Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Mércores, 4 de maio de 2022 Páx. 26786

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 30 de marzo de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción ao parque eólico Paxareiras II, sito no concello de Dumbría (A Coruña) e promovido por AV Paxareiras, S.L.U. (expediente IN661A 2011/8).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de AV Paxareiras, S.L.U., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Paxareiras II, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Mediante a Resolución do 20 de decembro de 2010, pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG núm. 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico Paxareiras II (en diante, o parque eólico), cunha potencia de 24 MW e promovido por Airosa Vento, S.L.

Segundo. O 27.6.2011, AV Paxareiras, S.L.U. (en diante, a promotora), como sociedade filial unipersoal de Airosa Vento, S.L., presentou a solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución, declaración de utilidade pública e aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico.

Terceiro. Mediante a Resolución do 14 de maio de 2012, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña (en diante, a xefatura territorial), someteuse a información publica a solicitude de autorización administrativa, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a aprobación do proxecto de execución, do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, e do estudo de impacto ambiental referidos ao proxecto do parque eólico.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 22 de xuño de 2012, no Boletín Oficial da provincia da Coruña do 9 de xullo e no xornal La Voz de Galicia do 20 de xuño. Así mesmo, permaneceu exposta ao público nos taboleiros de anuncios do concello afectado (Dumbría), da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e da xefatura territorial, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

A continuación, resúmese o contido das alegacións presentadas durante o período de información pública e a tramitación do procedemento, as cales se recollen no anexo desta resolución:

– Existencia de eivas na relación de bens e dereitos afectados (RBDA), maioritariamente en relación coa titularidade das parcelas, co tipo de aproveitamento e coas afeccións do proxecto.

– Discrepancias entre a cartografía catastral e a realidade física das parcelas e solicítase que se incorpore ao expediente planimetría adecuada á realidade.

– Nalgúns casos solicítase a expropiación total dos predios afectados.

– En relación con algúns tramos de vía, solicítase que esta transcorra pola marxe das parcelas para evitar que estas queden divididas en dúas partes.

– Reclámase que o proxecto debe estar visado polo colexio oficial correspondente.

– Maniféstase existencia dunha fonte nunha das parcelas afectadas.

– Solicítase:

• Que non se autorice a afección de aeroxeradores e vieiros sobre especies incluídas no anexo II da Lei 42/2007 do patrimonio natural e a biodiversidade nin sobre as zonas previstas para a ampliación da Rede Natura 2000, por non concorrer no proxecto ningunha das consideracións establecidas no artigo 45.6 da Lei 42/2007 do patrimonio natural e a biodiversidade.

• Que se extremen as medidas para evitar afeccións sobre especies incluídas no anexo I da Directiva Aves, nos libros vermellos estatais e no Catálogo galego de especies ameazadas e se recolla a adopción de medidas mitigadoras.

• Que se inclúan no proxecto medidas recomendadas nos plans de conservación de especies ameazadas da Xunta de Galicia.

• Que se adopten medidas para mitigar a mortaldade de anfibios, réptiles, aves e mamíferos nos vieiros de acceso, e de aves e morcegos por impacto cos aeroxeradores, así como perturbacións dos hábitats na contorna do parque eólico.

– Nulidade de pleno dereito do informe de impacto ambiental da liña eléctrica de alta tensión de evacuación do parque eólico Paxareiras II.

– División artificiosa dun único proxecto industrial (parque eólico Paxareiras II e a súa liña de evacuación), vulnerando a Lei 21/2013, do 9 de novembro, de avaliación ambiental.

– Ausencia de avaliación ambiental acumulada e sinérxica con outros parques e liñas existentes na área afectada.

– Ausencia do informe de repercusións sobre a Rede Natura 2000. Afección severa e prexuízos irreparables para a Rede Natura 2000 e a súa coherencia. Falta de conectividade entre ecosistemas.

– Afeccións significativas e irreversibles para as familias que viven, residen e/ou traballan nos núcleos rurais próximos.

– Vulneración flagrante da Directiva 92/43/CEE, relativa á conservación de hábitats naturais e de fauna e flora silvestres.

– Prexuízos significativos e incompatibles para a especie en perigo de extinción Escribenta das Canaveiras.

– Prexuízos significativos e danos irreversibles para os hábitats prioritarios e de interese comunitario, e para o bosque de ribeira e o bosque autóctono galego.

– Prexuízos irreversibles para o lobo e para a viabilidade da especie derivados da instalación do parque eólico e a súa liña de evacuación. Afeccións ao seus puntos de encame e de encontro.

– Afección severa e irreversible ás especies endémicas en perigo de extinción ou vulnerables.

– Afección severa ao patrimonio cultural e arqueolóxico e a súa descontextualización.

– Afección irreversible a lugares peculiares ou identitarios para as familias que viven, residen e/ou traballan nos núcleos rurais afectados. Impacto non avaliado pola promotora.

– Afección moi severa e prexuízos significativos para os recursos hídricos. Vulneración flagrante da Directiva marco da auga. Ausencia dun estudo hidrolóxico e hidroxeolóxico que garanta a calidade das masas de auga superficiais e soterradas e a non afección aos acuíferos.

– Prexuízos significativos e irreversibles para os solos e o ambiente.

– Non se avalía de forma obxectiva a alternativa cero en relación con todos os aspectos ambientais e sociais.

– Prevalencia da protección ambiental recollida na Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade.

– Solicítase a non construción do parque eólico e da súa liña de evacuación.

Cuarto. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Concello de Dumbría, Augas de Galicia, Retegal, S.A., Retevisión I, S.A., Telefónica Móviles España, S.A., France Telecom España, S.A. (Orange Spagne, S.A.), Vodafone España, S.A. e Axencia Galega de Infraestruturas.

O 13.10.2014, a xefatura territorial reiterou a solicitude de condicionado técnico á Axencia Galega de Infraestruturas. O 14.10.2014, reiterou a solicitude de condicionado a France Telecom España, S.A. (Orange Spagne, S.A.) e a Vodafone España, S.A.

Retegal, SA, Retevisión I, S.A., o Concello de Dumbría, Telefónica Móviles España, S.A., Augas de Galicia, France Telecom España, S.A. (Orange Spagne, S.A.) e Vodafone España, S.A. emitiron os correspondentes condicionados. A promotora deu resposta a todos eles.

Quinto. O 10.7.2013 e o 24.9.2020, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea autorizou a instalación do parque eólico e establece ademais o correspondente condicionado técnico.

Sexto. O 11.6.2015, a xefatura territorial emitiu informe e conclúe que procede continuar coa tramitación do procedemento.

Sétimo. O 26.8.2020, a promotora achegou documentación ambiental en que se recollen os cambios introducidos como consecuencia dos informes emitidos durante a tramitación ambiental, en concreto, pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Estes cambios consisten, con carácter xeral, no desprazamento das posicións dos aeroxeradores co obxecto de reducir a súa afección sobre o Camiño de Santiago. Posteriormente, o 18.12.2020, a promotora achegou o proxecto de execución do parque eólico actualizado.

Oitavo. O 4.9.2020, remitiuse á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático a documentación correspondente á tramitación ambiental para os efectos da emisión da declaración de impacto ambiental. O 23.9.2020, o órgano ambiental informou, entre outras cuestións, que se consideraba necesario contar, en relación coas modificacións introducidas no proxecto, cos informes da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Pública e de Augas de Galicia.

Noveno. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Secretaría Xeral para o Turismo, Augas de Galicia, Axencia Galega de Infraestruturas e Concello de Dumbría.

Posteriormente, en relación coas modificacións introducidas no proxecto, solicitáronse os informes indicados pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 23.9.2020, indicados no antecedente anterior.

Cuberta a tramitación ambiental, o 22.10.2021, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que se fixo pública mediante a Resolución do 28 de outubro de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais (DOG núm. 219, do 15 de novembro).

Décimo. O 10.11.2021, o Instituto de Estudos do Territorio (IET), logo de analizar as características do proxecto do parque eólico, informou que as circunstancias materiais (características da paisaxe) sobre as que se emitiron os seus anteriores informes neste expediente non sufriron cambios substancias nin tampouco a aprobación do Catálogo das paisaxes de Galicia (Decreto 96/2020, do 29 de maio) introduce novos elementos substancias polo que atinxe a este proxecto. Polo tanto, cómpre reiterar o que se indicou nos anteriores informes do IET e, por conseguinte, considerar que este proxecto non vulnera as determinacións das directrices de paisaxe de Galicia.

Décimo primeiro. O 25.11.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo informou que, comprobado o planeamento vixente no concello de Dumbría e as coordenadas dos 8 aeroxeradores, se conclúe que as súas posicións cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no punto III.3.1 do Plan sectorial eólico de Galicia respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

Décimo segundo. O 5.1.2022, a xefatura territorial emitiu informe sobre o proxecto de execución achegado pola promotora o 18.12.2020.

Décimo terceiro. O 4.2.2022, a promotora achegou o proxecto de execución mencionado no antecedente de feito sétimo, co correspondente visado colexial e coas separatas para os organismos afectados. Así mesmo achegou o documento proxecto execución modificado parque eólico Paxareiras II. Dec.-20. (Fe de erratas), co obxecto de emendar os erros tipográficos detectados no dito proxecto.

