Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Venres, 13 de maio de 2022 Páx. 28527

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 10 de maio de 2022 pola que se aproba a relación provisional de persoas admitidas e excluídas e se acorda a apertura do período de presentación de solicitudes de elección de postos de traballo e de xustificación da posesión de méritos e requisitos do concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes do corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala superior de estatísticos, e do corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala técnica de estatísticos.

Mediante a Resolución do 5 de abril de 2022 (DOG núm. 69, do 8 de abril), a Dirección Xeral da Función Pública convocou un concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes do corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala superior de estatísticos, e do corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala técnica de estatísticos.

A base VII da convocatoria establece que, unha vez rematados os prazos de presentación das solicitudes de participación no concurso, a Dirección Xeral da Función Pública ditará resolución, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, na cal se declararán aprobadas as listas de persoas admitidas e excluídas con indicación do lugar en que estarán á disposición das persoas interesadas.

A base IV da convocatoria establece que, rematado o período de presentación de solicitudes de participación, publicarase no DOG a apertura dun prazo de 10 días hábiles para a presentación de solicitudes de elección de postos de traballo.

Durante este prazo, as persoas interesadas poderán solicitar por orde de preferencia os postos ofertados na resolución de convocatoria, aos cales se engadirán as potenciais resultas consecuencia das solicitudes de participación presentadas. A relación de postos ofertados en resultas publicarase na web corporativa da Dirección Xeral da Función Pública, no enderezo https://www.xunta.gal/funcion-publica/concurso-de-traslados/

A base VI da convocatoria do concurso establece os prazos para a xustificación da posesión dos méritos e requisitos e describe o procedemento a seguir para a súa acreditación. Así mesmo, indica que os méritos e os requisitos específicos para o acceso aos postos deberán posuírse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación no concurso, isto é, o 3 de maio de 2022.

En consecuencia, esta dirección xeral, logo de examinar as solicitudes das persoas participantes,

RESOLVE:

Primeiro. Aprobar a relación provisional de persoas solicitantes admitidas e excluídas do concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes do corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala superior de estatísticos, e do corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala técnica de estatísticos.

A relación de persoas admitidas publícase no portal web corporativo da Xunta de Galicia, https://funcionpublica.xunta.gal, na epígrafe de concurso de traslados. Non existen participantes excluídas.

Aquelas persoas que non figuren na relación de admitidas nin na de excluídas e solicitasen participar no concurso disporán dun prazo de dez días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución para poderen emendar o defecto que motivase a exclusión, de ser o caso. O formulario de reclamación estará á disposición das persoas interesadas no portal web corporativo da Xunta de Galicia e deberá cubrirse e presentarse electronicamente segundo o establecido na base II da convocatoria (tramitación electrónica).

A estimación ou desestimación das reclamacións entenderanse implícitas na resolución pola cal se publique a listaxe definitiva.

Segundo. Publicar os prazos habilitados para a presentación das solicitudes de elección de postos e xustificación da posesión dos méritos e requisitos que comezarán a contar a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG; concrétanse no seguinte cadro resumo:

Descrición

Prazo

Período

Observacións

Presentación das solicitudes de elección de postos

10 días hábiles

Desde o 16.5.2022 ata o 31.5.2022

Base IV da convocatoria do concurso

Xeración do impreso de emenda de méritos

10 días hábiles

Desde o 16.5.2022 ata o 31.5.2022

Base VI.2 da convocatoria do concurso

Expedición do certificado de méritos

20 días hábiles

Desde o 16.5.2022 ata o 14.6.2022

Base VI.2 da convocatoria do concurso

Presentación do certificado de méritos

25 días hábiles

Desde o 16.5.2022 ata o 21.6.2022

Base VI.2 da convocatoria do concurso

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2022

O conselleiro de Facenda e Administración Pública
P.D. (Orde do 8.1.2020)
José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública