Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Venres, 20 de maio de 2022 Páx. 29902

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

RESOLUCIÓN do 12 de maio de 2022 pola que se amplía o prazo de adscrición do vehículo subvencionado á autorización de transporte da serie VT-N previsto na Orde do 29 de decembro de 2020, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a adquisición de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), vehículos taxi de emisións cero e vehículos taxi eco, e se convocan para o exercicio 2021, mediante tramitación anticipada (código de procedemento IF303A).

No Diario Oficial de Galicia número 22, do 3 de febreiro de 2021, publicouse a Orde da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade do 29 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a adquisición de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), vehículos taxi de emisións cero e vehículos taxi eco, e se convocan para o exercicio 2021, mediante tramitación anticipada (código de procedemento IF303A).

O artigo 18.2 da dita orde establece que «os beneficiarios da subvención asumen a obriga de ter adscrito o vehículo á autorización de transporte da serie VT-N antes do 1 de xullo de 2022. A Dirección Xeral de Mobilidade comprobará de oficio que se realizou a adscrición. De non terse realizado, procederá o reintegro das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de mora correspondentes desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, consonte o previsto no artigo 33.1.b) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (...)».

Porén, a situación extraordinaria actual ocasionada pola crise dos microchips está a provocar importantes atrasos xeneralizados na subministración de materias primas e semicondutores ou microchips. Esta crise global de compoñentes está obstaculizando o ritmo de fabricación dos vehículos, o que está ralentizando a entrega destes aos beneficiarios das axudas, polo que se considera preciso ampliar o prazo inicialmente establecido na orde para a adscrición do vehículo á autorización de transporte da serie VT-N, prazo que remata o 1 de xullo de 2022.

En canto á ampliación do prazo previsto na orde, o artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, establece que «O órgano concedente da subvención poderá outorgar, salvo precepto en contra establecido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación que non exceda a metade deste, e sempre que non se prexudiquen dereitos de terceiros».

Este artigo está en consonancia co previsto no artigo 32.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, que establece que a ampliación ten que solicitarse antes de que remate o prazo previsto:

«Tanto a petición dos interesados como a decisión sobre a ampliación deberán producirse, en todo caso, antes do vencemento do prazo de que se trate. En ningún caso poderá ser obxecto de ampliación un prazo xa vencido».

Os beneficiarios das axudas están padecendo atrasos importantes nos prazos de entrega dos vehículos ocasionados por circunstancias extraordinarias e alleas á súa vontade, polo que se considera preciso ampliar este prazo ata o 31 de decembro de 2022.

A disposición derradeira primeira da orde, baixo a epígrafe «Habilitación para o desenvolvemento», faculta a persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade para que dite as resolucións que sexan precisas para a correcta execución desta orde.

De conformidade con todo o indicado,

RESOLVO:

Ampliar o prazo previsto no artigo 18.2 da Orde do 29 de decembro de 2020 ata o 31 de decembro de 2022.

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade
P.D. (Orde do 29.12.2020; DOG núm. 22, do 3.2.2021)
Ignacio Maestro Saavedra
Director xeral de Mobilidade