Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Luns, 16 de maio de 2022 Páx. 28621

I. Disposicións xerais

Consellería de Facenda e Administración Pública

ORDE do 4 de maio de 2022 pola que se regula o Rexistro Administrativo de Distribuidores de Seguros e Reaseguros da Comunidade Autónoma de Galicia (códigos de procedemento FA301A e FA301B).

A Lei orgánica 6/1999, do 6 de abril, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma de Galicia establece que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia de desenvolvemento lexislativo e execución en materia de ordenación do crédito, banca e seguros. En aplicación da citada lei orgánica, mediante o Real decreto 1748/1999, do 19 de novembro, transferíronse á Comunidade Autónoma as funcións e servizos da Administración do Estado en materia de mediadores de seguros. Pola súa parte, mediante o Decreto 321/1999, do 16 de decembro, as funcións e servizos transferidos asignáronselle á Consellería de Economía e Facenda.

No exercicio destas competencias e de acordo coa Lei 9/1992, de mediación en seguros privados, publicouse a Orde do 18 de xullo de 2000 pola que se creaba o rexistro para aqueles mediadores que exercían a actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.

A entrada en vigor da Lei 26/2006, do 17 de xullo, de mediación de seguros e reaseguros privados, supuxo a regulación de novas figuras da mediación de seguros e, polo tanto, de novos requisitos de inscrición, así como a regulación da inscrición no Rexistro Especial de Mediadores de Seguros, Corredores de Reaseguros e dos seus altos cargos e a creación dun punto único de información na Dirección Xeral de Seguros e Fondos de Pensións que incorpore datos do rexistro estatal e dos autonómicos.

Mediante o Decreto 298/2008, do 18 de decembro, regúlanse as competencias da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de mediación de seguros e reaseguros privados. No seu artigo 3 créase o Rexistro Administrativo Especial de Mediadores de Seguros, Corredores de Reaseguros e dos seus altos cargos na Comunidade Autónoma de Galicia e, na disposición derradeira primeira autorízase a persoa titular da consellería competente en materia de economía para regular o dito rexistro.

De acordo con esta habilitación normativa, aprobouse a Orde do 17 de marzo de 2009, pola que se regula o Rexistro Administrativo Especial de Mediadores de Seguros, Corredores de Reaseguros e dos seus altos cargos na Comunidade Autónoma de Galicia.

Desde a publicación da citada orde, o contido do rexistro foi modificado pola disposición derradeira décima da Lei 20/2015, do 14 de xullo, de ordenación, supervisión e solvencia das entidades aseguradoras e reaseguradoras, pola disposición adicional oitava do Real decreto 1060/2015, que a desenvolve, e polo artigo 133 e a disposición derradeira quinta do Real decreto lei 3/2020, do 4 de febreiro, de medidas urxentes polo que se incorporan ao ordenamento xurídico español diversas directivas da Unión Europea, entre elas a Directiva (UE) 2016/97 do Parlamento Europeo e do Consello, do 20 de xaneiro de 2016, sobre a distribución de seguros.

Por último, a normativa actual reguladora da obriga de formación inicial e continua dos distribuidores de seguros e reaseguros e do seu persoal relevante está contida no Real decreto 287/2021, do 20 de abril, sobre formación e remisión da información estatístico-contable dos distribuidores de seguros e reaseguros, e na Resolución do 3 de xuño de 2021, da Dirección Xeral de Seguros e Fondos de Pensións, pola que se establecen os principios básicos dos cursos e programas de formación para os distribuidores de seguros e reaseguros.

Como consecuencia de todas as modificacións anteriores, considérase necesario ditar unha nova orde que derrogue a Orde do 17 de marzo de 2009, para actualizar o contido do rexistro administrativo e regular os procedementos que se derivan da súa xestión.

Por último, a norma adecúase aos principios de boa regulación do artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. En virtude do principio de seguridade xurídica, a norma garda coherencia co resto do ordenamento xurídico e en cumprimento do principio de transparencia identifícanse con claridade nela os obxectivos perseguidos e, ademais, durante a súa tramitación promoveuse a participación da cidadanía, singularmente a través dos trámites de audiencia e publicación no Portal de Transparencia e Goberno Aberto da Xunta de Galicia.

A orde estrutúrase en cinco seccións e consta de vinte artigos, unha disposición adicional única, unha disposición derrogatoria única e dúas disposicións derradeiras. Á orde engádense trece anexos cos correspondentes formularios relativos á solicitude de inscrición, modificación de datos ou cancelación da inscrición no rexistro, para corredores e axentes de seguros (códigos de procedemento FA301A e FA301B).

Por todo o anterior, con base na habilitación normativa do Decreto 298/2008, do 18 de decembro, polo que se regulan as competencias da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de seguros e reaseguros privados,

DISPOÑO:

Sección 1ª. Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto:

1. A regulación do Rexistro Administrativo de Distribuidores de Seguros e Reaseguros da Comunidade Autónoma de Galicia, en adiante, o rexistro.

2. A regulación da tramitación telemática dos seguintes procedementos:

a) FA301A Inscrición no Rexistro Administrativo de Distribuidores de Seguros e Reaseguros da Comunidade Autónoma de Galicia dunha persoa corredora de seguros, modificación de datos ou solicitude de cancelación.

b) FA301B Inscrición no Rexistro Administrativo de Distribuidores de Seguros e Reaseguros da Comunidade Autónoma de Galicia dunha persoa axente de seguros vinculada, modificación de datos ou solicitude de cancelación.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

O regulado na presente orde aplicarase á actividade de distribución de seguros desenvolvida polas persoas sometidas ao control e supervisión da Comunidade Autónoma de Galicia de acordo coa normativa vixente.

Artigo 3. Adscrición do rexistro

O rexistro queda adscrito á consellería competente en materia de distribución de seguros e reaseguros.

Artigo 4. Obriga e efectos da inscrición no rexistro

1. A inscrición no Rexistro Administrativo de Distribuidores de Seguros e Reaseguros da Comunidade Autónoma de Galicia ten carácter obrigatorio. Será necesaria a inscrición no rexistro con carácter previo ao inicio da actividade de distribución de seguros e reaseguros.

2. O rexistro ten carácter administrativo, é público e a súa eficacia baséase nos principios de publicidade formal e de legalidade.

Artigo 5. Publicidade e acceso ao rexistro

1. Serán de acceso público os datos das persoas distribuidoras de seguros inscritas no rexistro.

O acceso aos datos do rexistro efectuarase nos termos e condicións establecidos na Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e na normativa en materia de protección de datos de carácter persoal.

2. Poderá obterse certificación dos datos do rexistro mediante solicitude dirixida á dirección xeral con competencias en materia de supervisión de seguros, indicando os motivos polos que se require. A resolución pola que se denegue o acceso ao rexistro deberá ser motivada.

Artigo 6. Datos inscritibles no rexistro administrativo

Son inscritibles no rexistro os seguintes datos:

1. De todos os distribuidores de seguros:

a) Nome, apelidos ou denominación social.

b) Condición de persoa mediadora de seguros ou de seguros complementarios.

c) Sexo.

d) Nacionalidade.

e) NIF, pasaporte ou documento equivalente.

f) Enderezo da sede profesional ou social.

g) Ámbito de actuación.

h) Data de inscrición

i) Número de inscrición.

j) Modificacións dos estatutos que polo seu obxecto deban constar no rexistro.

k) Dominio ou enderezo da internet.

l) Accións ou participacións.

m) Agrupacións de interese económico e unións temporais de empresas.

n) Cancelación da inscrición.

o) Inhabilitación para o desempeño da actividade.

p) Sancións.

2. Dos axentes de seguros:

a) O carácter de exclusivo ou vinculado e, de ser o caso, a súa condición de axente dun grupo de entidades aseguradoras.

b) Mención ás entidades aseguradoras coas que teñen subscritos contratos de axencia e, no caso dos exclusivos, as autorizacións que obteñan para exercer a súa actividade con outra entidade aseguradora, con indicación dos produtos de seguro nos que poden mediar para esta e as datas de inicio e fin da autorización.

3. No caso dos corredores de seguros:

a) A designación da persoa titular do departamento ou servizo de atención ao cliente ou da persoa ou entidade contratada externamente para o desempeño das funcións, de ser o caso, e, se procede, da persoa defensora do cliente dos corredores de seguros e dos corredores de reaseguros.

b) A inactividade dos corredores de seguros.

4. No caso de distribuidores persoas xurídicas:

Inscribirase o nome, apelidos ou denominación social, sexo, domicilio, nacionalidade, NIF, pasaporte ou documento equivalente e as datas de nomeamento, suspensión, revogación ou cesamento, inhabilitación e sancións nos seguintes casos:

– Cargos de administración.

– Persoa responsable da actividade de distribución ou as que formen parte do órgano de dirección responsable da actividade.

Se nos dous supostos anteriores se trata de persoas xurídicas, inscribiranse os datos correspondentes aos seus representantes designados.

