Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Luns, 23 de maio de 2022 Páx. 30185

III. Outras disposicións

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

ORDE do 22 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a transformación dixital e modernización do sector comercial e artesanal e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CO300C).

A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación é o órgano encargado de exercer as competencias que, en materia de comercio interior, o artigo 30.I.4 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúe á nosa comunidade autónoma.

O Decreto 230/2020, do 23 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, establece que lle corresponde á Dirección Xeral de Comercio e Consumo a planificación, coordinación e control das competencias da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación en materia de comercio interior.

Dentro destas cabe sinalar, especificamente, a promoción, o fomento, a modernización e o desenvolvemento do comercio e a programación e a xestión de axudas destinadas a estes fins.

O comercio retallista é un sector en constante evolución que ten que adaptarse á realidade actual e dar resposta aos novos hábitos de compra das persoas consumidoras.

Por unha banda, a modernización da actividade comercial e artesanal é fundamental para incrementar a competitividade do sector, ofrecendo produtos de calidade e deseños únicos e personalizados que melloren a experiencia de compra da clientela e contribúan a afianzar o recoñecemento dos establecementos comerciais retallistas e o seu posicionamento no mercado.

Por outra banda, a dixitalización é un reto ineludible para o sector comercial galego.

Durante a pandemia da COVID-19, as medidas sanitarias adoptadas influíron dun xeito indubidable na actividade social e económica, afectando especialmente o sector comercial e artesanal. Neste contexto, e como consecuencia das limitacións de capacidades e restricións de mobilidade implementadas na Comunidade Autónoma, os establecementos comerciais víronse obrigados a buscar outras canles de comercialización e a incorporar, de forma repentina, ferramentas para a súa dixitalización.

Na actualidade, tras os efectos derivados da crise sanitaria, os comercios retallistas e os obradoiros artesáns teñen que adecuarse á nova realidade e introducir novas tecnoloxías dirixidas a transformar dixitalmente os seus negocios dunha forma progresiva e coherente coas necesidades do sector. Con este fin, establécense nesta orde de axudas dous módulos distintos en función do grao de dixitalización dos comercios e obradoiros artesáns: o módulo I ten por obxecto a dixitalización básica da contorna comercial omnicanle e a posta en marcha da actividade comercial con venda en liña, mentres que o módulo II comprende a mellora das ferramentas de márketing dixital e dos sistemas dixitais, así como outras actuacións de dixitalización comercial.

Con estes obxectivos, a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación pon en marcha esta orde de axudas para impulsar a transformación dixital e a modernización do sector comercial e artesanal.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación en materia de comercio interior, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, para a transformación dixital e modernización do sector comercial e artesanal (código de procedemento CO300C).

Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2022.

Para a concesión destas subvencións destínanse 6.000.000,00 € con cargo á aplicación orzamentaria 06.03.751A.770.1 «Transformación dixital e modernización do sector comercial e artesanal» dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022.

Esta cantidade poderase incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito, cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, á existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 2. Solicitudes

Para poder ser unha persoa beneficiaria da subvención deberá presentarse unha solicitude dirixida á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo IV desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 5 das bases reguladoras.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 4. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez finalizado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a cinco meses, contados a partir do día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo para resolver sen que recaia resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que a persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código CO300C, poderase obter información a través dos seguintes medios:

1. Na guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal

2. Na páxina web oficial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación http://ceei.xunta.gal/portada, na súa epígrafe de axudas.

3. Nos teléfonos 981 54 55 25, 981 54 55 48, 981 54 59 15 ou 981 54 54 19 da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

4. No enderezo electrónico cei.dxc.axudas@xunta.gal

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia: 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

5. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Artigo 9. Recursos

Contra a presente orde, que pon fin a vía administrativa, poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional única. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co establecido no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2022

Francisco José Conde López
Vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a transformación dixital e modernización do sector comercial e artesanal e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CO300C)

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a concesión de subvencións para a transformación dixital e modernización do sector comercial e artesanal.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos (200.000 euros nun período de tres anos) establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 24.12.2013, L352/1).

3. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse subvencionables os gastos e investimentos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actuación subvencionada.

En concreto, consideraranse subvencionables as actuacións previstas no artigo 4, sempre que estas sexan realizadas e efectivamente pagadas desde o 1 de decembro de 2021 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 20, pola incidencia que nos sectores do comercio e da artesanía teñen tanto o período de rebaixas de inverno como a campaña de Nadal, que son para moitos establecementos o momento idóneo para o lanzamento de novas propostas comerciais, en establecementos e a través da canle dixital.

Artigo 2. Financiamento e concorrencia

As subvencións que se establezan para as actuacións previstas nesta orde financiaranse con crédito con cargo á aplicación orzamentaria 06.03.751A.770.1 «Transformación dixital e modernización do sector comercial e artesanal» por un importe total de 6.000.000,00 euros.

A natureza desta subvención xustifica realizar pagamentos anticipados que supoñerán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes a esta de ata un 50 % da subvención concedida, nos termos establecidos no artigo 6.

A concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

O importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illada ou en concorrencia con outras axudas e subvencións das distintas administracións ou calquera dos seus entes públicos e privados, nacionais ou internacionais, supere o custo total do investimento subvencionable.

As subvencións previstas nesta orde serán incompatibles con calquera outra da mesma ou distinta consellería, para os mesmos conceptos subvencionables e mesma persoa beneficiaria.

Artigo 3. Persoas e entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases e sempre que nas persoas solicitantes non concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, legalmente constituídas que, en todo caso, cumpran ademais os seguintes requisitos:

1. Comerciantes retallistas:

a) Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia, que o domicilio social radique na Comunidade Autónoma, que non teñan a consideración de grande establecemento comercial segundo a normativa aplicable e que cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade. No caso de comerciantes que realicen a actividade comercial en liña, deberán ter o domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Que, tendo a condición de peme conforme os requisitos establecidos pola Comisión Europea no Regulamento da Unión Europea 651/2014 (DOUE 187, do 26 de xuño), teñan un número de empregados/as igual ou inferior a vinte (20), incluídas as persoas en situación de autoemprego.

c) Que estean dados de alta nalgunhas das epígrafes do IAE que se relacionan no anexo II e III e que esta constitúa a actividade principal da persoa solicitante. No caso de que a actividade principal sexa unha actividade das epígrafes relacionadas no anexo III, deberá estar dado de alta nalgunha actividade comercial relacionada no anexo II.

d) Que desenvolvan a actividade comercial nun establecemento comercial cunha superficie de exposición e venda igual ou inferior a 300 metros cadrados, agás que a actividade comercial se encadre na epígrafe 653.1 do IAE.

2. Obradoiros artesáns:

Que estean inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. En caso de novos obradoiros, poderán solicitar a inscrición no dito rexistro ata o último día do prazo establecido para a presentación de solicitudes.

Non poderán ser beneficiarias destas axudas: as empresas en crise, conforme a definición prevista no artigo 2 número 18 do Regulamento (CE) nº 651/2014, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE 26.6.2014, L 187/1), nin aquelas persoas que, tendo sido beneficiarias do procedemento CO300C, renunciasen ou perdesen o dereito ao cobramento da subvención no ano 2021.

Artigo 4. Actuacións subvencionables

1. Considéranse actuacións subvencionables:

1.1. Liña de dixitalización comercial.

Establécense dous módulos de actuacións subvencionables en función do grao de dixitalización do comercio. A realización das actuacións do módulo I e as do módulo II son incompatibles e excluíntes entre si.

Obradoiros artesáns e comerciantes retallistas con tenda física

Módulo I

Sen páxina web

Todas as actuacións do módulo I (obrigatorias)

Módulo II

Con páxina web sen venda en liña

Actuacións do módulo II letra a)

Con páxina web con venda en liña

Actuacións do módulo II letra b)

Comerciantes retallistas sen tenda física

Módulo I

Todas as actuacións do módulo I (obrigatorias)

Módulo II

Actuacións do módulo II

1.1.1. Obradoiros artesáns e comerciantes retallistas con tenda física:

Módulo I.

Obradoiros artesáns e comerciantes retallistas con tenda física sen páxina web ou páxina web sen actualizar:

Actuación subvencionable: a dixitalización básica da contorna comercial omnicanle, que supón obrigatoriamente a realización do conxunto das seguintes actuacións:

– Implantación ou actualización de páxina web sen venda en liña. A páxina web deberá cumprir os requisitos que figuran no punto 1.1.3.a).

– Hardware (sistema TPV ou tablet) e lector de código de barras.

– Software de pagamento adaptado á actividade comercial desenvolvida (máximo 12 meses).

– Impresora de código de barras térmica 1D/2D.

– Ferramentas de márketing dixital (SEO, SEM, ADS, inbound marketing, CRM, web analytics).

Módulo II.

a) Obradoiros artesáns e comerciantes retallistas con tenda física e páxina web sen venda en liña, que teñan implantadas todas as actuacións do módulo I:

Actuacións subvencionables:

– Implantación de páxina web con venda en liña. A páxina web deberá cumprir os requisitos que figuran no punto 1.1.3.a).

– Sistemas dixitais de stock integrado no punto de venda.

– Ferramentas de márketing dixital (SEO, SEM, ADS, inbound marketing, CRM, web analytics).

– Loxística e-commerce, que deberá cumprir os requisitos que figuran no punto 1.1.3.b).

– Xestor de redes sociais, máximo 12 meses dentro do período subvencionable e cos requisitos que figuran no punto 1.1.3.c).

b) Obradoiros artesáns e comerciantes retallistas con tenda física e páxina web con venda en liña, que teñan implantadas todas as actuacións do módulo I:

Actuacións subvencionables:

– Mantemento da páxina web (máximo 12 meses). A páxina web deberá cumprir os requisitos que figuran no punto 1.1.3.a).

– Melloras dos sistemas dixitais de stock integrado no punto de venda.

– Melloras das ferramentas de márketing dixital (SEO, SEM, ADS, inbound marketing, CRM, web analytics).

– Loxística e-commerce, que deberá cumprir os requisitos que figuran no punto 1.1.3.b).

– Sistemas de click and collect.

– Xestor de redes sociais, máximo 12 meses dentro do período subvencionable e cos requisitos que figuran no punto 1.1.3.c).

– Imaxe dixital.

– Sistemas dixitais de control de accesos.

