Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Luns, 16 de maio de 2022 Páx. 28788

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 5 de maio de 2022 pola que se convoca o Programa de axuda ás actuacións de rehabilitación a nivel de edificio do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para o ano 2022, con carácter plurianual (código de procedemento VI406F).

No Boletín Oficial del Estado núm. 239, do 6 de outubro de 2021, publicouse o Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, polo que se regulan os programas de axuda en materia de rehabilitación residencial e vivenda social do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

O citado real decreto, segundo establece no seu artigo 1, ten por obxecto regular os programas de axuda nos ámbitos da rehabilitación de vivenda e da vivenda social, dentro do marco xeral do Plan de recuperación, transformación e resiliencia e, especificamente, en relación cos investimentos C02.I01 «Programa de rehabilitación para a recuperación económica e social en contornos residenciais» e C02.I02 «Programa de construción de vivendas en alugamento social en edificios enerxeticamente eficientes», incluídos ambos os dous dentro da compoñente 2 «Implementación da Axenda urbana española: Plan de rehabilitación e rexeneración urbana». A finalidade deste real decreto é, polo tanto, contribuír ao cumprimento dos obxectivos do citado Plan nos referidos ámbitos da rehabilitación de vivenda e da vivenda social, contribuíndo a alcanzar as metas establecidas ao longo do período de aplicación do Plan.

O réxime xurídico, normativa específica aplicable, requisitos e obrigas das persoas e entidades beneficiarias e o procedemento de concesión das axudas será o establecido por este real decreto, de conformidade co disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no seu Regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, así como o establecido na normativa autonómica que resulte de aplicación e nas convocatorias que aprobe cada comunidade autónoma ou cidade de Ceuta e Melilla, así como no Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación, transformación e resiliencia, «Regulamento do MRR», e demais disposicións que articule o MRR e o Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR).

En defecto do previsto nesta normativa, aplicaranse as normas de dereito administrativo, así como as normas de dereito privado ou outras de ámbito nacional ou europeo que puidesen resultar aplicables. Así mesmo, ao regular o dito real decreto actuacións incluídas nos referidos investimentos C02.I01 e C02.I02 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, estará suxeito ás disposicións que resulten aplicables do Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes para a modernización da Administración pública e para a execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Cando as destinatarias últimas das axudas sexan persoas ou entidades que realicen algunha actividade económica, tamén será de aplicación o Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, e o Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, conforme o establecido no real decreto, sen prexuízo do resto de disposicións, tanto do dereito nacional como da Unión Europea que puidesen resultar de aplicación, particularmente as que se aproben no ámbito da execución e xestión tanto do Mecanismo de recuperación e resiliencia establecido polo Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, como do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, así como aquelas disposicións que puidese establecer a autoridade nacional responsable da aplicación dos fondos. Así mesmo, de ser o caso, será de aplicación o establecido no «Marco nacional temporal relativo ás medidas de axuda a empresas e autónomos consistentes en subvencións directas, anticipos reembolsables, vantaxes fiscais, garantías de préstamos e bonificacións de tipos de xuro en préstamos destinadas a apoiar a economía no contexto do actual gromo da COVID-19».

O 30 de setembro de 2021 publicouse no Boletín Oficial del Estado, núm. 34, a Orde HFP 1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia e a Orde HFP 1031/2021, do 29 de setembro, pola que se establece o procedemento e formato da información que proporcionarán as entidades do sector público estatal, autonómico e local para o seguimento do cumprimento de fitos e obxectivos e de execución orzamentaria e contable das medidas das compoñentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

O sistema ten como finalidade primordial a busca da uniformidade e a definición das reformas e investimentos, fitos e obxectivos que integran o Plan de recuperación, transformación e resiliencia, regulando aspectos como a loita contra a fraude, a corrupción e a identificación das persoas beneficiarias últimas das axudas, así como dos contratistas e subcontratistas.

Neste sentido, a Orde HFP 1030/2021, do 29 de setembro, establece no seu artigo 8 a obriga das entidades decisorias e executoras de incluír nas súas respectivas convocatorias de axudas unha serie de requisitos en relación coa identificación das persoas beneficiarias destas. O dito artigo dispón que: «Coa finalidade de dar adecuado cumprimento ao mandato establecido na letra d) do punto 2 do artigo 22 do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, de 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, configúrase o seguinte procedemento de incorporación de información específica: (...).

d) Aceptación da cesión de datos entre as administracións públicas implicadas para dar cumprimento ao previsto na normativa europea que é de aplicación e de conformidade coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais (modelo anexo IV.B).

e) Declaración responsable relativa ao compromiso do cumprimento dos principios transversais establecidos no PRTR e que puidesen afectar o ámbito obxectivo de xestión (modelo IV.C) (...)».

Ademais, menciónase na Orde a obriga de cumprimentar unha declaración de ausencia de intereses (DACI) polos beneficiarios que, dentro dos requisitos de concesión da axuda, leven a cabo actividades que presenten un conflito de intereses potencial que poida afectar os intereses financeiros da UE (anexo III.C.1.b).ii e d).i.B).

O punto 3.b) do artigo 9 da Orde 1030/2021, do 29 de setembro, sinala tamén que: «(…) Do mesmo modo, todas as convocatorias, licitacións, convenios e resto de instrumentos xurídicos que se desenvolvan neste ámbito, deberán conter tanto no seu encabezamento como no seu corpo de desenvolvemento a seguinte referencia «Plan de recuperación, transformación e resiliencia-financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU».

Por outra parte, o artigo 10 da Orde 1031/2021, do 29 de setembro, establece para as entidades executoras do PRTR a obriga de achegar a información sobre a identificación do perceptor dos fondos e, entre outros datos, a data de nacemento, de ser o caso.

A Comunidade Autónoma de Galicia, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo, que é organismo encargado da xestión dos programas do citado real decreto, con data do 5 de novembro de 2021 notificou ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, ao abeiro do artigo 4 do devandito real decreto, a aceptación da transferencia de crédito no contexto dos programas de axudas 1 a 5 en materia de rehabilitación residencial e vivenda social do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, correspondentes á anualidade 2021.

No artigo 2, o real decreto inclúe, entre os programas que regula, o Programa de axuda 3, referido ás actuacións de rehabilitación a nivel de edificio. O obxecto deste programa é o financiamento, tanto no ámbito urbano como rural, de obras ou actuacións nos edificios de uso predominante residencial en que se obteña unha mellora acreditada da eficiencia enerxética, con especial atención á envolvente edificatoria en edificios de tipoloxía residencial colectiva, incluíndo as súas vivendas, e nas vivendas unifamiliares.

No cumprimento dos obxectivos establecidos no anexo á Decisión de Execución do Consello (CID, nas súas siglas en inglés), do 16 de xuño de 2021, relativa á aprobación da avaliación do Plan de recuperación e resiliencia de España, a concesión e execución das axudas deste programa apoiará o cumprimento dos seguintes:

a) Obxectivo nº 27 do CID: finalización das actuacións de renovación de vivendas, cun aforro medio de polo menos un 30 % de enerxía primaria (231.000 actuacións de renovación en, polo menos, 160.000 vivendas únicas), o cuarto trimestre de 2023.

b) Obxectivo nº 29 do CID: finalización das actuacións de renovación de vivendas, cun aforro medio de polo menos un 30 % de enerxía primaria (510.000 actuacións de renovación en, polo menos, 355.000 vivendas únicas), o segundo trimestre de 2026.

Esta resolución regula o procedemento de convocatoria para a Comunidade Autónoma de Galicia do citado Programa de axudas ás actuacións de rehabilitación a nivel de edificio.

De conformidade coas facultades atribuídas nos artigos 1.1 e 31 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, a Comunidade Autónoma de Galicia considera como bases reguladoras do programa de axudas ás actuacións de rehabilitación a nivel de edificio as normas contidas no dito real decreto, e, por razóns de eficacia e axilidade na súa xestión, acouta as persoas e entidades beneficiarias destas axudas.

Esta resolución establece como sistema único de presentación das solicitudes a presentación electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, xa que a complexidade do programa e das actuacións subvencionadas exixe a necesaria participación de persoal cualificado que, de conformidade coa lexislación vixente, está obrigado a relacionarse electronicamente coas administracións públicas.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto e réxime de concesión das axudas

1. Esta resolución ten por obxecto convocar o Programa de axudas ás actuacións de rehabilitación a nivel de edificio, previsto no Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, polo que se regulan os programas de axuda en materia de rehabilitación residencial e vivenda social do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (Boletín Oficial del Estado núm. 239, do 6 de outubro) coa finalidade de financiar obras ou actuacións en que se obteña unha mellora acreditada da eficiencia enerxética, con especial atención á envolvente edificatoria nos edificios de tipoloxía residencial colectiva, incluíndo as súas vivendas, e nas vivendas unifamiliares, para a anualidade 2022, con carácter plurianual (código de procedemento VI406F).

2. A concesión das subvenciones recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 35 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, e no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Do citado esgotamento de crédito darase publicidade no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) e na páxina web do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Segundo. Bases reguladoras

1. As subvencións deste programa rexeranse polas bases reguladoras deste programa contidas no Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, coas especificacións e limitacións recollidas nesta resolución.

2. En todo o non recollido nas bases reguladoras e nesta resolución aplicarase o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e no Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia e demais disposicións relativas á execución e xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) e do Mecanismo de recuperación e resiliencia (DOUE do 18 de febreiro). En defecto do previsto nesta normativa, aplicaranse as normas de dereito administrativo, así como as normas de dereito privado ou outras de ámbito nacional ou europeo que puideran resultar aplicables.

Terceiro. Crédito orzamentario

1. As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo as aplicacións orzamentarias 08.81.451A.780.8 e 08.81.451A.770.8, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, polos importes de 4.577.233 e 508.581,00 euros para a anualidade 2022, 9.000.000,00 e 1.000.000,00 euros para a anualidade de 2023, 6.300.000,00 e 700.000,00 euros para a anualidade 2024 e 709.208 e 78.800,00 euros para a anualidade 2025, respectivamente.

O Programa de axudas ás actuacións de rehabilitación a nivel de edificio é financiado con fondos do Mecanismo de recuperación e resiliencia, establecido polo Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello do 12 de febreiro de 2021, ao estar incluído no Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

2. De conformidade co establecido no artigo 67.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica, o outorgamento destas subvencións queda supeditado á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión.

3. As contías establecidas nesta convocatoria poderán ser obxecto de ampliación pola resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, tendo efecto despois da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Cuarto. Actuacións subvencionables

1. De conformidade co establecido no artigo 33 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, son actuacións subvencionables as de mellora ou rehabilitación que se realicen en vivendas unifamiliares ou en edificios de tipoloxía residencial colectiva, incluíndo as súas vivendas. Neste último caso exixirase que, polo menos, o 50 % da súa superficie construída sobre rasante, excluída a planta baixa ou plantas inferiores se ten ou teñen outros usos compatibles, teña uso residencial de vivenda.

2. As ditas actuacións deben cumprir os seguintes requisitos:

a) Conseguir unha redución de, polo menos, un 30 % no indicador de consumo de enerxía primaria non renovable, referida á certificación enerxética, e, ademais, unha redución da demanda enerxética anual global de calefacción e refrixeración da vivenda unifamiliar ou do edificio de, polo menos, un 35 % se están situados en zonas climáticas D e E ou dun 25 % se están situados en zona climática C.

b) Cumprir coa normativa vixente que lles sexa de aplicación, así como contar coas preceptivas licenzas e autorizacións administrativas no caso de que estas as requiran.

3. No caso de edificios suxeitos a algún nivel de protección por formar parte dun contorno declarado ou por razón do seu particular valor arquitectónico ou histórico en que estean limitadas as actuacións sobre os elementos que compoñen a envolvente térmica, non será necesario o cumprimento do requisito de redución de demanda. Non obstante, aqueles elementos da envolvente sobre os que se poida intervir deben cumprir cos valores límite de transmitancia térmica e de permeabilidade ao aire, cando proceda, establecidos na táboa 3.1.1.a–HE1 e 3.1.3.a–HE1, do documento básico DB HE de Aforro de enerxía do Código técnico da edificación.

4. Así mesmo, nos edificios en que se realizaron nos últimos catro anos intervencións de mellora da eficiencia enerxética en que poida acreditarse que se reduciu a demanda enerxética anual global de calefacción e refrixeración nunha porcentaxe igual ou superior á establecida no punto 1 quedan eximidos do cumprimento do requisito de redución de demanda enerxética anual global de calefacción e refrixeración. Cando nas ditas intervencións non se alcance unha redución igual ou superior á porcentaxe establecida, poderá considerarse satisfeito o requisito se coa consideración conxunta das actuacións realizadas nas citadas intervencións e as que se realicen na actuación obxecto da solicitude se alcanza a correspondente porcentaxe de redución de demanda establecida, o que deberá acreditarse mediante a correspondente certificación de eficiencia enerxética.

5. As actuacións para as que se solicite financiamento deste programa deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Dispoñer de proxecto das actuacións que se van realizar. Para o caso de que as actuacións non exixan proxecto, será necesario xustificar nunha memoria subscrita por técnico/a competente a adecuación da actuación ao Código técnico da edificación e demais normativa de aplicación. En ambos os casos, deberá incluírse o libro do edificio existente para a rehabilitación ou, na súa falta, un estudo sobre o potencial de mellora do edificio en relación cos requisitos básicos definidos na Lei da ordenación da edificación e un Plan de actuacións no que se identifique a actuación proposta.

O proxecto incluirá un estudo de xestión de residuos de construción e demolición que se desenvolverá posteriormente no correspondente plan de xestión de residuos de construción e demolición, consonte o establecido no Real decreto 105/2008, do 1 de febreiro, polo que se regula a produción e xestión dos residuos de construción e demolición, onde se cumprirán as seguintes condicións:

1º. Polo menos o 70 % (en peso) dos residuos de construción e demolición non perigosos (excluíndo o material natural mencionado na categoría 17 05 04 na Lista europea de residuos establecida pola Decisión 2000/532/EC) xerados no sitio de construción prepararase para a súa reutilización, reciclaxe e recuperación doutros materiais, incluídas as operacións de recheo utilizando residuos para substituír outros materiais, de acordo coa xerarquía de residuos e o Protocolo de xestión de residuos de construción e demolición da UE.

2º. Os operadores deberán limitar a xeración de residuos nos procesos relacionados coa construción e demolición, de conformidade co Protocolo de xestión de residuos de construción e demolición da UE e tendo en conta as melloras técnicas dispoñibles e utilizando a demolición selectiva para permitir a eliminación e manipulación segura de substancias perigosas e facilitar a reutilización e reciclaxe de alta calidade mediante a eliminación selectiva de materiais, utilizando os sistemas de clasificación dispoñibles para residuos de construción e demolición. Así mesmo, establecerase que a demolición se leve a cabo preferiblemente de forma selectiva e a clasificación realizarase de forma preferente no lugar de xeración dos residuos.

b) Os deseños dos edificios e as técnicas de construción apoiarán a circularidade e, en particular, demostrarán, con referencia á ISO 20887 ou outras normas para avaliar a capacidade de desmontaxe ou adaptabilidade dos edificios, como están deseñados para ser máis eficientes no uso de recursos, adaptables, flexibles e desmontables para permitir a reutilización e reciclaxe.

c) Retirar do edificio ou ámbito de actuación aqueles produtos de construción que conteñan amianto. A retirada deberá realizarse conforme o establecido no Real decreto 396/2006, do 31 de marzo, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde aplicables aos traballos con risco de exposición ao amianto, por unha empresa legalmente autorizada. A xestión dos residuos orixinados no proceso deberá realizarse conforme o establecido no Real decreto 105/2008, do 1 de febreiro, polo que se regula a produción e xestión dos residuos de construción e demolición.

6. Non serán subvencionables as actuacións de investimento en xeradores térmicos que utilicen combustible de orixe fósil.

7. As actuacións non poderán estar iniciadas antes do 1 de febreiro de 2020, nin estar finalizadas no momento da presentación da solicitude.

8. O prazo para executar as obras para a mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade nos edificios que se acollan ás axudas deste programa non poderá exceder os vinte e seis meses, contados desde a data de concesión da axuda. O dito prazo poderase ampliar, excepcionalmente, ata vinte e oito meses cando se trate de edificios ou actuacións que afecten 40 ou máis vivendas.

Só poderá autorizarse unha ampliación dos ditos prazos para a execución das actuacións de conformidade co establecido no artigo 35.6 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro.

Quinto. Custo subvencionable e contía das axudas

1. De conformidade co artigo 34 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, a contía máxima da subvención para conceder por edificio determinarase atendendo ao custo total das actuacións que se van desenvolver e non poderá superar os seguintes límites:

Aforro enerxético
conseguido coa actuación

Porcentaxe máxima da subvención do custo da actuación

Vivenda

Locais comerciais ou
outros usos

Contía máxima da
axuda por vivenda (euros)

Contía máxima da axuda
por m2 (euros)

30 % ≤ ΔCep,nren < 45 %

40

6.300,00

56,00

45 % ≤ ΔCep,nren < 60 %

65

11.600,00

104,00

ΔCep,nren ≥ 60 %

80

18.800,00

168,00

2. Dentro dos límites establecidos na táboa anterior, poderán considerarse subvencionables os custos de xestión inherentes ao desenvolvemento das actuacións e os gastos asociados, os honorarios dos profesionais intervenientes na xestión e desenvolvemento das actuacións, o custo da redacción dos proxectos, informes técnicos e certificados necesarios, os gastos derivados da tramitación administrativos e outros gastos xerais similares, sempre que todos eles estean debidamente xustificados. Non se consideran custos subvencionables os correspondentes a licenzas, taxas, impostos ou tributos. Non obstante, o IVE poderá ser considerado elixible sempre e cando non poidan ser susceptibles de recuperación ou compensación total ou parcial.

3. Naqueles casos en que se teña que proceder á retirada de elementos con amianto, poderá incrementarse a contía máxima da axuda na cantidade correspondente aos custos debidos á retirada, á manipulación, ao transporte e á xestión dos residuos de amianto mediante empresas autorizadas, ata un máximo de 1.000,00 euros por vivenda ou 12.000,00 euros por edificio obxecto de rehabilitación.

4. O importe íntegro das contías das axudas percibidas polas persoas ou entidades beneficiarias ou, de se o caso, polo axente ou xestor da rehabilitación que, ao abeiro do ordinal sétimo, actúe por conta daquelas, destinarase ao pagamento das correspondentes actuacións. Cando se trate de comunidades de persoas propietarias e agrupacións de comunidades de persoas propietarias, esta regra resultará igualmente de aplicación, con independencia de que tanto o importe dela como o custo das obras deba repercutirse nas persoas propietarias de vivendas e, de ser o caso, nas persoas propietarias de locais comerciais ou predios doutros usos compatibles, de conformidade coas regras previstas na lexislación sobre propiedade horizontal.

Non obstante o disposto no parágrafo anterior, cando algún dos membros da comunidade de persoas propietarias ou da agrupación de comunidades de persoas propietarias non poida percibir a axuda por algunha causa legal, non se atribuirá á dita persoa propietaria ou usufrutuaria a parte proporcional que lle correspondería da axuda recibida, que se rateará entre os restantes membros da comunidade ou agrupación.

Sexto. Axuda adicional por vulnerabilidade económica

1. De conformidade co disposto no artigo 34.3 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, cando se identifiquen situacións de vulnerabilidade económica nalgunha das persoas físicas propietarias ou usufrutuarias das vivendas, e de acordo cos criterios establecidos na comisión bilateral de seguimento, poderá concederse unha axuda adicional que poderá alcanzar ata o 100 % do custo da actuación imputable ao dito propietario ou usufrutuario, de acordo cos seguintes criterios, e condicionada, en todo caso, ao cumprimento dos requisitos en materia de eficiencia enerxética exixidos neste programa:

Edificio de tipoloxía residencial colectiva, por vivenda

INGRESOS en veces Iprem ponderados

Axuda en función do aforro enerxético conseguido

30 % ≤ ΔCep,nren < 45 %

45 % ≤ ΔCep,nren < 60%

ΔCep,nren ≥ 60 %

Menos ou igual a 2,1

Porcentaxe axuda

100 %

100 %

100 %

Contía máxima de subvención

15.750,00

17.846,00

23.500,00

Entre 2,1 e 2,6 veces

Porcentaxe axuda

60 %

75 %

90 %

Contía máxima de subvención

9.450,00

13.384,50

21.150,00

Vivenda unifamiliar

INGRESOS en veces Iprem

ponderados

Axuda en función do aforro enerxético conseguido

30 % ≤ ΔCep,nren < 45 %

45 % ≤ ΔCep,nren < 60 %

ΔCep,nren ≥ 60 %

Menos ou igual que 2,1

Porcentaxe axuda

100 %

100 %

100 %

Contía máxima de subvención

20.250,00

22.308,00

26.750,00

Entre 2,1 e 2,6 veces

Porcentaxe axuda

60 %

75 %

90 %

Contía máxima de subvención

12.150,00

16.731,00

24.075,00

As persoas físicas propietarias ou usufrutuarias de vivendas interesadas nesta axuda adicional deberán cumprimentar, en todo caso, o anexo VIII, de declaración responsable de composición da unidade de convivencia e de comprobación de datos.

2. Os ingresos sinalados nos cadros anteriores ponderaranse de acordo coa composición da unidade familiar, en función do indicador público de renda de efectos múltiples-Iprem-(14 pagas) multiplicado polo coeficiente multiplicativo corrector que corresponda ao número de membros da unidade familiar, segundo esta táboa:

Número de membros

Coeficiente corrector

Familias de 1 membro

1

Familias de 2 membros

0,9

Familias de 3 membros

0,8

Familias de 4 membros

0,75

Familias de 5 ou máis membros

0,7

3. Se algún membro da unidade familiar é unha persoa con discapacidade, nas condicións establecidas na normativa do imposto sobre a renda das persoas físicas, o coeficiente corrector aplicable será o do tramo seguinte ao que lle correspondese conforme o previsto na táboa anterior.

No caso de mulleres xestantes, o/a fillo/a ou fillos/as concibidos e non nacidos contarán como membros da unidade familiar para os efectos da aplicación do coeficiente multiplicativo corrector previsto na táboa anterior, sempre que na aplicación desta fórmula se obteña un maior beneficio. Igual tratamento terá a acreditación de adopción en trámite. O embarazo acreditarase de acordo co disposto na Lei 5/2010, do 23 de xuño, pola que se establece e regula unha rede de apoio á muller embarazada, e na Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia.

4. No suposto de que a unidade de convivencia estea composta por máis dunha unidade familiar das recollidas na normativa do imposto sobre a renda das persoas físicas, os ingresos de cada unidade familiar convertidos en número de veces o Iprem e ponderados de acordo co previsto nos puntos anteriores sumaranse, e o resultado deberá ser inferior aos límites máximos previstos nos cadros anteriores.

5. Para os efectos do establecido neste ordinal, os termos incluídos neste artigo interpretaranse co significado e alcance seguintes:

a) Unidade de convivencia da persoa beneficiaria: conxunto de persoas que habitan e gozan dunha vivenda de forma habitual e permanente, así como con vocación de estabilidade, con independencia da relación que exista entre todas elas.

b) Persoa con discapacidade: interpretarase de conformidade co Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o Texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social.

c) Indicador público de renda de efectos múltiples (en diante, Iprem): é o indicador definido no Real decreto lei 3/2004, do 25 de xuño, para a racionalización da regulación do salario mínimo interprofesional e para o incremento da súa contía; considerarase unidade de medida para a determinación da contía dos ingresos familiares, no seu cómputo anual, incluíndo dúas pagas extras.

Sétimo. Persoas e entidades beneficiarias

1. Ao abeiro do artigo 31 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, poderán ser beneficiarias das axudas:

a) As persoas propietarias ou usufrutuarias de vivendas unifamiliares illadas ou agrupadas en fila e de edificios existentes de tipoloxía residencial de vivenda colectiva, así como das súas vivendas, ben sexan persoas físicas ou ben persoas xurídica de natureza privada.

b) As comunidades de persoas propietarias ou as agrupacións de comunidades de persoas propietarias constituídas conforme o disposto polo artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, sobre propiedade horizontal.

c) As persoas propietarias que, de forma agrupada, sexan propietarias de edificios que reúnan os requisitos establecidos polo artigo 396 do Código civil e non tivesen outorgado o título constitutivo de propiedade horizontal, así como as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo as actuacións que motiva a concesión da subvención.

d) As sociedades cooperativas compostas de forma agrupada por persoas propietarias de vivendas ou edificios que reúnan os requisitos establecidos no artigo 396 do Código civil, así como polas persoas propietarias que conforman comunidades de persoas propietarias ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias constituídas conforme o disposto no artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal, e por cooperativas en réxime de cesión de uso das súas vivendas.

e) As empresas arrendatarias ou concesionarias dos edificios, así como cooperativas que acrediten a dita condición, mediante contrato vixente, que lles outorgue a facultade expresa para acometer as obras de rehabilitación obxecto do programa.

2. Cando resulten beneficiarias persoas xurídicas de natureza privada, deberán declarar expresamente na solicitude que se encontran debidamente constituídas, conforme coa normativa que lles resulte de aplicación.

Para que as entidades que carezan de personalidade xurídica propia sexan beneficiarias, coa excepción das comunidades de persoas propietarias, deberán facer constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe da subvención que se vai aplicar por cada un deles. Nestes casos, deberá nomearse unha persoa representante ou apoderada única da agrupación con poderes bastantes.

3. Non poderán obter a condición de persoas ou entidades beneficiarias aquelas que estean incursas nalgunha das causas previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, agás a da letra e) dos citados artigos, relativa á obriga de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social.

4. Cando a execución da actuación corresponda a varias persoas ou entidades beneficiarias, a axuda distribuirase en proporción ao custo e a responsabilidade asumido por cada unha.

5. Cando a persoa propietaria da vivenda e a persoa arrendataria dela acorden que esta última custee ao seu cargo as actuacións de rehabilitación que correspondan, a cambio do pagamento da renda, a persoa arrendataria poderá solicitar da comunidade de persoas propietarias ou, de ser o caso, da persoa propietaria única, a adopción do correspondente acordo que se require para solicitar estas axudas. Neste suposto a persoa arrendataria poderá ter a consideración de beneficiaria.

6. No caso de que a persoa beneficiaria da axuda sexa unha persoa física ou xurídica de natureza privada que exerza actividades económicas ou comerciais, aplicarase o seguinte réxime en materia de axudas de estado:

a) Cando a suma do importe das axudas concedidas nos últimos tres anos fiscais e da contía da axuda solicitada nesta convocatoria sexa inferior a 200.000,00 euros, aplicarase o disposto no Regulamento (UE) n° 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

b) Cando a suma do importe das axudas concedidas nos últimos 3 años fiscais e da contía da axuda solicitada nesta convocatoria sexa igual ou superior aos 200.000,00 euros, aplicarase o disposto no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, aplicando a exención correspondente ás axudas ao investimento destinadas a medidas de eficiencia enerxética regulada no artigo 38.

O sometemento a esta norma de exención comunitaria require o cumprimento das seguintes condicións:

1º. Que se exclúan como posibles beneficiarias as empresas en crise, de acordo coa definición do artigo 2.18 do dito Regulamento (UE) nº 651/2014, e as que teñan unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.

2º. Que a solicitude da axuda sexa anterior ao inicio das actuacións subvencionables, para cumprir o requisito de que a axuda teña efecto incentivador.

3º. Que a intensidade da axuda non supere as porcentaxes sinaladas no artigo 38 do devandito Regulamento 651/2014, isto é, o 35 % dos custos subvencionables que pode incrementarse nun 10 % para as medianas empresas e nun 20 % para as pequenas empresas. Para determinar o cumprimento da intensidade máxima de axuda debe terse en conta o importe total das axudas estatais concedidas para os mesmos custos subvencionables.

Oitavo. Axente ou xestor da rehabilitación

1. De conformidade co disposto no artigo 8 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, entenderase por axente ou xestor da rehabilitación a persoa física ou xurídica, ou entidade pública ou privada que poida realizar as actuacións de impulso, seguimento, xestión e percepción de axudas públicas, mediante mecanismos de cesión do dereito de cobramento ou similares, acceso ao financiamento, elaboración de documentación ou proxectos técnicos ou outras actuacións necesarias para o desenvolvemento das actuacións de rehabilitación que poidan ser obxecto do financiamento a través do programa recollido nesta resolución.

2. A actuación dos axentes ou xestores da rehabilitación exixirá que acheguen un documento que acredite o acordo coa propiedade, comunidade de persoas propietarias ou agrupación de comunidade de persoas propietarias, que os faculte e autorice a actuar como tales.

3. A participación do axente ou xestor da rehabilitación non exime a persoa ou entidade beneficiaria de cumprir todas as obrigas que lle incumben, sen prexuízo da responsabilidade que, ademais, poida exixirse ao dito axente ou xestor.

Noveno. Prazo de presentación de solicitudes

As axudas previstas nesta convocatoria poderanse solicitar desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG ata o 30 de novembro de 2022, agás que, con anterioridade, se tivese esgotado o crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no DOG e na páxina web do IGVS mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Décimo. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e que se incorpora na presente resolución como anexo I.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas ou entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. No modelo de solicitude deberán constar os seguintes campos: o tipo de persoa ou entidade solicitante, os datos do edificio ou vivenda unifamiliar que se vai rehabilitar; a referencia catastral; o número total de vivendas e, de ser o caso, de locais do edificio que se vai rehabilitar, con indicación da superficie construída total sobre rasante, as superficies construídas sobre rasante con destino a vivenda e a locais e outros usos compatibles, o consumo de enerxía primaria non renovable e a demanda enerxética conxunta de calefacción e refrixeración actual e a prevista tras a rehabilitación, as emisións de CO2 antes e despois da actuación, a cualificación enerxética do edificio en consumo enerxético e en emisións antes e despois da actuación, así como o número e data da inscrición do certificado de eficiencia enerxética no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios de Galicia (RGEEE); o número total de vivendas partícipes nas obras interesadas na subvención, a superficie total de locais partícipes nas obras e interesados na subvención, o investimento total, o custo subvencionable, o importe total da axuda solicitada, así como as anualidades de execución, a porcentaxe de orzamento que se vai executar e a axuda para xustificar en cada unha delas.

3. No modelo de solicitude deberán realizar as seguintes declaracións:

a) Declaración responsable de que non solicitou nin se lle concedeu ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales e a súa contía.

b) Declaración responsable de que non se lle concedeu ningunha axuda de minimis. No caso de ter solicitado ou obtido axuda de minimis, deberá indicar cales e a súa contía.

c) Compromiso de comunicar inmediatamente calquera outra subvención que solicite e/ou obteña en réxime de minimis doutras administracións públicas ou doutros entes públicos, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración, con indicación da súa contía.

d) Declaración responsable de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, agás a da letra e) dos ditos artigos relativa á obriga de atoparse ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social.

e) Declaración responsable de que están ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, de conformidade co artigo 21 do Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, co artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e co artigo 9 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

f) Declaración responsable de que a empresa a que se represente non está en crise de acordo coa definición de «empresa en crise» que establece o punto 18 do artigo 2 do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño, de ser o caso.

g) No caso de persoas xurídicas de natureza privada, declaración de que se encontran debidamente constituídas, conforme a normativa que lles resulte de aplicación.

h) Declaración responsable de que coñece e acepta os contidos e obrigas recollidos nas bases reguladoras e na convocatoria deste programa.

i) Declaración de que todos os datos da súa solicitude son certos.

Décimo primeiro. Documentación complementaria

1. As persoas e entidades interesadas deberán presentar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da representación da persoa ou entidade que actúe no nome da persoa física ou xurídica de natureza privada ou entidade solicitante, de ser o caso. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar no seguinte enlace: https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/modelos-xenericos

b) Escritura pública, certificado, nota simple rexistral ou calquera outro documento que acredite a titularidade da propiedade ou do usufruto do inmoble, no caso de que a solicitante sexa una persoa física, unha persoa xurídica de natureza privada ou unha agrupación de persoas propietarias que non consten como titulares catastrais.

c) Proxecto da actuación que se vai realizar ou, na súa falta, memoria xustificativa da actuación, que deberán contar coa conformidade da persoa beneficiaria. A documentación mínima desta memoria será descrición, orzamento desagregado por ámbitos de actuación e planos. Así mesmo, na documentación do proxecto da actuación ou na memoria xustificativa da actuación, segundo corresponda, incluirase o aforro de consumo de enerxía primaria non renovable estimado con respecto á situación inicial, o investimento subvencionable e a contía da axuda solicitada.

O proxecto ou a memoria deberán cumprir o establecido no punto 5 do ordinal cuarto e vir acompañados do libro do edificio existente para a rehabilitación ou, na súa falta, dun estudo sobre o potencial de mellora do edificio en relación cos requisitos básicos definidos na Lei da ordenación da edificación, e un Plan de actuacións en que se identifique a actuación proposta.

No caso de atoparse nun dos supostos de excepcionalidade total ou parcial do cumprimento da redución da demanda enerxética previsto nos puntos 3 ou 4 do ordinal cuarto desta resolución, deberán xustificalo no dito proxecto da actuación ou na memoria e acreditalo cos documentos correspondentes.

d) Certificado de eficiencia enerxética do edificio existente obtido considerando realizadas as actuacións previstas no proxecto, subscrito por persoa técnica competente, realizado co mesmo programa recoñecido de certificación que o utilizado para o certificado no seu estado actual, no que se acredite o cumprimento dos requisitos establecidos para a obtención da axuda. Con este certificado xuntaranse os arquivos dixitais xerados polo programa utilizado para a súa elaboración.

e) Contrato ou oferta asinada e orzamento desagregado por partidas, medicións, prezos unitarios e totais, co IVE desagregado correspondente e a súa aceptación expresa por parte da persoas beneficiarias. Na folla resumo por capítulos deberá constar a sinatura e selo da empresa, o seu NIF e a data.

f) Copia de tres orzamentos, de conformidade co establecido no artigo 31 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, no suposto de que o importe correspondente aos custos elixibles da actuación supere a contía de 40.000,00 euros en obras e/ou 15.000,00 en servizos e subministracións para o mesmo contratista ou provedor. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme os criterios de eficiencia e economía, debendo xustificar expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

g) Solicitude de licenza ou comunicación previa, segundo proceda. Se as obras están iniciadas, licenza urbanística ou comunicación previa cunha declaración responsable de que non foi requirido polo concello para a súa emenda e, ademais, certificado do inicio das obras asinado pola persoa técnica titulada competente ou acta de implantación, asinada e datada pola persoa directora da obra e a empresa construtora e co visto e prace da propiedade.

h) Documentación acreditativa de que o inmoble está suxeito a algún nivel de protección de patrimonio cultural.

i) Reportaxe fotográfica, preferentemente en cor, de todas aquelas zonas que se van ver afectadas polas actuacións de rehabilitación, así como da fachada principal do edificio.

j) Acordo entre as persoas arrendadora e arrendataria en que se faculte a esta última a realizar ao seu cargo as actuacións de rehabilitación que correspondan, a cambio do pagamento da renda, no suposto de que a persoa beneficiaria sexa a arrendataria de conformidade co previsto no punto 5 de ordinal sétimo.

k) No suposto das empresas arrendatarias ou concesionarias dos edificios, así como cooperativas previstas no punto 1.e) do ordinal sétimo, contrato vixente que lles outorgue a facultade expresa para acometer as obras de rehabilitación obxecto do programa.

l) Anexo II, de comprobación de datos das persoas partícipes e entidades nas obras e interesadas na subvención, para o caso do edificio de tipoloxía residencial colectiva de vivenda (deben presentarse tantos anexos II como vivendas e locais partícipes e interesados na subvención se sinalen nos anexos I, III e IV).

m) Anexo III, de certificado da persoa secretaria ou administradora do acordo da comunidade de persoas propietarias ou da agrupación de comunidades de persoas propietarias constituídas conforme o disposto no artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, sobre propiedade horizontal, ou da asemblea da cooperativa, polo que se aproba a execución das obras de rehabilitación obxecto das axudas, onde conste o nomeamento da persoa representante autorizada para solicitar a subvención, de ser o caso.

n) Anexo IV, de certificado da agrupación de persoas físicas, de persoas xurídicas de natureza privada ou de persoas físicas, de persoas xurídicas de natureza privada ou declaración da comunidade de bens, propietarias no seu conxunto do edificio obxecto da actuación, que reúnan os requisitos establecidos no artigo 396 do Código civil e non tivesen outorgado o título constitutivo de propiedade horizontal onde se acorda a execución das obras, se nomea unha persoa representante da agrupación, con poderes bastantes, debendo especificar a relación das persoas copropietarias, con indicación dos compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe da subvención que se vai aplicar por cada un deles, de ser o caso.

o) Avaliación favorable de adecuación ou declaración responsable do cumprimento do principio de «non causar un prexuízo significativo ao ambiente» no sentido establecido no punto 6) do artigo 2 do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento europeo e do Consello, de 12 de febreiro, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia. No caso de optar pola declaración responsable, axustarase o contido do anexo V.

p) Anexo VI, de declaración de compromiso de cumprimento dos principios transversais establecidos no PRTR e que puidesen afectar o obxecto de xestión, e de ausencia de conflito de intereses en relación coa execución e actuacións do PRTR.

q) Anexo VII, de declaración de cesión e tratamento de datos en relación coa execución e actuacións do PRTR.

2. No caso de que se identifiquen, ao abeiro do ordinal quinto, situacións de vulnerabilidade económica nas persoas físicas propietarias ou usufrutuarias de vivendas e interesadas na axuda adicional, deberá presentarse coa solicitude, de ser o caso, a seguinte documentación:

a) Anexo VIII, de declaracións responsables e comprobación de datos das persoas físicas propietarias ou usufrutuarias das vivendas e das persoas integrantes das súas unidades de convivencia (deben presentarse tantos anexos VIII como persoas físicas interesadas na axuda adicional se sinalen nos anexos I ou II).

b) No suposto de que non presentase declaración do imposto da renda das persoas físicas ou perciba algunha das rendas exentas previstas no artigo 7 da Lei 35/2006, do 28 de novembro. Xunto coa declaración responsable achegarase a seguinte documentación, de ser o caso:

– Certificado de retribucións e retencións da empresa ou empresas nas cales estivese de alta no devandito exercicio.

– Certificado de pensións ou prestacións periódicas, emitido polo correspondente organismo oficial, no caso de non ser outorgadas polo Instituto Nacional da Seguridade Social.

– Certificados bancarios de rendementos do capital mobiliario.

– Certificado da contía percibida pola renda de integración social de Galicia.

c) No suposto de nai xestante, certificado médico ou documentación acreditativa de tal estado.

d) Certificado acreditativo de adopción en trámite.

e) Certificado ou volante de empadroamento da persoa física solicitante e das persoas físicas interesadas na subvención, así como das persoas integrantes das súas unidades de convivencia.

f) Certificado de discapacidade da persoa física solicitante ou, de ser o caso, das persoas físicas interesadas na subvención, así como das persoas integrantes das súas unidades de convivencia, no caso de non ser expedido pola Xunta de Galicia.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

Décimo segundo. Forma de presentación da documentación complementaria

1. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas ou entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fora realizada a emenda.