Décimo cuarto. O 10.2.2022, e co obxecto de obter os correspondentes condicionados técnicos, esta dirección xeral remitiu as separatas achegadas pola promotora aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Concello de Dumbría, Augas de Galicia, Retegal, S.A., Cellnex Telecom (Retevisión), Cellnex Telecom (Abertis), Telefónica Móviles España, S.A., France Telecom España, S.A. (Orange Spagne, S.A.) e Vodafone España, S.A.

Augas de Galicia, Retegal, S.A. e Cellnex Telecom (Retevisión) emitiron o correspondente condicionado técnico e o promotor achegou a súa reposta.

Décimo quinto. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 24 MW, segundo os informes do xestor da rede do 23.11.2015 e do 28.2.2017.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no artigo 20 do Decreto 230/2020, do 23 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de compensación Ambiental, modificada pola disposición derradeira sétima da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), pola disposición derradeira sexta da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), e pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, e pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, recollidas no anexo desta resolución, e resumidas no antecedente de feito terceiro, visto o seu contido e as respostas efectuadas pola promotora, cómpre manifestar o seguinte:

1. En relación coas alegacións relacionadas coa titularidade e características dos bens e dereitos afectados, coas concretas afeccións sobre eles, así como coas compensacións económicas que se poidan percibir por parte dos afectados pola súa eventual expropiación, cómpre indicar que serán tidas en conta na resolución do procedemento de declaración de utilidade pública do parque eólico, que non é obxecto da presente resolución. Non obstante, hai que indicar que se tomou razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas.

2. No que respecta ás alegacións de carácter ambiental indicar que estas foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 22.10.2021, e onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental nas cales se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias.

Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental ao cal o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: direccións xerais do Patrimonio Cultural, de Patrimonio Natural, de Saúde Pública, Instituto de Estudos do Territorio, Axencia Galega de Infraestruturas, Secretaría Xeral para o Turismo e Augas de Galicia.

Neste ámbito, cabe destacar as seguintes cuestións:

a) Con respecto ás alegación relativas á liña de evacuación do parque eólico cómpre manifestar que esta é obxecto doutro expediente, polo que as cuestións sobre a súa tramitación serán tidas en conta na resolución que finalmente se adopte.

b) O estudo de impacto ambiental do parque eólico Paxareiras II inclúe un estudo dos efectos sinérxicos con outros parques eólicos situados na súa contorna. En todo caso, a declaración de impacto ambiental recollida no antecedente de feito noveno establece a necesidade de levar a cabo un seguimento da posible aparición de efectos acumulativos (aditivos ou sinérxicos) sobre a avifauna e os quirópteros, entre os parques eólicos que existan na contorna no momento en que este parque eólico entre en funcionamento, tendo en conta tamén as súas infraestruturas de evacuación de enerxía.

c) No que atinxe á afección á Rede Natura 2000, ás afeccións sobre a especie Escribenta das Canaveiras, aos prexuízos sobre os hábitats prioritarios e de interese comunitario, sobre o lobo, así como sobre as especies endémicas en perigo de extinción, debe terse en conta que todas estas cuestións foron consideradas durante a tramitación ambiental e, en especial, nos informes emitidos pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural (anteriormente Dirección Xeral de Conservación da Natureza), nos que se establecen as condicións e medidas que se deben adoptar para garantir a viabilidade ambiental do proxecto.

d) No que respecta á afección á poboación, cómpre destacar que a Dirección Xeral de Saúde Pública emitiu informe favorable en relación coa documentación ambiental do expediente.

e) En relación coas afeccións sobre o patrimonio cultural e sobre os lugares peculiares ou identitarios, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu informe favorable sobre a configuración final do parque eólico. Tal e como se recolle no antecedente de feito sétimo, durante a tramitación ambiental introducíronse modificacións no proxecto co fin de dar cumprimento ás condicións establecidas pola mencionada dirección xeral nos seus informes, ata obter o seu informe favorable.

f) En relación coas afeccións sobre os recursos hídricos, Augas de Galicia emitiu informe favorable e establece as condicións que deben terse en conta, ademais das recollidas na documentación ambiental, para garantir que as actuacións sexan compatibles coa preservación do medio hídrico.

Cuarto. A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Paxareiras II, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 22.10.2021, e recollida no antecedente de feito noveno desta resolución:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu: «Formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Paxareiras II e considerar que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Paxareiras II.

Nas epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Paxareiras II, sito no concello de Dumbría (A Coruña) e promovido por AV Paxareiras, S.L.U., para unha potencia de 24 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Paxareiras II, composto polos documentos proxecto execución modificado parque eólico Paxareiras II. Dec.-20 e proxecto execución modificado parque eólico Paxareiras II. Dec.-20. (Fe de erratas), ambos asinados polo enxeñeiro de camiños, canles e portos Roberto Pérez Lodos (nº colexiado 17.470) e con número de visado 2022/00280/01, do 27.1.2022.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: AV Paxareiras, S.L.U.