Sección 2ª. Procedemento FA301A de inscrición no Rexistro Administrativo
de Distribuidores de Seguros e Reaseguros da Comunidade Autónoma de Galicia
dunha persoa corredora de seguros, modificación de datos ou solicitude de cancelación

Artigo 7. Solicitudes

1. O procedemento FA301A, de inscrición no Rexistro Administrativo de Distribuidores de Seguros e Reaseguros da Comunidade Autónoma de Galicia dunha persoa corredora de seguros, modificación de datos ou solicitude de cancelación, iniciarase por solicitude da persoa directamente interesada ou da persoa representante, de ser o caso.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

4. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 8. Documentación complementaria

1. Coa solicitude achegarase a seguinte documentación:

a) Documento acreditativo da representación, de ser o caso.

b) Programa de actividades conforme o previsto no anexo II, anexando a seguinte información e/ou documentación:

– Ramos de seguros e clase de riscos en que se proxecta mediar.

– Principios reitores e ámbito de actuación.

– Estrutura da organización que inclúa os sistemas de comercialización.

– Medios materiais e persoais: información sobre oficinas e sucursais e copia do modelo de contrato mercantil de colaboración, no caso de prever a contratación de colaboradores externos e acreditación do curso de formación superado, de acordo co exixido na Resolución do 3 de xuño de 2021, da Dirección Xeral de Seguros e Fondos de Pensións.

– Mecanismos adoptados para a solución de conflitos por queixas e reclamacións dos clientes: documento no que se designe ao titular do departamento ou servizo de atención ao cliente ou da persoa ou entidade contratada externamente para o desempeño das funcións, de ser o caso, e, se procede, da persoa defensora do cliente dos corredores de seguros e dos corredores de reaseguros, cos datos do enderezo e enderezo electrónico, curriculum vitae do titular do departamento ou servizo de atención ao cliente ou, de ser o caso, do defensor do cliente, incorporando expresamente os detalles relativos aos seus coñecementos e experiencia en funcións relacionadas coa actividade de mediación en seguros privados, declaración relativa á honorabilidade comercial e profesional, asinada polo titular do departamento ou servizo de atención ao cliente, ou, de ser o caso, do defensor do cliente, facendo constar que veu observando unha traxectoria persoal de respecto ás leis mercantís ou outras que regulan a actividade económica e a vida dos negocios, así como as boas prácticas comerciais e financeiras; regulamento de funcionamento que se vai aplicar e documento que recolla a aprobación, por parte da persoa corredora ou órgano de administración da sociedade de corretoría, do regulamento de funcionamento.

– Plan de ingresos e gastos para os tres primeiros exercicios sociais, en particular, os gastos xerais correntes e as previsións relativas a primas de seguros que se van distribuír, xustificando estas, así como a adecuación a estas dos medios e recursos dispoñibles.

– No caso de incorporar ao proxecto algunha carteira de seguros, deberase xuntar o certificado da compañía, expedido nunha data non superior a dous meses á data da solicitude, na que se faga constar: i) a identificación da persoa que expide o certificado. ii) a identificación do titular da carteira. iii) indicación do número de pólizas e importe de primas intermediadas, desagregado por ramos. iv) No caso de estar a exercer como axente de seguros, o consentimento da entidade aseguradora para modificar a posición mediadora na devandita carteira.

c) Datos das persoas administradoras e altos cargos conforme o anexo IV. Débese citar e presentar a acreditación do curso de formación superado, de acordo co exixido no Real decreto 287/2021, do 20 de abril, e na Resolución do 3 de xuño de 2021, da DGSFP.

d) Declaración de honorabilidade comercial e profesional das persoas socias con participación significativa, das persoas administradoras, da persoa responsable da actividade de distribución ou, de ser o caso, das persoas que forman parte do órgano de dirección responsable da actividade de distribución de conformidade con anexo V.

e) Declaración de honorabilidade comercial e profesional das persoas que participan directamente na distribución de seguros asinada pola persoa distribuidora de conformidade co anexo VI.

f) Capacidade financeira. Este requisito pódese acreditar mediante a presentación de precontratos ou certificados nos que figuren os pactos expresos coas entidades aseguradoras, ou ben, mediante a contratación dunha póliza de seguro de caución ou dun aval bancario. Para o cálculo do importe a contratar utilizarase o anexo VII. Para a solicitude de inscrición é suficiente coa presentación do compromiso da aseguradora de prestar a garantía ou o xustificante de ter solicitado o aval, selado pola entidade financeira.