2. As persoas e as entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias presentadas pola persoa ou entidade interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número do expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo terceiro. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, excepto que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Documento nacional de identidade (en diante, DNI) ou número de identidade de estranxeiro/a (en diante, NIE) da persoa solicitante, así como das persoas propietarias, usufrutuarias ou arrendatarias das vivendas e, de ser o caso, dos locais do edificio, partícipes nas obras e interesadas na subvención.

b) Número de identificación fiscal (en diante, NIF) da persoa xurídica de natureza privada ou da entidade solicitante.

c) DNI/NIE da persoa representante, de ser o caso.

d) NIF da entidade representante, de ser o caso.

e) Certificado acreditativo de estar ao día de pagamento, no momento do pagamento da subvención, coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (en diante, AEAT), coa Seguridade Social e/ou coa Comunidade Autónoma de Galicia, da persoa solicitante ou, de ser o caso, das persoas que sexan membros da comunidade de persoas propietarias, da agrupación de comunidades de persoas propietarias ou da agrupación de persoas propietarias, ou de sociedades cooperativas, que participen nas obras e estean interesadas na subvención.

f) Certificado catastral de titularidade correspondente á persoa solicitante ou, de ser o caso, ás persoas que sexan membros da comunidade de persoas propietarias, da agrupación de comunidades de persoas propietarias ou da agrupación de persoas propietarias, ou da sociedade cooperativa, que participen nas obras e estean interesadas na subvención.

g) Consulta descritiva e gráfica dos datos catastrais da vivenda ou vivendas en que se van levar a cabo as actuacións, que acredite o seu uso, para as actuacións promovidas por comunidades ou por agrupación de comunidades de persoas propietarias ou por agrupacións de persoas propietarias, por sociedades cooperativas ou pola persoa propietaria.

h) Consulta de bens inmobles.

i) Consulta de subvencións e axudas.

j) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Certificado da renda expedido pola AEAT da persoa física solicitante ou, de ser o caso, das persoas físicas que sexan membros de comunidades ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias ou da agrupación de persoas propietarias, das sociedades cooperativas ou das comunidades de bens, que participen nas obras e interesadas na subvención, así como das persoas integrantes das súas unidades de convivencia, no suposto de que declarase atoparse no suposto de vulnerabilidade económica.

b) Certificado de discapacidade expedido pola Xunta de Galicia da persoa física solicitante ou, de ser o caso, das persoas físicas que sexan membros de comunidades ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias ou da agrupación de persoas propietarias, das sociedades cooperativas, das comunidades de bens que participen nas obras e interesadas na subvención, así como das persoas integrantes das súas unidades de convivencia, no suposto de que declarase atoparse en situación de vulnerabilidade económica.

c) Consulta das prestacións do Rexistro de Prestacións Sociais Públicas, incapacidade temporal e maternidade do Instituto Nacional da Seguridade Social, da persoa solicitante así como das persoas que integran a súa unidade de convivencia, no suposto de que declarase atoparse en situación de vulnerabilidade económica.

d) Certificado das percepcións da renda de integración social de Galicia (Risga) da persoa física solicitante ou, de ser o caso, das persoas físicas que sexan membros de comunidades ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias ou da agrupación de persoas propietarias, das sociedades cooperativas, das comunidades de bens que participen nas obras e interesadas na subvención, así como das persoas integrantes das súas unidades de convivencia, no suposto de que declarase atoparse en situación de vulnerabilidade económica.

e) Importes da prestacións de desemprego percibidos pola persoa física solicitante ou, de ser o caso, das persoas físicas que sexan membros de comunidades ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias ou da agrupación de persoas propietarias, das sociedades cooperativas, das comunidades de bens que participen nas obras e interesadas na subvención, así como das persoas integrantes das súas unidades de convivencia, no suposto de que declarase atoparse en situación de vulnerabilidade económica.

f) Consulta de concesións de subvencións pola regra de minimis, no caso de que a persoa beneficiaria da axuda sexa unha persoa física ou xurídica de natureza privada que exerza actividades económicas ou comerciais.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar as persoas ou as entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Décimo cuarto. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas e entidades interesadas deban realizar trala presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo quinto. Órganos administrativos competentes para instruír e resolver o procedemento

1. A instrución do procedemento é competencia da Dirección Técnica de Fomento do IGVS.

2. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver sobre a concesión das axudas solicitadas.

Décimo sexto. Procedemento de concesión

1. Se as solicitudes non reúnen algún dos requisitos exixidos nas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requiriráselle a persoa ou entidade solicitante para que, no prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, de conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se lle terá por desistido na súa petición, despois da correspondente resolución, nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

2. O órgano instrutor poderá requirir a persoa ou a entidade solicitante para que presente cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento e solicitará os informes pertinentes para comprobar que as solicitudes presentadas cumpren os requisitos exixidos polas bases reguladoras, por esta convocatoria e pola demais normativa de aplicación.

3. Unha vez completado o expediente e despois das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, a persoa titular da Dirección Técnica de Fomento do IGVS emitirá informe sobre o cumprimento dos requisitos e elevará a proposta de resolución á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, quen resolverá o que en dereito proceda.

4. Para os efectos da concesión das axudas, terase en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes na sede electrónica da Xunta de Galicia ata que se esgote o orzamento da convocatoria. Considérase data de presentación aquela en que a solicitude quede validamente presentada, por terse cuberto na forma correcta e vir acompañada da totalidade dos documentos exixidos nesta resolución.

No caso de terse esgotado o crédito nas anualidades para as que se solicita a axuda, o IGVS poderá concedela para outra/s anualidade/s en que aínda exista crédito dispoñible.

Así mesmo, considerarase esgotado o orzamento cando se efectúe o rexistro da última solicitude de axuda que totalice o importe total do crédito desta convocatoria.

5. De conformidade co establecido nos artigos 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, as resolucións de denegación das axudas solicitadas poderán publicarse na páxina web do IGVS www.igvs.xunta.gal, logo de publicación desta circunstancia no DOG.

Décimo sétimo. Resolución e recursos

1. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución deste procedemento será de tres meses, contados desde a data de presentación da solicitude que inclúa a documentación relacionada no ordinal décimo primeiro. Finalizado o citado prazo sen que se dite e notifique a resolución, as persoas ou entidades solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

2. A resolución estimatoria indicará a persoa ou entidade beneficiaria, as actuacións subvencionables, o custo elixible, a contía da subvención concedida, as condicións que se deberán cumprir para a execución da obra, o seu prazo de finalización e de xustificación e, de ser o caso, a procedencia do financiamento da axuda con cargo aos fondos europeos.

Para o caso de que a solicitude configure a subvención con carácter plurianual, a resolución de concesión fixará os importes da subvención correspondentes a cada unha das anualidades, que deberán xustificar na forma sinalada no ordinal vixésimo primeiro desta resolución.

Cando a actuación proposta requira proxecto e a solicitude inclúa inicialmente só a memoria xustificativa, a resolución de concesión da axuda quedará suxeita á condición resolutoria de que, no prazo máximo de tres meses desde a notificación da resolución de concesión, se achegue o proxecto da actuación que se vai realizar correspondente á axuda concedida.

3. Contra a resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderase interpoñer recurso de alzada perante a persoa titular da Presidencia do IGVS.

O prazo de interposición deste recurso será dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

4. As persoas beneficiarias disporán dun prazo de dez días hábiles, contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución de concesión, para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

Décimo oitavo. Obrigas das persoas e entidades beneficiarias

Ademais das recollidas nos artigos 14 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as persoas e as entidades beneficiarias terán as seguintes obrigas:

a) Executar as actuacións subvencionadas dentro dos prazos máximos que se establezan na respectiva resolución de concesión, cumprindo as condicións e prescricións que nela se establezan.

b) Xustificar a execución da actuación presentando os documentos sinalados nas bases reguladoras e no ordinal vixésimo desta resolución.

c) Someterse as actuacións de comprobación e inspección que o IGVS considere pertinentes durante o proceso de execución e as que deriven da normativa aplicable á xestión de axudas financiadas cos fondos do Mecanismo de recuperación e resiliencia, establecido polo Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021.

d) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

e) Comunicar ao IGVS a alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas deste programa.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

g) Estar ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social no momento en que se aboen as subvencións.

h) Dar a adecuada publicidade e información de que as actuacións están subvencionadas no marco do Programa de axudas ás actuacións de rehabilitación a nivel de edificios, de conformidade co establecido no artigo 34.2 do Regulamento (UE) nº 2021/241, no artigo 35.7 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, e no artigo 9 da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia. En concreto, cumprir co establecido no citado artigo 34.2 do Regulamento (UE) nº 2021/241, que indica que «Os perceptores de fondos da Unión farán mención da orixe deste financiamento e velarán por darlle visibilidade, cando proceda, mediante o emblema da Unión e unha declaración de financiamento adecuada que indique «financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU», en particular cando promovan as accións e os seu resultados, facilitando información coherente, efectiva e proporcionada dirixida a múltiples destinatarios, incluídos os medios de comunicación e o público.

i) Garantir o pleno cumprimento do principio de «non causar un prexuízo significativo ao ambiente» (principio do no significant harm-DNSH) e a etiquetaxe climático e dixital, de acordo co previsto no Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR), aprobado polo Consello de Ministros o 27 de abril de 2021 e polo Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia.

j) Conservar os documentos xustificativos dos fondos recibidos durante un período de cinco años a partir do pagamento do saldo ou, na falta do dito pagamento, da operación. Este período será de tres anos se o financiamento é dun importe inferior ou igual a 60.000,00 € .

k) Cumprir as demais obrigas que derivan das bases reguladoras contidas no Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, e desta resolución de convocatoria.

Décimo noveno. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou, de se o caso, a obtención concorrente doutras subvencións e axudas, fóra dos casos permitidos por esta resolución, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da subvención ou á súa revogación.

2. En todo caso, a modificación da resolución de concesión realizarase nos termos do artigo 35 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Vixésimo. Reaxuste de anualidades de execución

No caso de que o ritmo de execución sexa diferente ao establecido na resolución de concesión, poderán reaxustarse as anualidades, logo da solicitude da persoa ou entidade beneficiaria, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, sempre que exista dispoñibilidade orzamentaria para a súa realización e que en ningún caso o prazo de execución exceda do prazo que corresponda ao abeiro do punto 8 do ordinal cuarto, contado desde a data da notificación da resolución.

Vixésimo primeiro. Xustificación da subvención

1. As persoas e as entidades beneficiarias deberán comunicar á Dirección Técnica de Fomento a finalización das obras relativas a cada unha das anualidades previstas na resolución de concesión e presentar a documentación xustificativa das actuacións realizadas. Estas comunicacións, parciais ou finais, realizaranse mediante a presentación do anexo IX desta resolución xunto coa documentación correspondente descrita nos puntos seguintes.

2. A comunicación de execución parcial das actuacións deberá realizarse nun prazo máximo de quince días, contado desde o seguinte ao da finalización das obras desa anualidade, e deberá ir acompañada da seguinte documentación, de forma individualizada, que non tivese presentado con anterioridade:

a) Licenza urbanística ou comunicación previa cunha declaración responsable de que non foi requirido polo concello para a súa emenda.

b) Memoria económica xustificativa do custo das actuacións realizadas, en que se faga constar o cumprimento das actuacións da anualidade que lle corresponda xustificar. Conterá a relación clasificada de gastos polas actuacións realizadas, coas correspondentes facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou coa eficacia administrativa, onde consten a identificación da persoa acredora, o seu importe e a súa data de emisión, así como os documentos que xustifiquen o seu pagamento. Para estes efectos, o seu pagamento deberá xustificarse mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados pola persoa ou entidade solicitante.

c) Memoria explicativa das obras realizadas asinada pola persoa técnica competente.

d) De ser o caso, fotografías que mostren as obras realizadas preferentemente en cor.

e) De conformidade co sinalado no punto 3 do ordinal vixésimo segundo, documento acreditativo da constitución das correspondentes garantías, cando estas sexan obrigatorias.

3. De conformidade co sinalado nos puntos 7 e 12 do artigo 35 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, a comunicación da execución final das actuacións deberá realizarse nun prazo máximo de tres meses, contado desde a finalización do prazo máximo concedido para a súa execución na resolución de concesión e a súa xustificación deberá vir acompañada da documentación sinalada a continuación que non presentase con anterioridade:

a) Proxecto da obra realmente executada, no caso de que as actuacións requiran proxecto.

b) Licenza urbanística ou comunicación previa cunha declaración responsable que non foi requirido polo concello para a súa emenda.

c) Certificado final a obra subscrito pola dirección facultativa e a dirección da execución da obra, de ser o caso.

d) Certificado da instalación térmica, de ser o caso, subscrito polo director da instalación ou instalador autorizado, rexistrado na consellería competente en materia de industria.

e) Memoria da actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, conforme o exixido polas bases reguladoras e pola resolución de concesión da axuda, coa indicación das actividades realizadas, dos resultados obtidos e a data de conclusión das actuacións. Esta memoria será realizada e subscrita pola persoa técnica titulada competente autora do proxecto ou da dirección facultativa da execución da actuación. Nela farase constar o cumprimento da normativa de obrigado cumprimento que lle sexa de aplicación.

f) Certificado de eficiencia enerxética obtido unha vez rematadas as actuacións e realizado co mesmo programa recoñecido de certificación que o utilizado para o certificado previo á intervención, subscrito por persoa técnica competente, en que se acredite o cumprimento dos requisitos establecidos para a obtención da axuda, e inscrito no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios de Galicia (RGEEE).

g) Reportaxe fotográfica das obras executadas, preferentemente en cor, onde se mostre o cartel publicitario de carácter permanente, de tamaño suficiente para que sexa perfectamente visible e lexible, en que conste claramente o título do proxecto e a denominación e a imaxe do Programa e que mencione a axuda económica outorgada pola Unión Europea incluíndo o logo da UE e o lema «Unha maneira de facer Europa».

h) Declaración responsable que inclúa detalle doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada coa indicación do importe e a súa procedencia.

i) Relación certificada e copia dos pedidos e/ou contratos relativos ás actuacións realizadas.

j) Relación certificada e copia das facturas e dos seus correspondentes xustificantes bancarios de pagamento, relativos ao investimento realizado e que respondan ao orzamento e contratos presentados.

k) Para os proxectos cunha axuda concedida inferior a 100.000,00 euros poderá entregarse, de maneira opcional, conta xustificativa coa achega de xustificantes de gasto, segundo o previsto nos números 1 e 2.a), b), e) e f) do artigo 72 do Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo. Neste suposto non será obrigatorio achegar a documentación que se indica nas letras e) e i) anteriores.

Opcionalmente, poderá entregarse a conta xustificativa coa achega do informe de auditor, nas condicións previstas no artigo 74 do Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 50 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. A documentación presentarase na mesma forma que a solicitude e a documentación complementaria.

5. Transcorridos os prazos indicados no punto 1 deste ordinal, sen que as persoas ou entidades beneficiarias presenten a documentación xustificativa da anualidade correspondente, o órgano instrutor requiriralla para que a presente nun prazo improrrogable de dez días.

Vixésimo segundo. Pagamento da subvención. Anticipos. Pagos á conta

1. O pagamento, total ou parcial de la subvención requirirá que a persoa ou entidade beneficiaria presente a documentación relacionada no ordinal anterior. A subvención aboarase mediante transferencia bancaria no número de conta sinalado para estes efectos no anexo I da solicitude.

2. Poderanse dotar de anticipos ás persoas e entidades beneficiarias que así o soliciten, mediante o anexo X, sempre e cando, ao abeiro do disposto nos artigos 37.2 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, e o artigo 63 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, se cumpran as seguintes condicións:

a) Que non superen o 50 % do importe total da axuda concedida á persoa ou entidade beneficiaria, nin a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

b) Que se destinen exclusivamente a cubrir gastos da actuación obxecto da subvención e se xustifiquen adecuadamente.

c) Que os destinatarios últimos destes anticipos acrediten que se encontran ao día do pagamento das obrigas de reembolso de calquera outros anticipos concedidos anteriormente con cargo aos créditos especificamente consignados para a xestión de fondos europeos nos orzamentos xerais do Estado, de acordo co establecido no artigo 61.3 do Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, e nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, no marco do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As persoas e entidades beneficiarias deberán presentar co anexo X de solicitude do anticipo un documento coa xustificación da necesidade do anticipo con indicación dos investimento que exixe pagamentos inmediatos.

Estes anticipos non terán que ser obxecto de garantía por parte da persoa beneficiaria, de acordo co establecido no artigo 37 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro.

3. De conformidade co artigo 62 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, poderán realizarse pagamentos á conta de ata o 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos a xustificar, que non poderán exceder da anualidade prevista en cada exercicio orzamentario. De conformidade co artigo 64.i) do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, se o importe das subvencións concedidas excede os 18.000,00 euros, será necesario constituír garantías para os pagamentos á conta, sinaladas no apartado seguinte.

Segundo o artigo 67 do citado regulamento, as garantías constituídas polas persoas ou entidades beneficiarias obrigadas deberán cubrir o 110 % das cantidades que serán aboadas á conta. As ditas garantías serán constituídas na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario da entidade de crédito, que deberá alcanzar ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación previsto na convocatoria.

Vixésimo terceiro. Cesión do dereito de cobramento

1. As persoas e as entidades beneficiarias poderán ceder o dereito de cobramento da súa subvención á persoa contratista das obras obxecto desta axuda, ou ao axente ou xestor da rehabilitación, de ser o caso. Neste caso, deberán presentar, xunto coa comunicación da finalización parcial ou total da actuación prevista no ordinal vixésimo primeiro, o anexo XI, debidamente cuberto.

2. A cesión do dereito de cobramento non afectará as obrigas asumidas polas persoas ou entidades beneficiarias como consecuencia da concesión da axuda, incluídas as de xustificación da subvención, nin as facultades do IGVS, sobre a revogación, modificación ou revisión da resolución de concesión e, de ser o caso, do reintegro da subvención.

3. No caso de cesión do dereito de cobramento da subvención á persoa contratista das obras ou ao axente ou xestor da rehabilitación, a persoa e a entidade beneficiaria estará exenta de presentar os xustificantes de pagamento previstos no ordinal vixésimo primeiro, do importe correspondente a estes dereitos cedidos.

Vixésimo cuarto. Compatibilidade das axudas

1. De conformidade co disposto no artigo 36 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, as subvencións deste programa serán compatibles con calquera outra axuda pública para o mesmo obxecto, sempre que non se supere o custo total das actuacións e sempre que a regulación das outras axudas xa sexan de ámbito nacional ou europeo o admitan, sendo de aplicación o disposto no artigo 9 do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, que establece que a axuda concedida no marco do Mecanismo se sumará á proporcionada consonte os outros programas e instrumentos da Unión, precisando que as reformas e os proxectos de investimento poderán recibir axuda doutros programas e instrumentos da Unión sempre que a dita axuda non cubra o mesmo custo, evitando o dobre financiamento entre programas do Mecanismo de recuperación e resiliencia e, así como con outros instrumentos da Unión. En todo caso, na consecución dos fitos e obxectivos establecidos na Decisión de Execución do Consello, do 16 de xuño de 2021, relativa á aprobación da avaliación do plan de recuperación e resiliencia de España, vinculados co desenvolvemento deste programa consideraranse exclusivamente as actuacións financiadas a través do Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España.

2. Non poderán obter o financiamento correspondente a este programa os destinatarios últimos de axudas do programa de actuacións de rehabilitación a nivel de barrios.

3. Este programa será compatible co «Programa de axuda ás actuacións de mellora da eficiencia enerxética en vivendas», sempre e cando quede acreditado que non se subvenciona o mesmo custo.

4. Cando o proxecto recibise unha subvención con cargo ao programa 5, de axuda á elaboración do libro do edificio existente para a rehabilitación e a redacción de proxectos de rehabilitación, descontarase da cantidade recibida ao determinar a contía da subvención con cargo a este programa na forma indicada no artigo 34.2 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro.

Vixésimo quinto. Perda e reintegro da subvención. Criterios de gradación de posibles incumprimentos

1. Serán causa de perda e reintegro da subvención, ademais das previstas no artigo 37 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o incumprimento das obrigas recollidas no ordinal décimo oitavo desta resolución. Así mesmo, poderá ser causa de perda da subvención a non comunicación ao órgano instrutor de calquera modificación das circunstancias determinantes do recoñecemento da subvención.

2. A perda do dereito á percepción da axuda outorgada levará consigo, de ser o caso, o reintegro das cantidades aboadas ata ese momento, incrementadas cos xuros de demora dende a data do seu pagamento.

3. Conforme o artigo 36.2 da Lei 9/2007, do 13 xuño, os membros da comunidade de persoas propietarias e as persoas propietarias de edificios formalmente agrupadas que non tivesen outorgado o título constitutivo de propiedade horizontal responderán solidariamente da obriga de reintegro, en proporción á súa respectiva participación na actuación.

4. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e, de ser o caso, para facer efectiva a devolución, será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

5. Se o aforro do consumo de enerxía primaria non renovable finalmente obtido por comparación entre os certificados de eficiencia enerxética do edificio antes e despois da actuación, realizados ambos co mesmo programa recoñecido de certificación, resulta inferior ao estimado inicialmente no proxecto, a contía da subvención axustarase ao nivel de aforro realmente obtido segundo o disposto na táboa 34.1 do artigo 34 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro. Se o aforro de consumo de enerxía primaria non renovable finalmente obtido for inferior ao 30 %, ou non se cumpriran as exixencias relativas á redución da demanda enerxética anual global de calefacción e refrixeración establecidos no artigo 33 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, ou calquera outra exixencia das establecidas no citado real decreto, a axuda sería revogada.

6. O cumprimento parcial das condiciones establecidas ou a realización en prazo de só unha parte da actuación comprometida dará lugar ao axuste e pagamento parcial da axuda outorgada, sempre que non procedese a revogación da axuda por incumprimento doutras obrigas esenciais ou requisitos establecidos no Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, e sen prexuízo da obriga de reintegro proporcional que correspondese, de ser o caso.

Vixésimo sexto. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas e ás entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as persoas e as entidades interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorreran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Vixésimo sétimo. Control e loita contra a fraude

1. Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o IGVS para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, á autoridade de xestión e aos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e as verificacións do artigo 22 do Regulamento (UE) nº 241/2021.

2. Calquera persoa que teña coñecementos de feitos que poidan se constitutivos de fraude ou irregularidade en relación cos proxectos financiados con cargo a fondos procedentes da Unión Europea, como é o caso, poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude (SNCA) da Intervención Xeral da Administración do Estado, nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 6 de abril, do citado servizo, a través da canle habilitada na web https://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf. Sen prexuízo disto, tamén poderá empregar a canle de denuncias sobre irregularidades ou condutas de fraude que terá a súa sede no Sistema integrado de atención á cidadanía (SIACI) (https://www.xunta.gal/sistema-integrado-de-atencion-a-cidadania?langId=gl_ES).

3. No control e loita contra a fraude o IGVS actuará de conformidade co establecido no seu Plan específico de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude.

Vixésimo oitavo. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Vixésimo noveno. Habilitación para o desenvolvemento

Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta resolución, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisos para a xestión deste programa de axudas.

Trixésimo. Recursos contra esta resolución

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Presidencia do IGVS no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

b) Recurso contencioso-administrativo perante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Trixésimo primeiro. Eficacia

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2022

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file