Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Mércores, 11 de maio de 2022 Páx. 27999

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 3 de maio de 2022 pola que se convoca un curso selectivo de formación para vixilantes municipais.

Dentro das actividades programadas para o ano 2022, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a realización dun curso selectivo de formación para vixilantes municipais, segundo o previsto no artigo 92.4 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación das policías locais, e no artigo 49 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, que se deberá desenvolver de acordo coas seguintes bases:

1. Obxectivos.

Dotar os vixilantes municipais dunha formación específica que se lles facilite a competencia e a capacitación necesarias para o posterior desempeño da súa actividade profesional.

2. Destinatarios/as.

O curso vai dirixido a todas aquelas persoas que superasen as correspondentes probas de acceso ás prazas de vixilantes municipais dos diferentes concellos de Galicia.

3. Inscrición.

A inscrición é gratuíta.

A Academia reservará definitivamente a correspondente praza segundo a comunicación da inscrición por parte do concello de procedencia.

4. Prazas.

Sen límite.

O curso terá unha duración de 100 horas lectivas e desenvolverase de modo presencial.

O deseño deste curso inclúe os seguintes módulos:

– Módulo I: módulo xurídico.

– Módulo II: módulo técnico.

– Módulo III: módulo operativo.

– Módulo IV: módulo transversal.

A Academia poderá, ademais, homologar materias ou módulos do curso cando, logo de solicitude do/da alumno/a e a oportuna xustificación documental, se acredite ter desenvolvido ou superado esas materias ou módulos en cursos ou actividades de centros ou institucións dependentes das administracións públicas, ou de recoñecido prestixio e solvencia, noutro caso.

5. Datas.

A data de inicio do curso será o día 30 de maio de 2022, ás 9.30, horas e rematará o día 30 de xuño de 2022.

O curso desenvolverase, de luns a venres, na sede da Agasp.

6. Desenvolvemento do curso.

O alumnado da Academia Galega de Seguridade Pública, durante o seu período de permanencia nesta, rexerase polo seu regulamento de réxime interior, publicado pola Orde do 4 de febreiro de 2009, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no DOG número 30, do 12 de febreiro.

7. Certificado.

De acordo co previsto no artigo 19 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, de desenvolvemento da Lei 4/2007, unha vez superado o curso, a Agasp emitirá un informe en que certifique a dita superación, de modo que o concello de pertenza poida proceder ao nomeamento como persoal funcionario de carreira e á toma de posesión como vixilante municipal.

8. Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 3 de maio de 2022

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública