Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Xoves, 5 de maio de 2022 Páx. 26865

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

DECRETO 50/2022, do 21 de abril, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de pavimentación no Vinquiño-Contomil (Nantes), no termo municipal de Sanxenxo (Pontevedra).

O Concello de Sanxenxo (Pontevedra), en sesión do día 31 de xaneiro de 2022, acordou solicitar á Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa do proxecto denominado Pavimentación no Vinquiño-Contomil (Nantes), ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

Con data do 7 de febreiro de 2022 tiveron entrada no rexistro da Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia a solicitude do Concello de Sanxenxo (Pontevedra) e o expediente. Con data do 16 de febreiro de 2022 foille requirida diversa documentación ao concello, a cal foi remitida o 5 de abril de 2022. O expediente contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

O expediente tratouse na Comisión de Secretarios Xerais previamente á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

O expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que a actuación consistente na pavimentación e alargamento da vía coa construción dunha senda peonil separada do tráfico no tramo entre O Vinquiño e Contomil, na parroquia de Nantes, pretende garantir o adecuado tránsito rodado e peonil e a seguridade viaria, xa que se trata dunha encrucillada en que se concentra a maior parte do tráfico rodado de todo o tramo e que actualmente se atopa ocupada por elementos que resultan incompatibles cun adecuado tránsito rodado e a seguridade viaria.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, segundo o disposto nos artigos 27.2 e 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte e un de abril de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo único

De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto denominado Pavimentación no Vinquiño-Contomil (Nantes), no termo municipal de Sanxenxo (Pontevedra). De ser o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, deberanse obter dos organismos competentes as autorizacións que fosen necesarias, con carácter previo ao inicio das obras.

Vigo, vinte e un de abril de dous mil vinte e dous

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de
Presidencia, Xustiza e Turismo