Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Venres, 13 de maio de 2022 Páx. 28422

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

DECRETO 57/2022, do 5 de maio, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de construción de mellora do saneamento e bombeo de augas residuais en Sequeiros, no termo municipal de Coles (Ourense).

O Concello de Coles (Ourense), en sesión do día 19 de novembro de 2021, acordou solicitar á Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa do proxecto denominado Proxecto de construción de mellora do saneamento e bombeo de augas residuais en Sequeiros, no termo municipal de Coles (Ourense), ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

O 5 de abril de 2022 tivo entrada no rexistro da Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia a solicitude do Concello de Coles (Ourense) e o expediente. O 7 de abril de 2022 foille requirida diversa documentación ao Concello, a cal foi remitida o 13 de abril de 2022. O expediente contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

O expediente tratouse na Comisión de Secretarios Xerais previamente á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

O expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que a actuación, consistente na realización de traballos de mellora do saneamento e o bombeo de augas residuais en Sequeiros, pretende resolver a problemática existente en canto ao sistema de saneamento dunha parte do concello de Coles, que verte a unha fosa séptica de formigón armado. Esta estrutura presenta unhas malas condicións que provoca, na maioría das ocasións, que se realice a vertedura ao medio receptor, neste caso o regato de Lusín, sen lograr unha depuración efectiva, co conseguinte dano ambiental.

As obras suporán unha mellora do inadecuado e insuficiente nivel de tratamento das augas residuais na bacía, orixinado polo mal estado da fosa séptica e pola súa ineficacia como elemento de depuración, xunto coas complicacións derivadas da alta variación estacional nos caudais da auga residual debido ás infiltracións de auga do exterior do sistema.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, segundo o disposto nos artigos 27.2 e 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo en funcións, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día cinco de maio de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo único

De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto denominado Proxecto de construción de mellora do saneamento e bombeo de augas residuais en Sequeiros, no termo municipal de Coles (Ourense). De ser o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, deberanse obter as autorizacións que sexan necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, cinco de maio de dous mil vinte e dous

Alberto Núñez Feijóo
Presidente en funcións

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Turismo en funcións