Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Luns, 9 de maio de 2022 Páx. 27580

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

EXTRACTO da Resolución do 21 de abril de 2022, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento SI437A).

BDNS (Identif.): 623817.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións
(BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das axudas destinadas a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres as asociacións de mulleres e as federacións constituídas ao abeiro da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, que teñan domicilio social en Galicia e estean inscritas na Área de Igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), sempre que cumpran os demais requisitos e condicións establecidos nas bases reguladoras.

Segundo. Obxecto

As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto fortalecer e consolidar o movemento asociativo e potenciar a participación social e a calidade de vida das mulleres galegas a través das seguintes liñas:

a) Liña 1: consolidación do movemento asociativo, destinada a compensar os gastos correntes que orixinen o mantemento e o funcionamento das asociacións de mulleres e as súas federacións.

b) Liña 2: promoción de actuacións e actividades singularizadas en materia de igualdade, de prevención da violencia de xénero e de acompañamento das vítimas, con especial incidencia nas mulleres rurais, mulleres maiores e/ou mulleres en situación de vulnerabilidade, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Poderán ser obxecto de subvención na liña 1 os gastos xerados no período comprendido entre o 1 de outubro de 2021 e o 30 de setembro de 2022, ambos os dous incluídos.

Poderán ser obxecto de subvención na liña 2 os gastos e actuacións realizados no período comprendido entre o 1 de decembro de 2021 e o 30 de novembro de 2022, ambos os dous incluídos.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 21 de abril de 2022, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento SI437A).

Cuarto. Importe

A contía máxima da axuda que se pode conceder ao abeiro desta convocatoria é:

a) Na liña 1: 4.000 euros.

b) Na liña 2: 6.000 euros.

Para a concesión destas axudas destínase crédito por un importe total de trescentos vinte e seis mil trescentos sesenta e seis euros (326.366 €), con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, de acordo coa seguinte distribución:

a) Liña 1: financiada con fondos propios da Comunidade Autónoma, por un importe total de 176.366,00 euros, para a consolidación do movemento asociativo, destinada a compensar os gastos correntes que orixinen o mantemento e o funcionamento das asociacións de mulleres e das súas federacións.

b) Liña 2: financiada con fondos finalistas do Estado a través do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, por un importe total de 150.000,00 euros, para a promoción de accións singularizadas en materia de igualdade e prevención da violencia de xénero.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2022

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade