deberán asistir ás actividades que o dito centro directivo considere convenientes para a súa formación.

i) Presentar ante a Dirección Xeral de Comercio e Consumo, no prazo dun mes a partir da finalización da formación, unha memoria detallada das actividades realizadas en que especificará o programa formativo desenvolvido e os obxectivos acadados.

j) Presentar, no momento de aceptar a bolsa, declaración responsable coa conta bancaria onde deba aboarse a bolsa.

k) As demais que, con carácter xeral, se establecen no artigo 11 da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Natureza xurídica da relación

1. A condición de persoa beneficiaria destas bolsas non xerará relación laboral ou contractual de ningún tipo coa Xunta de Galicia ou cos organismos ou entidades en cuxas dependencias se leve a cabo a formación.

2. En materia de seguridade social, será de aplicación, no que corresponda, o disposto no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social

Artigo 21. Control e publicidade

1. Estas bolsas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei de subvencións de Galicia, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

2. No prazo máximo de tres meses, contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, persoas beneficiarias, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

missing image file
missing image file
missing image file