Investimentos máximos subvencionables (IVE excluído):

Módulo

Actuación subvencionable

Investimento máximo subvencionable

Sen empregados/as

De 1 a 10 empregados/as

De 11 a 20 empregados/as

Módulo I

Implantación ou actualización de páxina web sen venda en liña

800,00 €

800,00 €

800,00 €

Hardware (sistema TPV ou tablet) e lector de código de barras

800,00 €

1.200,00 €

1.500,00 €

Software de pago adaptado á actividade comercial desenvolvida (máximo 12 meses)

800,00 €

1.200,00 €

1.500,00 €

Impresora de código de barras térmica 1D/2D

200,00 €

200,00 €

200,00 €

Ferramentas de márketing dixital (SEO, SEM, ADS, inbound marketing, CRM, web analytics)

1.200,00 €

2.000,00 €

3.000,00 €

Total módulo I

3.800,00 €

5.400,00 €

7.000,00 €

Módulo II.a)

Implantación de páxina web con venda en liña

1.200,00 €

2.000,00 €

3.000,00 €

Sistemas dixitais de stock integrado no punto de venda

500,00 €

2.000,00 €

10.000,00 €

Ferramentas de márketing dixital (SEO, SEM, ADS, inbound marketing, CRM, web analytics)

1.200,00 €

2.000,00 €

3.000,00 €

Loxística e-commerce

600,00 €

1.000,00 €

2.000,00 €

Xestor de redes sociais (máximo 12 meses)

500,00 €

1.000,00 €

2.000,00 €

Total módulo II letra a)

4.000,00 €

8.000,00 €

20.000,00 €

Módulo II.b)

Mantemento da páxina web (máximo 12 meses)

1.200,00 €

1.200,00 €

1.200,00 €

Melloras dos sistemas dixitais de stock integrado no punto de venda

250,00 €

1.000,00 €

5.000,00 €

Melloras das ferramentas de márketing dixital (SEO, SEM, ADS, inbound marketing, CRM, web analytics)

600,00 €

1.000,00 €

1.500,00 €

Loxística e-commerce

600,00 €

1.000,00 €

2.000,00 €

Sistemas de click and collect

2.000,00 €

2.000,00 €

2.000,00 €

Xestor de redes sociais (máximo 12 meses)

500,00 €

1.000,00 €

2.000,00 €

Imaxe dixital

500,00 €

1.000,00 €

2.000,00 €

Sistemas dixitais de control de accesos

500,00 €

1.000,00 €

2.000,00 €

Total módulo II letra b)

6.150,00 €

9.200,00 €

17.700,00 €

1.1.2. Comerciantes retallistas sen tenda física:

Módulo I.

Comerciantes retallistas sen tenda física:

Actuación subvencionable: a posta en marcha da actividade comercial con venda en liña, que supón obrigatoriamente a realización do conxunto das seguintes actuacións:

– Implantación ou actualización de páxina web con venda en liña. A páxina web deberá cumprir os requisitos que figuran no punto 1.1.3.a).

– Sistemas dixitais de stock integrado.

– Ferramentas de márketing dixital (SEO, SEM, ADS, inbound marketing, CRM, web analytics).

– Loxística e-commerce, que deberá cumprir os requisitos que figuran no punto 1.1.3.b).

– Xestor de redes sociais, máximo 12 meses dentro do período subvencionable e cos requisitos que figuran no punto 1.1.3.c).

– Imaxe dixital.

Módulo II.

Comerciantes retallistas sen tenda física, que teñan implantadas todas as actuacións do módulo I:

Actuacións subvencionables:

– Mantemento da páxina web (máximo 12 meses). A páxina web deberá cumprir os requisitos que figuran no punto 1.1.3.a).

– Melloras dos sistemas dixitais de stock integrado.

– Melloras das ferramentas de márketing dixital (SEO, SEM, ADS, inbound marketing, CRM, web analytics).

– Loxística e-commerce, que deberá cumprir os requisitos que figuran no punto 1.1.3.b).

– Xestor de redes sociais, máximo 12 meses dentro do período subvencionable e cos requisitos que figuran no punto 1.1.3.c).

– Imaxe dixital.

Investimentos máximos subvencionables (IVE excluído):

Módulo

Actuación subvencionable

Investimento máximo subvencionable

Sen empregados/as

De 1 a 10 empregados/as

De 11 a 20 empregados/as

Módulo I

Implantación ou actualización de páxina web con venda en liña

1.200,00 €

2.000,00 €

3.000,00 €

Sistemas dixitais de stock integrado

500,00 €

2.000,00 €

10.000,00 €

Ferramentas de márketing dixital (SEO, SEM, ADS, inbound marketing, CRM, web analytics)

1.200,00 €

2.000,00 €

3.000,00 €

Loxística e-commerce

600,00 €

1.000,00 €

2.000,00 €

Xestor de redes sociais (máximo 12 meses)

500,00 €

1.000,00 €

2.000,00 €

Imaxe dixital

500,00 €

1.000,00 €

2.000,00 €

Total módulo I

4.500,00 €

9.000,00 €

22.000,00 €

Módulo II

Mantemento da páxina web (máximo 12 meses)

1.200,00 €

1.200,00 €

1.200,00 €

Melloras dos sistemas dixitais de stock integrado

250,00 €

1.000,00 €

5.000,00 €

Melloras das ferramentas de márketing dixital (SEO, SEM, ADS, inbound marketing, CRM, web analytics)

600,00 €

1.000,00 €

1.500,00 €

Loxística e-commerce

600,00 €

1.000,00 €

2.000,00 €

Xestor de redes sociais (máximo 12 meses)

500,00 €

1.000,00 €

2.000,00 €

Imaxe dixital

500,00 €

1.000,00 €

2.000,00 €

Total módulo II

3.650,00 €

6.200,00 €

13.700,00 €

1.1.3. Requisitos das actuacións subvencionables.

a) Páxinas web.

As páxinas web deberán ter as seguintes características técnicas:

– Rexistro do dominio por un período dun ano, en que figure como titular o negocio para o que se desenvolve o servizo.

– Proporcionar o aloxamento (hosting) durante un ano, para que a web estea dispoñible durante ese período de tempo.

– O hosting deberá dispoñer de certificado para comunicacións seguras SSL e estar configurado para que empregue o protocolo HTTPS.

– A páxina web debe conter, polo menos, 4 seccións ou epígrafes tales como inicio, empresa, servizos ou produtos e contacto.

– Sen prexuízo das seccións ou epígrafes anteriores, a web deberá incluír aqueles textos legais necesarios para o cumprimento normativo, así como un sistema de xestión de cookies que lle permita seleccionar ao usuario as cookies ou grupos de cookies que desexa autorizar para instalar segundo a finalidade destas.

– Web autoxestionable: deberá contar cun panel de xestión dos contidos para que o beneficiario poida cambiar a información do sitio web.

– Web responsive: debe estar adaptada a todos os dispositivos.

– Incorporaranse ligazóns ás redes sociais da empresa se esta dispón delas.

– A web deberá ser desenvolvida para o comercio nun xestor de contidos (CMS) ou a medida, de forma que permita o aceso ao código para futuros cambios e melloras da web con independencia da empresa que a desenvolva. A web deberá ser en propiedade e nunca en alugamento. Exclúense desta subvención as solucións cloud propietarias e pechadas.

– A páxina web contará cunha optimización SEO básica que implicará que todas as páxinas leven título, descrición e os elementos fundamentais como un robots.txt axeitado e un sitemap do sitio.

– As imaxes deberán estar optimizadas empregando a resolución óptima para web de 72 dpi e procurando que o seu peso sexa o menor posible.

– Deberá ter instalada unha ferramenta de analítica web para o coñecemento do tráfico da páxina por parte do negocio.

No caso de páxinas webs con venda en liña, ademais das características técnicas previstas anteriormente, deberán:

– Dispoñer dun sistema de xestión para a venda dos produtos por parte do comerciante.

– No caso de que se solicite a ferramenta de xestión, estar sincronizada co sistema de xestión do establecemento comercial.

– Ter dispoñible para a venda en liña un mínimo do 50 % das referencias de que se dispoñen na tenda física.

– Ter pasarela de pagamento.

As páxinas webs deberán cumprir as seguintes consideracións legais en materia de información:

Todas as webs deberán cumprir coa Lei 34/2002, do 11 de xullo, de servizos da sociedade da información e do comercio electrónico. Especificamente, deberán contar cun aviso legal onde figure a información do responsable do sitio e as condicións xerais de uso da web. Incluirán, polo tanto: a páxina de política de cookies e o aviso legal.

Adicionalmente, incluirán a páxina de política de privacidade, en que se especificarán as condicións do tratamento dos datos persoais (RGPD e LOPDGDD).

Así mesmo, deberán cumprir cos requisitos exixidos no Real decreto lexislativo 1/2007, do 16 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral para a defensa dos consumidores e usuarios e outras leis complementarias, en especial o contido no artigo 97 (información contractual), e nos artigos relativos ás cláusulas abusivas (artigos 82 a 91).

Deberán ter en conta, ademais, o establecido no Regulamento da UE 524/2013 do Parlamento Europeo e Consello, do 31 de maio de 2013, sobre resolución de litixios en liña en materia de consumo e polo que se modifica o Regulamento da CE nº 2006/2004 e a Directiva 2009/22/CE, así como a Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral de persoas consumidoras e usuarias.

Todo isto sen prexuízo do cumprimento das demais disposicións vixentes que en materia de servizos da sociedade da información e de comercio electrónico e de defensa dos consumidores lles sexa de aplicación.

b) Loxística e-commerce

Os gastos loxísticos e de transporte de envíos en liña ao domicilio ou punto de entrega da persoa consumidora deberán ser realizados por un operador loxístico externo.

c) Xestor de redes sociais.

Os servicios profesionais de xestión de redes sociais deberán incluír, como mínimo:

– Un mínimo de dúas publicacións en redes sociais por semana e un plan de contidos mensual consensuado co negocio.

– Contidos multiformato: texto, imaxe, vídeo, story sobre a empresa, o sector e as áreas relacionadas co negocio que poidan interesar as persoas seguidoras das súas redes sociais.

– Imaxes non pixeladas e cun mínimo de 72 dpi e 600x600 píxeles.

– Creación e deseño de contidos de calidade que melloren a imaxe dos produtos e o posicionamento da empresa.

1.2. Liña de modernización comercial.

Obradoiros artesáns e comerciantes retallistas con tenda física.

Considéranse actuacións subvencionables a adquisición, en réxime de propiedade, de equipamentos propios da actividade comercial e artesanal, que deberán ser en todo caso de primeiro uso; en concreto, maquinaria, ferramentas ou equipamento auxiliar, de fabricación externa cualificada, directamente relacionada coa actividade comercial ou artesanal, así como outra maquinaria, ferramentas ou equipamento auxiliar, de fabricación externa cualificada, directamente relacionada coa actividade comercial ou artesanal que melloren o deseño e a calidade do produto final.

O investimento máximo subvencionable para a adquisición de equipamentos propios da actividade comercial e artesanal é de 7.000,00 € (IVE excluído).

2. Intensidade da axuda:

A porcentaxe da subvención será o 80 % dos investimentos máximos subvencionables detallados no punto anterior.

3. Non se consideran gastos subvencionables:

a) A adquisición de ordenadores, dispositivos móbiles, televisores, reprodutores de son e imaxe e terminais ou lectores de tpv, agás os establecidos no módulo I.

b) Adquisición de maquinaria propia de procesos industriais, no caso de artesáns, e adquisición de maquinaria e instrumentos propios de servizos profesionais. Investimentos destinados a locais para uso da actividade artesanal.

c) A adquisición de materia prima da actividade artesanal.

d) Aqueles que non estean directamente vinculados coa realización da actuación subvencionable.

Segundo o artigo 29.8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en ningún caso se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

En ningún caso o custo da adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Artigo 5. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude, anexo IV, a seguinte documentación:

a) Acta, escritura ou documento de constitución, estatutos e, se é o caso, modificación deles, debidamente legalizados, de ser o caso. A referida documentación deberá acreditar que o seu obxecto social abrangue a actividade para a cal se solicita a subvención.

b) Documento acreditativo de poder bastante para actuar ante a Administración da persoa representante legal da persoa solicitante ou poderá achegar, debidamente cuberto e asinado, o modelo de representación para procedementos ante a Xunta de Galicia que figura na sede electrónica.

c) No caso de agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica: deberán constar expresamente (anexo V) os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación e o importe de subvención que se aplicará por cada un, que terán igualmente a consideración de persoas beneficiarias. Deberá nomearse unha persoa representante única da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que corresponden á agrupación. Non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei de subvencións de Galicia.

d) Se a persoa solicitante está dada de alta no IAE nunha actividade económica do anexo II ou III e noutra ou noutras que non sexan subvencionables deberá xustificar cal delas é a principal:

– No caso de sociedades presentarán a declaración anual do IVE (modelo 390) do ano anterior. No suposto de sociedades constituídas con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2022 substituirase ese documento pola declaración responsable contida no anexo VII.

– As comunidades de bens, sociedades civís e persoas físicas acreditarán cal das actividades é a principal mediante a declaración responsable contida no anexo VII.

A Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá solicitar os documentos preceptivos co obxecto de efectuar as comprobacións oportunas. De non cumprir co asinado na declaración responsable, procederase ao inicio do expediente de reintegro da subvención concedida de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Informe emitido pola Seguridade Social de todos os códigos de conta de cotización da persoa solicitante ou, se é o caso, certificación da Seguridade Social da non existencia de persoas traballadoras.

f) Memoria que deberá incluír:

– Unha descrición detallada de cada unha das actuacións concretas para as cales se solicita a subvención.

– Os obxectivos e a valoración económica das actuacións que se pretenden executar cun orzamento desagregado en que se detallen de forma separada os conceptos e custos obxecto da axuda.

– A planificación temporal estimativa da realización das actuacións.

– O grao de dixitalización existente na empresa no momento da solicitude e os obxectivos que se pretende, acadar coa axuda: páxina web implantada, de ser o caso, ferramentas de márketing utilizadas e redes sociais dispoñibles.

– Declaración responsable, debidamente asinada, de ter implantadas todas as actuacións do módulo I, no caso de solicitar as actuacións establecidas no módulo II.

g) Facturas ou, na súa falta, facturas pro forma ou orzamento detallado de gastos previstos para a realización de cada unha das actividades ou adquisicións para as cales se solicita subvención. Non terán a consideración de orzamentos as estimacións de gastos realizadas pola persoa solicitante e que carezan do soporte da oferta do provedor ou tarifa oficial do gasto, nin se admitirán aqueles orzamentos que non presenten a suficiente desagregación para determinar o carácter subvencionable dos conceptos relacionados nel.

Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de persoas ou entidades que as realicen, presten ou subministren, ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberá achegarse na xustificación, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección dos provedores cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

h) Para os efectos sinalados no artigo 11 destas bases, achegarase, de ser o caso, a seguinte documentación acreditativa que, en ningún caso, será obxecto de requirimento:

Declaración responsable, debidamente asinada, sobre o cumprimento dos criterios de valoración establecidos na letra d) do artigo 11 coa identificación da empresa provedora, ano da contratación e importe aboado no caso de contratación con provedores de empresas de inserción social ou, de ser o caso, indicación do número de persoas e grao de discapacidade por ter no cadro de persoal persoas empregadas con capacidades diferentes ou, de ser o caso, a descrición das medidas implantadas de xestión de residuos e o contrato celebrado coa empresa encargada da súa recollida.

No caso de implantación de economía verde ou economía circular, documentación que acredite fidedignamente as actuacións desenvolvidas.

No caso de ser obxecto dun remuda xeracional nos últimos cinco anos, declaración responsable do traspaso do negocio.

Para os efectos desta orde, entenderase que existe remuda xeracional, en caso de sociedades, cando se produza a correspondente modificación da escritura; en caso de agrupacións de persoas físicas ou xurídicas privadas sen personalidade xurídica, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, cando se modifique a acta, a escritura ou o documento de constitución ou os estatutos; e en caso de autónomos, cando se produza a alta e baixa no réxime de autónomos da persoa que toma a remuda e da persoa remudada.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Pagamento anticipado

1. O solicitante poderá solicitar, no prazo de dez días hábiles desde a notificación da concesión da subvención, o pagamento anticipado, que supoñerán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, de ata un 50 % da subvención concedida, coa obriga de constituír garantía no caso de subvencións superiores a 18.000,00 euros, nos termos previstos a continuación.

2. A garantía constituirase mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca que deberá alcanzar, como mínimo, ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación previsto nas bases reguladoras ou na convocatoria.

3. A garantía deberá cubrir o 110 % do importe das cantidades aboadas á conta ou das cantidades anticipadas, calquera que sexa o prazo de xustificación previsto na convocatoria.

4. Unicamente serán admisibles as garantías presentadas por terceiros cando o fiador preste fianza con carácter solidario, renunciando expresamente ao dereito de excusión.

5. O avalista ou asegurador será considerado parte interesada nos procedementos que afecten directamente a garantía prestada nos termos previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

6. As garantías deberán constituírse na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia ou nas súas sucursais, situadas nas delegacións territoriais da consellería competente en materia de facenda.

7. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude de anticipo, anexo IX, a declaración doutras axudas, anexo VII, debidamente asinadas, e no caso de que a subvención concedida sexa superior a 18.000,00 euros, deberán achegar, ademais, o resgardo orixinal do depósito da garantía na Caixa Xeral de Depósitos.

A concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada do órgano correspondente.

En ningún caso poderán realizarse pagamentos anticipados a beneficiarios cando se solicitase a declaración de concurso, fosen declarados insolventes en calquera procedemento ou se atopen declarados en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio, estean suxeitos a intervención xudicial ou sexan inhabilitados conforme a Lei 22/2003, do 9 de xullo, concursal, sen que concluíse o período de inhabilitación fixado na sentenza de calificación do concurso.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) DNI ou NIE da persoa representante.

d) Imposto de actividades económicas.

e) Certificado de renda.

f) Certificado de estar ao día no pagamento coa AEAT para subvencións e axudas.

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

h) Certificado de estar ao día no pagamento coa Comunidade Autónoma de Galicia para percibir axudas e subvencións.

i) Consulta de concesións de subvenciones e axudas.

j) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

k) Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos pertinentes. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa solicitante ou persoa representante para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Órganos competentes

A Dirección Xeral de Comercio e Consumo será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, así como para realizar a proposta de resolución ao/a conselleiro/a, correspondendo a persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación ditar a resolución que corresponda, sen prexuízo da delegación noutros órganos.

Artigo 9. Instrución dos procedementos

1. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se considerará que desiste da súa solicitude, logo da resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 7 resulta que a persoa solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma ou coa Seguridade Social, ou no suposto de que sexa necesario achegar calquera outra documentación, logo de aplicarse o disposto na liña d) do artigo 53.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os requirimentos citados de emenda poderanse facer mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará no taboleiro electrónico de anuncios da páxina web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación ao cal se remitirá desde o texto publicado no Diario Oficial de Galicia, e poderase facer indicación de que os seguintes actos administrativos deste procedemento serán notificados a través do citado taboleiro. Se a instrución do procedemento o aconsella, o órgano competente poderá substituír esta publicación no Diario Oficial de Galicia e na web pola notificación individualizada, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderá requirirse a persoa solicitante para que xunte cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á Comisión Avaliadora, de acordo co establecido no artigo seguinte.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 10. Comisión de Valoración

1. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación das subvencións ás persoas interesadas.

Para os efectos de valorar as solicitudes e propoñer ás persoas solicitantes con dereito a obter a subvención, a Comisión de Valoración aplicará os criterios de valoración para determinar a concorrencia competitiva entre as persoas solicitantes das actuacións definidas no artigo 4.

Na proposta de concesión que formule a comisión figurarán, de xeito individualizado, as persoas solicitantes propostas para obter a subvención, e especificarase a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos no artigo seguinte. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada unha delas, ata esgotar o crédito dispoñible.

2. O resto das actuacións subvencionables quedará en reserva para ser atendidas, ben co crédito que quedase libre de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co incremento dos créditos orzamentarios destinados a estas subvencións. Para estes efectos, poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

3. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

• Presidencia: subdirector/a da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

• Vogais:

Un/unha xefe/a de servizo da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

Un/unha xefe/a de sección da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

Un/unha funcionario/a da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, que fará as funcións de secretario/a.

Artigo 11. Criterios de valoración

Os criterios de valoración que servirán de base para a determinación da contía e da preferencia na concesión das subvencións, relacionados por orde decrecente, serán os seguintes:

a) Pola calidade técnica, detalle e coherencia da memoria presentada, cunha descrición das actuacións e dos obxectivos para os que se solicita a subvención: de 1 a 3 puntos.

b) Por exercer a actividade nun municipio rural:

– De menos de 5.000 habitantes: 2 puntos.

– De 5.000 habitantes ata 10.000 habitantes: 1 punto.

c) Por exercer a actividade comercial nun concello fusionado: 2 puntos.

d) Pola contratación con provedores de empresas de inserción social nos últimos 3 anos ou ser titular ou ter no cadro de persoal persoas empregadas con capacidades diferentes, ou por ter implantada algunha medida de xestión de residuos na xestión da actividade artesanal ou comercial, implantación de economía verde e economía circular: 2 puntos.

e) Por estar adherido ao programa do e-ticket dixital posto en marcha pola Xunta de Galicia en colaboración coa Federación Galega de Comercio: 2 puntos.

f) Por iniciar a actividade empresarial no ano 2020 ou 2021 (alta no IAE no ano 2020 ou 2021): 2 puntos.

g) Por levarse a cabo unha remuda xeracional nos últimos cinco anos: 1 punto.

h) Por ser a persoa beneficiaria ou a persoa representante da persoa xurídica beneficiaria, un/unha mozo/a, de idade igual ou menor a 30 anos: 1 punto.

i) Por ser a persoa titular do taller ou establecemento comercial ou a representante da sociedade unha muller: 1 punto.

j) Pola adhesión ao sistema arbitral de consumo con carácter indefinido: 1 punto.

No caso de comerciantes retallistas que non posúan establecemento comercial aberto, para os efectos das letras b) e c) considerarase o municipio de exercicio e desenvolvemento da súa actividade aquel onde radique o domicilio social.

Unha vez esgotado o crédito dispoñible, no caso de que máis dunha solicitude obteña a mesma puntuación, utilizarase como criterio de desempate a maior puntuación obtida na orde de prelación establecida neste artigo referida aos criterios indicados.

De persistir o empate, logo de aplicados os criterios de valoración, atenderase a data e hora de presentación das solicitudes e prevalecerá a solicitude cuxa data e hora de presentación fose anterior segundo conste no Rexistro Electrónico Xeral, e, en último caso, prevalecerá aquela á que o sistema lle asignase automaticamente o número de entrada máis baixo.

Artigo 12. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, poñerase de manifesto as persoas interesadas para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polas persoas interesadas.

Artigo 13. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o/a instrutor/a formulará a proposta de resolución, que se elevará, a través do órgano instrutor, á persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

2. A persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía, ou, se é o caso, a causa de denegación.

A dita resolución será publicada na web http://ceei.xunta.gal e notificada individualmente ás persoas beneficiarias, de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 45 da mesma lei, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo da actividade que desenvolverá a persoa beneficiaria ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecida.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás persoas interesadas será de cinco meses contados a partir do día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que recaia resolución expresa, as/os interesadas/os poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Nesa notificación comunicarase o importe previsto da axuda, expresado en equivalente bruto de subvención, e o seu carácter de axuda de minimis, en aplicación do Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 24.12.2013, L352/1).

As resolucións de inadmisión ou desestimación de solicitudes notificaranse individualmente, con indicación das súas causas. Non obstante, poderase substituír a dita notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia, coa indicación de que as persoas non beneficiarias consulten a información detallada da súa resolución nun taboleiro da citada web.

Artigo 14. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se a resolución non for expresa, a persoa solicitante e outras posibles persoas interesadas poderán interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que a resolución debería ter sido ditada.

b) Recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 15. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión da subvención poderá acordar a modificación da resolución a instancia da persoa beneficiaria, cumpríndose, en todo caso, os seguintes requisitos:

1º. Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

2º. Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

3º. Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supoñan a denegación da axuda ou subvención.

3. A persoa ou entidade beneficiaria deberá solicitar a modificación mediante instancia dirixida á persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos sinalados no punto anterior, cun límite de 40 días hábiles antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento subvencionado, sen prexuízo do disposto no artigo 59 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo órgano concedente despois da instrución do correspondente expediente, en que se dará audiencia as persoas interesadas na forma prevista no artigo 12 destas bases.

Artigo 16. Renuncia

A renuncia á subvención, debidamente motivada, poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da mesma lei.

Artigo 17. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas da persoa beneficiaria:

1º. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

2º. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

3º. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente, ou a calquera outra actuación de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

4º. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, especificando aquelas axudas de minimis obtidas, para os efectos de poder comprobar o cumprimento do límite cuantitativo ao que fai referencia o artigo 1.2 destas bases. Así mesmo, comunicar a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

5º. Acreditar con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión que se atopa ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte a Seguridade Social, e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, nos termos previstos no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6º. Manter os investimentos subvencionados coa axuda outorgada e a aplicación dos fondos recibidos, durante un período de dous anos desde a súa concesión.

7º. Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso.

8º. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da devandita lei.

9º. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

Artigo 18. Obrigas específicas de publicidade

Adoptar as medidas de difusión contidas no punto 3 do artigo 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

As persoas beneficiarias deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. En concreto, as persoas beneficiarias das axudas deberán facer constar o cofinanciamento dos activos adquiridos ao abeiro desta axuda con fondos da Xunta de Galicia a través da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación. Para isto empregarán carteis, banners ou na web, a lenda «Proxecto cofinanciado», acompañada do hashtag #comercio360 e o escudo normalizado da Xunta de Galicia, segundo o modelo e instrucións elaborados pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo publicado no enderezo http://www.portaldocomerciante.gal/

Artigo 19. Subcontratación

Enténdese que unha persoa beneficiaria subcontrata cando concerta con terceiros a execución total ou parcial da actividade que constitúa o obxecto da subvención. Queda fóra deste concepto a contratación daqueles gastos en que teña que incorrer a persoa beneficiaria para a realización por si mesma da actividade subvencionada.

Será de aplicación o disposto nos artigos 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007.

Faise especial indicación de que as persoas ou entidades subcontratadas non poderán estar vinculadas coa persoa solicitante salvo que concorran as seguintes circunstancias:

1ª. Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.

2ª. Que se solicite e conceda a súa autorización previa (a solicitude de autorización e a súa xustificación presentaranse xunto coa solicitude de subvención).

Artigo 20. Xustificación da subvención

1. O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, na forma sinalada no artigo 3 da convocatoria e ata o 14 de outubro de 2022, dunha copia da seguinte documentación:

a) Xustificantes dos investimentos: facturas dos provedores e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil e con eficacia administrativa nos termos que se establezan regulamentariamente (importe sen IVE e importe total), en relación cos gastos subvencionables, emitidas dentro do período comprendido entre o 1 de decembro de 2021 e a data límite de xustificación.

Xuntarase relación nominativa dos investimentos segundo o anexo VIII, facendo constar a actuación, número de factura, data de expedición, data de pagamento, expedidor e importe do investimento.

Os gastos xustificaranse con facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa pagados, en orixinal ou copia.

Cando a persoa beneficiaria non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.

No caso da actuación de loxística e-commerce, establecida no artigo 4 das bases reguladoras, declaración responsable debidamente asinada de que os gastos loxísticos e de transporte de envíos en liña ao domicilio ou punto de entrega non foron repercutidos na persoa consumidora, e indicación da publicidade dos gastos dos envíos na paxina web.

b) Xustificación dos pagamentos: acreditarase a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento comprendido entre a data de inicio do proxecto e a data límite da xustificación do proxecto. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, así como o número de factura obxecto do pagamento e a data deste. Non se admitirán os pagamentos en efectivo.

Así mesmo, non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da devandita entidade bancaria.

c) Anexo VI, declaración doutras axudas, debidamente asinado.

d) Memoria detallada de todas e cada unha das actuacións realizadas. Identificación de facturas, provedores e pagamentos realizados para cada unha delas. No caso de que a subvención concedida teña por obxecto a implantación ou mantemento dunha páxina web, acreditación do rexistro do dominio da páxina a cal deberá estar en funcionamento no momento da xustificación. No caso de servizos profesionais de xestión de redes sociais, acreditación do nome do usuario.

e) Documentación gráfica acreditativa do cumprimento da obriga específica de publicidade do financiamento establecida no artigo 18.

f) No caso de que as persoas se opoñan expresamente á consulta dos datos, certificacións expedidas polos organismos competentes, acreditativas de estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

Se o certificado dispón de código electrónico de verificación coa Administración pública correspondente, poderá presentarse o dito documento sen compulsar.

2. Os órganos competentes da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes.

Artigo 21. Pagamento

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da, Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. O libramento da subvención aboarase nun único pagamento, mediante transferencia bancaria á entidade financeira, ao número de conta designado pola persoa beneficiaria.

3. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución de concesión, sempre que estea garantida a consecución do obxecto. En caso de concorrencia con outras subvencións ou axudas, observarase o establecido no artigo 2 de estas bases reguladoras.

Artigo 22. Incumprimento, reintegros e sancións

1. Nos supostos de falta de xustificación, de concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 33 da Lei de subvencións de Galicia, ou de incumprimento das obrigacións contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de mora correspondente desde o momento do pagamento da subvención incluíndo a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

Procederá o reintegro parcial da axuda concedida se non cumpriu a obriga establecida no artigo 17.6 de manter os investimentos subvencionados coa axuda outorgada e a aplicación dos fondos recibidos, durante un período de dous anos desde a súa concesión, entendendo como tal ter mantido a actividade durante polo menos dezaoito meses e que a persoa beneficiaria acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos seus compromisos. A contía que se reintegrará será proporcional ao tempo que reste para o cumprimento dos dous anos.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda deste dereito será o establecido no artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá apreciar un incumprimento parcial, e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se e o caso, establecendo a obriga de reintegro.

O alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables e, se é o caso, deberán reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción.

Para os efectos do disposto no parágrafo anterior, deberá reintegrarse o total da cantidade percibida cando o cumprimento de cada liña de actuación establecidas no artigo 4 non acade o 60 % do investimento subvencionado.

4. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da dita Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 23. Control

1. A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Á parte do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 24. Publicidade

No prazo máximo de tres meses, contados dende a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, persoa beneficiaria, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, e será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Artigo 25. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases se aplicará o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Regulamento desta lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia vixente na anualidade; no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 24.12.2013, L352/1) e no resto de normativa que resulte de aplicación.

ANEXO II

Epígrafes do IAE subvencionables

641. Comercio ao retallo de froitas, verduras, hortalizas e tubérculos.

642. Comercio ao retallo de carnes e refugallos; de produtos derivados cárnicos elaborados: de ovos, aves, coellos de granxa, caza, e de produtos derivados deles.

643. Comercio ao retallo de peixes e doutros produtos da pesca e da acuicultura e caracois.

644. Comercio ao retallo de pan, pastelaría, confeitaría e similares, e de leite e produtos lácteos.

645. Comercio ao retallo de viños e bebidas de todas clases.

647. Comercio ao retallo de produtos alimenticios e bebidas en xeral (agás 647.4 e 647.5).

651. Comercio ao retallo de produtos téxtiles, confección, calzado, peles e artigos de coiro.

652. Comercio ao retallo de medicamentos, artigos de drogaría e limpeza, perfumaría e cosméticos (agás 652.1).

653. Comercio ao retallo de artigos para o equipamento do fogar e a construción (agás 653.4).

656. Comercio ao retallo de bens usados, tales como mobles, roupa e enxoval ordinario de uso doméstico.

657. Comercio ao retallo de instrumentos musicais en xeral, así como dos seus accesorios.

659. Outro comercio ao retallo.

665. Actividades empresariais de comercio realizadas fóra do establecemento permanente: «comercio retallista por correo o catálogo». No caso de comercio en liña, non será subvencionable a comercialización en liña de produtos ou servizos non comprendidos no ámbito de aplicación da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia.

ANEXO III

Epígrafes do IAE subvencionables

255.2. Fabricante de xabóns de toucador e produtos de perfumaría.

253.6. Fabricante de aceites esenciais e substancias aromáticas.

41. Industria de produción de produtos alimenticios.

421. Industria de cacao, chocolate e produtos de confeitaría.

43. Industria téxtil.

44. Industria do coiro.

45. Industria do calzado e vestido e outras confeccións téxtiles.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file