Domicilio social: vía Faraday nº 1, 2º dta., polígono do Tambre, 15890 Santiago de Compostela.

Denominación: parque eólico Paxareiras II.

Potencia instalada: 24 MW.

Potencia autorizada: 24 MW.

Produción neta: 90.060 MWh/ano.

Horas equivalentes netas: 3.752 h.

Concello afectado: Dumbría (A Coruña).

Orzamento de execución material (sen IVE): 18.348.358,33 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico, ás cales se circunscriben as autorizacións:

Vértice

poligonal

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

485.855,650

4.759.665,770

2

487.531,220

4.760.695,470

3

488.194,660

4.760.695,550

4

490.320,190

4.760.056,430

5

490.330,210

4.759.392,560

6

490.953,370

4.759.392,560

7

491.788,070

4.758.733,710

8

491.378,770

4.758.488,130

9

486.637,520

4.758.488,220

10

485.855,990

4.759.056,330

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

PAX-01

487.684,35

4.760.425,48

PAX-02

487.957,36

4.760.415,48

PAX-03

488.184,36

4.760.217,48

PAX-04

488.400,36

4.760.029,48

PAX-05

488.754,36

4.760.304,48

PAX-06

489.861,38

4.759.587,48

PAX-07

487.628,36

4.759.111,47

PAX-08

488.970,37

4.759.100,47

Coordenadas da torre meteorolóxica do parque eólico:

Torre

Meteorolóxica

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

TM

488.190,36

4.759.871,48

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 8 aeroxeradores Vestas V112 de 3.000 kW de potencia nominal unitaria, 94 metros de altura de buxa e 112 m de diámetro de rotor.

– 8 centros de transformación de 3.350 kVA de potencia nominal unitaria e relación de transformación 0,69/30 kV, instalados unitariamente no interior da góndola de cada aeroxerador cos seus correspondentes aparellos de manobra e protección.

– 1 torre meteorolóxica autoportante de 100 m de altura, equipada con anemómetros, cataventos, medidores de temperatura e de presión, pluviómetro e sistema de adquisición de datos.

– Rede eléctrica soterrada de 30 kV de tensión nominal, composta por dous circuítos, para interconexión dos centros de transformación 0,69/30 kV e destes coa subestación transformadora 30/66 kV.

– Subestación transformadora, incluíndo edificio de control, equipada con transformador de 25/30 MVA ONAN/ONAF e relación de transformación 30/66 kV, celas de media tensión 30 kV, transformador de servizos auxiliares de 100 kVA e relación 30/0,4 kV, aparellos de medida, protección, telemando e control.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, AV Paxareiras, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 164.187 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar a esta dirección xeral o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

6. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

7. No caso de que se manifestasen perturbacións na recepción do sinal da TDT, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, AV Paxareiras, S.L.U. deberá adoptar as medidas necesarias para devolverlle á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

8. De conformidade coa disposición transitoria cuarta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

9. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

10. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 22.10.2021, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

11. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

12. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

13. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.4 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2022

Paula Uría Traba
Directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais

ANEXO

Alegacións presentadas durante a tramitación do procedemento

Atilio Búa Ramos, o 8.6.2012; José Alejandro Blanco Trillo, o 11.6.2012; Manuel Barrientos Barrientos, o 12.6.2012; Dora Fernández Senra, o 13.6.2012; Ovidio Lago Cives, o 18.6.2012; Manuel Barrientos Ramos, o 18.6.2012; José Pazos Montes, o 21.6.2012; Áurea Fidalgo Arán, o 22.6.2012; Humilde Fidalgo Arán, o 22.6.2012; María Dulcina Trillo Domínguez, o 23.6.2012; Elías Edreira Arán, o 25.6.2012; Cándida Carmen Canosa López, o 25.6.2012; Alejo Fidalgo Arán, o 27.6.2012; Manuel Quintáns Barrientos, o 27.6.2012; Manuela Martínez López, o 27.6.2012; Palmira Barrientos Lema, o 27.6.2012; José Conde Conde, o 28.6.2012; Sociedade Galega de Historia Natural, o 4.7.2012; Matilde Díaz Santos, o 6.7.2012; Elías Edreira Arán, o 9.7.2012; Francisco Grille Ramos, o 12.7.2012; Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, o 16.7.2012; Celia Zubiela Canosa, o 17.8.2012; Carmen Liñares Fandiño, o 4.9.2012; Nieves Bermúdez García, o 18.10.2012; Áurea Fandiño Barrientos, o 15.2.2013; Brasilia Louro Lago, como voceira do Comité de Defensa das Rías Altas e do Grupo Ortegal de Ecoloxistas en Acción Galiza, e no seu propio nome, o 21.1.2022; Juan Benito Martín Díaz, o 21.1.2022; Ramón Alonso Búa Martínez e Josefa Catalina Varela Paz, o 22.2.2022.