g) Información relativa á xestión de fondos de clientes de acordo cos datos bancarios solicitados no anexo VIII.

h) Declaración de non incorrer en incompatibilidade de conformidade co anexo IX.

i) Programa de formación continua aplicable segundo o artigo 157.1.e) do Real decreto lei 3/2020, do 4 de febreiro.

j) Seguro de responsabilidade civil profesional ou outra garantía financeira polos importes mínimos establecidos no Real decreto lei 3/2020, do 4 de febreiro. Para a solicitude de inscrición é suficiente coa presentación do documento no que a entidade que vai asumir a garantía se compromete a aceptar a cobertura do risco e a emitir a póliza.

k) Xustificación do aboamento das taxas correspondentes cos seguintes códigos: 30.41.02 Inscrición dun axente de seguros vinculado, dun corredor de seguros ou de reaseguros, persoa física; 30.41.03 Inscrición dunha sociedade de axencia de seguros ou dun operador de banca-seguros, exclusivos ou vinculados, dunha sociedade de corretoría de seguros ou de reaseguros; 30.41.04 Inscrición de cargos de administración e de dirección responsables das actividades de mediación de seguros ou de reaseguros das sociedades de axencia de seguros ou dos operadores de banca-seguros, exclusivos ou vinculados, de corretoría de seguros ou de reaseguros (por cada alto cargo); 30.41.05 Inscrición de calquera outro acto inscribible ou pola modificación dos inscritos (por cada un deles).

2. As persoas xurídicas interesadas que pretendan operar como corredoras de seguros deberán achegar, ademais, coa solicitude a seguinte documentación:

a) Copia da escritura ou do documento de constitución como sociedade mercantil ou cooperativa, e de ser o caso, das modificacións posteriores, inscritas no Rexistro Mercantil ou no Rexistro de Cooperativas, respectivamente. Nos estatutos sociais deberá constar, dentro do apartado correspondente ao obxecto social, a actividade de distribución como persoa corredora de seguros. Cando a sociedade sexa por accións, estas deberán ser nominativas.

b) Declaración de socios e de comunicación de transmisión de participacións significativas, de ser o caso, conforme o anexo III, xuntando a seguinte información e/ou documentación:

– Datos de accións ou participacións sociais.

– Identidade das persoas accionistas ou socias que posúan no corredor unha participación directa ou indirecta ou das persoas que posúan vínculos estreitos coa persoa corredora de seguros.

– Na transmisión de accións ou participacións significativas: i) Identidade das persoas accionistas ou socias que pretendan adquirir unha participación directa ou indirecta do 10 % ou superior dos dereitos de voto ou do capital; ii) situación do capital, unha vez que se leve a cabo a transmisión de accións ou participacións significativas; iii) acreditación da vixencia dos seguros de caución ou aval e de responsabilidade civil profesional no caso de que non estean acreditados no momento da solicitude; iv) novo programa de actividades segundo o anexo II se a operación de transmisión supón o 50 % ou máis do capital social; v) declaración de honorabilidade comercial e profesional de quen se propón adquirir ou incrementar as participacións e das persoas que se relacionan no anexo V, de ser o caso; vi) identificación e acreditación dos coñecementos e aptitudes dos altos cargos mediante o anexo IV, de ser o caso.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recollidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. Neste caso deberá achegar a documentación correspondente.

Se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

5. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

6. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

7. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

8. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Sección 3ª. Procedemento FA301B de inscrición no Rexistro Administrativo
de Distribuidores de Seguros e Reaseguros da Comunidade Autónoma
de Galicia dunha persoa axente de seguros vinculada, modificación de datos
ou solicitude de cancelación

Artigo 9. Solicitudes

1. O procedemento FA301B, de inscrición no Rexistro Administrativo de Distribuidores de Seguros e Reaseguros da Comunidade Autónoma de Galicia dunha persoa axente de seguros vinculada, modificación de datos ou solicitude de cancelación, iniciarase por solicitude da persoa directamente interesada ou da persoa representante, de ser o caso.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo XI) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

4. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 10. Documentación complementaria

1. Coa solicitude achegarase a seguinte documentación:

a) Documento acreditativo da representación, de ser o caso.

b) Datos identificativos das persoas administradoras e altos cargos de acordo co anexo IV. Débese citar e presentar a acreditación do curso de formación superado, de acordo co exixido no Real decreto 287/2021, do 20 de abril, e na Resolución do 3 de xuño de 2021, da DGSFP.

c) Declaración de honorabilidade comercial e profesional das persoas socias con participación significativa, das persoas administradoras, da persoa responsable da actividade de distribución ou, de ser o caso, das persoas que forman parte do órgano de dirección responsable da actividade de distribución de conformidade con anexo V.

d) Declaración de honorabilidade comercial e profesional das persoas que participan directamente na distribución de seguros asinada pola persoa distribuidora, de conformidade co anexo VI.

e) Información relativa á xestión de fondos de clientes de acordo cos datos bancarios solicitados no anexo VIII.

f) Declaración de non incorrer en incompatibilidade de conformidade co anexo IX.

g) Memoria, de acordo co anexo XII xuntando a seguinte información ou documentación:

– Entidades aseguradoras e ramos de seguros en que se proxecta mediar.

– Declaración do ámbito de actuación.

– Medios materiais e persoais: información sobre oficinas e sucursais, copia do modelo de contrato mercantil de colaboración, no caso de prever a contratación de colaboradores externos e acreditación do curso de formación superado, de acordo co exixido na Resolución do 3 de xuño de 2021, da Dirección Xeral de Seguros e Fondos de Pensións.

– Mención expresa ao programa de formación continua.

– Mecanismos adoptados para a solución de conflitos por queixas e reclamacións dos clientes que consiste nunha breve descrición do procedemento previsto para informar os clientes da forma de presentar queixas e reclamación ante os departamentos e servizos de atención ao cliente das entidades aseguradoras coas que teñan subscrito contratos de axencia.

h) Contratos de axencia coas entidades aseguradoras coas que se proxecta mediar.

i) No caso de estar exercendo como axente de seguros exclusivo, consentimento da entidade aseguradora para subscribir contratos con outras entidades ou acreditación da solicitude de baixa, con selo de entrada na compañía de seguros da que é axente exclusivo, na que se comunique a rescisión do contrato de axencia e copia do contrato que conceda esa facultade de rescisión unilateral.

j) Programa de formación continua aplicable segundo o artigo 149.3.e) do Real decreto lei 3/2020, do 4 de febreiro.

k) Xustificación do aboamento das taxas correspondentes cos códigos: 30.41.02 Inscrición dun axente de seguros vinculado, dun corredor de seguros ou de reaseguros, persoa física; 30.41.03 Inscrición dunha sociedade de axencia de seguros ou dun operador de banca-seguros, exclusivos ou vinculados, dunha sociedade de corretoría de seguros ou de reaseguros; 30.41.04 Inscrición de cargos de administración e de dirección responsables das actividades de mediación de seguros ou de reaseguros das sociedades de axencia de seguros ou dos operadores de banca-seguros, exclusivos ou vinculados, de corretoría de seguros ou de reaseguros (por cada alto cargo); 30.41.05 Inscrición de calquera outro acto inscribible ou pola modificación dos inscritos (por cada un deles).

2. As persoas xurídicas interesadas que pretendan operar como axencias de seguros deberán achegar, ademais, coa solicitude a seguinte documentación:

a) Copia da escritura ou do documento de constitución e, de ser o caso, das modificacións posteriores, inscritas no Rexistro Mercantil ou no rexistro correspondente, respectivamente.

b) Declaración de socios de conformidade co anexo XIII, no caso de sociedades mercantís, xuntando a seguinte información ou documentación:

– Capital social e accións ou participacións sociais.

– Identidade das persoas accionistas ou socias que posúan na axencia de seguros unha participación directa ou indirecta, ou das persoas que posúan vínculos estreitos co axente de seguros.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recollidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

Se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

4. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

5. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Sección 4ª. Disposicións comúns

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante, DNI ou NIE da persoa representante e NIF da entidade solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado nos anexos I ou XI e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. No caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Emenda das solicitudes

Se as solicitudes non reúnen os requisitos indicados requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou acompañe os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se lle terá por desistida da súa petición, logo de resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Instrución

1. Os expedientes serán instruídos pola subdirección xeral con competencias en materia de distribución de seguros.

2. Levaranse a cabo os actos de instrución necesarios para verificar o cumprimento dos requisitos para a inscrición exixidos no Real decreto lei 3/2020, do 4 de febreiro, en materia de distribución de seguros. Así mesmo, poderá requirirse as persoas solicitantes a información adicional que se considere necesaria para comprobar o cumprimento dos ditos requisitos, podendo acordarse a suspensión do prazo para resolver nos termos previstos no artigo 22 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 15. Trámite de audiencia e proposta de resolución

1. Instruídos os procedementos, e inmediatamente antes de redactar as propostas de resolución, porase de manifesto ás persoas interesadas ou, de ser o caso, ás persoas representantes, nos termos previstos no artigo 82 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

2. O órgano instrutor elaborará a proposta de resolución que será elevada, xunto co resto do expediente, ao órgano competente para resolver.

Artigo 16. Resolución, prazo para resolver e silencio administrativo

1. A competencia para resolver os procedementos corresponderá á persoa titular da dirección xeral competente en materia de distribución de seguros.

2. As resolucións serán motivadas e congruentes, nos termos exixidos polo artigo 88 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. No caso de cumprimento dos requisitos para a inscrición, nas resolucións acordarase a inscrición da persoa distribuidora de seguros no rexistro.

3. As solicitudes de inscrición serán denegadas cando non se acredite o cumprimento dos requisitos exixidos para a súa concesión.

4. O prazo máximo para ditar e notificar as resolucións será de tres meses desde a entrada das solicitudes no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.

5. De non ditarse e notificarse as resolucións no prazo indicado, as solicitudes entenderanse estimadas por silencio administrativo.

Artigo 17. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sección 5ª. Modificación de datos, cancelación e inactividade

Artigo 18. Modificación de datos

1. As persoas distribuidoras de seguros deberán, nun prazo máximo de quince días hábiles desde o acordo de modificación, notificar á dirección xeral competente en materia de distribución de seguros os cambios na información facilitada, relativos a actos inscritos no rexistro.

2. No caso de modificación de datos inscritos no rexistro, deberá presentarse unha solicitude de modificación de datos, conforme os modelos dos anexos I e XI (códigos de procedemento FA301A e FA301B). A solicitude deberá ir acompañada da documentación e anexos complementarios necesarios, segundo a modificación de que se trate, e presentarase por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

3. No caso de que as modificacións afecten a accións ou participacións significativas dunha sociedade de corretoría, deberá informar previamente para obter a non oposición do órgano competente e xuntar o anexo III xunto coa documentación e anexos complementarios que se especifican no dito anexo.

4. Tras a presentación da solicitude seguiranse os trámites previstos nos artigos 13 a 16. Tamén será de aplicación, no que proceda, o disposto no artigo 11 respecto da comprobación de datos. A competencia para modificar os datos inscritos no rexistro corresponderalle á persoa titular da dirección xeral competente en materia de distribución de seguros. As modificacións solicitadas incorporaranse ao rexistro nos seguintes 3 días hábiles a aquel no que se dispoña da documentación completa para inscribilas.

5. No caso de que as modificacións afecten datos non inscritibles previamente presentados, deberán comunicarse segundo o anexo X. A comunicación deberá ir acompañada da documentación que reflicta os cambios producidos, presentarase por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia e o órgano competente incorporará ao expediente as modificacións comunicadas no prazo de 3 días hábiles desde aquel no que dispoña da documentación completa para as citadas modificacións.

Artigo 19. Solicitude de cancelación

1. A cancelación da inscrición no rexistro realizarase por solicitude expresa, de conformidade co disposto no artigo 190.1.f) do Real decreto lei 3/2020, do 4 de febreiro.

2. No caso de interesar a cancelación da inscrición no rexistro, deberá presentarse unha solicitude, conforme os anexos I e XI (códigos de procedemento FA301A e FA301B). A solicitude deberá ir acompañada da documentación necesaria para acreditar os requisitos para figurar inscrito no rexistro ata o momento da solicitude de cancelación, e presentarase por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Artigo 20. Comunicación de inactividade dos corredores de seguros

1. As persoas corredoras de seguros deberán comunicar a situación de inactividade a través do anexo I (código de procedemento FA301A).

Nesta situación non poderán permanecer por un período superior a 1 ano desde a data de comunicación.

Disposición adicional única. Actualización de modelos normalizados

De acordo coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, os modelos normalizados aplicables na tramitación dos procedementos regulados nesta orde poderán ser actualizados co fin de mantelos adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación dos modelos actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria a súa nova publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto nesta orde, en especial a Orde do 17 de marzo de 2009 pola que se regula o Rexistro Administrativo Especial de Mediadores de Seguros, Corredores de Reaseguros e dos seus altos cargos na Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación

Habilítase a persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de distribución de seguros para adoptar os actos e medidas que sexan necesarias para o desenvolvemento e execución da presente orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2022

Miguel Corgos López-Prado
Conselleiro de Facenda e Administración Pública

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file